Listado de la etiqueta: museo_liste

O legado de Olimpio Liste

No artigo da semana en Faro de Vigo fago unha homenaxe a figura do etnógrafo Olimpio Liste falecido o pasado 15 de setembro:

O pasado día 15 faleceu en Pontevedra Olimpio Liste Regueiro, o fundador dos Museos Liste de Oseira e Vigo, unha das figuras pioneiras e máis destacadas no estudo da etnografía galega durante as últimas cinco décadas. Nacido en 1932 na pontevedresa rúa Sarmiento, a súa relación apaixonada coa cultura material galega comezou de pícaro, cando nas vacacións escolares frecuentaba a aldea de Ventosa, no concello da Golada, onde nacera a mestra coa que seu pai casara en segundas nupcias. Aqueles días foron decisivos, xa que como Olimpio confesou “alí abríuseme un mundo sorprendente e descoñecido” onde puido coñecer e participar nas faenas e traballos da casa máis diversos: “erguíame coma un raio, facía de todo, a sega do centeo, enxugar as bestas…”. A súa afección polo estudo do patrimonio popular naceu durante os anos de bacharelato da man do seu profesor Xosé Filgueira Valverde, a quen recoñeceu como un dos seus mestres. Tras sacar a diplomatura de Inspección Técnica, Olimpio dedicouse ao ensino de persoas cegas, outra das súas grandes vocacións.

Iniciou o seu labor como investigador e coleccionista de obxectos e trebellos en 1963, cando comezou a percorrer nun seiscentos os camiños da Galicia aldeana coa intención de “recoller datos sobre cousas abandonadas, a punto de perderse ou que estaban preto do lume”. Un labor que, inevitablemente, “levou a rescatalas daquel fin tráxico e a buscar unha casa onde gardalas”. Con esta intención, en 1968 Olimpio adquiriu a casa na que o mosteiro cisterciense de San Cristovo de Cea daba acubillo aos peregrinos, local dedicado daquela ás escolas públicas de Oseira, onde na planta baixa inauguraría en 1972 o Museo Etnográfico de Oseira. Dende entón contando sempre co compromiso teimoso e infatigable da súa muller Josefina Fernández Mosquera e da súa filla Araceli, e coa colaboración de Xesús Ferro Couselo e Xoaquín Lorenzo Fernández “Xocas, os dous grandes etnógrafos ourensáns, Olimpio foi “organizando” dentro das posibilidades que permitían as limitacións de espazo, as que chegarían a ser once mil pezas de diversas coleccións relacionadas todas elas cos traballos agrícolas, con máis de corenta actividades tradicionais, con obxectos singulares na vida rural galega e co feito da exclaustración monacal. Magoadamente pechado en 2011, ao carecer de axudas públicas para o seu mantemento, o museo almacén Oseira foi testemuña principal das angueiras deste gran investigador da cultura material galega.

Por ventura para a cidade de Vigo, en 1999, tras a constitución da Fundación Liste, Olimpio asinou un convenio co concello polo que este cedía durante cincuenta anos o chalé Barreras do barrio da Pastora, onde se expoñerían máis de dúas mil cincocentas pezas da súa colección sobre diversos aspectos da cultura tradicional galega. Un proxecto museístico de novo cuño no que Olimpio e a súa familia desenvolveron unha concepción divulgadora da etnografía, cun inequívoco compoñente didáctico, que coma mestre o pontevedrés nunca esqueceu, coa intención de facer chegar o interese polo patrimonio material e inmaterial a un público familiar. A creación da asociación Barcal de amigos do Museo Liste, como a xestión dende o outubro de 2012 (tras a crise de financiamento que levou a pechar o museo durante case un ano) do Centro de Artesanía Tradicional, ampliaron a dimensión dun dos museos máis atractivos de Vigo.

A dimensión divulgadora e didáctica de Liste estivo presente tamén nas súas publicacións, sexa na primeira guía do seu museo vigués, publicada en 2003 co título “O presente do pasado”, coma nos vídeos documentais gravados hai vinte e cinco anos coa súa filla Araceli, profesora de Belas Artes e continuadora do seu labor. Entre estas películas merece especial mención á relativa á recuperación do besadoiro, o arado máis grande do mundo, aquel do que o padre Sarmiento dicía era movido por once xugadas de bois, que xa non ara na terra galega dende hai douscentos cincuenta anos, mais que reconstruíu para expoñelo no museo de Oseira. Olimpio dirixiu un proxecto de traballo de axuda para demostrar o seu funcionamento, iniciativa relatada nun vídeo editado en 1988 e descrita con todo detalle no traballo (“O besadoiro e a súa ergoloxía”) da súa filla Araceli. Outrosí sucedeu coa reconstrucion que pai e filla fixeron dos oficios, proceso e labores relacionados coa sega e coa seitura do pan centeo en Ventosa, outros dous documentos visuais moi valiosos sobre traballos desaparecidos, que eles rescataron e hoxe podemos ver en internet.

Olimpio Liste, figura humilde e xenerosa onde as houber, desenvolveu un labor de xigante, impagable para a conservación e posta en valor da cultura material galega. Deixa un impresionante legado que merece ser protexido e conservado.

A foto é de Óscar Vázquez.

Consello Municipal de Cultura

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío do peche do arquivo fotográfico Pacheco e do Museo Liste, propoño a creación do Consello Municipal de Cultura no concello de Vigo.

Vigo comeza a identificar síntomas dunha desfeita da súa política cultural. A importante redución das cantidades que as administracións públicas destinan á cultura, a devaluación da programación da que foi a caixa nosa, como algúns excesos na creación de contedores sen proxecto estratéxico, son factores que na súa converxencia ameazan con provocar un auténtico desastre para unha cidade que, dende hai tres décadas, asumíu a cultura como un dos eidos da súa moderna identidade urbana.

O formidable arquivo fotográfico Pacheco, almeiro principal da memoria viguesa da primeira metade do século XX pechou coa fin do pasado ano. Dende entón, os responsables da concellaría de Cultura e Festas non renovaron o contrato ao equipo de profesionais responsable da recuperación da primeira colección fotográfica viguesa. Nada se sabe do futuro desta peza primeira do patrimonio vigués nin tampouco de cal vai ser o futuro do Centro Galego de Fotografía, cuxas obras están a piques de finalizar no Casco Vello. Un centro onde estaba previsto reunir as valiosas coleccións fotográficas municipais dos arquivos Pacheco, Ksado e Vigovisións. Coleccións ás que se deberían engadir o fondo Llanos, adquirido pola que foi Consellaría de Cultura e depositado no Museo Etnográfico de Ribadavia, e mesmo o arquivo privado de Magar, imprescindible para entender o Vigo dos últimos cincuenta anos.

O Museo Etnográfico Liste anunciou esta semana o peche das súas instalacións. O museo da Pastora, probablemente un dos mellores centros didácticos da cultura tradicional galega, viña funcionando dende 1999 grazas ao financiamento principal do concello de Vigo. Tras a redución drástica desta asignación municipal, cando o BNG xestionaba as áreas de Cultura e Patrimonio Histórico, que pasou no orzamento de 2011 dos 96.000 a 6.000 euros anuais, semella que por un erro nunca subsanado, o propietario do museo anuncia, coa intención de liquidar as débedas, a posibilidade de vender algunha destas pezas únicas e de trasladar o museo a Oseira.

Tampouco é para botar foguetes a situación do Marco, o museo máis vistado da cidade e o centro de arte contemporánea que convoca en Galicia maior número de visitantes, xa que no ano 2011 acadou os 70.000 rexistros de entrada, o que non está nada mal. A pesar destas cifras alentadoras e da calidade da súa programación, o museo de Príncipe sobrevive grazas ao esforzo financeiro do concello de Vigo que achega 800.000 euros, que cubren máis do 50% do seu orzamento anual, agardando as achegas comprometidas polas administracións xestionadas polo PPdeG, que forman parte do seu patronato, a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Pontevedra. Como preocupación continúa existindo sobre cal vai ser o futuro do Museo do Mar de Galicia, a nosa alfaia de Alcabre, dependente agora da Secretaría Xeral de Cultura da Consellaría de Cultura e Educación, que inicia unha nova xeira, tras a destitución do seu primeiro director, Pablo Carrera, quen durante nove anos loitou case en solitario e con poucos recursos por desenvolver un proxecto museístico esencial para Vigo e para Galicia. Outrosí sucede co futuro de Verbum de Samil, do museificado espazo arqueolóxico do Castro e mesmo coa recén reaberta Pinacoteca, ubicada no reconstruído Pazo de Arias Taboada, onde se exhibe unha parte da colección municipal de pintura galega.

Diante dunha situación tan crítica para o futuro de todos estes contedores culturais vigueses, á que habería que engadir a incerteza existente sobre a creación da Biblioteca do estado na Panificadora, un proxecto do que nada se sabe dende hai meses, e a indefinición sobre os contidos da programación musical (Are More, Transforma e Marisquiño, entre outros festivais de referencia), non abonda só con laiarse pola falta de recursos froito dos retallazos das políticas de consolidación fiscal. No entanto, a cerna da desfeita actual está na carencia dunha política municipal sostible e a longo prazo no eido da cultura, que fose máis alá das querenzas das diversas persoas responsables da Concellaría de Cultura como dos avatares da composición e dos equilibrios de cada goberno municipal. Vigo precisa dun proxecto cultural estratéxico, canto menos para unha década e media, integrador dos necesarios plans municipais de museos e bibliotecas, así como das políticas de fomento da lectura e da creación artística nas diversas modalidades. Un plan que contemple, ademais, o modelo de xestión e financiamento destes contedores e dos centros cívicos que achegan servizos de dinamización cultural nos barrios. A creación dun Consello Municipal de Cultura, onde os sectores sociais, culturais e políticos participasen nun debate aberto e plural, axudaría moito a reconducir a crise actual.

Onte 141: Desfeita cultural en Vigo

A crise económica e a falta de políticas estratéxicas públicas no eido da cultura está provocando unha auténtica desfeita en Vigo. O formidable arquivo fotográfico Pacheco, tesouro da memoria viguesa de boa parte do século XX, pechou coa fin do ano. O Marco, o museo de arte contemporánea co maior número de visitantes do país, sobrevive en precario cos fondos municipais, afogado polas débedas das achegas comprometidas polas administracións xestionadas polo PPdeG e pola retirada do mecenado da caixa. O Museo do Mar de Galicia, a alfaia de Alcabre, reinicia unha nova xeira, tras a demisión do seu director, fartiño de loitar en soidade contra a falta de medios. Da creación da Biblioteca Pública do estado na Panificadora, hai meses que nada se sabe. O centro arqueolóxico do Castro reduce o seu horario. Os festivais Transforma e Marisquiño ameazan marchar da cidade por falta de apoio do concello. Os centros culturais do que foi a caixa anuncian que cobrarán pola cesión das súas instalacións. E se todo isto non abondase, onte, o Museo Liste, probablemente un dos centros didácticos sobre a cultura tradicional máis importantes de Galicia, anuncia o seu peche. Afogado polas débedas, tras a redución drástica en 2010 da asignación que recibía do concello de Vigo -ollo!, cando o BNG xestionada as áreas de Cultura e Patrimonio Histórico-, que pasou –por un erro administrativo, nunca subsanado- de 96.000 a 6.000 euros anuais. Incrible!, aínda que custe acreditalo. Como arrepiante é a posibilidade, para vergonza cidadá, que o propietario deste museo (privado) venda algunha das pezas (patrimonio único) coa intención de liquidar as débedas ou que a súa páxina web apareza só en castelán.  Non abonda con laiarse, agora, do peche de almeiros da memoria nosa como o Pacheco e o Liste. Ninguén dubida que é obriga do concello de Vigo garantir a continuidade de ambos os dous museos, unha responsabilidade que o alcalde debe asumir sen matices decontado. No entanto, a cerna desta desfeita actual está na carencia dunha política municipal sostible no eido da cultura, que fose máis alá das querenzas das persoas responsables da Consellaría de Cultura ou dos avatares da composición de cada goberno municipal. Con tantos gobernos progresistas como tivemos na dúas últimas décadas, é posible que non contemos aínda con documentos estratéxicos básicos como son un plan municipal de museos ou un plan municipal de lectura? Hai algunha razón  para que non se crease un Consello Municipal de Cultura, como teñen outras tantas cidades? Canto tempo perdido, meu deus!