Listado de la etiqueta: modus_vivendi

Onte 793: «A memoria da choiva» no Modus Vivendi

Volvimos ao Modus Vivendi para a première diante da prensa da agardada novela de Pedro Feijoo A memoria da choiva. Chema recibiunos cos brazos abertos para agarimar a aparición dun libro co que cremos o autor d’ Os fillos do mar acadará a súa madurez como narrador de longo alento e de públicos diversos.

Comezou Pedro Feijoo a súa presentación cualificando A memoria da choiva coma un thriller literario cuxa trama principal xira arredor dunha cadea de crimes, mortes moi violentas que se producen en Compostela durante os dez días anteriores ao 17 de maio de 2013. «Como pretendín na miña primeiraa novela, propoño ao lector un desprazamento polo tempo, para comprender o que está sucedendo no presente, neste caso hai que viaxar ao pasado para desvelar un segrego arredor de Rosalía de Castro.» «Creo que é importante coñecer o pasado para comprender o presente e construír un futuro un pouco mellor.» Despois Pedro confesou os dous compromisos que asumiu cando iniciou a súa andaina como narrador. O primeiro, un compromiso cos lectores e lectoras, «nos meus textos quen manda é o lector, propoño entretemento por medio de textos estensos nos que na medida do posible exista un ritmo trepidante, razóns abondas en cada páxina para seguir lendo». Segundo, un compromiso co país e coa nosa cultura, con nós memos. «Crin e creo que se pode abordar o formato bestseller e enchelo de contidos que teñan como centro Galicia». «Neste libro quixen apostar todo, é o máis galego dos bestsellers posibles. Quixen construír unha historia sobre Rosalía, xa que ela é a nosa icona, o noso tótem, o que todos os membros da tribo veneramos e respectamos. Quizais a pregunta podería ser, se Rosalía está tan presente, que necesidade había de facer unha novela con Rosalía ao fondo? Penso que a explicación está en que todos recoñecemos a Rosalía, mais outra cousa ben diferentes é coñecela. Debaixo dese mito vello, hai unha muller moderna, mesmo para hoxe. Quixen que as páxinas d’ A memoria da choiva convidasen a sentir esoutra Rosalía, que os lectores e lectoras sentisen os seus versos, máis alá do mito que nos chegou. Hai outra parte da súa figura que non a podemos coñecer, nin existe sequera unha grande biografía de Rosalía, houbo un traballo de borrador que nos impide chegar a desvelar aspectos da súa vida, mesma da súa árbore xenealóxica, da súa descendencia, sabemos que tivo sete fillos e ningñun neto. Tirando dalgúns deses fíos construíronse as páxinas d’ A memoria da choiva, con moitos versos, moita sangue, moito amor e moito odio.»

Feijoo respondeu despois ás preguntas dos xornalistas. Fíxo fincapé na importancia para el da memoria e do proceso de documentación sobre a cuestión rosaliana, «onde as pezas estaban moi separadas e aínda faltan ocos por cubrir». Sobre as localizacións en Compostela, contestou que utilizara a fórmula das novela anterior, «nas miñas novelas as localizacións nunca son casuais, un xogo que os lectores poden identificar». Por último, cando se lle preguntou sobre se tiña unha presión extra despois do éxito d’ Os fillos do mar, Feijoo contestou que comezara a escribir esta novela cando a primeira comezaba o proceso de promoción. «Naquel proceso houbo moito agarimo dos lectores e lectoras, houbo unha confirmación do que eu pretendía. Foi un ambiente de traballo no que me sentín moi cómodo».

Onte 781: «A memoria da choiva», thriller literario

Foi este Samaín moi chuvioso na terra nosa e, no meu caso, moi rosaliano. E non só por gozarmos do concerto d’ A miña primeira Rosalía en Compostela, mais sobre todo polas moitas horas que dediquei á relectura no ipad d’ A memoria da choiva. Creo que non erro cando afirmo que con esta segunda novela Pedro Feijoo acadará a súa madurez como narrador de longo alento. O autor d’ Os fillos do mar conseguiu o que os editores sabemos é o máis difícil, ofrecer unha segunda novela que confirma as expectativas creadas cun debut magnífico, no seu caso o de hai apenas un ano e medio, período no que leva cinco edicións en galego, unha tradución ao castelán e o premio San Clemente dos lectores de Bacharelato. Pedro confirma e, por se non abondase, avanza, xa que ofrece un thriller literario sorprendente, orixinal, ambientado en Compostela, sobre o pano de fondo da figura de Rosalía de Castro, dándolle protagonismo á primeira edición do seu libro fulcral, Follas novas. Con esta novela o mundo literario galego entra na serie negra.

Artellada sobre unha coidada estrutura de seis actos, na que se alternan as voces de tres narradores en primeira persoa, así como moi diversas homenaxes literarias, Feijoo relata a trepidante investigación dunha serie de crimes en serie acontecida en Compostela nos dez días anteriores ao 17 de maio; mortes que semellan estar unidas pola relación coa figura de Rosalía de Castro. Unha construción estritamente ficional de xénero negro na que se ofrece un retrato paródico, irónico e desprexuizado da cultura literaria galega e algunhas das súas institucións. Unha novela capaz de engaiolar ao lector ou lectora ao longo de case cincocentas páxinas coa investigación duns crimes de brutalidade extrema realizada por unha parella de investigadores moi pouco convencional, o xornalista Aquiles Vega e a profesora da facultade de Filoloxía Sofía Deneb. Unha investigación paralela (tamén unha perigosa aventura) á que realiza a Policía, que os leva a procurar a relación existente entre cada unha das mortes coa interpretación dalgúns versos de Follas novas e coa peripecia vital dalgúns dos descendentes da parella Murguía-Castro.

Aventuro que os milleiros de lectores da primeira novela (como aqueloutros novos) quedarán entusiasmados con esta segunda aventura, tan diferente temática e espacialmente, mais na que o autor confirma a súa habilidade como construtor de personaxes inesquecibles (Adriano, Aquiles, Sofía, Tino…) e narrador de intrigas complexas capaces de entreter e interesar a públicos diversos. O coidadoso desenlace, medido ao ritmo da marea, é un broche de ouro para unha novela na que se mestura con esmero a poesía coa vida, o amor coa morte, a memoria coa futuro, o mundo e o texto literario coa súa representación na ficción. Por moi diversas razóns, esta novela vai dar moito que falar e escribir. Sei que teremos oportunidades de volver sobre ela. Chegará ás librarías a finais da vindeira semana e será presentada en roda de prensa o 15 de novembro, venres, ás 16:30 no Modus Vivendi, unha das súas localizacións emblemáticas.