Listado de la etiqueta: miguel_castelo

O soño de Chano Piñeiro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a Chano Piñeiro con motivo dos vinte anos do seu pasamento.

chano_piñeiroO pasado 21 de marzo fixéronse vinte anos do pasamento de Chano Piñeiro, o admirado boticario de Torrecedeira, director de cine e colaborador de Faro de Vigo. Vinte e cinco anos despois da estrea e fulgor de Sempre Xonxa, a súa primeira longametraxe, e trinta da de Mamasunción, a mediametraxe de 35 mm coa que iniciou a súa traxectoria internacional e coa que a TVG, poucos meses despois iniciou a súa programación o 25 de xullo de 1985. Piñeiro foi un contador de historias natural e un apaixonado autodidacta do cine, membro dunha xeración de pioneiros que durante as décadas de 1970 e 1980 perseguiu a fantasía de facer cine en lingua galega.

Xunto a persoas como Carlos López Piñeiro, Miguel Gato, Antonio Simón, Enrique Rodríguez Baixeras, Miguel Castelo, Xavier Villaverde, Francisco Taxes, Víctor Ruppen, Juan Pinzás, Xosé Xoán Cabanas, Eloi Lozano, e tantas outras participantes nas Xornadas do Cine de Ourense e noutras iniciativas de produción de finais da década dos setenta, pioneiras todas do cinema galego, Chano pretendeu abrir unha fenda de modernización para a nosa cultura, a de entrar a formar parte da cultural cinematográfica e audiovisual. E abofé que o seu soño pagou a pena, a pesar de que a cultura galega aínda se alicerza de máis sobre a cultura literaria.

Comezou Piñeiro ensaiando cos formatos afeccionados, cunha cámara de Super 8 que lle agasallara Mariluz Montes Quireza, a súa compañeira. Con ela filmou a súa primeira película, Os paxaros morren no aire (1977), unha peza de trinta e cinco minutos, inspirada levemente en Sempre en Galiza, na que xa intervén Xosé Manuel Olveira “Pico”, un do seus actores favoritos. Localizada en Rubillón, aldea do concello de Avión, terra natal de Mariluz, supuxo un achegamento á cultura tradicional galega, que repetirá en Mamasunción (1984), a súa película máis celebrada, primeira na que conta cunha axuda para a produción da Dirección Xeral de Cultura, sendo director Luís Álvarez Pousa, o que lle permite mesturar os recursos da industria cinematográfica española (contou con Miguel Ángel Trujillo como director de fotografía) coas doses de voluntarismo entusiasta dun cazador de nubes. Localizada en Balaíste, tamén no concello de Avión, relata a vida de Asunción Rocamonde, a que Chano definiu como “a avoa de todos nós”, que leva catro décadas agardando a carta do seu fillo emigrado en México. Unha película, recoñecida con numerosos premios, entre eles o da Crítica Galicia (1985), que representa un mundo hoxe desaparecido, unha forma de vida da que “Mamasunción” queda como estremecedora testemuña etnográfica.

Por ventura, Chano Piñeiro gozou do éxito popular con Sempre Xonxa (1989), a primeira daquelas tres longametraxes estreadas no Cine Fraga do 23 ao 25 de novembro de 1989, xunto a Continental de Xavier Villaverde e Urxa de Carlos López Piñeiro, que mudaron a historia do cine galego. Historia de amor emigrante protagonizada pola actriz e directora Uxía Blanco e localizada en Santa Olaia de Valdeorras ao longo das catro estacións, aldea que para Chano é “metáfora de todas as Galicias posibles e soñadas”, Sempre Xonxa filmouse grazas a que recibiu unha axuda da Xunta de Galicia, sendo conselleiro de Cultura Alfredo Conde, outra máis pequena da Deputación de Pontevedra, sendo presidente Xosé Cuíña, e a TVG adquiriu os dereitos de emisión, abrindo así un modelo de produción industrial para o audiovisual galego, co que a comezos dos noventa chegaron a producirse trinta películas por ano, como repasou a recente exposición “Cinegalicia25”.

Chano Piñeiro mantivo unha relación apaixonada con Vigo, cidade á que chegou en 1984 para montar preto da praza Xoán XXIII a botica coa súa compañeira. En Vigo estreou Mamasunción o 28 de decembro de 1984 e Esperanza o 24 de xuño de 1986, película producida polo concello de Vigo, sendo alcalde Manuel Soto, e localizada no barrio de Teis, na que aborda o problema do alcoholismo. Agarimo pola nosa cidade da oliveira que expresou nos artigos publicados en Faro entre 1991 e 1992 baixo o epígrafe de “Conversas con vento”, auténticos lostregazos de tenrura, ficcións súbitas, entroncadas na tradición que Cunqueiro acuñara no decano. Textos emocionantes nos que nunha semana Chano conversaba cunha gaivota que toleara por que non podía voar e noutra censuraba ao concelleiro que mandara talar as árbores da rúa da Paz para aumentar as prazas da ORA.

Chano Piñeiro foi un creador de ficcións literarias e cinematográficas en galego. Ficcións que foron un espello de vida, que tiñan a imaxinación e a memoria como elementos desencadeantes e a palabra e a imaxe como constitutivos. Lembrámolo con saudades, conscientes que a súa obra cinematográfica pioneira para a nosa cultura merece ser posta en valor.