Listado de la etiqueta: metalúrxica

Arquitectura industrial en Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a comentar o libro de Francisco Pérez Fernández  Arquitectura industrial en Vigo (1898-1939), editado polo Instituto de Estudios Vigueses.

978848959961Nestas páxinas xenerosas de Faro de Vigo reiteramos o carácter industrial de Vigo, unha marca do ADN da nosa abella da ribeira. Dende a fundación en 1861 da primeira conserveira, “Hermanos Curbera”, e doutras de fomentadores cataláns como Massó e Barreras, instaláronse na ría de Vigo outras industrias relacionadas coa pesca, como as da maquinaria naval ou cordelaría, que serviron de motor para o desenvolvemento demográfico e do tecido urbano do que apenas era unha vila mariñeira dun porto corsario. A orixe do Vigo contemporáneo arraizou no sector pesqueiro, conserveiro e da construción naval.

Unha pegada daquela industrialización que quedou fixada no crecemento do porto cara a Guixar e do ensanche urbano fóra das murallas, sacrificando a praia do Areal e a Fonte do Galo, onde se estableceu a maior parte desta industria naval e conserveira. Un proceso de crecemento estudado polo xeógrafo Xosé Manuel Souto, polo arquitecto Xaime Garrido e polo historiador Xosé Ramón Iglesias Veiga, cuxas numerosas publicacións permiten hoxe reconstruír a memoria da arquitectura civil viguesa da primeira metade do século XX e defender a conservación e posta en valor deste patrimonio.

Xaora, faltaba un traballo sistemático sobre a arquitectura fabril en Vigo, anterior á instalación en 1958 de Citroën en Vigo, factoría que mudará a nosa fisionomía industrial cara ao dunha cidade do automóbil. Un proxecto asumido por Francisco Pérez Fernández que acaba de publicar no Instituto de Estudios Vigueses un magnífico libro titulado Arquitectura industrial en Vigo (1898-1939). Unha obra de investigación histórica na que apoiándose en abondoso material gráfico (planos, fotos e prensa) fai un completo inventario da arquitectura fabril en Vigo durante o seu primeiro período de esplendor industrial.

Francico Pérez Fernández recupera do fondo dos espellos as pezas da arquitectura fabril desaparecida e as describe no contexto artístico dunha época na que en Vigo se desenvolveron primeiro as correntes da arquitectura eclecticista e modernista e máis tarde emerxeron as do Rexionalismo e inicios do Racionalismo. Así aparece estudada no libro a fábrica de fariñas “La Molinera Gallega” (1898), un enorme edificio de catro alturas, situado en García Barbón, na liña das grandes fariñeiras do momento, onde se estableceu en 1916 o primeiro colexio dos xesuítas en Vigo e despois o colexio privado Mézquita, derrubado a finais dos anos setenta, cando aínda non existía nin conciencia cidadá nin normativa de protección de edificios históricos. Como tamén se describe a edificación que estaba no recanto de García Barbón coa rúa Porto, o taller e marmoraría de Juan Baliño (1901), durante moitos anos o edificio de arquitectura modernista máis antigo de Vigo, obra de Benito Gómez Román. Como tamén se describen as desaparecidas fábricas de conservas de Antonio Alonso, fundada en 1887 na Barxa, ampliada en 1902 por Jenaro de la Fuente utilizando tamén un espírito modernista, a de conservas de Barreras, ao pé da praia de Bouzas, e a de Cervexas de Santander (1925) da Barxa, onde se fabricaba a famosa cervexa Cruz Blanca.

A investigación de Pérez Fernández detense naquelas instalacións fabrís históricas que dunha ou doutra maneira permanecen como testemuñas da nosa arquitectura industrial. Son os casos da fábrica de envasado de follalata da Metalúrxica, a primeira empresa de litografía que funcionou en Galicia, da que apenas se conserva unha parte da fachada en García Barbón, e da Artística, empresa de fabricación de latas, magnífico edificio hoxe abandonado, situado preto da praza de Eugenio Fadrique, que recibiu o nome do que foi o seu xerente durante ben tempo. Como baleira está en Bouzas a fábrica de conservas de Alfageme (1925), unha das mellores pezas industriais de Manuel Gómez Román, cuxo destino é unha incógnita. Como incerto é o da Panificadora (1923), a auténtica catedral laica viguesa, que se vai arruinando devagariño ao pé da casa do concello, allea ás promesas de instalación da Biblioteca do Estado para a que xa non hai consignación orzamentaria.

Obras como as de Pérez Fernández son imprescindibles para que esperte esta cidade desmemoriada incapaz de poñer en valor ningunha das pezas do seu patrimonio fabril. A Artística, a Metalúrxica, a Panificadora, Alfageme non son só nomes evocadores para os milleiros de obreiros e obreiras que alí traballaron. Son tamén pezas dun patrimonio histórico que os poderes públicos están obrigados a protexer, conservar e divulgar. Non é esta unha reivindicación nin nostálxica nin saudosa para recrearse na Vigopedia ou nas páxinas de Facebook. Moi ao contrario. Asumir o recoñecemento deste patrimonio fabril é unha oportunidade que Vigo non pode desaproveitar. Grazas a este libro oportuno podemos volver poñelo sobre a mesa.

U-la biblioteca de Vigo?

No artigo da semana en Faro de Vigo reclamo que se retome o proxecto da construción en Vigo dunha biblioteca pública do estado e propoño que se estude a posibilidade de ubicala no edificio da Metalúrxica.

vancouverDende hai dúas décadas, diversos sectores cidadáns levamos reclamando a construción dunha biblioteca pública do estado en Vigo. Consideramos imprescindible contar con esta infraestrutura cultural e informativa básica, existente xa en todas as capitais de provincia e noutras grandes cidades, como Santiago de Compostela, que paliase de vez as carencias bibliotecarias viguesas, ao tempo que servise de nodo referencial para a creación dunha auténtica rede bibliotecaria que facilitase á poboación metropolitana o acceso en igualdade a todo tipo de información (textual, sonora ou audiovisual) e a toda clase de soporte documental (impreso, dixitalizado ou en liña).

Un proxecto que despois de tirapuxas políticas quedou recollido en diversos orzamentos xerais do estado, tanto dos gobernos de Zapatero coma de Rajoy, mais que decaeu pola imposibilidade dos responsables do concello de Vigo de ofrecer un espazo municipal para ubicala. Despois de terse barallado diversas posibilidades, dende algunha das plantas baleiras do Auditorio Mar de Vigo até a propia Escola de Artes e Oficios, o alcalde Abel Caballero expresou de cando en vez a súa convicción de que a Panificadora sería o espazo ideal para construír a que debera ser a primeira biblioteca viguesa. Porén, non é segredo ningún que a recuperación para o espazo público da nosa catedral industrial e laica é un proxecto moi difícil nas circunstancias políticas e económicas actuais, polo que moito tememos que de seguir así as cousas a biblioteca pública do estado na Panificadora quedará en auga de castañas.

Xaora, esta imposibilidade (arrastrada dende hai unha década) de ofrecer unha ubicación para unha gran biblioteca pública, que sería construída con fondos estatais e xestionada despois pola Xunta de Galicia no marco da súa rede de bibliotecas nodais, expresa o dramático fracaso da política cultural dos poderes públicos en Vigo, tanto do concello coma da Xunta e do Goberno do Estado, incapaces de artellar acordos mínimos sobre as infraestruturas culturais esenciais da área metropolitana, sexa a rede de bibliotecas e arquivos como a rede de museos (eis o caso do Marco), cuxas portas permanecen abertas cada día de auténtica milagre, sometidas a unha precariedade orzamentaria asfixiante. Ningunha das administracións públicas que operan en Vigo, nin o Concello nin a Deputación nin a Xunta nin o Goberno, como ningún dos seus líderes, consideran que as políticas culturais formen parte das súas prioridades estratéxicas e, polo tanto, teñan peso nos seus orzamentos. Semella que para os responsables destas administracións as políticas culturais e de promoción da lingua galega carecen de importancia na axenda electoral, xa que probablemente son consideradas como propias de culturetas e xente aborrecida, especies doutro tempo en inevitable devalo.

Porén, noutras moitas cidades do mundo, estas políticas culturais públicas, sobre todo as relacionadas coa lectura, son consideradas como esenciais na proposta municipalista. É un feito que as modernas bibliotecas públicas estanse convertindo nos espazos públicos máis intensamente utilizados en cada comunidade local, consideradas como portos seguros para a convivencia interxeracional e a educación permanente. Máis aínda cando no marco do actual proceso de hibridación da lectura, o futuro das bibliotecas aparece máis vinculado ao seu carácter de centro comunitario interxeracional facilitador do acceso e alfabetización dixital que coa conservación e préstamo de libros impresos, até agora parte esencial do ADN das bibliotecas. Concibida así, a biblioteca é un espazo hibridado, no que conviven soportes analóxicos e accesos dixitais, central en cada comunidade local como lugar de encontro, sendo o bibliotecario un promotor comunitario especializado en facilitar á cidadanía o acceso á información.

Neste novo contexto, onde a biblioteca pública asume centralidade como espazo comunitario, moito pagaría a pena que antes das eleccións municipais se recuperase o proxecto da biblioteca pública do estado para Vigo. Sobre todo cando semella posible atopar unha ubicación axeitada no espazo da Metalúrxica, na rúa García Barbón, onde a Tesourería da Seguridade Social anunciou o seu proxecto de construír as súas novas oficinas. Non sería posible que a Tesourería ocupase as plantas do Hospital Xeral da súa propiedade, que nuns meses quedarán baleiras, cedendo a Metalúrxica para construír a biblioteca que a área metropolitana de Vigo precisa? Unha posibilidade que de ser viable dende o punto de vista técnico e urbanístico requiriría apenas dun acordo político interinstitucional entre o goberno municipal de Vigo e o do Estado. Queremos ou non unha gran biblioteca para Vigo?