Listado de la etiqueta: mercedes_queixas

Onte 690: Comeza a Feira do Libro da Coruña

Pasamos o día enteiro na Coruña, na xornada de inauguración da Feira do Libro da Coruña, o evento editorial máis relevante do ano no país. Son as novidades máis relevantes desta edición a coincidencia coa Feira do Cómic de Viñetas do Atlántico e a Semana de Música Infantil da editorial Galaxia, actividades que contribuirán a incrementar o público e, probablemente, ese entusiasmo polo libro que sempre sentimos nos xardíns de Méndez Núñez. Con todo, é innegable o efecto da crise sobre a feira, que reduciu o número de casetas a 37, moi lonxe xa daquel medio cento tradicional.

Ao mediodía, tras as numerosas intervencións protocolarias (presidenta da Federación de Librarías de Galicia, presidente da deputación da Coruña, conselleiro de Cultura e alcalde), foi Yolanda Castaño a pregoeira desta edición da Feira cun discurso breve e moi fermoso, construído coa fasquía dun poema, no que foi ganduxando cos fíos de diferentes versos a historia literaria da cidade coruñesa e a súa centralidade para a literatura galega. Tras a interpretación do himno galego por parte da Banda Municipal de Música da Coruña, o acto rematou coa do himno español o que provocou non pouca sorpresa aos asistentes. Unha innovación protocolaria, sen dúbida, imposta polos concello da Coruña, cuxo alcalde intervirá minutos antes lendo un discurso en español e utilizando o galego, só ao remate, cando dobraba os papeis, para expresar as súas condolencias ás familias das vítimas de Angrois.

A primeira das nosas presentacións do serán foi a de Días que non foron de Luís Rei Núñez. Foi Mercedes Queixas a presentadora deste libro, que comezou definindo como «libro fértil». «A miña primeira impresión foi a da axilidade e profundidade do manexo do campo narrativo do autor, o que dá como resultado un libro magnífico e de lectura moi agradecida. Son sete contos, relatos ou narracións de extensión, estrutura e estilo moi desigual, todos necesarios, que conteñen moitos vasos comunicantes que alimentan un río principal. Aquí están presentes todos os autores que Rei Núñez quere ser: o poeta, o xornalista, o ensaista, o narrador, aquí está toda a súa escrita.» Concretou despois Queixas a súa caracterización do volume como «suma de reconstrucións de memorias individuais, que conforman unha memoria colectiva, na que é moi f`ácil verse reflectido.» «Neste libro sempre hai un altofalante premido, o da reconstrución da memoria. Cada relato ten a súa voz e cada protagonista expresa a voz da memoria que rompe os silencios. Rei Núñez concibe a memoria como a chave de paso para arquivar vidas. Literatura como micrófono de longa proxección dirixida a un público con conciencia crítica.» Referiuse despois a presentadora «á importancia dos personaxes masculinos adolescentes, que lembran o pasado; representan a limpeza, a curiosidade, son personaxes en formación.» Falou despois do estilo, «acaído ao que cada relato demanda», «un estilo que transita entre a retórica da sensualidade até a recreación da crueza máis descarnada; un tránsito entre o agradable e feliz a esoutros espazos que arrepían.» Rematou a intervención Mercedes Queixas volvendo a referirse aos vasos comunicantes existentes entre os relatos, que para ela non son outros que «a necesidade de restauración da memoria e da conciencia das persoas.» Preguntouse se este libro non sería un acto para pechar un ciclo, xa que «condensa un periplo narrativo de moitos anos.» «Días que non foron é unha reivindicación do cotián, un canto coral á dignidade, á solidariedade e á ética.»

Pola súa banda, Luís Rei Núñez comezou o seu discurso confesando que para el «a escrita nace de escoitar aos demais, escoitar o mundo e ler.» Definiu Días que non foron como «un destilado da miña obra. Son sete relatos escritos dende hai vinte anos, o primeiro «Báñate comigo» escribino en 1990, que abranguen dende os acontecementos de Ferrol de 1936 á memoria negra do Prestige de 2002 e 2003. Hai relatos que remiten á estrela dos polisóns, outros a Monte Louro ou a Expediente Artieda ou a Cita en Fisterra.» Referiuse despois a súa concepción do conto, «intentar contar unha verdade no que ten de paradoxal, como propón Poe», inseríndoa na tradición contística galega, nacida en 1926 coa publicación Dos arquivos do trasno de Dieste e o primeiro volume de Cousas de Castelao, «os autores que crearon o segundo andar da literatura galega, o do relato». «Con este libro intentei asomar neste segunda andar, achegando unha voz persoal, un estilo que me acompaña en toda a miña obra novelística, aquel no que o autor parte da primeira persoa do singular e se dirixe á segunda persoa do singular. Afástome da tradición contística popular, que vai do eu ao vosoutros, da primeira persoa do singular á segunda persoa do plural. E fágoo atendendo á xente que non está nos escaparates das televisións, porque son seres anónimos.» «No libro hai unha predilección por personaxes “malotes”, rebeldes, rabudos xa que creo contribúen a ser o motor de transformación da realidade.» Rematou o seu discurso comprometéndose a «intentar continuarofrecendo libros que sirvan como mergullo nas sombras na procura da luz.»

A segunda das presentacións foi a de Retallos daquela infancia, o libro de relatos no que debuta na creación literaria Bautista Álvarez. Nesta ocasión foi a presentadora Pilar García Negro que comezou as súas palabras referíndose ao paradoxo de estar diante dun «escritor naipelo, mais dun narrador veteranísimo.» «Bautista Álvarez é un escritor de corpo enteiro, de raza. Unha personalidade humana, cívica e política que ofrece o cento por cento da súa personalidadeneste libro.» García Negro considerou que a figura literaria de Bautista Álvarez debía ser inserida na hipérbole da nosa literatura, no daquelas figuras que como Ramón Cabanillas ou Castelao demoraron moito a súa publicación. «Bautista é un escritor de continuidade, que fixo ao longo de toda a súa vida unha acumulación moi importante de lecturas, que agora podemos gozar como un gran libro.». A presentadora referiuse despois as cinco grandes cualidades de Bautista Álvarez como escritor: «Primeira, un impenitente lector. Segunda, un posuidor dunha grande cultura clásica. Terceira, un mestre na organización dos elementos, secuencias, dosificacións da intriga e caracterización dos personaxes. Cuarta, un narrador que sabe empregar de forma axeitada a retórica literaria, na tradición de Fole e Castelao. Quinta, un narrador que pon o saber memorialístico ao servizo da recuperación dun mundo completamente varrido, desaparecido, mais completamente influente en todos nós.» «Nas páxinas de Retallos daquela infancia están os Retrincos de Castelao. Aquí hai unha sociobiografía do país. Nada do que aquí aparece é arqueolóxico ou vello, xa que hai un propósito de actualización, unha carga de crítica política á que Bautista non renuncia.» Despois de debullar varios dos relatos, rematou Pilar García Negro referíndose aos que consideraba como esteos ou eixos subxacentes da obra: «Primeiro, o idioma, cheo de auténtico zume de xenio popular. Segundo, o peso da igrexa e os seus ministro. Terceira, a mistificación relixiosa. Cuarta, a presenza ameazante dos poderes públicos. Quinta, a memoria histórica. Elementos todos eles ao servizo dun lbro que se le, seguido, seguido.»

Bautista Álvarez nunha intervención breve confesou que «fixen os relatos pra me divertir». «Moitos dos relatos teñen unha orixe real, pero despois están fantaseados», aínda que, insistiu, «o esquelete de todos é real.» Para el o seu «estilo vai pola hora vella, no carreiro de Fole e Castelao». Finalizou o seu discurso, no que citou en diversas ocasións a José Martí, expresando que foi a súa intención «retornar a unha Galicia que xa desapareceu». «Vivo na aldea. Hoxe alí non hai galo nin galiña nin se escoita o bruar das vacas. Nin se escoita a alborada dos paxariños. Na miña aldea calaron os animais.»

Onte 689: Cerco na ría

Saíndo a camiñar ao solpor polo paseo do recheo de Bouzas é unha fortuna demorarse na contemplación da manobra do cerco. Ao pé do enorme aparcadoiro de Citröen media ducia de embarcacións artesanais manteñen o vello oficio de cercar devagariño o cardume. Unha pequena marabilla do cotián que gozamos en xornada de moito balbordo.

610: «Estilística da lingua galega» de Freixeiro Mato

Presentamos no serán de onte, no salón de actos da Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña, a Estilística da lingua galega do profesor Xosé Ramón Freixeiro Mato. Recibiunos con grande elegancia e agarimo o presidente da asociación Xosé Manuel Sánchez Rei, para quen «ninguén era máis apropiado que Freixeiro para ofrecer unha Estilística da lingua galega».

Tras a intervención do editor, fíxoo a profesora Mercedes Queixas. Comezou o seu parlamento a secretaría da AELG salientando que «esta é unha obra que quedará para historia literaria galega como un fito dos nosos tempos». Tras repasar o perfil académico de Freixeiro, no que se desenvolven os eixos da lingua e da literatura, afirmou que «nesta obra ambos os dous interseccionan, conflúen». Comentou despois Queixas a súa estrañeza de que o profesor Freixeiro, con semellante currículum, «non fose membro da institución con sede na rúa Tabernas, que debería acoller perfís da calidade dos de Freixeiro».

Xa entrando en materia dos contidos do libro, Queixas sinalou que fora elaborada a partir do levantamento de obras literarias de 186 autores e autoras, dende os cancioneiros medievais até 2011, «unha mostraxe que inclúe os diversos xéneros literarios, a literatura culta e a popular, ademais de textos de diferentes épocas, dende os medievais até os máis actuais». «Suma de moitos estilos diferentes, é unha estilística polifónica. A focaxe fundamental do libro está na lingua como máxima potencialidade expresiva. Para iso, Freixeiro bebe de todas as fontes e reconstrúe unha estrutura cíclica e pechada». Queixas gabou a profundidade e rigor da obra, o seu esforzo de organización, «buscando a dosificación do discurso, a súa claridade e proximidade». Salientou ademais o interesante marco contextualizador, presentado na primeira parte, «que converte a obra nun libro de libros de estilística, unha fonte documental global de referencia». Continuou Mercedes valorando a importancia de que «esta Estilística da lingua galega estivese imbricada nunha sociedade determinada cunha lingua nunha situación determinada. Freixeiro ofrece unha estilística nun proceso de conflito lingüístico, sendo moi consciente que a situación sociolíngüística condiciona a creación e recepción do texto, como a fixación do propio código da escrita, que mesmo no é allea a existencia dun conflito ortográfico».

No treito final da súa presentación, Queixas ocupouse de valorar o que representa esta Estilística. «En primeiro lugar, é unha obra pioneira, inexistente polo seu carácter enciclopédico, unha obra sen precedentes que gañará valor co tempo». «En segundo, constitúe unha aposta clara pola lingua como cordón umbilical da literatura. O estilo como marca e como capacidade para que a lingua se reinvente nos textos literarios. Se o dominio da fonética demostra o control da lingua oral, no dominio do estilo está o da lingua literaria, o estilo é unha marca de identidade». «En terceiro lugar, esta obra é unha posta en valor da lingua que demostra a potencialidade que ten a lingua literaria, recoñecéndose o esforzo inxente de escritores e escritoras que continúan debullando todos os recursos e forza expresiva que ten a lingua. Freixeiro recoñece o esforzo dos escritores e escitoras galegos para convertir a lingua escrita en produto artístico». Rematou Mercedes Queixas o seu discurso facendo un simil de bergantiñán a bergantiñán. «Se Pondal dixo que me “déstesme unha lingua de ferro e devolvinvos unha lingua de ouro”, Freixeiro diría “déstesme unha lingua de ouro devolvinos unha lingua chea de estilo”».

Comezou a súa intervención Freixeiro dicindo que «a presentación deste libro era unha ocasión especial. Primeiro por tratarse dun longo proxecto, que pon o ramo ao meu ciclo de estudos da lingua interna, nos que sempre quedaba adiado o proxecto de facer a estilística. Segundo, polo feito de que aparición do libro é un motivo de contento despois dun ano horribilis». Proseguiu o autor sinalando que «este é un libro polifónico, de autoría múltipla, un texto no que están convocados moitas voces de escritores e escritoras galegos. É tamén unha homenaxe ás persoas que crearon a lingua literaria galega, tanto as citadas como as que non aparecen nestas páxinas». Tras agradecer as palabras de Mercedes Queixas e sinalar as limitacións do formato editorial escollido, «no que tratei de incluír os exemplos e referencias coa maior brevidade e concisión posibles», Freixeiro debullou a xénese da obra: «Foi unha das primeiras ideas que tiven cando pasei do ensino secundario á Universidade, foi unha das primeira sideas que meu deu Manuel Ferreiro». Citou despois aos estudos, parcialmente estilísticos, sobre a lingua literaria de Noriega Varela, Rafale Dieste, Crecente Vega, Manuel García Barro, os diminutivos na obra de Rosalía de Castro e sobre a obra de Manuel María, «precedentes e preparación desta obra».

Contextualizou Freixeiro a súa Estilística con outras obras sobre este tema que existen en todas as linguas. «Facela foi un reto para a dignificación da lingua galega». «Até o que eu sei, de todas as estilísticas xerais de linguas romances non hai ningunha con este completude, de todos os aspectos da lingua. Moi poucas enfrontan a estilística do texto, que constitúe a maior das novidades desta ELG». Sinalou depsois o seu interese para «pór en valor os textos literarios contemporáneos (séculos XIX e XX), os que máis debemos reivindicar e poñer en valor. A lingua literaria galega contemporánea é a máis necesitada de recoñecemento». «Pretendín contribuír ao prestixio da lingua galega, sabendo que lle ven dado en boa medida pola posta en valor da lingua literaria».

Abordou despois Freixeiro as dificultades de elaboración da súa Estilística: «En primeiro lugar, saber que é “Estilística” e que se entende por “estilo”, un termo con diversas definicións e sinónimos; desvío da norma, escolla, pegada, connotación, características individuais e colectivas, ornato, afectividade…». «Para min estilo é todo aquilo que na lingua ten vontade de expresividade. Razón pola que a Estilística debe centrar a súa atención na linguaxe afectiva ou expresiva». «Procurar os recursos expresivos que ten a lingua galega, dos que podemos botar man cando falamos e cando escribimos. Pór en evidencia eses recursos é do que trata a miña obra». Sinalou con outras das dificultades a «inexistencia de modelos, o que me obrigou a madurar moito a estrutura da obra».

Rematou o seu discurso o profesor Freixeiro Mato salientando que esta Estilística da Lingua Galega constituía para el un fin de ciclo no seu traballo orientado «a un mellor coñecemento e dignificación da lingua galega para un uso máis correcto da lingua e para acadar un modelo de lingua de calidade». «Coa lingua temos dous retos por diante. O primeiro gañar galegofalantes, perante a deixación de funcións das autoridades que deben velar pola lingua. O segundo, mellorar a práctica lingüística, tanto na escrita como na oralidade, mellorando o seu uso e preservando a súa autenticidade. Ambos os dous son igualmente precisos».

Onte 464: Vixencia dos blogs

A piques de finalizar o oitavo ano blogueando en galego de forma ininterrompida, continúo crendo que os blogs son a cerna da identidade dixital dos que participamos no procomún da rede. A irrupción da vertixe das redes sociais, informativas e profesionais semella que os foi colocando nun segundo plano, o que quizais provocou perda de audiencia e atractivo, mesmo a pesar de ser o soporte que utiliza de xeito máis xenuíno as utilidades do hipertexto. Porén, fronte a fraxilidade de Facebook e a inmediatez de Twitter, os blogs continúan sendo a referencia da memoria da rede, xa que en cadanseu arquivo gardan todo o traballo hipertextual do seu autor ou autora, unha utilidade aínda non substituída por ningún outro soporte. Ademais, os blogs son neste momento unha ferramenta didáctica e profesional imprescindible para compartir o traballo dixital. Razóns polas que para min é unha grande ledicia saber da incorporación recente á rede de blogs en galego de persoas tan amigas e tan admiradas como Agustín Fernández Paz ou Mercedes Queixas. Cadanseus blogs constitúen senllas alfaias valiosísimas para o hipertexto en lingua galega. Convido a visitalas decote. Benvidas e longa travesía!