Listado de la etiqueta: mercado_do_progreso

Produtos galegos

No artigo semanal de Faro de Vigo (incompleto por un erro na versión enviada ao xornal) reflexiono sobre a soberanía alimentaria e a corresponsabilidade dos consumidores e consumidoras galegos.

mercado_progresoMiña avoa e miña nai foron praceiras do mercado do Progreso onde venderon durante décadas froitas e verduras. Desde novos aprendimos alí que os produtos do país e da casa eran os máis valorados e preferidos polas clientas. Os grelos, os repolos, os pementos, as xudías, as escarolas, os tomates, as cebolas e as patacas, presentadas nas patelas, eran sempre da aldea. As mazás, fosen tabardillas, reinetas ou de louriñales, as pavías, os pexegos, as ameixas, as peras de san xoán, as cereixas, as castañas e as noces eran sempre do país. Como os ovos e os chourizos eran sempre da casa, a tetilla do país, o marmelo artesán e a manteca de confianza. Denominacións todas que expresaban a calidade e orixinalidade dos produtos da nosa horta, cuxa orixe en moitas ocasións estaba en pequenas explotacións familiares das parroquias viguesas, que mércores e sábados acudían á feira. Daquela, cando Portanet e Ramilo gobernaban en Vigo, nos anos da ditadura e da resistencia, nos mercados municipais do Progreso, Berbés, Travesas, Calvario, Teis e Bouzas, onde se realizaba a compra diaria, conservábase intacto o aprezo polo propio, polos produtos alimentarios do país.

Porén, desde hai máis de tres décadas está en marcha un proceso imparable de liberalización do comercio mundial de alimentos que levou á deslocalizar e intensificar a produción e a desestacionalizar o consumo dos produtos agrarios. Un proceso que no marco das mudanzas das formas de vida e do consumo urbano foi substituíndo o modelo de compra diaria no mercado de produtos frescos polo de compra semanal ou mensual no supermercado ou grande superficie. Hoxe os consumidores galegos, como o resto dos privilexiados do primeiro mundo, temos a posibilidade de adquirir, sen importar nin a súa orixe nin cando foi producido, calquera tipo de alimento fresco (sexan pementos de Padrón producidos de Almería, xudías de Marrocos, mazás de Chile ou amorodos de Palos en pleno inverno), conxelado (sexan produtos naturais ou xa precociñados) ou envasado (sexa auga mineral australiana ou espárragos chineses ou peruanos). Sen esquecer, que neste período mundializouse o mercado de produtos alimentarios básicos, como o da soia, o café ou o leite, con consecuencias funestas para os seus produtores, sometidos ás flutuacións de prezos e os intereses das corporacións transnacionais que monopolizan a súa distribución e pretenden a súa desregulación total.

Un proceso de reconversión alimentaria que na Unión Europea obrigou á desaparición das pequenas explotacións agrogandeiras e a súa substitución por outras de dimensións industriais. Unha dinámica que en Galicia leva arruinadas xa 150.000 explotacións e supuxo abandonasen esta actividade 350.000 persoas. Crises como a actual do sector do leite, que afecta a todos os produtores europeos e pode arruinalo de vez en Galicia, constitúen apenas a punta do iceberg deste modelo intensivo de produción alimentaria, que no noso país tanto ten contribuído ao despoboamento do medio rural. Un modelo, xaora, que non o esquezamos, é incapaz de proporcionar alimentos para toda a poboación mundial e ameaza a saúde do planeta no seu conxunto, polo incremento da emisión de gases de efecto invernadoiro provocado pola deforestación e o consumo de combustibles fósiles. Un modelo de produción agrícola, pois, insostible e inxusto, incapaz de atallar a fame e a pobreza, ao que dende hai vinte anos, tras o cumio mundial da alimentación da FAO en Roma, se ofrece como alternativa o da soberanía alimentaria, baseado no dereito que ten cada país de producir os seus alimentos no marco do seu desenvolvemento sostible e da súa seguridade alimentaria.

Nesa tendencia de recuperación da soberanía alimentaria, que madia leva non nega a posibilidade do comercio internacional xusto de alimentos, cómpre acadar unha relocalización da produción e a súa distribución en cada un dos mercados locais. Unha tendencia soberanista cada vez máis potente en todos os países da Unión Europea, onde se promove e privilexia en todos os puntos de venda (e sen ningún tipo de complexos) o consumo de produtos propios, frescos, naturais e de tempada, que non son outros que aqueles chamados do país ou da casa no tempo das nosas avoas. Consumir leite, auga ou cervexa galegas; comprar os produtos frescos da nosa horta e os peixes e mariscos das nosas lonxas; apoiar os nosos produtos con indicación xeográfica de calidade (queixos, mel, carnes, viños, hortalizas…) é unha expresión de autoestima, un xeito de facer país. Consumir produto alimentario galego, sexa natural, envasado ou conxelado, máis aínda se está etiquetado na nosa lingua, é unha forma de corresponsabilizarnos co noso futuro e contribuír á recuperación do medio rural galego. Apoiemos os produtos do país.