Está vendo o arquivo da categoría » matilde_felpeto

Por vez primeira formei parte onte do público de Luar, acompañando a Matilde Felpeto quen non transcurso do programa especial con motivo da Festa do cocido, xa á altura da unha da mañán, recibiu das mans de Rafael Cuíña, o alcalde de Lalín, o primeiro premio do Álvaro Cunqueiro de cultura gastronómica 2018 pola súa monumental Cociña galega tradicional, unha desas obras que constitúen unha fachenda para o editor.

A pesar das case cinco horas no Plató 1000 de Montouto e dunha temperatura máis ca fresquiña foi unha experiencia interesante da que conservarei grata lembranza. En todo momento fascinoume a dedicación de Xosé Ramón Gayoso co público e co seu propio equipo, que me pareceu vai moito máis alá do seu protagonismo en pantalla. Sorprendeume o ritmo que lle imprime ao programa Manuel Abad, capaz de facer compatible sen grandes fisuras a actuación das Supremas de Móstoles (vaia por diós!) coa do mestre Pablo Milanés; a presentación do veteranisimo Xosé Luís Blanco Campaña, inzada da vella retórica radiofónica, dunha versión galega de «Cocidito madrileño» de Ana Iglesias coa actuación estelar (en play back) da orquestra folk Son de seu; ou conseguir minutos de television memorables coa participación de Celso Fernández Sanmartín, para min hoxe o noso contador referencial, ou de Federico Pérez, todo un mestre da retranca.

Sei que non é doado explicar o éxito de vinte e cinco anos da fórmula acuñada por Gayoso e Abad para Luar, aínda que semella froito dunha reflexión atinada sobre a posibilidade (e os riscos) de encaixar pezas de procedencia e estilos diversos para ofrecer un programa musical de lecer capaz de chegar e fidelizar ao público da TVG. Asumo que nunca está de máis participar nestas experiencias estrañas que axudan a comprender mellor o qué e o cómo da TVG, non o esquezamos, a primeira industria cultural en lingua galega, unha alfaia sempre en risco.

A pesar da dor da catástrofe incendiaria da fin de semana, presentamos onte na Casa do Libro de Vigo Cociña galega tradicional de Matilde Felpeto, unha obra referencial para a culinaria d enoso. Coma sucedera hai tres anos, cando publicáramos O polbo e a súa cociña, foi o poeta e gastrónomo Xabier R. Baixeras o presentador excepcional dunha “obra de gran alcance na que a autora amosa toda a súa experiencia culinaria  teórica e práctica”. Despois de discutir o título, que considerou “froito da humildade da autora”, xa que para el debería ser A cociña galega tradicional, “xa que constitúe un compendio da cociña galega por antonomasia, Baixeras encadrou o libro na tradición culinaria galega “na que se mesturan a cociña rural coa cociña burguesa ou de vila, neste caso influída pola cociña francesa”. Referiuse o autor de Diario de comidas a obras como La cocina práctica de Picadillo, libro moi exitoso publicado en 1905, como aos textos de Emilia Pardo Bazán, a pesar de que non escribiu ningún tratado específico de cociña galega, ou ao Practicón de Ángel Muro, “aquel madrileno que morreu en Bouzas din que dun atracón de ameixas”, no que se uniron con moito éxito as liñas culta e popular da cociña galega.

Para Xabier Baixeras no libro de Matilde Felpeto “están perfectamente ensambladas a liña da tradición popular da cociña das aldeas e a cociña das vilas; así vemos aquí asociadas as patacas cocidas con ovos coas croquetas de marisco ou o pastelón de lebre trufado, a filloa coa torta de Pontedeume”. “Para Matilde a sinxeleza non é sinónimo de vulgaridade, ao tempo que non renuncia a ofrecer receitas de pratos de alta cociña, concibida como cociña de mercado de calidade, aberta á inspiración feminina, transmitida de xeración a xeración, xa que en moitas delas se abre o espazo para a improvisación, para a entrada da inspiración”. Seguiu Baixeras referíndose á estrutra da obra, “na que se aprecia un continuo afán didáctico, e ademais práctico, xa que este é un libro concibido para ensinar cociña galega como un acto reparador que ten tamén carácter histórico, tendo que ver tanto coa economía e coa sociedade, un libro sobre a arte culinaria galega, para enterdermos que é e coma é”.

Rematou Baixeras referíndose aos catro pratos que están na cerna do libro, o cocido, o lacón con grelos, os callos e a fabada, que expresan, como sinalaba Álvaro Cunqueiro, a capacidade de diálogo da cociña galega con outras cociñas que conforman a chamada “cociña occidental”. Dedicou o presentador as últimas palabras ao apartado de sobremesas e docería, “no que a autora ten ampla experiencia, tanto polos seus gustos do norte como polas larpeiradas do sur”, sinalando “entre tanta cousa rica, a receita da “Torta de mazán da tía Rosa”, un doce de orixe xudía, anosada pola autora para a nosa cociña”. Finalizou saudando con ánimo expectante esta ¨publicación de Alta Gastronomía”.