Está vendo o arquivo da categoría » mariano_rajoy

Feijoo: transferencias cero

bretemas —  1 de Xaneiro de 2018 — Deixa un comentario

Dediquei o derradeiro artigo do ano para Luzes ao desinterese de Feojoo na negociación das transferencias pendentes de desenvolvemento estatutario:

Se non mudan moito as cousas, Alberto Núñez Feijoo pasará a historia da autonomía como o único presidente da Xunta de Galicia que non pechou non seus mandatos traspaso ningún de competencias. E outrosí, trinta e cinco anos despois daquelas primeiras quince competencias transferidas no mes de xullo de 1982 polo goberno de UCD, Mariano Rajoy será tamén o primeiro presidente dun Gobierno de España que non seus mandatos non transferiu nin unha soa competencia nova a Galicia. Unha coincidencia de ambos os dous líderes populares galegos que non semella fortuíta.

E o caso da actitude displicente de Feijoo e Rajoy coa ampliación do autogoberno galego, máis alá da expresión da súa escasa autoestima e pouca consideración cos afáns dos seus compatriotas, ten hoxe moita máis miga política do que aparenta. Abonda con lembrar que desde 2008, cando o goberno de Zapatero transferiu ao presidido por Touriño o Parque das Illas Atlánticas, Galicia xa non asumiu competencia ningunha máis. Como abonda consultar na rede para comprobar como Feijoo desque accedeu á presidencia da Xunta de Galicia abandonou de raíz o discurso que mantiña como xefe da oposición, cando criticaba as “transferenciñas” negociadas polo bipartito e consensuaba en 2009 co PSdeG-PSOE e BNG a reclamación do famoso e histórico paquete das setenta competencias pendentes.

Displicencia inicial co proceso transferencial transformada en 2015 en negativa rotunda a continualo, cando Pedro Puy, presentado como a cara máis razoable e galeguista do PPdeG, acuñou o discurso de que o pulo do autogoberno galego radicaba no mantemento da solvencia da comunidade, mais que na dotación de novas transferencias. Doutrina dende entón nunca cuestionada, seguida ao pé da letra polo presidente Feijoo, que situaba ás políticas de consolidación fiscal (o eufemismo utilizado polos administrativistas para referirse aos recortes de políticas sociais, educativas e culturais) como eixo da acción do seu goberno, ao tempo que remataba coa posibilidade de reforzar ás institucións de autogoberno e acadar un novo teito competencial para a autonomía galega.

Xaora, para sermos precisos, durante a campaña electoral das Galegas do 25 de setembro de 2016, Feijoo expresou nalgunha intervención que a mellora da situación financeira permitiría abrir a axenda de traspasos pendentes, lembrando así o paquete das setenta competencias, entre as que citaba ás da AP-9, as da Inspección de Traballo, as de ordenación do litoral, inspección e vixiancia pesqueira, como a posibilidade de volver a falar da de tráfico e seguirdade viaria, aínda que deixaba no esquecemento moitas outras do paquete consensuado en 2009 no Parlamento como as competencias sobre museos, bibliotecas e arquivos, ou as bolsas de estudo por citar algunhas das significativas.

No entanto, mergullados na actual crise de estado provocada polo “problema catalán”, Feijoo volveu achantar a reclamación transferencial de Galicia aducindo que a impedía a “excepcionalidade que vive hoxe o estado as autonomías”. Un argumento ad hoc que expresa o compromiso de Feijoo de non crearlle outro problema a Rajoy, mesmo a pesar de que o Parlamento (co voto dos populares) acordase o pasado mes de marzo solicitar a transferencia da Autoestrada do Atlántico, fulcral para un desenvolvemento sostible e equilibrado do país. Unha actitude do presidente dos Peares que, para o noso escarnio, coincide coas transferencias que o propio gabinete de Rajoy negociou con sete comunidades como Andalucía, Canarias, Comunitat Valenciana, Madrid, as dúas Castelas ou Baleares. O que serve para elas non serve para Galicia?

Xaora, Feijoo coa súa teimosa política de transferencias cero preséntase nos medios capitalinos como o modelo dun xestor responsable dun novo estado das autonomías. E non falamos aquí nin da súa negativa a considerar a reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia nin o baixísimo nivel de produción lexislativa dos seus gobernos, outras expresións da súa intención de rebaixar a autonomía galega. Utilizando semellante estratexia conformista, imaxinamos a que aspira Feijoo?

 

Seguín as informacións de David Lombao en praza.gal para documentar este texto, profesional a quen expreso gratitude e recoñecemento.

Camisola_seeccion

A cara de sorpresa de Mariano Rajoy cando recibe de mans de Enda Kenny, o primeiro ministro irlandés, unha camisola da selección galega de fútbol gaélico co seu nome, quedará como unha imaxe para historia. Con certeza que a pesar do seu grande interese pola información deportiva, dificilmente podería agardar Rajoy que a diplomacia irlandesa escollese como agasallo da visita á Moncloa do seu presidente unha camisola da potente selección galega que no Mundial GAA World Games, celebrado o pasado verán en Dublín, obtivo unha excelente clasificación, como gañadora da copa de consolación feminina e como terceiro clasificado na categoría masculina. A sorpresa de Rajoy é comprensible dada a escasa presenza deste deporte,no que Galicia é unha potencia internacional, nos medios informativos españois. Como tamén, probablemente, polo feito de que a Selección Galega de fútbol gaélico é a única do noso país recoñecida de xeito oficial pola súa federación internacional. Un precedente moi a ter en conta. Co seu xesto, Enda Kenny estaba recoñecendo na Moncloa a existencia dun país chamado Galicia, aquel onde naceu Mariano Rajoy. Unha desas coincidencias fortuítas capaces de mover a historia.

Feijoo-Real-Banda-Gaitas-Ourense_EDIIMA20161104_0844_19

Comeza a terceira lexislatura de Alberto Núñez Feijoo como presidente da Xunta coa paradóxica estabilidade do seu goberno e coa mudanza completa da oposición tanto na composición os seus grupos como nos seus liderados. Unha situación cómoda para un Feijoo feliz e pletórico que xa emula a Manuel Fraga identificando as propostas do seu partido cos intereses xerais de Galicia e que, probablemente, o levará a ofrecer consensos e acordos á oposición en cuestións como o financiamento autonómico e a cuestión demográfica.

A toma de posesión no Obradoiro do pasado sábado, coa presenza de Mariano Rajoy e de bandas de gaitas, visualiza esta nova fase, a da lexislatura da despedida de Feijoo, un político chamado a desempeñar en Madrid as máis altas responsabilidades. Porén, a súa marcha non dependerá xa do seu desempeño en Galicia, se non da marxe de gobernabilidade que a Rajoy lle ofrezan os que mandan hoxe no PSOE. Razón pola que non semella descartable que en Galicia, tras a mudanza inminente da actual xestora do PSdeG-PSOE, se ensaie un proceso de colaboración entre as dúas formacións estatais.

Tras o inicio da lexislatura, Xoaquín Fernández Leiceaga non ten doado sequera liderar o seu grupo, como Luís Villares e Ana Pontón deben decidir se diante de semellante fortaleza conservadora apostan por unha estratexia na que privilexien a colaboración ou a competencia entre as súas formacións. A recomposición dunha alternativa de gobernabilidade viable é un reto para todos os tres, xusto cando Feijoo inicia a despedida.

Tras a demolición da executiva de Pedro Sánchez, unha operación deseñada polo poderoso entramado mediático, empresarial e político internacional de Felipe González, o goberno de Mariano Rajoy está ás portas, xa que os que mandan dende onte no PSOE non queren nin goberno alternativo con Podemos  (meigas fóra!) nin novas eleccións. A partir de hoxe mesmo asistiremos á segunda fase da operación, a teatralización desta abstención do PSOE e á da recuperación do consenso entre as dúas sensibilidades enfrontadas de «forma apaixonada», que os medios afíns disfrazarán co argumentario das duras condicións esixidas a Rajoy polos socialistas (adiamento da LOMCE, lei mordaza, suba do salario mínimo…) como pola súa altura de miras para comprender as «razóns de estado», que non son outras que eses 15.000 millóns de euros (de recortes) esixidos polos acredores ao Reino de España.

Xaora, non é descartable que Mariano Rajoy, diante do éxito da súa estratexia de deixar que se desfagan os seus adversarios a lume lento, pretenda alongala outro mesiño forzando así a convocatoria dunhas terceiras Xerais ás portas de Nadal. Non fai falta ser adiviño para prognosticar daquela unha probable maioría absoluta dos populares e unha catástrofe histórica dos socialistas, reducidos a un partido nacionalista andaluz, que pagarían a prezo de ouro o capricho de Felipe e da súa raíña Susana. Proceso de pasokización que se completaría co inevitable ascenso de Podemos, como primeiro partido da oposición ( o soño de Iglesias), e o ascenso dos partidos nacionalistas cataláns, vascos e (desta volta, tamén) galegos, unidos pola estratexia do dereito a decidir.

Un proceso de dereitización do PSOE que non é difícil agoirar se reproducirá decontado no PSdeG-PSOE, onde probablemente reaparecerán as figuras do pasado (o eurodeputado José Blanco xa deu sinais de vida), dispostas a demoler a xestora de Pilar Cancela, o liderado parlamentario de Leiceaga e a «colaboración» cos gobernos municipais das Mareas. Un inicio de lexislatura magnífico para un Alberto Núñez Feijoo feliz, preparando as súas opcións para substituír a Rajoy cando fixese falta.

Onte viviuse un episodio dunha estratexia de alcance, a de evitar a posibilidade de conformar gobernos alternativos aos do núcleo duro conservador, no caso español o Partido Popular, ou de non houber outro remedio, dunha grand coalition con socialistas e liberais. Do que se trataba onte en Ferraz, en definitiva, era de derrubar sen piedade aos que defendían a doutrina perversa do «Non é non». Traballo feito.

libro_electroinicoA noticia que Praza publicou onte sobre a exclusión dos títulos publicados en galego, catalán e éuscaro na licitación convocada polo MInisterio de Cultura para a compra de libros electrónicos para o seu préstamo en bibliotecas públicas é a penas a punta do iceberg dos recortes brutais deste ministerio no eido do libro e da lectura. Chove sobre mollado nunha administración que co ministro Wert á fronte suprimiu a partida orzamentaria de axuda ás comunidades autónomas para a adquisición de novidades e programas de fomento da lectura en bibliotecas públicas, que suavizou até facelas case imperceptiblesas axudas á edición de obras de interese cultural nas linguas oficias españolas ou subiu o IVE cultural ao 21 %, arruinando o desenvolvmento do sector do libro electrónico. Semellante desfeita das políticas públicas de lectura, con “recortes” do 80 % nalgunhas partidas (como a da adquisición de novidades editoriais en galego para as bibliotecas públicas), é imposible xustificala polas políticas de consolidación fiscal e redución de déficit das administracións públicas. O actual goberno en funcións teima coa súa obsesión españolista en materia lingüística, que magoa ao resto das linguas oficiais españolas.Rajoy ten un serio problema coas linguas, a lectura e a cultura.