Artigos

Onte 1661: A breve historia da literatura de Mercedes Queixas

feira_libro_santiago_02-05-2016

Acompañamos onte a Mercedes Queixas na presentación do seu libro De pergamiños, follas voandeiras, libros ao punto gal na Feira do libro de Santiago, un evento sempre polémico que este ano coincide na Alameda co balbordo das festas da Ascensión e con outros actos importante da programación cultural compostelá. Mercedes Queixas comezou a súa intervención lembrando que a orixe deste ensaio estivo na Breve historia da literatura galega que publicara en 1999 en Edicións A Nosa Terra. “Aquel foi un punto de partida, un traballo actualizado agora coas novas ferramentas que nos últimos quince anos foron xurdindo na investigación literaria galega”. “Esta obra pretende ser un paseo, apenas un petisco antes de adentrarse na literatura galega. Aquí están esbozados os camiños da nosa literatura nun rexistro propositadamente divulgativo para un lectorado curioso que quere coñecer o seu papel no ámbito da literatura universal”.

XG00247201Lembrou a autora que escollera un poema de Manuel María no que fala do poema como un ser vivo coa intención de considerar tamén como tal a literatura galega. “Así o quixen expresar no propio título, que expresa diversos momentos históricos dun proceso que se alongou desde hai oito séculos. A miña intención foi ofrecer unha panorámica sintética de cada etapa coas súas pautas. Utilicei ao comezo do libro dous poemas de amor, unha cantiga de amor de Airas Nunes e un poema de Berta Dávila, para expresar este camiño de oitocentos anos”. “A obra constitúe unha panorámica moi aberta e sintética, onde non hai espazo para facer unha relación de datas, nomes e obras. Porén, había que ofrecer un relato da historia literaria galega, o que supuxo un reto”. Referiuse, despois, Queixas as razóns polas que o libro estaba dedicado ao seu alumnado, cando ela mesma entraba na maioría de idade docente. “Era moi importante ter en conta un destinatario para unha obra con este afán didáctivo e divulgativo”.

A seguir, Mercedes Queixas salientou que pretendeu incluír os avances que nos últimos quince anos se produciron na investigación literaria galega,como tamén que aparecesen os nomes silenciados, os que neste relato semellan sempre invisibles. “Hai por iso unha razón propositiva na presenza de mulleres, dende a Idade Media, até as voces máis contemporáneas como a de María do Carme Krukemberg, a xéneros como a literatura infantil e xuvenil ou a toda a rede de tradución tan importante para a proxección internacional da nosa literatura.”

Rematou Queixas referíndose a fraga de diversidade de xéneros da nosa literatura, metáfora de biodiversidade recollida no booktrailer que para a obra preparara Distrito Xermar. “Esta é unha historia felizmente inconclusa. A historia literaria galega é un proceso vivo no que estamos autoxenerando novas formas de expresión.” Concluíu a autor aconfesando que  “a escrita deste libro foi para min un refuxio, un xeito de GPS na procura da raíz, das fortalezas da nosa literatura no medio da campaña que vivimos de ataque ao galego”.

Onte 1028: Celso Collazo

celso_collazoÉ incomprensible que a noticia do pasamento en Madrid aos 92 anos do de Celso Collazo Lema non merecese máis atención en Galicia. Correspondente internacional da axencia EFE en Moscova, Londres ou Nova York, este fillo de Vimianzo pertence ao grupo dos máis importantes correspondentes de prensa do século XX. Nos últimos meses tiven frecuentes noticias súas, xa que era moi bo amigo de Carlos G. Reigosa, a quen asesoraba na documentación da súa próxima novela. Celso Collazo pertencía á xeración de xornalistas vigueses de posguerra, participante activo na tertulia artístico literaria do Derby, entre os anos 1945 ao 1949, na que asistían amigos de seu coma Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto, Xosé María Álvarez Blázquez, ou María del Carmen Krukemberg… Casou coa pintora María Antonia Dans, mantivo amizade con Plácido Castro, colaborou na fundación da editorial SEPT e, a pesar do seu periplo internacional, nunca perdeu o seu contacto con Galicia e coa súa cultura. A figura de Collazo merece ser recuperada do esquecemento.