Listado de la etiqueta: margarita_viso

45 anos dos Premios da Crítica de Galicia

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á celebración dos 45 anos dos Premios da Crítica de Galicia:

Na intervención que pechou o sábado o acto de entrega dos Premios da Crítica de Galicia 2022, Carmela Silva reclamou o liderado de Vigo, tamén no eido da cultura. Unha reivindicación coa que a presidenta da Deputación de Pontevedra recoñecía tamén o papel que para forxar ese liderado supuxo esta iniciativa da sociedade civil viguesa, encabezada polo editor Bieito Ledo e polo pintor Antón Pulido, que dende hai corenta e cinco anos organizan estes premios honoríficos cos que se pretende recoñecer a excelencia da creación e da produción das industrias culturais galegas, dende a literaria ao cinematográfica, dende a investigación á cultura gastronómica, dende a música ás artes plásticas e dende as iniciativas culturais e científicas ás artes escénicas. Premios que dende aquela primeira «Cea das letras», celebrada no desaparecido Hotel Samil o 16 de maio de 1978, organizados de forma entusiasta polos entón mozos do Círculo Ourensán Vigués, tiveron sempre a súa sede en Vigo, coa excepción do período no que foron trasladados a Mondariz Balneario, converténdose nunha das institucións culturais máis prestixiadas e veteranas da cidade.

Unha continuidade, tamén unha teimosa insistencia –á que certo é non foron alleas algunhas dificultades no apoio proporcionado polas administracións públicas– na que os promotores mantiveron o seu espírito fundacional de artellalos como un afán colectivo e altruísta de carácter normalizador. Uns premios deseñados para abrir unha xanela de visibilidade para a produción cultural galega anual, nos que convidaron a participar a máis de mil catrocentas persoas de diversas xeracións, profesións e ideoloxías como membros dos seus xurados. Un traballo crítico esencial, independente e rigoroso, no que participaron grandes figuras xa desaparecidas, como Eduardo Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro, Basilio Losada, Carlos Casares ou Pilar Vázquez Cuesta, que foi conformando un cadro de honra de persoas e entidades premiadas que permiten identificar as profundas mudanzas da creación cultural en Galicia ao longo dos períodos da Preautonomía e da actual Autonomía, tanto no que atinxe ao prometedor desenvolvemento das súas industrias culturais (editorial, musical, plástica, teatral e audiovisual) como das feblezas e ameazas provocadas pola ausencia de políticas culturais públicas efectivas de internacionalización dos sectores e de fomento da lingua galega.

Premios da Crítica de Galicia nos que podemos identificar a profunda fenda de xénero presente en todos os sectores culturais galegos, mitigada hai pouco máis dunha década, cando a asociación abriu unha etapa de anovación, tanto pola incorporación de mulleres na promotora dos recoñecementos como na propia composición dos xurados, dende entón paritarios, o que se comezou a percibir no elenco de gañadoras. Así na modalidade de Creación Literaria houbo que agardar 18 anos a que fóra premiada a primeira muller, Marilar Aleixandre, abrindo unha nómina á que dende 1995 se incorporaron Pilar Pallarés, Anxos Sumai, Luisa Villalta, Ana Romaní, María do Cebreiro, Moncha Fuentes e Olga Novo, apenas oito de 45 persoas premiadas. Outro tanto sucede na modalidade de Investigación onde a relación de premiadas redúcese a catro, iniciada por Begoña Bas en 1992, á que dende entón seguiron Pilar Rodríguez Suárez, Patricia Fra e Blanca Ana Roig Rechou, todas vinculadas ao ámbito das Humanidades. Tendencia que se mantén na modalidade de Música, na que son só seis as premiadas desde que en 1985 o fora Dorothé Schubarth polo seu Cancioneiro Popular Galego, compilado con Antón Santamarina, á que seguiron Guadi Galego, Uxía, Mercedes Peón, Margarita Viso e nesta edición a cantora e investigadora mariñá Ugia Pedreira. E outro tanto se podería apuntar das outras disciplinas artísticas, nas que como reclamou tamén na súa intervención Carmela Silva, faltan máis mulleres premiadas.

As modificacións introducidas na convocatoria destes premios amosan as mudanzas, a vitalidade e a diversificación do conxunto do sector cultural galego. Das cinco modalidades da primeira edición, seis na segunda, pasáronse as oito actuais, tras a creación das de «Cultura Gastronómica» en 2014 e de «Cine e Artes Audiovisuais» en 2018. Ampliación do número de modalidades que cada edición propón no seu ditame algún dos xurados, sexa para desdobrar a de Investigación nun premio de Humanidades e outro de Ciencias e Tecnoloxía, fose para facelo nos diversos xéneros da Creación Literaria ou das Artes Plásticas, desdobradas, como se propuxo nesta edición, en Pintura e Escultura, Deseño e Arquitectura. En todo caso, axustes posibles para unha iniciativa con vontade de perdurarmos e de continuar forxando unha tradición.

Onte 2098: Premios da Crítica de Galicia 2020

Comunicamos onte os Premios da Crítica de Galicia 2020 nunha rolda de prensa emitida por You Tube. Remataba así unha semana de xuntanzas virtuais dos oito xurados (máis de 14 horas en Google Meet), na que neste ano de pandemia moito aprendín sobre as dificultades existentes aínda na utilización das ferramentas da comunicación dixital como tamén das facilidades que proporcionan. Máis alá do formato das deliberacións e da comunicación do ditame, aínda queda pendente a entrega das estatuíñas de Martín Códax, pareceume outra excelente colleita da nosa creación e promoción cultural, probablemente, expresión do momento extraordinario nalgúns eidos como a poesía e o cinema e audiovisual ou da necesidade de recoñecemento dalgunhas traxectorias de décadas ou da excelencia de proxectos e iniciativas máis recentes.

Velaí o premio para Feliz Idade (Kalandraka 2019) de Olga Novo e O que arde de Óliver Laxe, premios de Creación Literaria e Cine, respectivamente, obras memorables pola súa calidade e enraizamento da nosa identidade na cultura universal. Velaí as traxectorias de Margarita Viso, a decana das compositoras galegas, premio de Música; de Alfonso Costa, destacado pintor da xeración esquecida, premio de Artes Plásticas; dos Monicreques de Kukas, compañía creadora xenuína deste xénero en Galicia, premio de Artes Escénicas ou da Festa do Marisco do Grove, unha das festas gastronómicas máis antigas e enraizadas na cultura popular, premio de Cultura Gastronómica. Como moi relevante é o libro do historiador Bieito Alonso, Anarquistas galegos en América (Galaxia 2019), premio de Investigación, como tamén o é o extraordinario labor que na rede desenvolve o equipo de GCiencia, premio de Iniciativas Culturais e Científicas.

Tras corenta e tres edicións, sen faltar ano ningún, os Premios da Crítica de Galicia, unha iniciativa privada, plural, interxeracional e independente, continúan tomándolle o pulso ao estado da nosa creación e industria culturais, inseridas na tradición e memoria galegas. Unha iniciativa na que esta edición participaron activamente e de forma altruísta sesenta e cinco persoas durante os tres últimos meses, xenerosidade e dedicación que merecen a nosa maior gratitude. Con todo, como organismo en diálogo coa nosa industria cultural, que vive outro dos seus momentos críticos, os Premios da Crítica de Galicia precisan introducir melloras para acompañar as mudanzas e retos do propio sector. Aí continuaremos.

Onte 436: Premios da Crítica Galicia 2012

A denuncia dos recortes no eido da cultura e da investigación foi unha das cuestións que estivo mías presente na cerimonia na que se deu a coñecer o ditame dos Premios da Crítica Galicia 2012. Fíxoa Agustín Fernández Paz, gañador do premio de Creación literaria por Fantasmas de luz, cando lembrou o memorable discurso final d’ As uvas da ira de John Ford que remata en «Nós somos o pobo». Fíxoa Patricia Fra, a editora de Regreso a Compostela de Edith Warthon, que reiterou o chamamento do xurado de Investigación aos poderes públicos «para que o apoio e recoñecemento a investigación realizada en Galicia, non se vexa gravemente afectado polos recortes. O xurado entende que se non hai unha axeitada inversión en I+D+I non será posible acadar un desenvolvemento económico e social que asegure o benestar das xeracións futuras». Fixerona Margarita Viso e Juan Vara, membros da Asociación Galega de Compositores, premio de Música, cando defenderon o papel esencial da música para a conviencia cidadá. Fixérona Xan Rodríguez e Antonio Moure, membros da Asociación O sorriso de Daniel, premio de Iniciativas Culturais, cando reivindicaron a necesidade da protección do patrimonio galego, sobre todo no eido rural. Fíxoa Carmen Nogueira, a vídeoartista viguesa, premio de Artes Plásticas e Visuais, reclamando atención para as políticas públicas de cultura, con especial atención aos museos. Fíxoa Gustavo Pernas que recolleu en nome de Xosé Manuel Olveira «Pico», o premio de Artes Escénicas e Audiovisuais, no que foi o discurso máis explícito e apaixonado da noite, que rematou enfatizando con enerxía «Nunca máis aos recortes na cultura».

Na fotografía destacada: Agustín Fernández Paz, Patricia Fra, Juan Vara (Asociación Galega de Compositores), Carmen Domínguez, Antonio Moure e Xan Rodríguez (ambos os dous, Asociación O sorriso de Daniel). Na foto da escaleira: os membros dos seis xurados e membros da Fundación Premios da Crítica Galicia.