Listado de la etiqueta: marea_atlántica

Onte 1349: Unidade galega

unidade_galegaTras o ditame dos Premios Xerais, durante a merenda falouse moito de política, tanto do futuro dalgúns gobernos locais en litixio como das posibilidades de artellar unha candidatura de unidade galega, que conte co apoio de nacionalistas e non nacionalistas. Son dos que acredita esperanzado nesta opción electoral, a pesar de coñecer as dificultades para sentar nunha mesa ao BNG, Anova, Compromiso por Galicia, Cerna, Esquerda Unida, Podemos e outros movementos sociais e cívicos coa intención de fixar un programa de mínimos en defensa do autogoberno galego.

Ten razón Aymerich: para as forzas políticas da esquerda, do nacionalismo e do galeguismo é tempo de escoller entre a unidade ou a irrelevancia. A cidadanía galega non entendería unha candidatura presentada como de unidade sen a presenza do BNG. Como tampouco outra con idéntica pretensión na que non estivesen as forzas e a cultura política xerada nas exitosas mareas atlánticas da provincia da Coruña. Non queda apenas espazo para filigranas. Xaora, a posibilidade de contar con colectivos cidadáns locais de apoio a esta candidatura de unidade galega podería decantar de forma positiva o proceso de converxencia electoral. Non parece imposible atopar unha fórmula política coxuntural que, respectando a autonomía e diversidade das organizacións políticas, sexa doadamente recoñecible como a opción da unidade galega para o Congreso e o Senado. Non son admisibles nin as exclusións nin os mesianismos. Nas vindeiras Xerais, Galicia como suxeito político xógase a posibilidade de continuar existindo ou desaparecer como tal.

Onte 1335: A derrota de Feijoo

Tres conclusions tiradas a correr, tras a noite de resultados das municipais de onte: unha, Feijoo sofre a súa peor derrota; dúas, triunfan os bos proxectos municipalistas, tanto os vellos coma os novos; e tres, as candidaturas de unidade cidadán do procomún, transversais e autenticamente abertas, ofrécense como modelos para as Xerais e Autonómicas.

Unha. Feijoo sofre a máis severa derrota da historia do PPdeG. Previsiblemente quedará só coa coa Deputación de Ourense e nas cidades coa posibilidade de gobernar en (difícil) coalición en Ourense. Un fracaso das súas apostas persoais (as candidaturas de Vigo e Compostela), mais tamén do actual entramado do poder mediático e económico en Galicia, incapaz de comprender as consecuencias da corrupción nin as características singulares do fenómeno da fragmentación política no noso país (onde non «irrompe Ciudadanos») nin a crise do modelo tradicional de representación política.

Dúas. Os proxectos municipalistas estratéxicos, deseñados a longo prazo, revalidan con claridade o seu apoio cidadán. Sucede cos do BNG en Pontevedra, Carballo, Ribadeo, Tomiño ou Allariz, mais tamén co de Anova en Teo ou do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo e apurando moito o argumento co de Abel Caballero en Vigo, a pesar do seu carácter cantonalista e caudillista. Xaora, o apoio repítese nos novos proxectos cidadáns do procomún, singularmente os da Marea Atlántica, Compostela Aberta e Ferrol en Común, concibidos (sobre todo o primeiro) tras longos procesos participativos e moitas horas de traballo comunitario.

Tres. O fracaso sen paliativos do BNG nas cidades, coa excepción xa citada de Pontevedra e coa perda da representación en Vigo e Ourense, coloca ao nacionalismo galego ao bordo do suicidio institucional, unha tendencia acentuada no entorno urbano en cada convocatoria electoral. O modelo de candidaturas de unidade cidadá, baseadas en programas de defensa das posicións orixinais do autogoberno galego e dos dereitos sociais e políticos das maiorías sociais, apoiadas por todas as forzas do nacionalismo e da esquerda, ofrécense como alternativa tanto para a consecución o vindeiro mes de novembro dun grupo parlamentario galego en Madrid (nun novo escenario estatal moi fragmentado) como para a construción dunha alternativa crible para as Autonómicas de 2016.

Tempo haberá para afinar análises destas municipais que expresan unha clara tendencia de esperanza e cambio político.