Artigos

Onte 1312: O pregón de Manuel Portas na feira de Compostela

1610923_1084552874891876_7659248014458748685_n-1

Magoa que Manuel Portas non puidese pronunciar onte o pregón que preparou para a inauguración da Feira do libro de Compostela. Unha peza literaria magnífica na que defendeu o libro («o libro sermpre será o libro»), a lingua, a creación literaria, as librarías e esixiu o compromiso das administracións co mundo do libro e das industrias culturais («que en Galicia supoñen o 2 % do PIB e 23.000 empregos»). Particularmente fermosas foron a súa metáfora da defensa da lingua representada na palabra donicela («agardo que neste país se siga acariñando o lombo da donicela coa dozura desta palabra e que nos seus libros os escritores, as escritoras, sigan a mentala así»), como as súas referencias ao Santiago literario («onde está a esencia cultural e a memoria histórica da galeguidade e do galeguismo»). Un gran texto este pregón de Portas, que onte tiven a fachenda de ler no seu nome por mor do pasamento de Concepción Barreira. As miñas beizóns para Manolo Portas en días tan dificiles para el e para a comunidade educativa do instituto Xelmírez I.

O texto do pregón pode lerse ou descargarse aquí.

Onte 1296: Volven as feiras do libro

Feiras-do-libro-2015Coa presentación de Amor en alpargatas, a novela de Manuel Portas, iniciamos onte en Pontevedra o noso periplo das feiras do libro de Galicia deste ano. A pesar da súa insuficiente visibilidade e da necesidade de que incrementen a diversificación da súa oferta bibliográfica, este calendario de feiras continúan sendo no seu conxunto unha cita imprescindible para o sector editorial galego. A posibilidade de ocupar cos libros o espazo público durante unha semana (no caso de Pontevedra a praza da Ferraría, en Santiago a Alameda, en Lugo a Praza Maior, en Ferrol no Cantón, que serán as feiras da primavera) é tamén unha oportunidade para que os libros, os autores e autoras e os editores e libreiros reciban maior atención por parte dos medios e dos poderes públicos locais. As presentacións, as asinaturas e os concertos de música infantil serán algunhas das actividades coas que os editores colaboramos nesta viaxe cos libros que rematará a finais de agosto. Parabéns aos organizadores e participantes.

Onte 1248: «Amor en alpargatas»

Manuel_Portas_26-02-2015

Máis dun cento de persoas xuntáronse no café Airas Nunes de Compostela para arroupar a Manuel Portas na presentación de Amor en alpargatas, a súa cuarta novela. Foron o escritor Bieito Iglesias e a crítica Dolores Vilavedra os que se ocuparon de comentar unha novela considerada como a máis lograda e maura das publicadas até agora polo autor.

Comezou Bieito Iglesias definindo Amor en alpargatas como «unha novela de amor, protagonizada por un triángulo de tres persoas (Senén, Lucía e Sara), construída cunha estrutura cinematográfica semellante á da Condesa descalza, xa que comeza e remata nun cemiterio, utilizando a écnica do flash-back». Detívose Iglesias en comentar a educación sentimental do protagonista nos anos 60 en Teis, considerando que esas páxinas poderían ser consideradas propias dunha novela de formación. «Senén é un personaxe singular, non é un arquetipo, non é un retrato notarial da pequena burguesía galeguista.» «A presenza do corvo no derradeiro capítulo representa un certo desencanto«, afirmou Bieito para acabar prognosticando que «a novela terá máis éxito entre o público feminino.»

XG00156801Dolores Vilavedra sinalou o que entende son características do proxecto literario de Manuel Portas desque en 2010 publicou Denso recendo a salgado. «A primeira é a reivindicación da capacidade da narrativa para entreter, sen renunciar á experiencia estilística, Portas é capaz de verlles os tons pálidos a un tempo de silencio.» «Ademais de utilizar unha das mellores linguas literarias do noso tempo, Portas escribe narrativa de mulleres. En todas as súas obras as mulleres teñen grande protagonismo. Nesta tanto Lucía como Sara son personaxes que teñen arestas, un lado escuro, continuando a xínea de Concha e Encarna de Faneca brava ou Cristina, Clara ou Chus, protagonistas das historia de Un dedo manchado de tinta.» «A de Portas é unha narrativa da memoria leve, que nos intriga, que nos provoca a necesidade de saber máis. No entanto, teño medo dos efectos dunha memoria narcotizante ou a un exceso de saudade paralizante. Portas sabe equilibrar.»

Vilavedra considerou Amor en alpargatas como unha «novela máis centrada, menos dispersa cas anteriores do autor. Nótase a madurez, o autor pousa, renuncia ás historias paralelas, vai á cerna da súa historia, utilizando unha estratexia de espiral, de bucle. O seu é un narrador omnisciente, mais non é invasivo. Deixa falar aos seus personaxes, sitúase con eles, revelándose só cando é imprescindible.» «Amor en alpargatas deixa dúas importantes historias sen contar, as de Amalia e Xián, a dos fillos de Senén, o que supón unha apertura da novela sobre os debates do presente, quizais porque todas as novelas falan do tempo histórico no que se escriben, non sobre o que escriben.» Antes de rematar cunha emocionante referencia persoal á memoria do barrio proletario de Teis, Vilavedra salientou o carácter de Amor en alpargatas como »novela santiaguesa que se abre a outros espazos da Galicia real.»

Rematou as intervencións Manolo Portas que definiu a novela como «unha historia de amor co nacionalismo ao fondo». «Non pretendín escribir unha novela xeracional. O nacionalismo é o contexto sobre o que se desenvolven as historias de amor. Un amor ao país no que encadran os amores poliédricos que se moven na novela. Non me interesaba tanto recolelr o dato concreto como reconstruír ese contexto.» Despois de sinalar que deixou a mantenta varias historias abertas, confesou que se daría por ben pagado «se a novela consegue diversos niveis de lectura, xa que estou convencido que a literatura ten que dar que pensar.»

 

Onte 1144: Os máis lidos

listado2

Soubemos onte da relación dos títulos máis lidos o pasado curso nos 209 clubes de lectura da rede de bibliotecas escolares de Galicia, unha valiosa información anual sobre as preferencias do noso lectorado mozo que contribúe a orientar o traballo de editores e mediadores. Chama a atención deste listado o peso dalgúns títulos publicados orixinalmente en galego como Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz, Todos somos de Marcos Calveiro, O corazón de Xúpiter de Ledicia Costas, Os fillos do mar de Pedro Feijoo, Ámote Leo A. de Rosa Aneiros, Faneca brava de Manuel Portas, Poetízate de Fran Alonso ou Dragal de Elena Gallego, por citar algúns dos publicados por Xerais. Como tamén é de salientar o protagononismo da novela, o elevado número de títulos traducidos e, en xeral, a veteranía dunha boa parte deles, o que expresa a permanencia destas eleccións capaces de transformalos en «clásicos do noso tempo». Xaora, o que me pareceu máis característico é o seu carácter de libros de fronteira, inevitable no seu papel na formación do lectorado literario. Como lin hai uns días nun carteliño nunha libraría de Gales, nesta relación dos máis lidos aparecen libros para a mocidade amados polas persoas maiores, libros para maiores amados pola mocidade. Unha relación a ter en conta.

Onte 1071: Outono literario

outono_literarioEmulando a famosa «Rentrée literaire» francesa, anunciamos onte as primeiras novidades do outono literario de Xerais. Recuperamos así as rotinas da promoción e a ilusión pola aparición nas librarías de novos proxectos, algúns tras moito tempo de de traballo autoral e de edición do noso equipo, como o Dicionario Xerais de Secundaria e Bacharelato, coordinado por Xosé Cid Cabido, a novidosa serie «Formig4s» de Pere Tobaruela e Andrés Meixide ou o libro sobre Los Suaves que preparou Javier Domínguez para a serie Extramuros. Anunciamos tamén a prometedora colleita dos Xerais 2014 de Ledicia Costas, María Reimóndez e Eduardo Santiago; o regreso aos andeis das narracións de Suso de Toro, Jorge Llorca, Xabier Quiroga, Carlos Reigosa; así como as novas entregas das series xuvenís de Jaureguizar e Anxo Fariña. E no mes de novembro aparecerán novos títulos de Diego Ameixeiras, Manuel Portas, Carlos Callón, Marilar Aleixandre, Xosé Ramón Pena, Xosé Tomás… As nosa angueiras continúan sendo procurar a excelencia nun catálogo dirixido a públicos diversos e visibilizar as nosas publicacións na libraría e nos diversos espazos de comunicación cultural. Comeza, pois, para nós, a campaña de outono.

Onte 959: Máis sobre a Xeración da Esperanza

antoniagamallo_1362227675_82Tras diversos comentarios e conversas comprendín que non estiven moi acertado cando definín a Xeración da Esperanza só polo criterio da idade. Sen dúbida é máis axeitado para confeccionar esta nómina de narradores e narradoras utilizar a data da súa primeira publicación individual arredor do inicio do novo século.

Dese xeito, á relación anterior habería que engadir a narradoras como Medos Romero (2000), Eva Moreda (2002), Dolores Ruíz (2002), Anxos Sumai (2003), An Alfaya (2003), Chelo Suárez (2003), Teresa Moure (2004), Begoña Paz (2004), Rexina Vega (2007),  Mariña Perez Rei  (2007), María Solar (2008), Elena Gallego (2010), Goretti Fariña (2011); así como a narradores como Manuel Veiga (1998), Xabier López López (1999), Xesús Fraga (2000), Hixinio Puentes (2000), Xabier Quiroga (2002), Xosé Monteagudo (2002), Miguel Anxo Fernández (2002), Xesús Constela (2003), Xerardo Agrafoxo (2003), Adolfo Caamaño (2004); Anxo Fariña (2004), Daniel Ameixeiro (2004), Sechu Sende (2004), Marcos Calveiro (2006), Xurxo Sierra Veloso (2006),  Agustín Agra (2006), Rafael Laso (2006), Domingo Villar (2006), Héctor Carré (2007), Carlos Freire (2007), Silverio Cerradelo (2007), Xosé Manuel Pacho Blanco (2007), Juan Tallón (2007),  Xabier Paz (2008), Alberto Canal (2008), Jorge Llorca (2009), Manuel Portas (2010), Iván García Campos (2010), Ignacio Silva (2011),  Xaime Toxo (2011), Manuel Iglesias Turnes (2012), Ignacio Vidal Portabales (2013), Xosé María Lema (2013), Pere Tobaruela (2013), Manuel Gago (2013), entre outros.

En definitiva, son máis de setenta as narradoras e narradores en lingua galega –aos que con certeza habería que engadir algún nome que queda atrás (polo que pido desculpas)– que iniciaron o seu vieiro co novo século. Unha noticia para a esperanza da nosa narrativa en tempos de difíciles.

Onte 696: Manuel Portas na Feira do Libro da Coruña

No que foi o noso derradeiro serán este ano na Feira do Libro da Coruña, acompañamos a Manuel Portas na presentación de Faneca Brava, a súa novela máis recente. Iniciou o seu discurso Portas expresando «o papel complicado do autor nos actos de presentación xa que todo o que un pode dicir pode ir na súa contra; a fin de contas o que un quixo facer xa o fixo ao escribir o texto; hai, pois, un perigo de transgredir a proposición inicial que un fixo na súa cabeza.» «Ademais, o ideal sería valorar o texto só, superando os preconceptos sobre o autor, que arrastra das súas obras anteriores.»

Confesou Portas que considera Faneca Brava unha novela diferentes ás anteriores. «A diferenza de Denso recendo a salgado ou Un dedo manchado de tinta, que tiñan un protagonismo colectivo, onde non existían protagonismos destacados, un froito literario do realismo colectivo de despois dos anos cincuenta e sesenta, aquí a atención concéntrase no protagonismo da prima Concha.» «Concha é o foco de atención polo seu carácter rebelde e polo seu comportamento a contracorrente. Concha representa a represión sobre as mulleres do seu tempo. Ela é capaz de rebelarse contra todas aquelas pexas para afirmar a súa personalidade.» No obstante, Portas recoñeceu que na novela tamén ten o seu protagonismo todo o entorno familiar de Concha, «moi preocupado “polo que dirán” na súa sociedade rural e mariñeira; un comportamento hipócrita que oculta os abusos sexuais padecidos por esta rapaza.» Para Portas o esencial da novela «é que constitúe unha reflexión sobre como muda a percepción dunha muller, estereotipada como “ovella negra”, para o que foi necesario introducir na segunda parte a mudanza do punto de vista, por medio dun segundo narrador omnisciente.» Para o autor «a novela é en certa medida triste, a pesar de que Concha é unha loitadora, mesmo que acaba triunfando, que consigue finalmente algo que ten importancia nunha vida frustrada. Porén, o seu amor vaise deformando, é un amor insatisfeito, xa que se acostumou a vivir cos pés envoltos.»

Rematou a súa intervención salientando Portas a necesidade da polifonía artística da narrativa galega actual. «Aeste teor en Faneca Brava hai dous aspectos a salientar. Primeiro, a presenza da música. Aquí hai cancións de Fausto, Amancio Prada, Carlos Gardel e Vinicius de Morais. Segundo, as referencias  a algúns poemas de Rosalía de Castro.» «Creo que o futuro da literatura está en confabularse con outras expresións artísticas do noso tempo, a música, o cómic e o cinema. Os produtos culturais actuais deben ser redondos. Ademais, existen precedentes. Eis a nosa literatura que naceu da man da música. Non o esquezamos, a música, a danza e a literatura ía da man na nosa cultura medieval.»