Listado de la etiqueta: manuel_pérez_álvarez

Desbloqueo metropolitano

Volvo no artigo da semana en Faro de Vigo sobre o conflito da Área Metropolitana de vigo:

Chapela_VigoA pasada semana as páxinas de Faro de Vigo acolleron tres artigos magníficos, escritos por veteranos municipalistas, nos que apelaban a procura de fórmulas de mediación capaces de desbloquear o conflito da constitución da Área Metropolitana de Vigo (AMV). Tanto no texto de Carlos Núñez, concelleiro no seu día, no de Manuel Pérez Álvarez, alcalde de Vigo de 1995-1999, como no de Xosé Manuel Pazos, alcalde de Cangas e vicepresidente primeiro da AMV, salientábase a importancia da creación da AMV para mellorar os servizos dunha comunidade de medio millón de persoas e a necesidade de establecer un espazo de diálogo entre as partes para dar paso a un proceso de negociación e acordo. Posicións que comparto ao cen por cen. Nunha situación de bloqueo político como a que sofre a AMV non hai outro camiño que identificar os conflitos, coa intención, primeiro, de describilos coa maior obxectividade, e despois, darlles unha solución dende a racionalidade e a legalidade.

Só dende unha posición de diálogo analítico ilimitado, poderá entenderse o problema do Plan de Transporte Metropolitano, onde o Partido Popular centra toda a súa estratexia de oposición á constitución da AMV. Unha cuestión pouco entendible dende posición apartidarias coma a nosa, cando tras unha longa negociación o concello de Vigo asinou coa Xunta de Galicia un convenio polo que integraba o seu transporte urbano no plan autonómico. U-lo problema? U-la negativa de Vigo a incorporarse ao sistema de transporte da Xunta? Xaora, non é un segredo que neste tema o que se discute é apenas unha interpretación do texto do convenio, cuestión que podería ser dirimida, de non chegar a un acordo, pola doutrina dos tribunais do contencioso. Porén, foi a que levou aos populares a xustificar o seu boicot á constitución da AMV e a emprender unha campaña en contra do seu presidente, cun interese, a todas luces, partidario. Unha interpretación, a dos conservadores, que carga inxustamente sobre a facenda municipal viguesa, e polo tanto sobre todos os seus cidadáns, o custe dos desprazamentos urbanos que a maiores, despois dunha viaxe en vitrasa e o seu transbordo correspondente, puidesen realizar outros cidadáns metropolitanos. Un tema que, atendendo aos intereses xerais e integrado nun plan de mobilidade metropolitana, sería solucionable nos órganos da propia AMV.

Como semella tamén abordable o outro casus belli, o nacido do propio acto de constitución da área, en boa medida viciado despois polo boicot das seis alcaldías do Partido Popular á constitución da Xunta de Goberno. Constitución do goberno metropolitano que non pode nin ser emendada pola vía administrativa nin deslexitimada cando conta co apoio dunha amplísima maioría. Trabúcanse os que demonizan aos seus rivais políticos, como sucede coa figura do alcalde de Vigo e presidente da AMV, a quen os membros do PP fan responsable de todos os males, e ao mesmo tempo expresan a súa vontade de reconducir un proxecto estratéxico, como o da AMV. Tempo haberá para a confrontación electoral dos proxectos municipais de cada unha das forzas políticas.

Non teño dúbida que tal como sucederon os feitos o primeiro xesto no desbloqueo do conflito metropolitano de Vigo corresponde expresalo ao Partido Popular, e ao seu primeiro responsable, o presidente Feijoo, asumindo a súa minoría política actual na AMV, abandonando a súa estratexia de confrontación coas alcaldías metropolitanas do PSOE, BNG e En Marea e ofrecendo a colaboración do Goberno Galego no desenvolvemento da área. Como tamén é imprescindible, como xusta contrapartida, que tras a incorporación das alcaldías populares, os diferentes órganos da AMV, dende a súa Xunta de Goberno ás comisións de traballo, sen menoscabo ao respecto dos principios ideolóxicos e políticos de cadaquén, asuman o reto de acadar os máis altos niveis de consenso nas cuestións estratéxicas da AMV e naqueloutras máis vinculadas aos problemas cotiáns dos cidadáns, dende o plan de transporte e mobilidade (dous temas que deben ir da man), pasando pola xestión de servizos de auga, saneamento, seguridade e protección civil, até os relacionados co emprego, os servizos sociais, sanitarios e culturais.

Acometer este desbloqueo supón un exercicio de responsabilidade política por parte de todas as alcaldías e dos representantes dos diversos grupos municipais presentes na Asemblea da AMV. Uns e outros teñen obriga de asumir que os intereses do medio millón de cidadáns da área, e dos cen mil que se poidan incorporar no futuro, están por riba daqueloutros dos seus partidos.

Vigo, cidade euroatlántica

No artigo da semana en Faro de Vigo lembro a experiencia do primeiro goberno tripartito (1991-1995) no concello de Vigo.

Na historia recente de Vigo hai algúns capítulos políticos que deben ser aclarados. Entre eles o do gravísimo conflito pola instalación da empacadora nos peiraos do Guixar, que facilitou a única maioría absoluta coa que contou o Partido Popular en Vigo, a que na primavera de 1995 levou á alcaldía a Manuel Pérez Álvarez. Documentando o libro que publicaremos de Cameselle, o grande fotógrafo de “Faro de Vigo” falecido hai un ano, reparei naqueles sucesos iniciados hai agora vinte anos, que fixeron naufragar aquel ilusionante tripartito vigués presidido polo alcalde socialista Carlos G. Príncipe, coaligado cos nacionalistas do PSG-Esquerda Galega de Suso Costas e do Bloque Nacionalista Galego de Lois Pérez Castrillo. Nas fotos recuperadas do arquivo Cameselle vese unha das grandes manifestacións veciñais baixo o lema “Teis contra a empacadora”, a celebrada o 29 de novembro de 1994, mais tamén o espectacular incendio dun vitrasa, que se produciu o día seguinte. Dúas testemuñas gráficas dun conflito da serie negra, incomprensible dende a nosa ollada hoxe, tanto polos argumentos coma polos métodos contundentes utilizados polos seus protagonistas, no que os medos veciñais sobre o impacto da compactadora foron utilizados nunha estratexia de manipulación e intoxicación política sen precedentes (e nunca aclarada) que pretendía expulsar a socialistas e nacionalistas do goberno da casa do Campo de Granada.

Se non lembro mal, a orixe do conflito de Teis, estivera na valente decisión do tripartito de Carlos Príncipe de pechar e selar o vertedoiro do Zondal no barrio do Freixo, onde durante vinte anos se queimaban cada día as case 300 toneladas de lixo que producía a cidade. Como contrapartida Vigo incorporábase ao sistema de eliminación de residuos da empresa pública galega Sogama, promovido por Xosé Cuíña, entón conselleiro de Política Territorial e Obras Públicas. Unha solución medioambiental que requería a construción dunha planta de compactación dos residuos en Vigo para facilitar o seu transporte á planta incineradora de Cerceda na Coruña. Decisión que dúas décadas despois sabemos foi acertada, tanto pola recuperación do Zondal, non exenta de dificultades pola evacuación de gases e lixiviados, mais transformado hoxe nun miradoiro privilexiado sobre as Cíes, como polo mínimo impacto do funcionamento da compactadora sobre a veciñanza de Teis.

O labor daquel goberno de Príncipe nuns anos de gran entusiasmo (e crise económica) deixou unha profunda pegada no Vigo de entre séculos. Con moita coraxe acometeu proxectos infraestruturais básicos, até entón adiados, como a finalización das obras dos saneamento integral de todas as parroquias viguesas (un fito histórico nunca suficientemente valorado para unha cidade en bisbarra), a posta en marcha da primeira depuradora do Lagares ou a abordaxe de proxectos urbanos estancados durante décadas, como o da apertura da rúa Rosalía de Castro, unindo a Metalúrxica coa Caixa de Aforros. Aquel inédito goberno (de mozos de trinta e tantos), apoiado por unha ampla maioría social, coa que nunca contara o alcalde Manuel Soto durante os seus tres mandatos, puxo ademais os alicerces de moitos dos proxectos municipais inaugurados durante estas dúas últimas décadas. Daquel impulso político naceron as primeiras humanizacións do centro, coa da rúa María Berdiales como prototipo. Nese período xerouse o proxecto de Abrir Vigo o mar, coa reforma integral das Avenidas e o túnel de Beiramar, financiado pola Zona Franca, que sería desenvolvido despois polos gobernos de Manuel Pérez e Lois Pérez Castrillo. No eido do patrimonio e da cultura o goberno Príncipe foi decisivo para a recuperación integral do Casco Vello, co inicio do primeiro plan Urban; para a ampliación da Casa Galega da Cultura, onde se instalarían a Biblioteca Penzol e o legado de don Francisco Fernández del Riego; para a modernización do Museo de Castrelos, a construción do Museo do Mar e da Casa das Palabras de Samil. Outrosí sucedeu coa rede de centros cívicos veciñais que foi impulsada, así como a de instalacións deportivas.

Con todo, entendo que a achega máis importante daquel tripartito dos noventa foi o de introducir o planeamento estratéxico como ferramenta de participación cidadá e veciñal no deseño da cidade futura. Dos documentos do denominado primeiro Plan Estratéxico de Vigo naceu o posicionamento de Vigo como cidade portuaria euroatlántica de carácter metropolitano, cunha posición central no denominado Eixo Atlántico Peninsular que artella unha poboación de máis de seis millóns de persoas. Un proxecto que non perdeu unha miga de actualidade e merece ser posto en valor. Como aquel valioso labor do tripartito de Príncipe, Costas e Castrillo.

As fotos son de Guillermo Cameselle. Forman parte do libro Cameselle. Crónica fotográfica de Vigo (1995-2005), que será publicada en novembro por Xerais.