Está vendo o arquivo da categoría » málaga

Campo do Fragoso CCIX

bretemas —  19 de Marzo de 2018 — Deixa un comentario

SEDE DE FÚTBOL

Hai derrotas agredoces que teñen sabor a empate e hai empates que destilan o sabor amargo da derrota. Este foi o caso da igualada do serán de onte que deixa ao Celta máis lonxe do seu obxectivo europeo e ao Málaga como pechacancelas, case sen posibilidade ningunha do milagre da salvación. Un empate, pois, que derrota a ambos os dous equipos, tras noventa minutos decepcionantes, sobre todo dos discípulos de Juan Carlos Unzué, que volveron a ser apupados por unha parte da bancada celeste. Asubíos que constitúen apenas o síntoma do descontento que moitos seareiros veñen manifestando de forma privada e ao longo de practicamente toda a tempada co xogo raquítico e a traxectoria errática do Celta do adestrador navarro. Tras o xogo excelente e a intensa ilusión que callou na bancada durante as tres tempadas de Berizzo, na lameira do Fragoso hai moita sede de fútbol, esa materia dos soños que onte non apareceu até os vinte minutos finais.

Xaora, non é doado narrar o que sucedeu nos setenta minutos iniciais sobre a alfombra de Balaídos. Unha auténtica tortura de posesión inútil, de pases e máis pases en espazos inertes por parte de dous equipos que non conseguiron xutar con perigo nin unha soa vez entre os dous paos, xa que non poden ser considerados de tal categoría nin o remate de Pione Sisto no 35’, que saíu moi desviado e levaba escaso veleno, nin o xute raso dende a frontal de Chory Castro por parte dos malagueños no 39’. E o peor do caso, foi que sería difícil identificar neste primeiro período quen era o pechacancelas e quen o aspirante a Europa League, xa que ambos os dous equipos renunciaron a asumir riscos ofensivos, limitándose con escasa intensidade a procurar un roubo ou un erro nalgunha das saídas tediosas do balón, sobre todo por parte de Sergio, un chisco nervioso na súa reaparición na portaría, tras a lesión de Rubén durante o quecemento.

Tras a reanudación non mudaron moito as tornas e o fútbol apenas apareceu na lameira. No entanto, Aspas, moi inquedo e rebuldeiro –recibiu unha amarela por unha discusión con Miguel Torres, o mediático defensa malacitano–, foi entrando en xogo e dispuxo de até catro oportunidades claras de gol, que para o noso abraio desta volta en caso ningún fixeron variar a táboa de marcas, feito ao que non foron alleos dous paradóns de Roberto e unha certa dose de imprecisión do Merlín de Moaña. Diante dun Celta que non carburaba, onde as liñas estaban moi separadas, faltando pouco máis de vinte minutos para o remate, Unzué puxo e marcha o plan b e procurou coa entrada de Radoja e Boyé un fútbol máis directo, rápido e intenso. A bancada animouse e semellaba que o gol celeste chegaría decontado. Tras un gran centro de Lobotka, tívoo Maxi no 80’ nunha cabezaba na área pequena. E tívoo un minuto despois Aspas a porta baleira que errou no remate na área pequena, tras un servizo de Maxi Gómez. Un erro incomprensible da nosa figura, que demostra o carácter azaroso desta disciplina deportiva, que tamén queremos sexa das belas artes.

E como non chegaba o gol celeste, no 89’ foron os malagueños os que tiveron a vitoria a uns centímetros, tras unha gran xogada de contraataque de Keko rematada ao pao esquerdo por Lestienne, todo un golpe de fortuna para os nosos que nese lance puideron perder o partido. Unha xogada malacitana que derramou o vaso e anoxou a algúns seareiros da grada de Río que apuparon con vehemencia a Unzué, un adestrador que non acaba de convencer nin namorar á bancada transcorridas as tres cuartas partes do campionato.

Aínda que cos números na man é posible engancharse á loita polas posicións de privilexio europeo, o máis decepcionante do Celta deste final de inverno, incapaz de enlazar dúas vitorias consecutivas, é a pobreza do seu xogo, dependente da xenialidade de Aspas e da eficacia goleira de Maxi Gómez. O Celta do navarro non é capaz de contaxiar entusiasmo nin sequera doses da ilusión imprescindible para acadar os obxectivos da excelencia. Fáltalle a sede de fútbol que nos presta aos afeccionados celestes, que ben sabemos en que consiste o xogo da serpe e a afouteza celeste. E xa non abondan as declaracións autocompracentes de que somos un equipo pequeno con rapaces da canteira. O Celta ten hoxe vimbios para aspirar a máis.

Campo do Fragoso CXCI

bretemas —  9 de Xaneiro de 2017 — Deixa un comentario

faro-chapela-4667593-2_gASPAS ASOMBRA

Dende os tempos de Alexander Mostovoi, hai agora dúas décadas da chegada a Vigo do noso tsar, o Celta non contou cunha figura tan determinante e luminosa como a do incrible Iago Aspas desta tempada. O Merlín de Moaña, o mago do Morrazo, ou como queiramos alcuñalo, vive o momento máis extraordinario da súa carreira, tanto pola súa capacidade para marcar, que o sitúa a esta altura como o mellor goleiro seleccionable para Julen Lopetegui, cos mesmos tantos que Cristiano, apenas un por baixo dos de Messi e Luis Suárez, como pola confianza contaxiosa nas súas propias posibilidades, o que lle permite na lameira liderar ao equipo, intentar o máis difícil e non dar nunca unha bóla por perdida.

Onte Aspas volveu asombrar. Meteu un gol espectacular e participou de forma determinante nos outros dous, facilitando ao Celta unha vitoria (aparentemente) cómoda fronte a un bo Málaga do debutante “Señor Gato”. Á estrela celeste fixéronlle falta apenas seis minutos para aproveitar unha diagonal de trinta metros de Jonny, froito dunha recuperación no centro do campo do defensa de Matamá. Iago soubo conducir en carreira coa esquerda, levar ao rego ao seu marcador e sentar a Kameni xusto no momento en que mudou a bóla de perna para xutar e superalo con facilidade. Un contraataque marabilloso de toque, carreira, caneo, xute e gol. Un gol cen por cen da canteira galega que abría a táboa de marcas e que condicionou o devir do partido.

Certo é que no minuto 18 o árbitro non viu, tras un remate de Guidetti, unha clara man de Diego Llorente na área andaluza, o que podería ter pechado o que foi unha saída preciosa do cadro de Eduardo Berizzo. Mais bó e recoñecer que a partir de entón os visitantes nunca tiraron a toalla e o partido se foi igualando, con oportunidades en ambas as dúas portarías e un xogo combinativo ben xeitoso para a bancada. Nestes ires e vires ao Málaga sobroulle xogo e faltoulle fortuna no remate, tanto nas chegadas do seu goleiro Sandro como na cabezada de Mikel Villanueva desviada por Rubén Blanco nunha das súas mellores paradas da tarde.

Tras a reanudación o panorama no mellorou para o Celta, que sufría máis do previsto, obrigado polo Málaga a repregarse diante da súa portaría. Xaora, no minuto 60 volveu aparecer a afouteza de Aspas. O noso internacional pelexou unha pelota na frontal da área que enviou á esquerda, onde Bongonda centrou ao primeiro toque agardando a chegada de Wass dende a segunda liña para que o dinamarqués marcase case a pracer. Un gol decisivo no partido, xerado por Iago a partir dunha pelexa a cara de can cos seus defensores. Como magnífica foi tamén a súa participación no terceiro, aos 73 minutos, sacando unha falta moi rasa que, despois dun erro clamoroso de Cabral, Andrés Fontán enviou ás redes dende a área pequena. O partido semellaba pechado, mais como sucede decote no treito final non faltou o agasallo celeste, desta volta un autogol de Wass, que cabezou un saque de falta que levaba veleno. Un gol que facía xustiza ao esforzo dos malagueños que pouco minutos antes tiveran un deses goles que semellan feitos, abortado in extremis por un Rubén Blanco, cada vez máis seguro e valente nas súas intervencións.

Ademais da gran tarde de Aspas, que como un líder indiscutible do equipo soubo marcar o ritmo de xogo, acougando ou acelerando cando era preciso, tamén estiveron a un gran nivel Radoja e Wass, dous xogadorazos que medran en cada partido. Outra das claves desta tempada excelente na que o Celta de Berizzo continúa con magníficas expectativas nas tres competicións nas que participa. Mellor non se pode comezar un ano de ilusión para o celtismo

Campo do Fragoso CLXXX

bretemas —  9 de Maio de 2016 — Deixa un comentario

berrizzo_08-05-2016TEMPADA DE OURO

Unha das maiores grandezas do celtismo é a sobriedade para gozar das vitorias e a serenidade para asumir os resultados adversos. Actitudes forxadas partido a partido, tempada a tempada, xeración tras xeración, na vella catedral do Fragoso apoiando aos celestes na súa angueira sempre difícil, sufrindo e gozando da súa afouteza e dun xogo que, dende hai dúas décadas, aquí gusta traballado e combinado. Así foi esta tempada de ouro, a mellor da última década, onde os celtistas gozamos dun xogo de alta escola do cadro de Berizzo, mais tamén sufrimos os desacougos inevitables, froito das carencias e limitacións dun cadro, que a pesar da clasificación privilexiada continúa sendo moi humilde e conta (canteira incluída) cun número moi axustado de efectivos. Así foi tamén o partido da tarde de onte co Málaga, onde houbo instantes de cor, cando escintilou o xogo dos nosos e estoupou a ledicia da bancada, mais tampouco faltaron outros moitos minutos grises de chumbo, coma o ceo que deitou devagariño a poalla que foi enchoupando aos xogadores.

A pesar da inxusta derrota de San Mamés, Berizzo demostrou que non se rende na súa batalla polo quinto posto. Dispuxo ao triángulo chileno (Chelo, Tucu e Orellana) para soster e lanzar ao equipo, que tardou case un cuarto de hora en contar coa súa primeira gran oportunidade, tras un pase de Wass sobre un xenerosísimo Tucu Hernández que case na área pequena preferiu ceder sobre Aspas, o que evitou in extremis un defensor andaluz. O Celta teceu e teceu paciente, sen perder a confianza na posibilidade de crear superioridades, a pesar de que o Málaga incomodou aos chilenos con continuas faltas e brusquidades. Con todo, grazas a balóns longos, o Celta foi abrindo o seu xogo de ataque polas bandas, sobre todo pola de Nolito, moi comprometido durante os noventa minutos. O internacional gaditano trazou un tiraliñas interior antolóxico ao que non chegou Orellana, anunciando a marabilla que minutos despois sería a xogada do único gol do partido.

Unha xogada protagonizada pola NAO celeste, ese tridente marabilla formado por Nolito, Aspas e Orellana, á altura dos mellores goles da tempada. Iniciada por Nolito na banda esquerda cun desprazamento sobre Aspas na frontal, o xenio de Moaña cedeulla ao poeta chileno que agardou para centrar dende a banda dereita a chegada a área pequena de Nolito para que este, unha vez superado o gardarredes, tivese que empurrar a porta baleira. Un gol tremendo, unha acción redonda, comezada e finalizada por Nolito, fermosA na concepción e rotundA na execución. Uns segundos onde escintilaron as faíscas de xenialidade destes tres xogadores capaces de compartir as súas accións en instantes decisivos.

Co marcador adverso, o Málaga adiantou as súas liñas. Rubén chapou cunha pombiña elegante un magnífico saque directo de Recio que entraba pola porta. Xaora, Nolito puido liquidar o partido nunha das súas xogadas preferidas, o tiro con parábola ao pao longo, mais quedoulle curto e Ochoa atrapoullo. Tras o descanso, o poeta Orellana puido marcar nun lanzamento de falta que lambeu o pao esquerdo. Con todo, foi unha oportunidade aínda máis clara a de Aspas, que tras un servizo magnífico de Nolito, correu a banda esquerda e entrando na área debuxou unha vaselina sobre o pao dereito que o porteiro andaluz conseguiu desviar cos dedos. Outra xogada memorable.

Durante os vinte minutos finais, coincidindo coa entrada no terreo de Juanpi, o Málaga desenvolveu o seu mellor xogo. Sufriron os de Berizzo. Camacho encarou en dúas ocasións con claridade a Rubén, mais o noso xove gardarredes soubo aguantalo. Só faltando cinco minutos, cando máis apretaban os de Javi Gracia, a bancada desentendeuse das incidencias do xogo e comezou a cantar coa emoción dos grandes momentos a Rianxeira e a celebrar a extraordinaria clasificación europea. Unha tempada de auténtico ouro, onde compartimos o celtismo da humildade e da afouteza, o do xogo de salón e o do fair play, o que sofre e o que goza coas súas cores. Estamos de volta.

Onte 774: Celta cinco

bretemas —  27 de Outubro de 2013 — Deixa un comentario

O Celta marcara un gol nos cinco últimos cinco partidos, mais onte en Málaga sumou cinco goles nun encontro inesquecible, marabilloso. Así é a gramática do xogo celeste, capaz nunhas oportunidades de desacougarnos, mais tantas outras de facernos gozar e soñar. Cando o barco estaba nas pedras, Luis Enrique foi capaz de sacalo coa suavidade dun capitán experto. Abondoulle reforzar a defensa coa entrada de Cabral e Aurtenetxe e axeitar apenas o seu debuxo táctico ás características do seu cadro de xogadores. O xixonés baixou do andamio e adiantou a Borja para dirixir a orquestra, unha medida esencial para reequilibrar as funcións de Fontás e Álex, dous xogadores que onte ganduxaron senllas actuacións memorables. Mais todo o equipo deu unha exhibición, unha lección de fútbol tremenda, un recital de xogo que cunha intensidade e confianza nas propias posibilidades asombrosa foi noqueando amodiño aos malacitanos. A achega de Nolito pola banda esquerda resultou imprescindible, xa que é (como o meu admirado Aspas) deses poucos dianteiros posuidores de carga eléctrica abonda para iluminarnos con goles extraordinarios, como o que meteu onte o gaditano coa perna dereita, tras un pase longo, tamén extraordinario, de Andreu Fontás. Unha xogada de fútbol de salón das que prestan no campo do Fragoso. Nalgúns momentos deste partido (insisto) incríble, o Celta lembroume a aqueloutro de Víctor Fernández que tecía o xogo da serpe, intenso, fermoso e moi goleiro. Agardemos que con este partido remate a longa pretempada, coas súas probas e resultados incertos. Como di a miña sogra Concha, hoxe chegou o mar á ribeira. Cómpre, pois, continuar polo esperanzador ronsel aberto na Rosaleda. En todo caso, na noitiña do martes gozaremos en Balaídos dun partido no que sen urxencias nin dramatismos poderemos atuar ao mellor equipo do mundo. Os celtistas somos incorrixibles, recuperamos decontado o entusiasmo.

Campo do Fragoso CXXVI

bretemas —  19 de Agosto de 2012 — Deixa un comentario

SABOR AGRIDOCE

No regreso a Primeira gustoume o Celta, a pesar dese resultado tan ruín e decepcionante que supón encaixar un gol cando faltaban apenas seis minutos para o tempo de desconto. Con todo, o marcador foi xusto xa que este Málaga de Champions de Pellegrini procurou con maior convicción a vitoria que o Celta de Herrera que, debemos recoñecer, no treito final deu un paso atrás e non arriscou abondo conformándose co empate. Tras esta primeira derrota, a bancada celeste quedou con sabor agridoce nos beizos, o Celta ten valiosas potencialidades e algunhas eivas e fraquezas moi preocupantes. Non hai dúbida que posúe a solidez estrutural e a capacidade técnica propia dun equipo grande e competitivo, ao que non vai ser tan doado dobregar. Como tamén os celestes evidenciaron sobre a lameira unhas enormes carencias no remate, nun serán moi desgraciado para os seus dianteiros, sobre todo para Quique De Lucas, onde a pelota non quixo entrar na portaría que defendeu de marabilla e cun chisco de potra Willy Caballero.

O entusiasmo incansable dunha bancada feliz por este anceiado regreso sostivo ao Celta durante un partido moi igualado e intenso, onde os malagueños tiveron máis o control da pelota e os celestes utilizaron para nivelalo a velocidade do seu contragolpe. Comezaron os dez primeiros minutos cun excelente xogo de toque do Celta, case de claqué, conducido por Borja Oubiña e impulsado polos cambios de orientación de Álex López (un xogador que cremos estoupará esta tempada como unha auténtica figura) que procuraban a capacidade eléctrica de caneo e a mobilidade de Iago Aspas. Así naceron dúas oportunidades de certa entidade que prometían un Celta atrevido. Porén, a pesar de non perder o seu debuxo táctico, os nosos foron cedendo a pelota a un rival que xa puido marcar no minuto 12 cando Joaquín lanzou rasa e ben colocada unha falta que Javi Varas parou en dous tempos. O primeiro aviso de que os visitantes só se conformarían cos tres puntos. Foi tamén Joaquín quen sete minutos despois aproveitou unha paxarada de Bustos (a quen vimos un pouco xusto para a categoría) para fabricar un gol feito, estragado polo seu compañeiro Isco. Tras eses momentos de serios apuros para os nosos, o partido entrou na súa fase máis fermosa e emocionante. O Celta apostou por ampliar o terreo a base de pases longos. Foi primeiro Roberto Lago quen achegou un centro en parábola ao que non chegou por centímetros Quique De Lucas. Despois foi un saque de recanto moi ben ensaiado entre Aspas e Hugo Mallo o que provocou un remate de Túñez que debeu entrar. Con todo, a chave do partido para o Celta estivo no minuto 38, nese tremendo cacheiron de Álex que parou de forma milagreira Willy, tras un xogada de fantasía dun Aspas que pelexou con afouteza contra as dúas vigas andaluzas que lle asignaron. Remataba así un excelente primeiro tempo.

De Lucas debeu marcar no primeiro minuto do segundo, cando o defensa lle aguantou outra galopada sen facerlle penalti. Pouco tempo despois, tras unha combinación, dirixida outra vez pola luva de Álex, o extremo catalán puido marcar, mais o porteiro debeu tocar a pelota coas unllas para desviar a pelota ao poste. Coma sucedera na primeira parte, o Málaga comezou a opacar con paciencia o fulgor celeste e comezou a ter as súas oportunidades. Pellegrini utilizou axiña os seus tres trocos que mudaron o panorama. No minuto trinta os visitantes enviaron un cacheirón ao longueiro e no trinta e nove, cando Herrera se aturullaba na banda para facer os seus trocos, o camerunés Fabrice Olinga, un rapaciño de apenas 16 anos que acaba de entrar no campo, cunha bicicleta atopou por vez primeira as costas á nosa parella de centrais, Cabral e Túñez, que até entón construíran un muro infranqueable. Aínda así, o Celta puido empatar o encontro nos minutos de desconto, cando Cabral rematou ao longueiro no derradeiro minuto. En definitiva, mal resultado e mellor xogo, un balance entre o lusco e fusco, como pode ser a tempada deste Celta de primeira.