Listado de la etiqueta: luís_seoane

Onte 1356: Luís Seoane no Marco

15_Seoane

A nova exposición do Marco, Luís Seoane. Retrato de esguello, pareceume unha marabilla. Coma fixeran hai uns meses coa obra pictórica de Francisco Mantecón, os responsables do museo de Príncipe contribúen agora a recuperar e poñer en valor a obra dun dos grandes artistas galegos do século XX, quizais a figura máis internacional e transgresora das nosas artes. Trescentas pezas de diversos soportes e expresións utilizados por Seoane ao longo de cincuenta anos (dende portadas de libros, carteis publicitarios, debuxos, gravados, pinturas, xilografías, tapices, deseños cerámicos, até fotografías dalgúns dos seus murais de Buenos Aires) ofrecen un percorrido moi completo pola obra visual deste artista xenial e polifacético.

Volveremos devagariño sobre os contidos dunha exposición esencial que demostra a oportunidade da colaboración estable entre Marco de Vigo e a Fundación Luís Seoane da Coruña. Contando só cos medios imprescindibles e cun traballo moi rigoroso de selección do comisario David Barro,  o resultado do relato visual deste Retrato de esquello é excelente. Na exposición atopei a dous bos amigos que me expresaron o seu entusiasmo desbordado polo que estabamos vendo: «Se Seoane fose catalán, estaría a unha altura moi superior a Tapies como pintor e a Mariscal como deseñador», dixome un deles. Un comentario que dá moito que pensar sobre o valor e proxección das nosas artes e creadores máis destacados. Recomendo vivamente visitar a exposición que estará aberta até finais de setembro. Parabéns moi merecidos ao comisario e ao equipo do Marco.

O Picasso galego

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición O primeiro Picasso do Museo de Belas Artes da Coruña.

news_story_detail-14-El-hombre-de-la-gorraO 13 de outubro de 1891 chegou ao porto de Vigo o vapor Asturias do que desembarcaron, procedentes de Málaga e tras unha penosa singradura atlántica, os cinco membros da familia Ruíz-Picasso que ao día seguinte tomarían o tren cara A Coruña. Esa foi a imprevista visita a Vigo do pintor Pablo Picasso, entón a piques de cumprir os dez anos de idade e de iniciar o seu período formativo de tres anos e medio na Coruña, onde sería alumno do Instituto Provincial de Segunda Ensinanza e da Escola de Belas Artes, onde seu pai (tamén artista) fora trasladado como catedrático de debuxo, ambos os dous centros educativos, situados no edificio Eusebio da Guarda.

Un período decisivo na vida de Picasso, tanto por coincidir co remate da súa nenez e co inicio da súa adolescencia coma polo agromar da súa vocación e actividade artística recollidas nos seus primeiros cadernos de debuxo, publicacións xornalísticas e pezas pictóricas que expoñería con apenas trece anos nos escaparates da tenda de mobles de Joaquín Latorre e da parauguería de Bernardo Hernández, ambos os dous establecementos da rúa Real, convertida así para a historia na primeira sala de exposicións de quen hoxe é unha icona da arte do século XX.

Aqueles anos coruñeses de formación quedaron para sempre na lembranza de Picasso, quen nunca se desprendeu das súas pinturas e debuxos galegos. Como nunca abandonaría ao longo da súa vida o fío de lealtade e admiración coa figura omnipresente do doutor Ramón Pérez Costales, o médico humanista, librepensador, republicán e poeta, a quen fixera un retrato en 1895, veciño da casa familiar da rúa Payo Gómez e amigo íntimo do seu pai, que atendeu a súa irmá Conchita, que magoadamente falecería en 1894 por mor da difteria. Unha Coruña de fin de século, entón efervescente, na que as súas elites sociais asumían un espírito republicán e laico, na que vivían figuras literarias da importancia de Manuel Murguía, Emilia Pardo Bazán, Galo Salinas ou Eugenio Carré que, sen dúbida, influíron dunha ou doutra maneira sobre o aire cultural e artístico que respiraba este xenio adolescente.

Anos de entusiasmo creativo nos que Pablo Picasso editará os seus periódicos, pequenas publicacións gráficas manuscritas que titulou Azul y Blanco, La Coruña e Torre de Hércules, unhas cantas cuartillas pregadas, onde mesturando debuxos (sobre todo caricaturas) e textos breves documenta con sutil ironía (quizais mesmo cunha pegada retranqueira galega) algúns acontecementos da vida social coruñesa e relata algunha instranscendente anécdota persoal. Apenas testemuñas dun Picasso precozmente “comiqueiro”, mais das que sempre se sentiu fachendoso, mesmo a pesar da súa inxenuidade, anteriores as súas pezas pictóricas influenciadas polo costumismo dos membros da chamada Xeración Doente, como Ovidio Murguía, Joaquín Vaamonde, Jenaro Carrero ou do seu profesor Isidoro Brocos, que adoitaban expoñer nos escaparates da céntrica rúa Real. Ollada con acento etnográfico que o Picasso galego xa ensaiara nos seus primeiros álbums, mais tamén presente nas súas táboas paisaxísticas iniciais e, sobre todo, nos seus extraordinarios retratos como “A rapaza dos pés descalzos”, “O home da gorra”, “Cabeza de vello” ou “Home con boina”.

Tras a marcha da familia Ruiz-Picasso a Barcelona, Picasso nunca máis regresou a Galicia, aínda que mantivo relación con diversas figuras galegas. Luis Seoane coñeceuno no seu estudio de París en 1949, onde sabemos lle mostrou o retrato que lle fixera o inesquecible doutor Pérez Costales. Con Camilo José Cela colaborou nun número especial de “Papeles de Son Armandans”. Tamén por medio da revista mallorquina, Celso Emilio Ferreiro dedicoulle a Picasso o poema “Soldado”, inspirado no “Guernica”, ao que pintor andaluz correspondeu agasallando ao poeta de Celanova o debuxo “Guitarra”, que sería reproducido en 1962 na primeira edición de “Longa noite de pedra”. Polo xornalista vilabés Antonio D.Olano, que mantivo amizade co pintor, sabemos que Picasso coñecía dende a súa adolescencia coruñesa a obra de Rosalía de Castro. Tamén a través de Olano, Picasso entrou en contacto co cantor Juan Pardo, para quen acabou ilustrando o single da canción “Anduriña”, que gravara co dúo Juan y Junior.

Por ventura este Picasso galego foi presentado nunha gran exposición, “O primeiro Picasso”, aberta dende hai dous meses no Museo de Belas Artes da Coruña. 120 anos despois daquela primeira exposición do xenio precoz na rúa Real ofrécese un percorrido por 80 obras da súa produción coruñesa, contextualizada na creación pictórica galega da fin do século XIX. Unha mostra que polo seu novidoso afán didáctico constitúe un dos fitos culturais do ano. Unha exposición máis que recomendable. Mágoa que estea aberta só até o 24 de maio.

Onte 1209: «O como é o que conta», artigos de Pepe Barro

o_como_e_o_que_conta

Aproveitei as horas de lectura de onte para mergullarme nas páxinas d’ O como é o que conta, unha colectánea de trinta artigos sobre o deseño, a cultura e a imaxe da cultura do noso admirado Pepe Barro. Unha edición moi reducida, apenas cen exemplares, que Pepe preparou o pasado nadal para agarimar as súas amizades, probablemente, coa intención de poñer en valor o deseño gráfico nestes tempos de crise, confusión e tanto tira para diante. Eis a importancia do título, O como é o que conta, que salienta o valor engadido e o carácter de actividade creativa e artística do deseño. Particular interese teñen no libro varias achegas á historia do deseño gráfico do libro galego e a recuperación do texto de «Quid», un artigo precioso no que Xosé Luís Méndez Ferrín defende que «a comunicación visual convertiuse nun factor de primeira importancia na vida moderna».

Pepe Barro pertence ao grupo fundacional do deseño gráfico galego contemporáneo, aquel que chantou as súas raíces sobre a tradición de Castelao e Luís Seoane, logo desenvolvida en Sargadelos por Isaac Díaz Pardo. Barro leva catro décadas ofrecendo os seus servizos, a súa investigación e a súa reflexión á comunicación gráfica galega. Comezou en 1977 preparando o deseño do semanario A Nosa Terra. Consolidou o seu traballo como membros dos ateliers que mantivo primeiro como BC&D (Pepe Barro, Chichi Campos e Xosé Díaz) e despois como Grupo Revisión Deseño (Pepe Barro, Xosé Díaz, Xosé Salgado e Lía Santana), onde desenvolveu moitos dos proxectos gráficos de Xerais ou traballos tan emblemáticos como os das caixas de ovos de Pazo Vilane até a camisola da selección galega de fútbol.

A edición galega actual ten unha débeda de recoñecemento co traballo que Barro e os socios dos seus ateliers fixeron para a modernización do libro galego como produto gráfico. Un labor que compartiron con outros deseñadores gráficos do seu tempo como Francisco Mantecón, Manuel Janeiro, Uqui Permiu, Francisco Vizoso, Fausto Isorna, Miguel Vigo ou Doñate. Grazas a todos eles no libro galego tamén o como é o que conta.

Onte 1200: «Galicia canta»

Galicia_canta

Comentei onte con Luís Ferreiro, director da Fundación Celso Emilio Ferreiro, o éxito da reedición de Galicia canta, considerado o primeiro long-play da música galega. Unha valiosa peza de coleccionista, recuperada no pasado mes de decembro pola Fundación CEF nunha edición non venal moi reducida.

Un disco na que o poeta de Celanova tivo moito que ver tanto na creación dalgunhas pezas como no seu proceso de edición e mesmo de distribución. Celso Emilio acuñou en Caracas en 1970 a idea de facer para a Galicia emigrante unha antoloxía dos intérpretes dalgúns dos integrantes da «canción galega moderna», a maior parte deles de Voces Ceibes, que comezaban a editar os seus singles e EPs en Edigsa e Xistral. Xustifícao nun textiño de presentación do disco, asinado como Arístides Silveira (un dos seus heterónimos), no que se diferencian os seis temas do lado A, no que se recuperaron as gravacións de Xavier (del Valle), Benedicto, (Xerardo) Moscoso, Guillermo (Rojo), Miro (Casabella) e Xoán Rubia, daqueloutra media ducia do lado B, gravada en Caracas por Xulio Formoso. O propio Celso Emilio tocou o pandeiro na «Pandeirada ao Che» de Xulio Formoso, ademais de ser autor de tres dos poemas do disco, «Romance incompleto» de Xavier e «Pola longa lonxanía» e «O dedo na chaga» de Formoso. Como tamén sabemos que Celso Emilio se ocupou de argallar a carátula do vinilo, recuperando ilustracións de Luís Seoane, e a súa distribución baixo o selo Pobovox (do que Galicia canta foi o seu único título). Contoume onte Luís Ferreiro que o disco fora distribuído entre as comunidades emigrantes de Caracas, Buenos Aires e Montevideo, e que algúns exemplares foran enviados a Galicia.

Sei que particular interese musical teñen hoxe os seis temas de Xulio Formoso, daquela universitario galego residente en Caracas, que musicou poemas do propio Ferreiro e dos poetas emigrantes irmáns Farruco e Ignacio Sesto Novás. Como sei que non se debe esquecer que dúas das súas cancións foron versionadas por intérpretes actuais, «Cholo peruán», incluído en 1978 por Pilocha no seu primeiro disco, e a xa citada «Pandeirada ao Che» por Luar na Lubre en 2005 no seu disco Saudade.

A recuperación deste long play alboral, realizada con grande fidelidade e respecto ao orixinal por Luís Ferreiro e o equipo de Ouvirmos de Xosé Aldea, constitúe un fito para a memoria da música galega das últimas cinco décadas, tanto pola singularidade desta antoloxía como polo feito da destacada participación do poeta Celso Emilio Ferreiro naqueles difíciles anos da emigración venezolana. Escribiu Arístides Silveira na presentación do disco que «esta é unha canción [referíndose á galega] que está á altura deste momento histórico, e a súa presenza deixará, sen dúbida, unha profunda pegada na cultura de Galicia.» Non se equivocou unha miga Celso Emilio, non. Galicia canta é unha pequena alfaia que conservaremos coma ouro en pano na nosa discoteca galega. Parabéns á Fundación CEF pola recuperación, especialmente a Luís Ferreiro e Xosé Aldea que a fixeron realidade.