Listado de la etiqueta: luis_landero

Confeitaría Ramos

Dedico o artigo semanal en Faro de Vigo á memoria da confeitaría Ramos e outras dozarías clásicas viguesas:

A confeitaría Ramos, despois de case un século no baixo de Pi y Margall 18, pechou as portas para trasladarse aos locais da pastelaría La Camelia na rúa Enrique Lorenzo 2. Un inesperado agasallo para o padal da veciñanza de Teis, que poderá gozar na proximidade das larpeiradas de Ramos, máis tamén outra perda para o meu barrio, a carón do paseo de Afonso e do que noutrora foron os da Falperra e o Barrio do Cura, o comezo da vella estrada de Baiona. A dozaría, como lle chamabamos, o establecemento dos Barreiro, unha estirpe de pasteleiros artesáns, xunto ás igrexas evanxelista e católica, era a derradeira referencia que quedaba dun territorio da desolación urbana, con numerosos edificios abandonados e a maioría dos locais comerciais pechados, estraño para os que alí nacemos e vivimos no último medio século. O edificio da dozaría será derrubado, como o foron xa practicamente todos os do barrio, para construír apartamentos, e apenas nos quedará o rastro que os recendos da dozaría deixaron na memoria da nosa infancia.

Ramos é polo seu repertorio de doces e salgados unha das confeitarías viguesas máis clásicas, ofrecendo algunhas delicias artesanais continuadoras dunha tradición pasteleira de toda a vida. Os seus croissants cun toque de crema son para min os mellores da cidade. As súas empanadillas e empanadas, sobre todo as de bacallau, elaboradas a medio punto mesturando masas, son extraordinarias. Os seus «plumcakes» de froitas confeitadas, deliciosos, á altura dos que ofrece a confeitaría Solla da rúa Uruguai, onde, por certo, prepara esoutra marabilla da crema en forma de lingua queimada. Como inesquecibles son os sabores das medias noites e bolos de leite de Ramos, os bocados dos días de festa da miña infancia. E os seus canapés, o seu finísimo cabelo de anxo de cabaciña, as súas pastas de té e a súa pastelaría variada… Mais se por algo destacou Ramos sempre foi polo seu roscón de Niza, unha singular recreación do artesán engadindo ao pan durmido unha crema de elaboración secreta, presentada a maior parte das veces como trenza, ensaiada con bastante fortuna por outras pastelarías vigueses modernas. Como tamén é coñecida polas súas larpeiradas de tempada, sexan os seus turróns de xema e chocolate, figuriñas de mazapán e polvoróns, as súas enormes orellas de frade ou ósos de santo.

Mención á parte merece a interpretación que Ramos leva facendo da receita da torta Llanderas, probablemente a torta máis netamente viguesa, o símbolo máis larpeiro da cidade, creada polo artesán pasteleiro Ignacio Arrondo nos anos 50, como unha variante da torta polonesa imperial rusa, bautizada polo reposteiro co apelido dun seu amigo, para evitar así un adxectivo daquela comercialmente perigoso. Ramos mantivo sempre fidelidade á valiosísima receita orixinal de Arrondo, elaborada con améndoa, ovo e manteigas, ornamentada con labras de améndoa e barquillos de chocolate. Un segredo que Álvaro Barreiro, o actual artesán de Ramos, herdou do seu pai, que aprendera no obradoiro da confeitaría Arrondo da rúa Policarpo Sanz, onde ingresara como aprendiz aos trece anos, antes de traballar na confeitaría Pereiro de Urzaiz, fronte ao muro da Estación. Obradoiros vigueses desaparecidos, como Las Colonias de Príncipe, Marbella de Colón, que rexía outro dos irmáns Arrondo, ou a confeitaría Roma das Travesas, da que sempre lembrarei o recendo que se coaba polo seu fachinelo do Camiño dos Anxos.

Conservo na memoria o sorriso do vello Barreiro, o mestre artesán de Ramos dende 1975, explicando ao cliente curioso coma min o proceso de elaboración das súas delicias de Nadal das que me declaraba seareiro e que el presentaba cada inicio de decembro. Como lembro no despacho de Ramos as vitrinas ateigadas de encargos e os balóns de cristal repletos de tofes e caramelos de menta e outros sabores. E non esquezo, sobre todo, aquela columna de cristaliños, chantada no medio e medio do local, na que coma no espello de La Belga de Marqués de Valadares, procurabamos nos devolvese durante uns segundos a noso cara distorsionada. Columna que tamén existía na confeitaría El Buen Gusto de Elduayen, por ventura aínda aberta, onde a avoa Filo, despois de moito insistirlle, un día nos mercara un dos seus follados de merengue  e algunha daquelas cristinas de crema grandes, lembranza que agroma de forma recorrente cada vez que paso diante do escaparate.

Somos apenas o que lembramos, «escribe o que lembras e dirás a verdade», lembra Luis Landero en «El huerto de Emerson» (Tusquets 2021), unha das lecturas recentes que máis me valeron. Lembrar Ramos, como aqueloutras confeitarías viguesas da nosa infancia, cando contamos hoxe cunha excelente oferta de obradoiros modernos, constitúe unha forma de descubrimento e de autoestima da propia cidade.

Onte 1101: «El balcón en invierno»

balconeninvierno_bigTen razón a banda coa que Tusquets anuncia El balcón en invierno: «o libro máis sincero e probablemente máis fermoso de Luis Landero». Un paratexto ao que eu engadiría apenas os cualificativos de «memorable» e «emocionante». Na liña da autoficción ou narrativa biográfica de obras recentes na literatura galega como As voces baixas de Manuel Rivas, Sete palabras de Suso de Toro ou O rastro que deixamos de Agustín Fernández Paz, coas que mantén moitas afinidades, o narrador guitarrista homenaxea a súa estirpe familiar de campesiños estremeños arraianos. Coa intención de recuperar a súa memoria familiar, tamén a da súa infancia e primeira mocidade, recén emigrado a aquel Madrid dos sesenta, Landero achega unhas páxinas magníficas a esa enorme Enciclopedia da Xénero Humano onde deben aparecer non só as biografías dos «gordos» (como chama os amos e señores da súa terra estremaña) senón todas e cada unha das persoas, por humildes e anóminas que fosen. Cunha prosa fermosa de raíz e cadencia popular, que convida a lectura en alta voz, Landero pretende restaurar un elo perdido desa cadea de transmisión da cultura campesiña rota nas últimas catro décadas, dende os contos que a súa avoa Frasca contaba ao carón do lume ao compás da guitarra do seu curmán Paco, un auténtico artista da vida. O libro de Landero é, ademais, unha procura de sentido do relato da vida, afondando naqueles momentos esenciais do escuro e errático devir dos anos. O valor dos libros, concibidos como escondeiros e refuxios, e o papel esencial da literatura e das artes na súa permanente inamizade coa vida, están tamén moi presentes nesta obra sobre o tránsito do mundo campesiño á vida urbana. «En cada instante, en cada frase, en cada pequeno acontecer, o trivial e o misterioso van en partes iguais. Iso é todo e non hai máis que contar. Un gran de ledicia, un mar de esquecemento.». Un libro inesquecible. Recoméndoo.