Listado de la etiqueta: liquidación_de_existencias

Onte 1672: Presentación de dous libros de Caride en Cambados

ramon_caride_cambados_13-05-2015Magnífico serán o de onte en Cambados onde acompañamos a Ramón Caride na presentación da súa novela Liquidación de existencias e do máis que recomendable disco libro Xeografías do desertoun traballo indie preparado polos cantautores Moncho Núñez e Sito Suárez sobre textos poéticos que Moncho publicara en Flor de deserto e Xeografía de sal. Excelentes foron as intervencións musicais como as lecturas que da novela fixeron o escritor Domingo Tabuyo e a filósofa María Leyra Fernández Labandera. No seu discurso Tabuyo anunciou que «con Liquidación de existencias volve o mellor Caride, con toda a súa potencia narrativa para abordar historias cotiáns, maldades de toda condición, feridas infectadas, temas que non son novos, pero que teñen toda a actualidade, que todo o mundo entende como a corrupción, as inxustizas e as violencias».

XG00246701Maria Leyra Fernández comezou salientando a oportunidade do título escollido por Caride, Liquidación de existencias, para «un libro onde o humano é unha mercadotecnica máis, un mundo emporcado de seres desposuídos, que dalgunha forma son tamén parte de nós, seres que reviven a paixón dionisíaca fronte á beleza estática». Cualificou a novela de «texto salvaxe e rochoso», «unha obra de arte, xa que como sinala María Zambrano dá a ver un mundo que naufraga, licuado pola extinción dun tempo forte, fragmentado, un tempo de vendas, tempo de música que marca pautas». «A novela de Caride está protagonizada por seres caídos que pouco interesan nas nosas vidas, seres perdedores, restos dun naufraxio, apenas saldos, refugallo dunha realidade con moitas pestes, nunha cidade onde se esvaen os límites.». Rematou María Leyra lembrando a imaxe da realidade líquida de Bauman e cualificando a novela de «pesimista e hilarante, de lectura engaiolante mais de dixestión lenta».

Onte 1650: Liquidación de Existencias

Liquidacion_de-Existencias_DifusoraXG00246701Expresei onte as nosas desculpas a Marcos Lorenzo e a Difusora de Artes, Letras e Ideas pola coincidencia de títulos entre a obra que eles publicaron en 2005 como Liquidación de Existencias e a novela de Ramón Caride que publicamos en Xerais en xaneiro. Sei que é de xustiza expresar as nosas desculpas polos prexuízos que esta coincidencia puidese ter ocasionado ao noso admirado Marcos Lorenzo e aos nosos colegas de Difusora. Desculpas de corazón, compañeiros.

Onte 1636: Caride en Pontevedra

XG00246701Presentamos onte na Feira do Libro de Pontevedra Liquidación de existencias de Ramón Caride. O presentador do libro, o escritor Xesús Constela, comezou referíndose ao centro comercial e o polígono outlet como metáforas da sociedade actual, onde todo está rebaixado, onde todo está descatalogado ou de saldo. “Ao polígono outlet van parar todas as excrecencias da sociedade, os seres humanos convértense alí en mercadorías, xente que está de rebaixas como prostitutas, mulleres  maltratadas, desempregadas, estafadas ou desafiuzadas”. “Ese é o espazo onde Caride localiza os seus relatos, todos eles cheos de realidade, en boa parte tirados das noticias dos xornais”. Seguiu Constela referíndose a “Dous de copas”, a micronovela fragmentada ao longo da obra, “onde Caride manexa a intriga, a retranca e a linguaxe dunha maneira perfecta, creando unha atmosfera envolvente para dous rapaces que pretenden dar un golpe que lles solucione a vida”.

Ramón Caride confesou que boa parte dos relatos naceran de noticias do xornal. “O arranque de “Dous de copas” foi un titular que lin na Voz de Galicia referido a dous mozos simpáticos e de boa familia que sufriran un accidente de tráfico”. “Todos os relatos do libros comparten unha atmosfera apocalíptica, onde todo está en venda, tanto mercadorías como persoas”. “Liquidación de existencias é unha tentativa de escribir despois da cicloxénese low cost da crise que nos afectou en todos os ámbitos das nosas vidas, nos culturais e nos outros. Mudaron os séculos, pero seguimos cos mesmos distribuidores. Sei que todo non cabe nos contos, pero as novelas acaban como acaban. Liquidación de existencias supón un berro neste deserto emocional”.