Listado de la etiqueta: leviathan

Onte 1201: «Leviathan»

Leviathan-Andrei_ZvyagintsevLeviathan, a película de Andréi Zviáguintsev, comeza e remata con senllos longos planos secuencia que percorren a beleza fría do mar de Barents, ao norte de Rusia, onde emerxen os cascos de embarcacións náufragas e o esquelete dunha grande balea. Ósos que representan a Leviatán, ese monstro da corrupción da Rusia de Putin, o tema central desta desacougante e desoladora película na que corren pola pantalla ríos de vodca e de bágoas. A corrupción dun sistema fracasado que corroe todos os ámbitos da vida social. A do poder político, representada por un alcalde pallaso e borrachuzas, amparado pola violencia. A da administración de xustiza e da policía, sometidas ao poder político. A do poder relixioso, encarnada no pope da igrexa ortodoxa e os seus patéticos discursos de falsa espiritualidade, capaz de someter ao poder político. Unha desfeita moral que corroe as relacións familiares e a cada un dos individuos enfrontados a súa incapacidade para enxergar un futuro.

Leviatán reinterpretado por Andréi Zviáguintsev pola figura do guindastre que nunha das escenas finais (de enorme tristeza) leva por diante a casa do protagonista, un pobre mecánico que ousou enfrontarse ao poderoso coa intención de manter o seu predio.

Gustei da estratexia narrativa de Zviáguintsev, capaz de combinar a lentitude introspectiva dalgunhas escenas dramáticas, coa vertixe doutras nas que aparece o humor e a sátira desapiadada, como naquela memorable do tiro ao blanco sobre os retratos das figuras da URSS. Como é maxistral a utilización da elipse narrativa, capaz de explicar ou retratar nuns segundos as situacións máis complexas dun guión moi ben resolto.

Leviathan propón ao espectador unha indagación non contemplativa sobre a degradación moral e as escasas posibilidades de comunicación e de solidariedade de seres humanos aos que se lles nega a liberdade e o seu futuro. Aquí hai poucas posibilidades para o optimismo. A coincidencia citada dos planos iniciais e finais aconsella mantérmonos á espreita. Esa besta mariña da corrupción continúa na beiramar.