Listado de la etiqueta: leonardo_e_os_fontaneiros

Onte 1973: Homenaxe a María Victoria Moreno no Club Faro de Vigo

Ben interesante foi a mesa redonda de onte no Club Faro de Vigo sobre María Victoria Moreno na que acompañamos a Xavier Senín e Isabel Soto, autores da biografía María Victoria Moreno. Sementadora de futuro (Xerais, 2018). Un serán literario no que todos os tres reivindicamos o recoñecemento do que non gozou en vida, a pesar de contar con moitos amigos, para esta cidadá e escritora galega que o foi por decisión consciente, reflexiva e persistente.

Xavier Senín fixo o retrato humano de María Victoria, debuxou súa traxectoria formativa dende o ensino primario en Segovia e Sepúlveda, pasando polo bacharelato no colexio da Sección Feminina en Barcelona, até os estudos de Filosofía Letras na Universidade de Madrid, onde Rafael Lapesa e Dámaso Alonso foron profesores marcantes para ela. Detívose Senín na estancia de María Victoria e a súa irmá Sara en Valdoviño en 1947, cando acompañaron á súa tía Conchita e o seu home, primeira experiencia galega que para elas foi «un territorio de liberdade». Salientou Xavier os primeiros días da súa chegada a Pontevedra en 1963 e o que supuxeron os dous anos como profesora en Lugo, onde coñeceu a Xesus Alonso Montero, tras aprobar as oposicións como profesora agregada de Lingua e Literatura Española, onde tivo como alumnos a Xesús Rábade Paredes e Darío Xohán Cabana, entre outros. Referiuse, tamén, ao seu compromiso como profesora de lingua galega, tanto na década de 1970 como no inicio do período autonómico, así como á experiencia da libraría Xuntanza, que fundou con outros nove socios en 1973, e a cronoloxía da súa obra literaria, fundamentlamente pero no só, infantil e xuvenil que foi publicando dende aquel mesmo ano.

Isabel Soto comezou lembrando que María Victoria Moreno era apenas a terceira das mulleres homenaxeada en 55 edicións do 17 de maio, o que é algo importante, mais tamén moi significativo. Seguiu Soto debullando o que para ela foron os seus dous compromisos como autora: «só escribo en galego, só escribo para nenos». Compromisos asumidos como escritora autófona e monolingüe que «comprendeu o carácter diglósico da situación sociolingüistica desta terra». «Como amante das linguas e coñecedora delas, aprendeu galego dende cero e fíxoo con naturalidade consultando dicionarios, que moito lle gustaban, e realizando lecturas literarias dos nosos clásicos. Axiña deu cursos de galego, preparou unha antoloxía de poetas novos e chegou a facer varios manuais de historia da literatura para o ensino medio».

Xaora, tras salientar este compromiso de María Victoria coa lingua galega, a cerna da intervención de Isabel Soto foi reflexionar sobre a súa obra literaria infantil e xuvenil na que estableceu dúas etapas. Unha primeira, na que desenvolveu unha obra infantil, formada polos títulos publicados na década dos setenta: «Crarisca e o luceiro« (1972), conto premiado no concurso de narracións infantís convocado pola agrupación cultural O Facho; Mar adiante (1973), a aventura dunha escola nun barco, e «O cataventos», premio do Facho en 1975, un conto de animais que admite a lectura dun conflito desencaeante de cambios, que sería publicado catro anos máis tarde no volume Contos pra nenos (Galaxia, 1979), xunto a textos de Paco Martín, Xoán Babarro e Eliseo Alonso, libro que será o primeiro en lingua galega que formará parte da Lista de Honra do IBBY. Primeiro ciclo que pecha coa publicación d’ A festa no faiado (1983).

A seguir, Isabel Soto sinalou que  en 1986 María Victoria Moreno abriu a segunda etapa da súa obra con Leonardo e os fontaneiros, a primeira das súas obras dirixidas a adolescentes, á que seguiría Anagnórise (1989), que a convertiu nunha das autoras máis lidas polo público mozo, «novela que constitúe un achegamento maxistral aos medos da mocidade, introducindo o tema das drogas, que desafía ao lectorado de calquera idade», e que remataría con Guedellas de seda e liño (1999). Rematou Soto recomendando a lectura de Diario da luz e a sombra (Xerais 2004), onde está todo o seu estilo, «resultando conmovedor para expresar o seu optimismo sensato».

María Victoria Moreno, Mestra

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a escritora María Victoria Moreno, que será homenaxeada o 17 de maio de 2018:

10000961813Nunca saberei agradecer o privilexio que me concedeu a escritora María Victoria Moreno de ser o editor dos seus últimos libros. Apenas dous anos nos que compartimos as angueiras das edicións do seu ensaio “Diario da luz e a sombra” (2004) e de “Eu conto, ti cantas” (2005), un libro de contos de animais en verso, ilustrado por Manuel Uhía. Proxectos nacidos despois dunha conversa inesquecible na Feira do Libro de Pontevedra de 2003, que ela mesma inaugurara cun pregón espectacular, toda unha arenga rimada, na que chufou ben chufada a Pontevedra do alcalde Miguel Anxo Lores, na que se definiu como “snob e insurrecta”, “anque moitos paus lle deran”, na que agarimou aos seus alumnos e alumnas dos institutos Valle-Inclán e Torrente Ballester e na que tamén gabou aos libreiros como “intermediarios de mercancías sen fronteiras, traficantes dunha droga que sustenta os espíritos inquietos e ennobrece as ideas”.

Outra intervención xenial desta letraferida amante do Quixote, Lorca e Miguel o de Orihuela, nacida en Valencia de Alcántara, de orixe andaluza por parte da súa nai mestra e de labregos acomodados da raia entre Cáceres e Toledo por parte do seu pai militar que, despois de estudar o bacharelato en Barcelona e a carreira de Filoloxía Románica en Madrid, chegou casualmente a Pontevedra en 1963 como profesora interina do instituto feminino. Casualidades, que despois de dous anos en Lugo, onde coñeceu ao profesor Xesús Alonso Montero e comprendeu a distribución social da lingua galega, a levaron a escoller facer a súa vida na vila do Lérez e a instalarse con todas as consecuencias no galego, idioma que aprendeu decontado como boa políglota (falaba, ademais, francés, catalán, italiano, portugués e algo de romanés) e do que chegaría a ser profesora clandestina nos anos do Tardofranquismo. Escollas de cidadanía que estendeu a escribir tamén toda a súa obra literaria en galego, desde os primeiros contos para a rapazada, que presentaría a comezos dos setenta aos certames do Facho, á súa primeira obra publicada, “Mar adiante” (1973), a historia dunha mestra que puxo escola nun barco, o “Arroás”, sen dúbida, unha das novelas fundadoras da literatura infantil en galego.

Abondou un café demorado na terraza do Blanco y Negro para que María Victoria me propuxese que Xerais editase un libro sobre a súa experiencia, dende había sete anos, como doente de cancro de mama. Aceptei decontado convite tan valente, xa que sempre admirei a pulsión literaria e a afouteza da pontevedresa, probablemente desque lera o seu memorable “Leonardo e os fontaneiros” (1986), unha das súas obras máis queridas, pola que obtivera o Premio Barco de Vapor de SM, novela que creo pode considerarse como unha das primeiras de corte realista da literatura infantil en galego, da que insistimos foi pioneira. Cando me enviou o orixinal do ensaio, co título inicial de “I.T.V. (diario da luz e a sombra)” só me puxo dúas condicións: primeira, que se decidía finalmente editalo, lle propuxese as modificacións que me parecesen máis oportunas (foron moi escasas, o texto pareceume xa na primeira volta unha peza literaria pulcra e de beleza desconcertante); segundo, que lle escribise un prólogo. Así o fixen, o mellor que puiden, treméndome moitas veces as mans sobre o portátil, contaxiado pola súa aposta pola vida e pola esperanza nun texto autobiográfico escrito en condicións inclementes.

Durantes aqueles meses de edición do seu diario, cando compartimos na súa casa con ela e co seu compañeiro, o escritor Pedro Ferriol, con quen formou a Sociedade literaria Olmo, un bo vaso de viño tinto e unhas cabichas ben apuradas, comunicounos a súa convicción de que nunca é tempo de abrirlle as portas á desolación, insistíndonos na importancia de conservar todo aquilo que confire á vida un valor, de descubrir nas rutinas diarias, por dolorosas ou difíciles que sexan as situacións, pequenos praceres insospeitados, do amor polos animais, de establecer vencellos afectivos e amorosos coas amizades ou contar coa serenidade abonda para enfrontar os contratempos do devir cotián.

María Victoria Moreno foi unha auténtica Mestra que deixou aquela súa pegada profundamente humana, esa paixón por vivir, esa destilación de vida en estado puro, no seu alumnado, nas súas amizades e, sobre todo, nos seus milleiros de lectores e lectoras. A súa obra literaria, moi valiosa, dende a máis coñecida, narrativa, como a ensaística ou poética, até agora menos visible, recompilada polo seu amigo Xavier Senín no libro “Elexías de luz “ (Xerais, 2009), terá o vindeiro ano, no que será homenaxeada no Día das Letras Galegas, unha oportunidade única de ser recoñecida por lectores e lectoras de todas as idades.