Listado de la etiqueta: laurent_cantet

Máis filosofía

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a reivindicar a Filosofía e o pensamento crítico no sistema educativo:

Estes días atrás, coincidindo coa emerxente revolución cívica catalá, tiven a fortuna de ver “Ce n’est qu ‘un debut” (“Só é o principio”), o documental de Jean Pierre Pozzi e Pierre Barougier sobre a experiencia da introdución do ensino da filosofía no Jacques Prevert, un centro de educación infantil de Le Mié-sur-Seine, unha poboación situada a 40 km de París. Durante dous cursos os picariños de tres e catro anos, de diversa procedencia racial e social, sentados coa súa mestra en asemblea, arredor dunha candea acendida, aprenden a escoitar, a coñecerse, a reflexionar e a responder a algunhas preguntas, aparentemente abstractas: que é a morte?, que é a intelixencia?, a liberdade?, o amor?, a amizade?, as diferenzas?, para que sirven os pais? Polo seu formato e a simpatía e sinceridade dos seus protagonistas, o documental lembroume a “Juego de niños”, aquel excelente programa de televisión dirixido por Miquel Obiols e presentado por Javier Sardá, onde os pequenos falaban con total liberdade e moita graza sobre os temas máis diversos. Mais lembroume tamén a outras fita do cine francés, singularmente “Hoxe comeza todo” (1999) de Bertrand Tavernier e “A clase” (2008) de Laurent Cantet, que dende o eido da ficción abordan a escola como espazo de formación e reflexión.

Os directores de “Só é o principio” colocan a cámara á altura dos picariños, o que facilita unha ollada empática das persoas adultas, que non opinan nin enxuízan as súas intervencións, moitas veces contraditorias, nas que coas súas palabras e co nivel de desenvolvemento da súa linguaxe fan filosofía, contestan a preguntas e reflexionan sobre temas ás veces agochados na axenda pública e no propio currículum escolar. Xaora, nesta experiencia que reivindica o pensamento crítico na educación dende as primeiras idades, o esencial é que cada picariño fale por si mesmo, asumindo o que afirmara o filósofo Michel Onfray: “todos os nenos son filósofos, pero só uns poucos continúan séndoo”. Unha experiencia educativa que forma parte do proxecto de “Filosofía para nenos”, inspirado por Matthew Lipman e implantado en todo o mundo dende hai tres décadas, coa intención de formar na escola persoas capaces de pensar por si mesmas no marco dun proceso solidario e cooperativo de discusión. Alicerzado sobre o método do diálogo, Lipman e os seus seguidores cren que dende as idades máis temperás é posible o desenvolvemento de habilidades cognitivas, emotivas e sociais que faciliten a todos os alumnos e alumnas a aprendizaxe dunha forma de pensar crítica e creativa. En definitiva, un xeito de formar cidadáns para participar de forma activa nunha sociedade democrática.

No mesmo contexto educativo e con intencións semellantes insírese a iniciativa lexislativa popular presentada na pasada primavera no Parlamento de Galicia, avalada por máis de oito mil persoas, para solicitar que a asignatura de Filosofía sexa materia troncal e, polo tanto, obrigatoria para todo o alumnado de 2º de Bacharelato. Afastada a Historia da Filosofía pola LOMCE ao status de materia da modalidade do Bacharelato de Humanidades e Ciencias Sociais, esta exitosa ILP reclama que o alumnado dos dous cursos de todas as modalidades de Bacharelato conte coas ferramentas necesarias para o desenvolvemento dun pensamento crítico e autónomo.

Promovida por un grupo de profesoras de Filosofía, esta xusta reivindicación debería ser considerada polos membros da Comisión Parlamentaria que está elaborando as bases dun novo Pacto da Educación, onde tamén debería ser considerada a recuperación da desaparecida materia de Educación para a Cidadanía e a Igualdade, onde teñen un peso importante os contidos de Ética e formación en valores, como o das Ciencias para o Mundo Contemporáneo, materia troncal tamén suprimida pola lei educativa eficientista aprobada en solitario polo Partido Popular.

Reivindicar a dignificación da filosofía no actual sistema educativo vai máis alá da necesidade de recuperala no currículum de Bacharelato, adquirindo un carácter competencial e transversal. Supón asumir o desenvolvemento do pensamento crítico como parte esencial da competencia social e cívica, o que afecta a todos os niveis e materias do sistema educativo, dende a etapa infantil á preuniversitaria. No marco das profundas mudanzas políticas e sociais que se enxergan, como na complexidade dos procesos de hibridación comunicacional disruptiva, é imprescindible que o alumnado conte con pautas de análise e lectura crítica. A Filosofía ofrece posibilidades de aprender a pensar, a reflexionar, a escoitar, a preguntar e preguntarse…, capacidades que tanto precisa a nova cidadanía en formación, máis aínda en tempos interesantes como os que estamos vivindo.