Listado de la etiqueta: julio_camba

Vigo, a nosa California

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo ao bando que leu Víctor Freixanes con motivo do Día de Galicia en Vigo 2017:

Encantoume o Bando que co gallo do Día de Galicia en Vigo 2017 leu en Castrelos o escritor e editor Víctor F. Freixanes, actual presidente da Real Academia Galega. Unha peza literaria fermosa na que reivindicou o liderado de Vigo no proxecto modernizador de Galicia, ao tempo que evocou de forma saudosa os seus corenta anos vencellado á cidade, desque comezou a traballar naquela Radio Popular de Vigo da época de José Andrés Hernández e Gerardo González Martín. Un discurso inzado de chamadas a mobilizar azos, ideas e vontades para que Vigo non perda nin a súa identidade nin o seu liderado. Freixanes citou a Méndez Ferrín para advertir que Galicia só se salvará se o fai Vigo, apelando así ao carácter acolledor, dinámico e cívico (“revolcado”, adxectivaba Xela Arias) dunha “cidade de encontros”, “cidade para construír e sementar, sen complexos, sempre a sumar, sempre a abrir os brazos aos que se achegan, porque todos somos de aquí, todos somos Vigo, e en sendo Vigo somos Galicia”. Xaora, foi o treito final do discurso o máis emocionante, cando Víctor relatou a historia dun seu veciño da praza da Constitución, un veterano alfaiate catalán que nos anos corenta, camiño de coller o barco para América, decidiu quedar en terra e facer de Vigo a súa California, o país de oportunidades para el e para a súa familia.

O memorable discurso de Freixanes, que pola súa forma e calado xa forma parte da historia viguesa, constitúe un chamamento dende as células primixenias da sociedade civil viguesa, as formadas polo mundo do traballo, do asociacionismo e dos movementos sociais, a recuperar o entusiasmo pola idea de construír colectivamente o Gran Vigo como primeiro motor de Galicia. Freixanes convocou a recuperar o soño de Castelao para Vigo, como aquela Barcelona atlántica deseñada polo arquitecto Antonio Palacios; a facer aquel Vigo cosmopolita, que entusiasmaba a Julio Camba; a desenvolver aquel Vigo en bisbarra, co que Ramón Otero Pedrayo salientaba o seu carácter policéntrico e a importancia das súas vinte e tres parroquias; mais tamén a non esquecer o Vigo das xeometrías fabrís, o “abismo e paraíso” do poeta Manuel Forcadela, “a cidade Feroz” de Iolanda Zúñiga, “a cidade teorema” de Celso Emilio Ferreiro, “a cidade das grúas asombradas” de Antón Reixa… En definitiva, a facer esa cidade nova, activa e agarimosa que sempre se ofreceu orgullosa a liderar en todos os eidos o proxecto dun país chamado Galicia.

Porén, xusto é recoñecelo, este proxecto de Vigo ao servizo de Galicia foi perdendo pulo nas últimas décadas, tanto pola ferocidade da crise económica sobre a área metropolitana viguesa, singularmente sobre os sectores da automoción e o naval, onde reside o seu ADN industrial, como pola perda do músculo financeiro que supuxo ao longo do século XX a Caixa de Aforros para a economía viguesa. A continuidade do índice de desemprego arredor do 20 % amosa as dificultades de recuperación da economía metropolitana. Mais Vigo neste mesmo período tamén perdeu peso político, como amosa o insoportable bloqueo institucional, especialmente da Xunta de Galicia e do Goberno de España, que paraliza e ralentiza boa parte dos seus proxectos estratéxicos como a posta en marcha da área metropolitana, a chegada directa do AVE da meseta ou a declaración pola Unesco das Illas Cíes como Patrimonio da Humanidade…

Os datos do “Informe económico e de competitivade Ardán 2017”, presentados hai apenas uns días pola Zona Franca, confirman que o Vigo metropolitano diminuíu o seu peso na economía galega, en boa medida polo crecemento da área urbana da Coruña. Unha perda do liderado, que o profesor Santiago Lago explica polo éxito da estratexia de “globalización intelixente de Inditex”, empresa para a que semella non existir a crise, da que depende o 70 % do saldo comercial de Galicia e que funciona como arrastre para a súa rexión urbana. Como non hai dúbida, pola contra, que a crise continúa batendo sobre os sectores industriais tradicionais viguesas da automoción e do naval, o que supón un factor de incerteza, mitigado, pola resistencia do tecido empresarial vigués que sigue sendo líder en Galicia, tanto en vendas brutas como en valor engadido, entre as compañías que facturan até 10 millóns de euros.

Vigo non pode deitarse nin nos brazos do conformismo nin nos do vitimismo cantonalista. Todos os datos amosan que pode volver a recuperar as posicións do liderado galego, sempre que asuma unha estratexia de rexeneración e diversificación profunda dos seus sectores, que podería ser moi facilitada pola creación dun entorno de cooperación institucional leal entre as diversas administracións públicas. Vigo debe continuar sendo terra vizosa de oportunidades e de acollida, como esa California da que lle falaba a Freixanes o alfaiate catalán.

O Vigo de Julio Camba

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á figura do xornalista Julio Camba, a raíz da publicación do libro Galicia (Fórcola 2015), no que Francisco Fuster recompilou medio cento dos seus artigos de temática galega.

9788416247417-217x345A publicación dunha antoloxía de artigos de Julio Camba de temática galega co título Galicia (Fórcola 2015), preparada por Francisco Fuster, permite coñecer a polémica ollada do xornalista de Vilanova da Arousa sobre a realidade do noso país hai un século. Estes artigos, publicados en cabeceiras da prensa madrileña como “El Sol” e “El Mundo”, durante o período máis rebelde de Camba, mesmo afín a ideas anarquistas, expresan, en palabras de Ramón Villares, prologuista do libro, “a súa identificación co humorismo galaico, construído a partes iguais de retranca e descrenza relixiosa”, mais tamén toda a súa animadversión ao pensamento galeguista e á política autonomista e os seus prexuízos máis vulgares sobre a lingua galega, que el falaba e consideraba “limitada” e “familiar”, útil só para que os galegos puidesen comunicarse “cos paxaros e coas árbores, co mar e co vento”. Xaora, isto non impide que nestes artigos, escritos con pluma aceirada, emerxa o seu celtismo visceral, a súa defensa da modernización, a súa crítica á emigración, ao caciquismo político e ao pintoresquismo co que se pintaba a Galicia en Madrid.

Escritos coa determinación e o humor, característicos da súa prosa xornalística, neste medio cento de artigos Camba toma o pulso a un país “de campesiños resignados e melancólicos”, onde escoita tanto “o alalá nostálxico como o aturuxo guerreiro”, reclamando nun inequívoco aceno rexeracionista “acender un gran lume de Ideal para que esas pupilas dormidas na fantasía, espertaran á vida” (“El País” 1905). Noutras pezas, como “El arte pirotécnico” (“El Sol” 1924), ensaia co celme costumista, recreando esta práctica das nosas festas populares e cualificándoa como “unha das principais manifestacións da lírica galaico-portuguesa, e quizais a máis pura de todas”. Outro tanto sucede con “Mares bravíos e mares sumisos” (“El Sol” 1924), no que explica os traballos do marisqueo na súa Arousa natal, onde “o mar é algo así como unha finca de propiedade colectiva”; ou na súa apoloxía da vieira (“El Sol” 1929), para el o marisco máis ilustre, “case sagrado”. Como considera aos promotores do Balneario da Toxa como modelo de emprendedores capaces de aproveitar os recursos do mar da Arousa e as súas posibilidades turísticas.

Julio Camba fala de Vigo en varios destes artigos, case sempre ao fío da súa rivalidade con Pontevedra, a capital da provincia. Ten moita retranca o titulado “El señor García no ha muerto” (“El Sol” 1919) no que relata a visita que George H. Borrow fixo en 1835 ao notario de Pontevedra señor García, que resultou ser un patriota pontevedrés de moitos estralos, capaz de cualificar aos vigueses de bandidos e dubidar que a ría de Vigo fose a mellor do mundo. Anécdota con tintes literarios e algún exceso que lle sirve a Camba para propoñer a Vigo como o centro de comunicacións máis importante entre Europa e América, ao tempo que aconsellar aos vigueses que considerasen a Pontevedra como un barrio do Vigo futuro. Acreditaba nas prestixiosas páxinas de “El Sol” na idea do Vigo cosmopolita, unha cidade portuaria que comezaba a medrar a velocidade de vertixe. Idea que xa adiantara en 1908 nun artigo publicado en “El Mundo”, no que ao fío da polémica de Vigo con Pontevedra, a comparaba coa existente entre Barcelona e Madrid. Para Camba daquela en Pontevedra predominaba o elemento oficial, o que levaba a que vida alí fose “pequena, pintoresca e branda”, o que a imitaba moito a de Madrid. Mentres a vida en Vigo era febril, grazas a que o seu porto era un dos mellores de Europa, “os vigueses souberon explotalo e foron construíndo diante unha cidade magnífica”. E aí Julio Camba non agocha o seu entusiasmo por Vigo: “o primeiro foi o porto e o segundo, a cidade que é como debe ser: facer as cidades para os portos que as merecen, e non os portos para as cidades, que non as merecen nunca”. Adiantaba así o xornalista do Palace o mito de Vigo como Barcelona atlántica, que se sería utilizado máis tarde polos galeguistas como Castelao e Otero Pedrayo ou polo arquitecto Palacios no seu plan urbanístico durante a Segunda República.

A pesar da súa admiración por Vigo, Camba agoiraba os perigos dunha gran cidade enriquecida de súbito, sobre todo aqueles referidos ao seu desenvolvemento urbanístico, nos que identificaba “edificios modernos tan caros coma os mellores edificios modernos de Madrid”, cheos de alardes e fantasía arquitectónica. Xaora, o arousán remataba cunha frase retranqueira que despois dun século continúa tendo utilidade: “Eu imploro dos vigueses un pouco de indulxencia por terlle aplicado a un pobo de negocios un criterio artístico tan exixente. Con este criterio, en vez de ir a Vigo, debería marcharme a Atenas, aínda que non fixen estafa ningunha que xustificase a miña viaxe, á vez que a pagase”.