Listado de la etiqueta: juan_compañel_rivas

Onte 615: «En principio foi o verso»

Tivo interese a inauguración de «En principio foi o verso», a exposición sobre Rosalía de Castro e o sequiscentenario da publicación de Cantares gallegos. A presenza dun grupo de afectados polas preferentes disuadiu no último minuto ao presidente Feijoo de participar nun acto que se desenvolveu con grande respecto á dignidade da nosa autora primeira. Concibida co rigor documental e a sobriedade visual de todos os traballos do deseñador Pepe Barro, a exposición propón unha completa viaxe á iconografía rosaliana, dende os seus retratos e fotografías, pasando por manuscritos e primeiras edicións das súas obras, até o seu proceso de mitificación como icona nacional. Tamén está moi presente na mostra un achegamento ao Vigo das décadas de 1850 e 1860, o de Alejandro Chao e Juan Compañel, cando aquí agromaba o pensamento demócrata e galeguista nos xornais que eles editaban, primeiro La Oliva e despois El Miño. Non esqueceu Barro o decisivo papel do editor Compañel na proeza rosaliana, así como o dos seus sucesores no século XX, que fixeron de Vigo a capital editorial de Galicia. Foi este un recanto da exposición que como editor galego moito agradecín. Sei que axudará a comprender o papel de editores como Xohán Ledo (portadista de Galaxia e autor dos carteis das primeiras celebracións do Día das Letras), Eugenio Barrientos (fundador da editorial Cíes e descubridor de Marcial Lafuente Estefanía), Xosé María Álvarez Blázquez (fundador de Monterrey e edicións Castrelos) e Francisco Fernández del Riego (o obreiro da editorial Galaxia durante os anos do franquismo), así como doutros editores vigueses  do noso tempo como Bieito Ledo e Carlos del Pulgar. Xa no que atinxe ao espazo dedicado a Xerais, deixoume un chisco melancólico ver exposto un exemplar de Matemáticas de 1º de BUP do colectivo Vacaloura,o primeiro título da nosa editorial, tamén o primeiro libro de texto en galego para a área de Matemáticas. Editado en 1979, aquel libro sería hoxe un texto prohibido, de edición imposible, xa que así o determina o actual decreto de plurilingüismo. Outra vez, un paso adiante, outro atrás, Galicia tecendo o seu soño. Parabéns a Pepe Barro e Anxo Angueira, responsables primeiros destoutra iniciativa rosaliana. Recomendo vivamente visitar a exposición.

Onte 593: Tras o día do libro

Foi o de onte un Día do libro intenso. Pola mañá acompañei a Agustín Fernández Paz na presentación en Pontevedra de Desde unha estrela distante. Foi esperanzador comprobar como falaban galego a maioría dos rapaces e rapazas de dúas clases de terceiro dun colexio público do centro de Pontevedra. No serán participei na presentación en Vigo da edición de Cantares Gallegos, preparada por Anxo Angueira, coa que iniciamos en Xerais a publicación da obra completa de Rosalía de Castro e celebramos o cento cincuenta aniversario da proeza de Xoán Compañel. Foi unha presentación vibrante, tanto polo discurso extraordinario de Anxo Angueira coma polas intervencións de Alba Rodríguez, unha alumna de segundo de bacharelato que cantou dúas pezas rosalianas da súa autoría asolagando de emoción o auditorio do concello. Ademais de participar nos actos, ao longo do día atendimos moitas chamadas de medios, sobre todo radiofónicos, interesados nos contidos do Chamamento que os editores galegos realizamos reclamando a recuperación efectiva do carácter estratéxico do sector do libro. Moi lonxe da repercursión que a efeméride ten noutras comunidades, é innegable que onte identificamos en Galicia unha certa activación do carácter reivindicativo e mobilizador do 23 de abril. Así o testemuñan os xornais facéndose eco da grande cantidade de actividades promovidas polas bibliotecas públicas, centros escolares e clubs de lectura. A achega dos humoristas gráficos galegos foi un agasallo que axuda na tarefa de incorporar a cuestión do futuro do libro e da lectura na axenda pública.

A proeza de Rosalía e Compañel

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo aos aniversarios de Rosalía de Castro e da edción de Cantares gallegos por parte do editor Juan Compañel.

Máis de medio cento de grupos de gaiteiros e gaiteiras saíron onte ás prazas, ás rúas ou ás encrucilladas do país para dar unha alborada e celebrar así o cento setenta e seis aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Fixérono utilizando o arranxo canónico que en 1928 gravara Avelino Cachafeiro (o gaiteiro de Soutelo) para o texto titulado “Alborada” que Rosalía de Castro situou case ao remate de “Cantares gallegos”. Ese poema inesquecible, que comeza, “Vaite noite / vai fuxindo / vente aurora / vente abrindo / co teu rostro / que sorrindo / a sombra espanta!!!”, constituíu un canto esperanzado ao labor colectivo da rexeneración da nación galega. Neses versos nos que Rosalía exconxuraba meigallos de longas noites de tristura e convocaba o novo día (“o sol que se levanta no monte verde”), non é difícil identificar o anuncio da hora de Galicia, da idea dun proxecto compartido para un país que comezaba a renacer.

Foi a do domingo, unha alborada expansiva pola Galicia enteira dun ano rosaliano por excelencia no que o 17 de maio celebraremos o cento cincuenta aniversario da publicación de “Cantares gallegos”. Dende 1863, a cidade de Vigo e o establecemento tipográfico do editor Juan Compañel Rivas quedaron unidos á proeza que supuxo a publicación do primeiro libro de poemas de Rosalía de Castro, non esquezamos, tamén o libro fundacional sobre o que se foi construíndo a literatura galega do último século e medio.

Unha proeza que tivo a súa orixe na figura de José Ramón Fernández Domínguez “Carballo”, primeiro propietario da imprenta, que a fins de 1855 escolleu como o seu impresor ao compostelán Juan Compañel, que até entón tiña en Madrid imprenta de seu. Daquel obradoiro vigués, situado entón no 14 da rúa Real  (correspondendo ao actual número 21, segundo acreditou o investigador Xurxo Martínez), sairía o 15 de xaneiro de 1856 o primeiro número do periódico liberal “La Oliva”, o “outavoz” dos progresistas vigueses, que a partir do número 106 ostentaba na súa cabeceira o lema “Periódico de Galicia”. Tras o seu peche por orde gobernativa, un ano máis tarde, foi substituído por “El Miño”, periódico que artellaba os intereses dos seguidores vigueses do Partido Demócrata e do Partido Progresista, encabezados na nosa cidade polos irmáns Eduardo e Alexandre Chao.

En 1859, “Carballo”, casado cunha das irmás dos Chao, vendeulle a Compañel a propiedade de “El Miño” e da imprenta, cando o establecemento da man do impresor compostelán xa se convertera en referencia para a maior parte dos escritores galegos daquel tempo de Rexurdimento. Será Compañel quen publique en 1856 ao mozo Manuel Murguía os seus primeiro poemas, “Nena d’ as soledades” e as súas primeiras novelas, “Desde el cielo”, e meses máis tarde “Mi madre Antonia. Primera parte del libro de un loco”. Como tamén será Compañel, tras o casamento case en secreto de Murguía con Rosalía, quen publique en 1859 dúas obras da parella: “La Hija del mar”, a primeira novela rosaliana e “La primera luz”, un libriño de lecturas que Murguía concebiu para uso das escolas de primeiras letras de Galicia, que contiña vinte e sete leccións sobre Xeografía e Historia e algunhas biografías. “La primera luz” é o primeiro libro de texto, concibido como tal, que pretendía levar o feito diferencial galego ás escolas. Murguía dedicoullo con emocionadas palabras a súa primeira filla, Alexandra, nacida en Santiago naquel ano: “E ti, miña filla, chegada onte a este val de bágoas, ti es en quen penso ao escribir este libro, aprende, filla da miña alma, a amar a esta Galicia infortunada onde naceron os teus pais e onde viches a túa primeira luz”.

A amizade con Compañel levou á parella a vivir uns meses do ano 1860 en Vigo, na casa do editor, onde se imprimirían as primeiras entregas do inconcluso “Diccionario de escritores gallegos” de Murguía e onde en 1863 se publicarían os poemarios de Rosalía Castro “A mi madre” e “Cantares Gallegos”, que saíu do prelo o 17 de maio daquel ano, segundo quedou datado no prólogo da novelista Fernán Caballero. Conta don Francisco Fernández del Riego, probablemente seguindo o criterio de Fermín Bouza Brey (responsable da edición que Galaxia publicou con motivo do centenario), que Murguía participou activamente na edición de “Cantares Gallegos”, libro que Rosalía rematou a correr. “Só estaba escrito o primeiro prego, e Murguía entregoullo á imprenta sen coñecemento da autora. Esta viuse obrigada a seguir escribindo, a medida que nas caixas demandaban o orixinal”.

Pola proeza de Rosalía de Castro e polo necesario estímulo do editor Compañel, Vigo quedou unido co proxecto histórico de recuperación e normalización da edición en lingua galega, ao que nos debemos os editores galegos contemporáneos. Unha alborada que festexamos con esperanza.