Está vendo o arquivo da categoría » jozabed

Campo do Fragoso CXCIX

bretemas —  22 de Maio de 2017 — Deixa un comentario

Toto_despedida_21-05-2017GRAZAS, BERIZZO

O derradeiro partido do campionato estivo tinguido polos agarimos e saudades que Eduardo Berizzo recibiu de toda a bancada de Balaídos que, nalgún momento, se mesturaron con apupos a Carlos Mouriño, recriminándolle ao presidente o tremendo erro de acabar co ciclo do Toto xusto na tempada histórica na que o Celta cos vimbios moi xustos acadou dúas medias finais, unha delas europea, e o equipo madurou no seu xogo colectivo.

Unha decisión traumática de prescindir dun dos activos máis valiosos, respectados e queridos do club, un técnico capaz de identificar os soños da afección coa dinámica do seu equipo, dificilmente aceptable para o celtismo, e que, sen embargo, se pode entender pola determinación de quen se sabe dono do club de impoñer o seu criterio e rendabilizar a súa propiedade.

Gratitudes ao Toto expresadas tamén na lameira do Fragoso polo cadro dos seus xogadores, que competiron con afouteza e dignidade do primeiro ao derradeiro minuto do desconto fronte a un rival necesitado, que precisaba canto menos dun empate para asegurar matematicamente a súa clasificación europea. Custoulle a Real Sociedade máis de vinte minutos saír do seu espazo, diante dun Celta moi decidido que entraba pola bandas con Pione Sisto e Iago Aspas moi activos. Mágoa de oportunidades estragadas por Wass, que non acertou a aproveitar unha culleriña ofrecida por Pione ou dun caneo que lle quedou longo a Iago cando se quedaba só.

Xaora, a primeira grande oportunidade do encontro foi para o cadro de Eusebio no 25 de xogo, unha cabezada de William José que nunha incrible parada acrobática Sergio despexou de biqueira. Paradón repetido nun xutazo de Vela, que recuncou cun rexeite velenoso salvado a porta baleira por Jonny, como faría despois Cabral a outro pexegazo de Oyarzabal, nos mellores minutos dos visitantes no primeiro tempo.

Coa incorporación de Jozabed, que substituíu a Guidetti, ao comezo do segundo acto, o Celta gañou en circulación e capacidade de crear espazos. Nunha gran xogada do activísimo príncipe de Moaña, Jozabed rematou sobre o pau, o que puido ser o primeiro gol dos nosos. Chegou, en todo caso, pouco despois, tras un claro penalti sobre Iago que el mesmo transformou de forma moi segura, acadando así os 19 caroliños en liga, 26 en toda a tempada, cifras extraordinarias para a nosa figura.

Co Celta por diante na táboa de marcas, os donostiarras, que nese momento estaban fora de Europa, empurraron até que no 81 conseguiron o empate, tras un desequilibrio defensivo do Celta, grazas a un xute raso de Oyarzabal, que celebrou chorando un gol que valía unha tempada. Porén, os de Berizzo, que nunca se dobregan, asumiron con exemplar dignidade o tempo de xogo que restaba como a derradeira oportunidade de volver homenaxear ao seu adestrador, como fixera Aspas cando transformou o penalti. E para abraio de todos, cando xa se cumprira o tempo de xogo, tras unha excelente condución de Fontás, Hjusalger inventouse unha remontada pola banda rematada cun cacheirón tremendo que se coou pola mesma escuadra. Xaora, como aconteceu outras veces no tempo de Berizzo, a ledicia moi pouco durou para os nosos. Rematando o tempo de desconto, Cabral agasallou aos txuri-urdin, que tampouco baixaron os brazos no seu empeño, cun saque de recanto que despois sería cabezado por Juanmi as redes. Un final emocionantísimo para un gran tempada de ambos os dous cadros.

Lembraremos sempre a emotiva despedida de Berizzo e do seu cadro técnico na lameira de Balaídos. Marchaba o que probablemente foi o mellor adestrador celeste da nosa historia recente, capaz de ofrecer o suplemento de competividade e ilusión que permitía ao celtismo continuar aspirando a prenderse no corno da lúa dun título. Grazas, Berizzo. Até sempre, mestre!

Campo do Fragoso CXCVI

bretemas —  10 de Abril de 2017 — Deixa un comentario

rossi_09-04-2017UN CELTA PERDIDIÑO

Coma sucedera hai case un mes co Vilarreal, no partido anterior á eliminatoria co Krasnodar, a versión B do Celta demostrou que está moi lonxe da competitividade do cadro titular. Diante dun Eibar moi rochoso e con aspiracións europeas un Celta con media ducia de suplentes deambulou perdidiño pola lameira de Balaídos. Unha decepción para a bancada que impotente comprobaba como os celestes eran incapaces de facerlle fronte ao cadro eibartarra que cun fútbol práctico e unha envexable solidez defensiva se adiantaba xa aos doce minutos na táboa de marcas. Unha xogada que naceu dun envío moi longo dun central, Ramis, cabezado cara atrás por Sergi Enrich, que na liña da área lle gañou a posición a Fontás, deixando un corredor precioso para que Kike García xutase non moi forte, un balón que pillou ao porteiro celeste coa man un pouco frouxa, non podendo evitar que se lle coase polo pao dereito.

Un gol moi temperán e decisivo no decorrer do partido que afianzou o control do fútbol directo dos vascos que puideron marcar o segundo nun xute diagonal de Bebe que Sergio conseguiu rexeitar con moitas dificultades. No Celta non carburaban as bandas, onde Señé e Pione facilitaban a subida dos laterais, como tampouco os mediocampistas, Jozabed, Pape Cheikh e Tucu Hernández, a pesar da súa vontade teimosa, non conseguían nin marcar a súa xerarquía nin sacar a pelota xogada. Por riba, a lesión de xeonllo do desgrazado Rossi engadiu un compoñente dramático ao partido e deixou ao Celta sen referente no xogo entreliñas que procuraba Josabed, onte o xogador máis asociativo do equipo. Unha primeira parte para esquecer onde non se pode relatar ningunha chegada nin xute sobre os tres paos dos nosos, que foron apenas unha sombra na área de Yoel, o porteiro do Eibar, recibido con moitos agarimos e saudades pola bancada de Balaídos.

Se isto non abondase, aos cinco minutos da reanudación, o Eibar recuncou cun segundo tanto, nacido na pizarra de Mendilibar, que pecharía a taboa de marcas. Antonio Luna, un dos laterais, aproveitou o corredor que deixaron Señé e Roncaglia, chegou a liña de fondo e centrou para que Pedro León xutase en carreira dende a frontal sen que Sergio puidese evitar o gol. Un tanto que semellaba noqueaba a un Celta perdidiño, fóra de punto, que, até entón, funcionaba a unha velocidade moi inferior á dos eibarreses. Xaora, a entrada na lameira de Iago Aspas, cando faltaba aínda media hora de xogo, achegou a enerxía e a intelixencia que até daquela faltaba para chegar á porta de Yoel. Uns minutos antes Jozabed mereceu o gol nun xute espectacular que fixo tremer ao pao dereito. Mais co mago de Moaña abríronse os espazos e comezaron a identificarse liñas de pase, o que fixo dubidar aos contundentes centrais armeiros, obrigados a dar un paso atrás.

E non tardaron en chegar os goles cantados, que non marcados, nunha tarde onde os celestes careceron no instante decisivo da fortuna do gol. O primeiro, unha xenialidade de Aspas dende a esquerda, unha volea que buscaba a escuadra do pao longo, ao xeito inesquecible de Nolito. Despois, un saque de falta marabilloso do astro de Moaña que petou no longueiro. A seguir, un disparo en carreira de Beauvue, que quedou lonxe do pao, e non puido superar a Yoel. E, por último, un remate de Roncaglia que rexeitou o porteiro de Coia coa punteira. Todo un exercicio de afouteza sen fortuna, cando o partido estaba perdido e as posibildiades de clasificación europea desta liga definitivamente estragadas.

En todo caso, foi o de onte un partido de transición, onde toda a intención e os coidados de Berizzo estiveron encamiñados a conservar azos, enerxías e talento para a decisiva noite do xoves. Diante dos belgas boa falta farán.

Campo do Fragoso CXCIV

bretemas —  20 de Febreiro de 2017 — Deixa un comentario

JozabedCELTA REACTIVO

Diante do Osasuna o Celta de Eduardo Berizzo demostrou ser un equipo reactivo. Tras a inapelable eliminación de Copa diante do Deportivo Alavés, despois dos nefastos derradeiros minutos do domingo pasado no Vicente Calderón, á que se uniu a actuación decepcionante en Balaídos do xoves fronte os ucraínos do Shakhtar Donetks (tres derrotas consecutivas moi axustadas, polo tanto moi dolorosas), existía o perigo de que o Celta esvarase por vieiros tan perigosos como son os da melancolía e o desánimo. Por ventura non foi así. A versión B do equipo de Berizzo demostrou contar con enerxía, confianza, oficio e gol abondos para vencer con claridade a un cadro navarro que non soubo aproveitar as súas oportunidades.

Foi o de onte un Celta reactivo que apostou por un fútbol máis directo do que adoita, procurando atopar con velocidade as costas dos tres centrais navarros. Unha versión do xogo pouco habitual interpretada por unha trepia atacante inédita, Bongonda, Rossi e Pione Sisto, tamén os protagonistas do gol temperán, no minuto 22, determinante do devir do partido. Unha xogada de tiraliñas, iniciada na esquerda pola velocidade do belga, que pasou ao italiano, situado no centro da área, para que este cun taconazo de fantasía filtrase de costas ao dinamarqués que tivo a serenidade de canear ao seu marcador e logo xutar ás redes sobre o pao dereito. Un gol magnífico de composición e de resolución que abriu uns bos minutos de xogo celeste. Pouco despois, recuncou na área Rossi nunha xogada pola banda esquerda finalizada tras varios caneos cun xute chapado polo porteiro Sirigu. E pouco máis se pode contar de fútbol atacante celeste nunha primeira parte de aborrecible centrocampismo, no que os visitantes nos minutos finais chegaron a pechar aos celestes diante da portaría de Rubén.

Comezou o segundo acto cun Osasuna moito máis determinado e afouto. Sergio León puido nivelar a táboa de marcas no minuto 50 cun gran xute respondido por Rubén coa mellor parada do serán. Oportunidade que repetirían pouco despois Sergio de las Cuevas cun disparo dende o punto de penalti e Oriol Riera cunha cabezada, tras un saque de recanto, que lambeu o pao dereito. Os navarros tiñan moita máis intención ca acerto. Xaora, o partido esvarou por uns minutos de incerteza, onde comezaron os ires e vires que tanto dano lle fan aos celestes. Desta volta Berizzo non dubidou en mover o banco decontado e deu entrada na lameira a Jozabed, que con media hora por diante deulle a volta ao carpín. Co sevillano o Celta recuperou acougo e chegada, que se incrementaría notablemente coa incorporación de Iago Aspas faltando apenas un cuarto de hora.

Cos dous artistas sobre a lameira chegaron os goles. No 86, Jozabed cabezou un saque de recanto do Chelo Díaz, que o porteiro navarro non puido evitar se coase preto do primeiro pao. Apenas dous minutos despois o mediocampista sevillano serviu de marabilla unha pelota longa en diagonal sobre Aspas para que correse con ela pola banda esquerda e superase ao porteiro na area cun globiño de precisión, auténtica marca da casa. Toda unha xenialidade do Merlín de Moaña que pechaba unha táboa de marcas, quizais un pouco avultada para o xogo que ofreceron uns e outros sobre a lameira.

Abofé que non foi este un partido gañado polo fútbol de salón que tanto presta en Balaídos. Pola contra, abondaron unha defensa moi sólida, dúas contras veloces e un saque de recanto para superar aos rochosos centrais navarros. Outra versión do xogo moi ben executada pola versión B do cadro de Berizzo. Unha demostración de versatilidade e confianza nas propias posibilidades que nos permiten enxergar con certo optimismo o dificilísimo partido do xoves en Ucraína.