Listado de la etiqueta: jaime_garrido

Cidade granito

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a publicación de Granito de Álex Alonso, novela viguesa gañadora ex aequo do Premio Torrente Ballester 2019

Vigo é unha cidade granito. O porto de Vigo é o terceiro do mundo en tráfico de pedra, tanto polo seu volume de exportación de granito en bruto como polas importacións para súa elaboración por parte das empresas transformadoras instaladas na súa maior parte no Porriño. Unha actividade extractiva e industrial iniciada hai case un século pola familia Ramilo, que na actualidade factura máis de 300 millóns de euros sendo un dos sectores económicos máis consolidados da área metropolitana viguesa tanto pola importancia do seu emprego como polo feito de que o prestixioso granito rosa do Porriño constitúe unha referencia internacional para a nosa área metropolitana. Vigo é unha cidade pétrea, ademais, pola importancia da súa arquitectura do granito, deseñada dende hai máis dun século nos ensanches da súa cidade portuaria por arquitectos como Jenaro de la Fuente, Michel Pacewicz, Manuel Gómez Román, Antonio Palacios, Antonio Cominges, Francisco Castro Represas, Pedro Alonso, entre outros, que legaron un patrimonio construtivo extraordinario que hoxe forma parte da identidade e do orgullo da propia cidade.

Defendido de forma teimosa polo arquitecto Jaime Garrido e por outros estudosos do Instituto de Estudios Vigueses, este carácter granítico de Vigo contaxiou a narrativa nosa que comezou a localizar as súas ficcións neste espazos icónicos para a memoria viguesa. Velaí as achegas pioneiras de «novelas viguesas» de Cid Cabido (Panificadora, 1994) e Manuel Forcadela (Fóra de xogo, 1993), ás que na última década se engadiron as de Pedro Feijoo, Domingo Villar, Fran P. Lorenzo, Ledicia Costas, Manuel Esteban, Francisco Castro, Beto Luaces, Elena Gallego Abad, Alicia Borrás… Unha relación aberta á que se engade agora Álex Alonso, o narrador de San Miguel de Oia, autor da extraordinaria Granito (Xerais 2020), premio Torrente Ballester 2019, ex aequo con O paraíso dos inocentes (Galaxia 2020) de Antón Riveiro Coello. Coñecido polos seus libros de relatos Xénero imperfecto (2016) e Tempos de bébidas isotónicas e fast-food (Xerais 2016), con esta novela de lectura aditiva e longo alento (568 páxinas), ao fío daquel terrible crime de Nigrán do 1 de febreiro de 1994, Álex Alonso reconstrúe a memoria social, cultural e política do Vigo de hai case tres décadas, cando en plena crise económica se iniciaban as profundas mudanza urbanas do Vigo de fin de século.

Álex Alonso segue o ronsel iniciado polo mestre Cid Cabido con Unha historia que non vou contar (Xerais 2009), na que cuestionando os moldes da propia ficción afondara no mítico crime do industrial conserveiro Antonio Alfageme de 20 de abril de 1974. Alargando os recursos literarios da novela de non ficción, Álex reconstrúe en Granito o cuádruplo crime de Priegue do que foran vítimas o industrial do granito David Fernández, a súa dona Pilar Sanromán, a filla de ambos os dous, Marta e a traballadora doméstica Ana Isabel Costas; crimes dos que foron autores os policías nacionais Manuel Lorenzo Vázquez e Jesús Vela Martínez, que serían condenados a 212 anos de cárcere. Utilizando personaxes literarios de ficción, cuxos nomes apenas comparten a inicial cos reais, Alonso ofrece con detalles de espírito evidencialista o que puideron ser na realidade as historias de vida de vítimas e asasinos durante o mes que precedeu á matanza. Un procedemento narrativo semellante ao que Truman Capote utilizara en A sangue frío para radiografar aquel cuádruplo asasinato da familia Clutter, outro crime sen motivo aparente. Un intelixente procedemento literario de novela xornalística que propón ao lectorado atravesar as certezas pola peneira da ficción para que cadaquén faga a súa interpretación.

Se isto xa non abondase, Granito ofrece moito máis que as razóns documentadas que levaron a dous policías fracasados a acabar con toda unha familia. Granito reconstrúe o Vigo de comezos de 1994, os locais e establecementos, cando era alcalde Carlos G. Príncipe, reitor Luis Espada Recarey e adestrador do Celta Víctor Fernández. Unha crónica xornalística, na ficción o narrador é un periodista en prácticas de Faro de Vigo, que retrata un Vigo en mudanza no que grandes actuacións urbanísticas se presentan como o Vigo futuro (centro comercial das Travesas, praza Elíptica ou «Abrir Vigo ao mar»). Un xornalista que reclama a conservación do patrimonio da Alameda, lembra o carácter metropolitano do tranvía ou denuncia a precaria situación das persoas sen teito que sobreviven no km 0 da cidade, na planta baixa dun abandonado edificio Simeón. Vigo rebelde, no que triunfa sen paliativos a folga xeral do 28 de xaneiro contra a reforma laboral de Felipe González… Recomendo vivamente Granito, moi valiosa novela viguesa, que recupera a nosa memoria máis recente.

Un plan para o Castro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a propoñer un plan director para o arranxo do monte do Castro:

monte_do_castroSomos moitos os vigueses que, sobre todo durante as fins de semana, camiñamos polos vieiros do monte do Castro. Como son moitas as familias que acompañan aos seus picariños nas zonas de xogos e bicicletas ou as atletas e ciclistas que utilizan este espazo natural para facer deporte. Paseos e camiñadas nas que aínda é posible identificar o rechouchío dos paxariños da cidade, gozar do aroma da terra mollada e mol nos seus vieiros, e a fragrancia do amplo catálogo forestal e floral alí acubillado como un auténtico tesouro urbano. Rotas coñecidas dende a nosa infancia, consolidadas polas pegadas sobre o xabre de varias xeracións, por fortuna aínda conservadas na maior parte como hai décadas, nas que hoxe dá xenio escoitar as novas voces dos vigueses inmigrantes ou o zunido das bicicletas acrobáticas baixando a escape cara o Campo de Granada.

Camiñadas nas que é inevitable deterse a enxergar durante uns segundos o horizonte das Cíes e pasmar coa beleza da ría e o estrépito das instalacións portuarias ou as do farturento e industrial Val do Fragoso, dende o miradoiro das áncoras de Rande ou asomándose ás propias murallas do Castelo (a 147 metros de altitude sobre o nivel do mar) das que o concello derrubou tan acertadamente a edificación hosteleira que tanto as afeaba. Para o cruceirista ou turista ben informado, como para o veciño transformado en viaxeiro curioso na propia cidade, a visita do Castro constitúe unha oportunidade magnífica para achegarse á historia e á orixe de Vigo, xa que ese pulmón vexetal urbano contén tamén o seu ADN.

No Castro está a orixe castrexa de Vigo, unha auténtica protocidade asentada no chamado monte Feroso, aínda sen desenterrar na súa maior parte, que puido ocupar case 17 hectáreas e contar con 5.500 habitantes, como sinala Carlos Núñez no seu libro máis recente, “Vigo metropolitano na Galicia céltica (Xerais 2017). Mais sen esquecer que dende o miradoiro oeste da muralla do Castro poden ir identificándose cada un dos castros das terras do Fragoso: o de Beirán en Matamá, o de Barrocas en Valadares, o do Monte da Mina e o Piricoto en Castrelos, o de Erbille e Guizán en Mos, o de Xestoso en Bembrive, o do Castriño e o Carballal en Cabral… Mais no Castro tamén podemos identificar as pegadas que deixou a economía marítima romana, o esplendor literario dos nosos trobeiros medievais e todo o perfil da cidade industrial atlántica que agromou nos areais do Berbés e San Sebastián, estendida hoxe de Guixar a Samil.

No Castro están as que deberían ser consideradas como as primeiras aulas da historia de Vigo, de visita obrigada para todos os escolares e curiosos. O Parque Arqueolóxico museificado da aba oeste, clave para entender o Vigo castrexo e romano. As murallas que protexían o castelo pioneiro do Penço, e o posterior edificado na segunda metade do século XVII, imprescindible para entender episodios como a batalla de Rande de 1702, a invasión inglesa de 1719 e a propia Reconquista e fundación da cidade. O primeiro depósito municipal de augas, instalado en 1903, coincidindo coa cesión do Castro ao pobo de Vigo e os primeiros plans de axardinamento do arquitecto Jenaro de la Fuente, cando comeza a configurarse a fasquía da cidade policéntrica actual. O monolito, situado ás portas do Castelo, en lembranza das 136 persoas asasinadas alí polo franquismo entre 1936 e 1942, como a mal chamada “cruz dos caídos”, que non entendemos como continúa alí chantada.

Unha peza tan valiosa como a do monte do Castro, como sucede con esoutra alfaia viguesa do parque de Castrelos, precisa dunha protección integral da que hoxe carece. Como xa reclamou o arquitecto Jaime Garrido, cando publicou “El origen de Vigo. El monte de O Castro y su castillo” (Deputación de Pontevedra 2011), o Castro precisa un plan director que contemple a recuperación da muralla e dos baluartes do castelo, mais tamén que facilite o desenvolvemento das excavacións do Parque Arqueolóxico. Un plan que atenda a catalogación do patrimonio forestal e floral do parque e do seu albeiro, así como o mantemento e  arranxo dos seus vieiros, que constitúen a única oportunidade que temos milleiros de vigueses para camiñar por terra. Un plan que regule de forma moito máis restritiva o tráfico e o estacionamento de automóbiles até conseguir a peonalización da estrada que rodea a muralla e impida que o vial de circunvalación sexa o grande aparcadoiro gratuíto do centro. Un plan que debería contemplar, ademais, a utilización do parque como un espazo literario, sobre todo no denominado Paseo de Rosalía de Castro e no miradoiro Martín Codax, onde se lembra ao poeta sobre o que se fundou esta cidade. No Castro está o ADN de Vigo, merece todos os coidados e mimos.

O futuro do Castro

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da publicación do libro de Jaime Garrido, El origen de Vigo. El monte de O Castro y su castillo (Deputación Provincial de Pontevedra 2011), propoño a redacción dun plan director do monte do Castro que preserve o seu patrimoio arquitectónico e natural.

Cando queremos fachendear de cidade fermosa diante dos visitantes non dubidamos en levalos ao monte do Castro. O formidable outeiro das murallas do Castelo, os miradoiros das áncoras de Rande ou do poeta Martín Códax son anfiteatros privilexiados para gozar de toda a beleza inquedante da ría e do farturento val do Fragoso, para pasmar co ir e vir das embarcacións dos portos ou para identificar entre a xeometría aceirada das guindastres dos asteleiros e dos tellados das naves do enorme recheo de Bouzas o latexar industrial dunha cidade que non desiste. A visita ao Castro é, ademais, para o viaxeiro curioso unha posibilidade magnífica de comprender o que foi a historia da nosa cidade, dende a súa orixe castrexa e as pegadas que deixou a economía marítima romana, pasando polo esplendor dos trobeiros medievais, deica a actual cidade portuaria atlántica, que agromou nos areais do Berbés e se estendeu até Guixar e Samil.

Jaime Garrido Rodríguez, un dos mellores coñecedores da historia viguesa e do seu patrimonio arquitectónico, emprega unha estratexia de comunicación semellante no seu libro máis recente, El origen de Vigo. El monte de O Castro y su castillo (Deputación Provincial de Pontevedra 2011). Un documentadísimo volume no que esculcando en todos os eidos desas 17 hectáreas, ubicadas na zona central de Vigo, ofrece tanto unha radiografía do estado actual e da problemática do noso primeiro parque urbano como un ameno percorrido pola nosa historia milenaria. Dende o parque arqueolóxico, museificado neste mandato da corporación, até a orixe da edificación e o estado actual do castelo da nosa señora do Castro, Garrido achega múltiples documentos (fotos e planos), algúns inéditos ou escasamente divulgados, que axudan a coñecer o valioso patrimonio arquitectónico e natural alí existente. Son de salientar os capítulos dedicados á ubicación do castelo do Penço, a descrición das fortificacións do castelo e ao asedio que sofriu en 1719 por mor da invasión inglesa. Como moi clarificadoras son as páxinas que explican as condicións da cesión ao pobo de Vigo do monte do Castro por parte das Cortes e os proxectos de axardinamento que en 1903 realizou o arquitecto Jenaro de la Fuente, case coincidindo coa instalación alí do primeiro depósito municipal de augas. Mais. Garrido, como xa fixera en libros anteriores, especialmente no seu clásico Vigo, la ciudad que se perdió, alerta sobre os numerosos desaforos e excesos cometidos no monte do Castro ao longo dos últimos cincuenta anos, propoñendo actuacións recomendables para a súa posta en valor e protección, especialmente no que atinxe ao conxunto do parque, ao castelo e ás excavacións arqueolóxicas.

Ten toda razón Jaime Garrido cando denuncia as construcións adosadas ao castelo, un monumento datado na metade do século XVII e hoxe sometido a protección como ben de interese cultural. Rematadas as concesións municipais dos tres establecementos hosteleiros existentes no parque, o concello de Vigo debería ter a coraxe de derrubalos e acometer un plan de recuperación integral das murallas do castelo. Como tamén a posúe cando denuncia que o monte do Castro se convertiu no primeiro aparcamento gratuíto do centro da cidade, xa que son centos os coches que durante todo o día permanecen estacionados nos diversos paseos asfaltados, o que semella incompatible cun espazo concibido para o lecer e o acougo, onde os peóns deben de ter preferencia absoluta sobre os vehículos a motor.

O monte do Castro, como o parque de Castrelos, son senllas pezas preciosas e primeiras do noso patrimonio natural e arquitectónico que merecen unha protección integral da que hoxe carecen. E como tales deberían ser peonalizados, sometendo o tráfico ás restricións precisas e acoutando a posibilidade de aparcamento a espazos moi concretos e a un tempo reducido. O monte do Castro require un plan director que contemple a recuperación da muralla e dos baluartes do castelo, mais tamén que facilite o desenvolvemento das excavacións do Parque Arqueolóxico e o arranxo de espazos especializados para o goce dos pequenos, da mocidade e das persoas maiores, os seus principais usuarios. A retirada da chamada “cruz dos caídos” debería incluírse no marco dunha nova estratexia da súa transformación en espazo cultural, sobre todo no actual Paseo de Rosalía de Castro, onde poderían estar presentes os textos da padronesa universal. Como especial atención merece o coidado do patrimonio forestal e floral do parque e do seu albeiro, así como o arranxo dos vieiros, carreiros, vereas ou sendas, que constitúen a única oportunidade que teñen milleiros de cidadáns para durante unhas horas camiñar por terra, gozando da súa fragrancia e do benestar que iso ocasiona. Eis o futuro do Castro.