Listado de la etiqueta: isaura_abelairas

Elas, exiliadas e emigrantes

Dedico  o artigo da semana en Faro de Vigo a exposición «Pontevedra e América. Unha mirada feminina 2023» :

No espazo público da ampla terraza de Vialia, diante da Sala Inmersiva, estivo instalada durante dous meses a exposición itinerante «Pontevedra e América. Unha mirada feminina 2023» producida pola Cátedra Iberoamericana da Universidade de Santiago dentro dun convenio coa Deputación de Pontevedra. Unha interesante mostra de rúa que na súa segunda edición narra a historia de trece mulleres pontevedresas que dunha ou doutra maneira foron marcadas pola emigración americana en diversos países, momentos e circunstancias persoais. Trece vidas doutras tantas mulleres anónimas que para as comisarias da mostra, a responsable da cátedra, a profesora María Cadaval Sampedro, e a catedrática emérita María Xosé Rodríguez Galdo, achegadas ao universo amplísimo de «xentes sen historia que protagonizan maioritariamente a nosa historia migratoria».

Trece paneis informativos que honran a mulleres nacidas na emigración como Chita Lamas Barreiro (1909), a primeira voz feminina do exilio galego en Arxentina; Reyna Pastor (1931-2021), profesora universitaria en Rosario e Noemí Cendón (1967), primeira muller en presidir a Irmandade Galega de Venezuela. Mulleres que colleron de forma obrigada os camiños do exilio construíndo as súas vidas, ou boa parte delas, alén mar como Sofía Novoa Ortiz (1902-1987), Concepción Pazó (1907), Blanca Rodríguez Sáez (1897-1972), Margarita Bilbatúa Zubeldia (1900-1979) e Rosina Villaverde (1917-1925) ou outras como Bernarda Pereira Solla (1893-1987) e Concha Nogueira Miguel (1933) que migraron a Venezuela e logo regresaron. Mulleres como Antía Cal (1923-2022) e María Xosé Porteiro que coincidindo cos anos de infancia viviron en Cuba a experiencia emigrante ou o caso singular da mestra e concelleira viguesa Isaura Abelairas (1951-2021), que recuperou os lazos coa familia cubana, interrompidos noutro momento do pasado.

Vidas tráxicas de exilio, como a de Margarita Bilbatúa Zubeldia que, tras o fusilamento en Pereiró dos seus tres irmáns, Antonio, Demetrio e Luis o 27 de agosto de 1936 e ser detida en outubro, fuxiu de Vigo coa súa nai e peregrinou por campos de concentración franceses, antes de embarcar en Calais no Statendam rumbo a México onde arribaría o 26 de xuño de 1939. Unha peripecia de novela desta costureira socialista viguesa, que teimou até reunir con ela en 1945 en México DF a súa cuñada e os seus sobriños, Ángel e Demetrio, os dous fillos do seu irmán Demetrio, coñecido fotógrafo da rúa Príncipe, que se formarían no Colexio Madrid e no Instituto Luis Vives, que anos despois se converterían en referentes do cine mexicano.

Como as tintas da traxedia do suicidio colectivo dos nove pasaxeiros do bou Eva, o 23 de abril de 1937 no porto de Vigo, marcaron dende os catro anos a vida da viguesa Concha Nogueira Miguel, filla de dous dos suicidados, Carmen Miguel Agra e Anxo Nogueira Nogueira. Ela e a súa irmá pequena serían dende entón «as nenas do bou», apelativo que as perseguiría ao longo dunha vida que construíron agarimadas polos seus avós e polos seus tíos Concha e Jacinto. Tras aprender as primeiras letras na escola de dona Irene, xunto ao cine Tamberlick, Concha estudou para secretaria no colexio Vivas de Príncipe, tendo o seu primeiro traballo con Celso Isla Couto. En 1955 emigrou a Venezuela onde residiu durante unha década, se afiliou ao Partido Comunista e casou co vigués Francisco Mosquera.

Os camiños do exilio tamén marcaron a Sofía Novoa Ortiz, viguesa formada no Conservatorio Superior de Música de Madrid en piano e composición e na Residencia de Señoritas, institución dependente da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas, onde tivo por mentora a María de Maeztu. Pioneira da formación musical, continuou os seus estudos en Francia e dende 1930 exerceu como profesora de música do Instituto Escuela. En 1937 Sofía embarcou en Lisboa cara a Nova York, onde anos despois se licenciaría en Filosofía e Letras na Universidade de Columbia. Catedrática de español no Vassar College de Nova York durante dúas décadas, a súa traxectoria foi recollida no magnífico libro de Carmen Losada Gallego, Sofía Novoa Ortiz. Pianista, pedagoga e exiliada (Instituto de Estudios Vigueses, 2020).

A pedagoga Antía Cal, fundadora do Colexio Rosalía de Castro, representa na mostra, as mulleres dunha familia emigrante. Nacida en La Habana viviu en Cuba até os nove anos, para instalarse entre Vigo e Murás, experiencia que recoñeceu como marcante no seu libro de memorias, Este camiño que fixemos xuntos (Galaxia 2006). Outro tanto recoñece a xornalista María Xosé Porteiro, emigrada a Cuba aos catro anos, que estudou a primaria e a secundaria na illa caribeña, unha herdanza de infancia e adolescencia emigrante cubana que ficará presente na súa vida.

Recuperar a regueifa

No artigo da semana en Faro de Vigo abeizoo o proceso de recuperación da regueifa e a posta en marcha do Centro de Interpretación da Oralidade do concello de Vigo.

certame_regueifa_valadaresUn dos gravados máis coñecidos do Vigo do século dezanove é “A regueifa de San Roque”, un debuxo a pluma que Meléndez publicou en 1879 en “La Ilustración Gallega y Asturiana”. Tratábase dunha representación da “danza do molete”, unha muiñeira executada cos brazos abaixados, no que unha das bailadoras, “a madriña”, levaba unha bóla de pan na cabeza. A danza tiña a súa orixe na cerimonia de “cantar a regueifa”, un desafío dialéctico a base de coplas improvisadas, que nas vodas protagonizaban os convidados da parroquia e os de fóra dela para desputarse o pan ou roscón da voda, nalgúns lugares chamado tamén “canelo” ou “regoxos”. No desafío dialéctico, utilizando estrofas de catro versos octosílabos, non faltaba nin o humor nin o escarno entre as familias, o que nalgunhas ocasións facía subir a temperatura entre ambas as dúas partes e obrigaba aos da casa a preparar decontado a muiñeira e logo repartir o molete entre todos os participantes. Nesa foliada está a orixe da regueifa, as cantigas improvisadas nas que dúas ou máis persoas (os “regueifeiros”) debaten sobre un tema, fenómeno que algúns relacionan coa “tenzón” medieval, unha desputa entre un trobeiro e un xoglar, un xénero menor das cantigas de escarnio.

A regueifa é un dos xéneros da literatura de tradición oral galega, como o brindo, os contos, as lendas, as cantareas, as lengalengas, os trabalinguas, as adiviñas e outras composicións orais, asociadas unhas veces coa improvisación e outras coa danza. Pezas todas que constitúen un extraordinario legado do noso patrimonio inmaterial, expresións afortunadas do saber do pobo, de cada unha das súas comunidades, transmitido de xeración a xeración fose por comunicación oral ou por transmisión escrita, onde está cifrado o ADN da lingua galega e o da súa cultura agraria e mariñeira. Un fío cultural e lingüístico milenario, un patrimonio oral inmaterial que como as formas de vida aldeá foi esmorecendo até a súa práctica desaparición e precisa agora ser recuperado, posto en valor, anovado e transmitido ás novas xeracións. Unha tarefa dignificadora urxente e necesaria, capaz de atraer ás novas xeracións ao uso cotián do galego no entorno das novas culturas urbanas.

O da recuperación da regueifa e outras tradicións populares improvisadas de carácter oral é un labor no que traballa o Centro Veciñal e Cultural de Valadares organizador do Certame Internacional de Improvisación Oral, cuxa décimo sexta edición foi celebrada o pasado mes de febreiro. Un certame que cada ano reúne as maiores figuras desta expresión da nosa cultura popular, dende os Regueifeiros de Bergantiños como Suso e Antón de Xornes e Guillermo “da Rabadeira”, pasando por improvisadores en verso como Pinto d’ Herbón, Bieito Lobariñas e Josinho da Teixeira, até o tamén gaiteiro e zanfonista Luís “O Caruncho”, un dos recuperadores do xénero do brindo, xunto a outras chegadas de fóra de Galicia como portugueses “Cantores ao desafío” ou repentizadores e improvisadores da poesía popular chegados de diferentes lugares da península e América Latina. Unha cita moi consolidada protagonizada sempre pola regueifa, “unha arte da ironía e do sarcasmo”, como adoita dicir Carlos Alonso, presidente da Asociación Oral de Galicia e alma mater do encontro e da defensa dos regueifeiros, merecedores de ser recoñecidos pola sociedade como auténticos artistas do enxeño verbal.

Recollendo o fío deste proxecto a concellaría de Normalización Lingüística do concello de Vigo creou este curso de forma pioneira o Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo (CIOV) con sede central no Instituto Municipal de Educación e coa intención de convertirse en lugar de formación e axente dinamizador da oralidade. Xaora, o CIOV pretende formar novos regueifeiros e regueifeiras, novos contadores de historias e coñecedores da tradición oral galega e das modernas formas asociadas á oralidade como o rap, hip hop e slam por medio de dous cursos, un de narración oral (os martes) e outro de improvisación oral en verso (os mércores). Outrosí sucede coas actividades de dinamización dirixidas a toda a cidadanía realizadas en diversos puntos de Vigo (rúas, cafetarías, centros comerciais…) como regueifas, contadas ou manifestacións poético-musicais. Sen esquecer actividades como os obradoiros de regueifas nos centros escolares de Secundaria, o programa “Contos e cantos” para pais e nais de picariños ou o “Cóntame os teus contos” para centros de terceira idade. O do CIOV é un programa de innovación lingüística e etnográfica merecedor do interese da Universidade da Sorbona de París onde hai apenas dúas semanas foi presentado pola concelleira Isaura Abelairas. Parabéns ben merecidos para ela e para o seu equipo técnico polo esforzo por recuperar a regueifa.