Está vendo o arquivo da categoría » instituto_de_estudos_vigueses

Manuel de la Fuente

bretemas —  9 de Maio de 2017 — Deixa un comentario

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar ao escrtior e xornalista Manuel de la Fuente:

Delafuente na vella redacción do Faro. Maio de 1988

O pasado 3 de maio cumpríronse quince anos do pasamento de Manuel de la Fuente, o inesquecible escritor e redactor de “Faro de Vigo” durante máis de catro décadas. Lembrouno o seu neto, o tamén escritor Pedro Feijoo, no seu blog, cualificando a quen foi “un dos xornalistas vigueses de toda a vida” como un “devoto namorado de Vigo”, “un home de natureza inqueda”, “un dos xornalistas imprescindibles para comprender a memoria de Vigo”, “un estudoso infatigable, un investigador sagaz, a quen se lle debe o mérito de ter contribuído a acender non poucas luces da nosa historia recente, xa non só da crónica viguesa, tamén e en boa medida da galega”.

Coñecín a Manuel de la Fuente nos últimos anos da súa vida profesional en Faro de Vigo, xornal no que entrou como redactor en 1951 e no que se xubilou en 1997. Lembrarei sempre a súa chamada telefónica para agradecerme o envío dunha das fotobiografías que publicara Xerais con motivo do día das Letras Galegas, na que aproveitou tamén para preguntar se a miña familia tiña algo que ver coa de Dalmacio Bragado Ruiz, o anarquista vigués da CNT que impulsou durante a segunda república o sindicato de boteiros e lancheiros do porto de Vigo. Unha conversa que nos levou pola orixe zamorana dos Bragado vigueses como polo carácter agarimoso dunha cidade que a el, tamén de orixe castelá, o acollera cando tiña apenas dezanove anos. “En Vigo todos somos emigrantes e todos somos de aquí”, concluiramos ilusionados, falando do que Ferrín definira tan acaidamente como unha “cidade en estrépito”.

1959, primeira biografía de La Bella OteroManuel de la Fuente iniciara moi noviño a súa carreira xornalística en Diario de León e na emisora radiofónica de León, a súa cidade natal, mais foi en Faro de Vigo, onde entrou sendo director Francisco Leal Insua, o xornal onde desenvolveu toda a súa carreira profesional en etapas tan diversas do noso decano, como as dirixidas por Manuel González Cerezales e Álvaro Cunqueiro na década de 1960, até ás máis recentes do período autonómico de Xosé Armesto Faginas e Ceferino de Blas. Autor de milleiros de crónicas de inequívoco espírito literario, Manuel de la Fuente iniciou a súa andaina como escritor cunha biografía sobre La Bella Otero (1959), á que seguiu un libro de poemas, Íntimo latido (1960), no que destaca un poema escrito en 1956 para a radio, “Escribo con lágrimas”, dedicado a Rosalía de Castro: “Mojo mi pluma en tu llanto/ para hablarte, Rosalía…/ y es que tu alma y la mía/ bebieron cáliz amargo…”

1986, Paisaje con figuras, antoloxíaAnos máis tarde, publicou Vigo, paisaje con figuras (1986), onde reuniu un cento de pezas de periodismo literario, nas que había algún conto, estampas costumistas, evocación poéticas, crónica dos problemas da cidade e do seu entorno e numerosos perfís de figuras da historia viguesa e de artistas, políticos e outras xentes de actualidade. Textos escritos dende unha ollada realista, non exenta de tenrura e humor, onde non faltan gabanzas as nosas tabernas e espazos compartidos por vigueses de varias xeracións. Un libro que, como sinalou Antonio Pereira, daba na diana da literatura escrita nos xornais, “porque fala de Vigo, do seu entorno e de Galicia con palabras que gustan ver escritas”.

Unha ollada que de la Fuente non abandonou na súa última década en Faro, onde continuou coas seccións “Postal del año…”, “Postal con sello de urgencia” ou “Postal del tiempo viejo”, iniciadas en 1987 coa intención de reconstruír o relato de moi diversos episodios da historia de Vigo. Debemos a estes seus artigos no decano, froito dunha investigación exhaustiva, horas e horas de lectura da colección do periódico, e ao seu afán didáctico de vella escola, o esclarecemento de aspectos biográficos relacionados co arquitecto Stephan Michel Paczewicz, a historia dos seis poemas galegos de Lorca e do xornal “Galicia” de Valentín Paz Andrade ou un apaixonante relato da estancia de Mata Hari no Hotel Continental en 1916, despois acuñada como mito vigués, por poñer apenas uns exemplos.

Medalla IEV

Sempre pensei que unha escolma daquelas “Postais” de Manuel de la Fuente en Faro de Vigo merecería ser editada nun libro, que por si mesma conformaría un auténtica e moi orixinal historia de Vigo, semellante nas intencións á que Xosé María Álvarez Blázquez reunira con tanto éxito en A cidade e os días (1960). Xaora, a edición das “Postais” de Manuel de la Fuente contribuiría a ese proceso tan complexo da recuperación da memoria nunha cidade un chisco desmemoriada, mais tamén pagaría a débeda que Vigo mantén con este vigués de León, un dos máis abnegados estudosos da súa historia. Suxiro que o Instituto de Estudios Vigueses, do que foi membro, e o concello de Vigo valoren esta posibilidade.

Fotos e imaxes do arquivo de Pedro Feijoo. Mil grazas.

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo ao Instituto de Estudos Vigueses con motivo da incorporación de novos membros:

estudios-vigueses-bienvenida-miembros-14_g

Hai apenas quince días o Instituto de Estudos Vigueses (IEV) presidido por Xoán Carlos Abad Gallego celebrou o seu vinte e cinco aniversario e hoxe nos dá a benvida a nove novos membros: Beatriz Bruna, Beatriz de San Ildefonso, María Dolores Elena Durán, Jorge Lamas, José Luis Mateo, José Ramón Cabanelas, Antonio Vaamonde e Carlos Núñez. Con case trinta membros, iníciase o que debería ser a etapa de consolidación da entidade creada o 9 de maio de 1991 coa finalidade de recuperar a memoria común da cidade, o que supón tanto esculcar no seu pasado como debater sobre os retos do Vigo futuro.

Tras o empurrón inicial, que supuxo o convenio coa Fundación ProVigo, durante estes cinco lustros o IEV enfrontou adversidades e situacións difíciles, motivadas pola procura dunha sede noble e pola carencia de recursos, o que non lle impediu desenvolver, grazas á colaboración dos seus integrantes e ao apoio do concello, unha coidada liña de publicacións, un cento de libros (algúns auténticas alfaias) e vinte e un números do seu boletín “Glaucopis”, onde se recollen máis de 250 artigos, que constitúen hoxe a biblioteca de referencia sobre a historia do Vigo metropolitano.

Labor editorial ao que non foron alleos os esforzos do cronista oficial da cidade, Lalo Vázquez Gil, primeiro secretario e conservador do IEV, e do latinista e especialista na toponimia viguesa Gerardo Sacau, presidente durante unha década. Ambos os dous falecidos, como outros fundadores da entidade: Andrés Martínez-Morás, o primeiro presidente; os xornalistas de “Faro de Vigo”, Francisco Armesto Faginas e Manuel de la Fuente; o filatelista Manuel Lago Martínez ou o historiador Hipólito de Saa, aos que lembramos con admiración e gratitude.

Ademais destes traballos sobre arqueoloxía, arquitectura, toponimia, historia, literatura, economía, deporte ou xornalismo, ao longo da súa traxectoria o IEV organizou exposicións, conferencias divulgadoras, así como elaborou propostas coa intención de afondar na memoria e defensa do patrimonio local, desfacendo o mito de que Vigo é unha cidade de aluvión sen historia de seu. Porén, a misión primeira do IEV continúa sendo a investigación e divulgación da historia de Vigo ao longo dos seus catro mil anos de existencia.

Un labor de afondamento histórico esencial nunha cidade metropolitana de memoria fráxil (e ás veces interesadamente esquecedeira) que aínda precisa de doses elevadas de autoestima, tanto para as súas élites políticas, como para o seu tecido empresarial e asociativo. Aínda que semelle paradóxico, sabemos aínda moi pouco de onde vimos. Vigo precisa consolidar un relato rigoroso do seu pasado, alicerzado no emprego das ferramentas das ciencias sociais contemporáneas, abandonando algúns mitos acuñados pola historia romántica do século XIX e abordando as eivas e períodos escuros ou litixiosos do noso pasado. Só así poderá proxectar con lexitimidade e fiabilidade o seu proxecto metropolitano durante este século XXI. O IEV non pode esquecer, tampouco, a súa actividade educativa, asesorando aos centros escolares nos temas relacionados co coñecemento da historia e xeografía local, un traballo didáctico, onde se poden desenvolver proxectos e iniciativas moi ilusionantes.

Nesa nova etapa, o IEV debe continuar tendo as súas portas abertas, potenciando sobre todo a súa comunicación dixital e a dixitalización dos seus fondos e arquivos, hoxe unha das súas prioridades, para a que precisa do apoio de todos os poderes públicos, o concello de Vigo, o seu mecenas, pero tamén da Deputación de Pontevedra, da Xunta de Galicia e do Goberno de España. Nesta estratexia de apertura e consolidación, o IEV precisa estreitar a súa colaboración coas redes de Museos e Bibliotecas do concello de Vigo, coa Universidade de Vigo e coa Autoridade Portuaria de Vigo, mais tamén co Círculo de Empresarios e con outras empresas e entidades económicas e culturais privadas.

No marco do funcionamento das entidades de estudos locais, o IEV precisa da colaboración de todas as persoas que traballen en temas que teñan como referencia a área metropolitana (non só en Historia e Ciencia Sociais), converténdose nun espazo de coñecemento colaborativo. O IEV é un deses proxectos de cidade, o da construción da memoria, onde todos estamos convocados a participar.

Fusilamentos_27_agosto_Evaristo_Pereira

Moito agradezo ao meu amigo o ilustrador Evaristo Pereira o seu esforzo para que o oitenta aniversario dos fusilamentos de Pereiró non pasase desapercibido en Vigo. A súa estremecedora ilustración elexiaca, os textos que publicou Faro de Vigo e o magnífico e deatalladísimo artigo de Xoán Carlos Abad, presidente do Instituto de Estudios Vigueses, reconstruíron o relato dunha ignominia que aínda non foi reparada. Alédome, tamén, que como ven sucedendo nos últimos anos, as autoridades do concello de Vigo participasen nos actos de homenaxe aos mártires de Pereiró, abrindo así unha fenda no muro de silencio sobre o sucedido na mencer do 27 de agosto de 1936. Só o coñecemento da verdade poderá pechar un dos capítulos máis negros da represión fascista en Vigo.

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á monografía que sobre o arquitecto Jenaro de la Fuente publico Jaime Garrido no Instituto de Estudios Viigueses:

Portada libro Jenaro de la FuenteJaime Garrido Rodríguez acaba de publicar unha extraordinaria monografía sobre Jenaro de la Fuente Domínguez, o gran artífice do ensanche vigués, o arquitecto máis prolífico en Vigo entre as dúas últimas décadas do século XIX e as dúas primeiras do XX. Editado polo Instituto de Estudios Vigueses en grande formato, o libro recolle en catrocentas páxinas tanto o percorrido biográfico do arquitecto vigués como a catalogación dos seus edificios construídos ou dos que quedaron como arquitectura só debuxada.

Libro definitivo de afán divulgativo asombra pola minuciosidade das descricións arquitectónicas, o rigor na análise do contexto urbanístico da época e pola exhaustividade da investigación histórica, na que destaca a achega de abundante material gráfico, sexan fotos como alzados e planos rescatados do arquivo municipal e refeitos e dixitalizados con enorme paciencia polo autor. Libro esencial para comprender o bulir urbano do Vigo de hai un século, cando comezou o seu espertar metropolitano, cubre o oco que faltaba na bibliografía sobre a tríade de mestres da arquitectura viguesa daquel tempo, xunto a Michel Pacewicz e Manuel Gómez Román cos que o propio Jenaro de la Fuente compartiu traballos e mesmo chegou a asinarlles algún ca outro para a súa legalización.

Chegado a Vigo en 1874, cando a cidade contaba apenas doce mil habitantes, Jenaro de la Fuente Domínguez foi destinado á Comandancia de Enxeñeiros de Vigo. Anos despois sería un dos primeiros profesores (de debuxo) da Escola de Artes e Oficios, institución educativa á que se sentiu moi vinculado, fose cando estaba ubicada nun chalet da rúa do Circo (1886) como cando se mudou ao edificio actual deseñado por Pacewicz na rúa Pontevedra (1904). Casado en Vigo en 1886 con Isolina Álvarez, pai de catro fillos (o maior, Jenaro, tamén arquitecto), este autodidacta de cativa estatura simultaneou a súa actividade como enxeñeiro militar e docente co seu emprego, dende 1894 até os días do seu pasamento en 1922, como director facultativo de obras municipais, o que (cousas dunha época onde non existían as incompatibilidades actuais para os funcionarios públicos) non lle impediu a realización de moi numerosas edificacións civís para particulares, algunhas moi destacadas.

Transcorrido máis dun século, consérvanse boa parte das obras (nalgúns casos só as fachadas) de Jenaro de la Fuente Domínguez e a súa pegada é recoñecible no Vigo de hoxe, sobre todo no que foi o primeiro ensanche, o deseñado a comezos da década de 1880 polo arquitecto Domingo Rodríguez Sesmero, coincidindo co pulo urbanístico, industrial, comercial, demográfico, social e cultural, que levou a cidade a superar os 50.000 habitantes a comezos de 1920, conformando o ADN da cidade central actual. As construcións pétreas de Jenaro de la Fuente son hoxe doadamente identificables tanto por tratarse de vivendas burguesas ás que se lle deu moita importancia aos miradores á rúa (ventanais abalconados ou galerías de madeira) como pola profusión ornamental das súas fachadas, nas que se presta atención especial ás partes altas onde adoitan aparecer varias bufardas entre dinteis, medallas e modillóns.

Son edificios conservados de Jenaro de la Fuente o de Príncipe 37, a súa primeira obra (1878), onde estivo instalada a Papelería Española e as sete casas encargadas polo conde de Torre Cedeira, entre Velázquez Moreno e Policarpo Sanz, que conformaron a edificación máis luxosa do seu tempo (1879-1884), hoxe transformada no Centro Social de Afundación. Son tamén, entre outras, obras súas o Hotel Universal (1888), nas Avenidas; o edificio Ferro (1889), hoxe Biblioteca Central; o edificio Arbones (1892), en Elduayen 4; o Ledo (1893), na Porta do Sol ou o Lorenzo Rodríguez (1893), en Elduayen 2, recentemente rehabilitado de forma moi lograda. Xaora, a súa obra principal foi o edificio “Bonín” da rúa Areal 40 e 42 (1909) onde sintetizou a grandiosidade ornamental da súa arquitectura.

Garrido non esquece neste catálogo os edificios desaparecidos de Jenaro de la Fuente, como o precioso “Rubira”, entre Colón e García Barbón, construído en 1905 e derrubado en 1967, unha das maiores aberracións do portanetismo. Lista de caídos pola piqueta á que habería que engadir o mercado do Progreso (1906) e a fábrica de conservas de Antonio Alonso (1902). Como tampouco deixa fóra as obras construídas fóra de Vigo como o concello de Gondomar (1906), o Gran Hotel de Mondariz (1898), o Balneario Acuña de Caldas de Reis ou o extraordinario Palacio “Lourizán” (1909), residencia de Montero Ríos.

Un libro, pois, completísimo e necesario, indispensable para todos os que pretendan coñecer mellor e lembrar como emerxeu o Vigo pétreo que aínda conservamos. Parabéns por estoutra marabilla a Jaime Garrido, o primeiro estudoso e defensor do noso patrimonio.

Tranvía centenario

bretemas —  19 de Agosto de 2014 — Deixa un comentario

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao centenario do tranvía en Vigo.

Primeira_saida_do_tranvia_Vigo_09-08-1914

Vigo é unha cidade desmemoriada. En sendo este o ano do centenario do inicio do rodar dos tranvías, descoñecemos iniciativa algunha na lembranza do noso primeiro medio de transporte metropolitano, un facilitador de boa parte da modernización industrial de Vigo durante cincuenta anos do pasado século XX. Non pode pasar desapercibida a data daquel 9 de agosto de 1914 cando ás once da mañán, segundo relata o historiador Antonio Giráldez Lomba, actual presidente do Instituto de Estudos Vigueses, saíron das cocheiras das Travesas os primeiros tranvías que seguindo a estrada de Baiona (hoxe López Mora), despois, Pi i Margall, Porta do Sol, Príncipe e Urzaiz, chegarían ao Calvario, até o concello de Lavadores. Tranvías que dende aquel día histórico, no que foron recibidos ao seu paso con flores polos vigueses, ampliarían o seu trazado de oito liñas (da Estación a Pereiró, dos Caños a Bouzas, de Cabral á Ribeira, de Bouzas ao Seixo, de Florida a Chapela, do Seixo a Travesas…) até os 32 km de liña tranviaria, abranguendo con espírito metropolitano nove concellos, chegando ao Val Miñor e o da Louriña, movendo cada día, nos anos de maior actividade, a máis de 100.000 viaxeiros.

O proxecto empresarial fóra concibido apenas tres anos antes nun xantar na illa de Toralla, onde un grupo de notables vigueses, convocados por Martín Echegaray, acordara constituír unha empresa coa intención de instalar en Vigo un servizo de tranvías eléctricos semellante ao que funcionaba daquela en Buenos Aires e comezaba a desenvolverse en Madrid e Barcelona. Empresarios como Manuel Losada, Concepto López, Victorio Pig e Tomás Mirambell, entre outros, acreditaban neste medio de transporte como inequívoco motor do progreso urbano e vertebrador de todo o espazo comarcal de Vigo.

Sería o alcalde franquista Rafael J. Portanet Suárez quen en 1968 retiraría á empresa de Tranvías Eléctricos de Vigo a concesión de transporte urbano substituíndoo por un servizo de autobuses adxudicado de forma irregular a Viguesa de Transportes, a empresa presidida por Gonzalo González Arrojo, o presidente do sindicato vertical de transportes e comunicacións. Unha terrible portanetada (coma o derrubo en 1967 do edificio Rubira, a mellor fachada de García Barbón e Colón), que abriría unha dura batalla legal entre Tranvías e o concello de Vigo, mais que sería considerada en 1972 polos tribunais como un caso de soborno. Porén, xa nada se puido facer. Os tranvías deixaran de circular dende a noite do 30 de decembro de 1968 e polas rúas viguesas fumegaban dende mediados do mesmo ano os pegasos azuis de Vitrasa.

Teño a fortuna de conservar a memoria do tranvía. De agardar aos “puntos” que os tranviarios metían cando subían pola costa de Urzáiz ou Casablanca. De lembrar as viaxes nos automotores ao balneario de Samil e os percorridos entre os millos e os lameiros de todo o Val Miñor para acudir ao san Benito de Gondomar. De saber as dificultades para obter o premio que supoñía apañar do chan o taco dos billetes acabado, aqueles que desfacíamos en milleiros de papeliños diminutos ou do perigo que supoñía a baixada en marcha dos ghichiños que acudían veloces aos seus choios.

Xaora, quedou en Vigo a saudade pola perda inxusta dos tranvías, onde se mesturan doses de raiba e dozura, como a lembranza do tranvía fantasma citado por Ferrín no seu “Testamento do Ghebo”. O tranvía deixou en Vigo un sentimento de certa fatalidade, por mor de feridas que non é doado cicatricen, as dos accidentes das xardiñeiras ao seu paso polo Paseo de Alfonso ou a do Siboney que descarrilou na rúa Lepanto en 1935, traxedias que marcaron a historia dunhas cantas das nosas familias. Un estado de ánimo que nos atrevimos a bautizar como “síndrome Siboney”, lembrando o nome popular daqueles tranvías que circulaban dende comezos dos anos vinte, nos que viaxou a fotógrafa americana Ruth Matilda Anderson e nos que lembra ao tranviario conducindo cunha rosa entre os dentes, unha imaxe moi fermosa para non esquecer neste centenario.

Os tranvías vigueses foron un modelo de transporte metropolitano adiantado ao seu tempo, propio dunha cidade cosmopolita, á altura doutras cidades europeas do seu tempo. Os tranvías simbolizaron o emprendemento colectivo vigués e o seu dinamismo, ideas ás que non foi alleo Ricardo Mella, o pensador anarquista vigués e xerente da empresa de Tranvías até o seu pasamento en 1925. Os tranvías eléctricos continúan sendo hoxe o medio de transporte esencial na maior parte das cidades do norte de Europa, tanto polo seu carácter máis limpo, silencioso e seguro, como pola súa capacidade para artellar o territorio. Ben sería que este centenario servise para repensar o futuro modelo de mobilidade metropolitana, unha cuestión na que moito repararon os pioneiros do tranvía.