Listado de la etiqueta: inmateriais

Onte 1557: Os 60 de Suso de Toro

suso_de_toro_60O noso benquerido Suso de Toro celebrou onte o seu sesenta aniversario. Unha ledicia para as moitas persoas que o queremos e admiramos. Tras o regreso á docencia e o abandono da profesión de escritor en lingua galega, que durante dúas décadas exerceu con admirable dedicación, Suso deixou un baleiro na narrativa galega contemporánea da que é trabe de ouro. A súa pentaloxía alboral formada por Polaroid (1986), Land Rover (1989), Ambulancia (1990) Tic-Tac (1993) e A sombra cazadora (1994) revolucionou os camiños diversos da narrativa galega e abriu novos públicos para ela. Unha proeza que non foi aínda recoñecida como merece. Sen esquecer que os seus libros de ensaio, dende F.M. (1991), Ten que doer (2004) a Inmateriais (2013), compuxeron un discurso crítico sobre o estado das artes e a construción da nación dende a palabra. Inquedo, comprometido, xeneroso até o delirio, disposto sempre a dar a cara, a botar unha man no labor colectivo, Suso continúa compartindo opinións nos medios dixitais galegos, españois e cataláns. Todos os nosos abrazos e beizóns para o noso Suso.

Onte 662: «Inmaterias» de Suso de Toro

Outro serán excelente na Feira do Libro de Vigo. Unha marabilla! Moito público nas asinaturas de Agustín Fernández Paz e Xabier Paz e nas presentacións de Cartas de inverno, a novela gráfica de Antonio Seijas, e Inmateriais, o novo libro de Suso de Toro.

Moi interesante foi a intervención de Suso de Toro na presentación de Inmateriais. Comezou cualificando o libro como «un acto político». «Inmateriais leva dentro un argumento político, presento o meu país como me sae de dentro. Non pretende ser un libro de investigación. Son trinta narracións, trinta vidas». Explicou despois a xénese máis profunda do libro. «Tras trinta anos como autor dinme conta que un se fai dono da súa vida cando se fai relato. A vida vivida con profundidade pode ser relato. Só cando tes a vagar e o acougo, a posibilidade de verte dende fóra e, ademais, o podes contar, que é o traballo do escritor, pode comprenderse verdaeiramente o destino da vida. A vida é un conto. A literatura é unha forma de estar na vida».

Referiuse despois a súa condición como autor. «Quen son eu? Un rapaz ao que os seus avos maternos dicían “o ghalleghista”. Tiven e teño unha querenza por enlazar coa vida dos meus avós campesiños, mais tamén coa música dos Tamara, dos Beatles ou dos Rolling Stones. Quixen enlazar cos meus avós e co meu tempo. Coñecín o mundo do silencio, tamén despois o da radio e o da televisión. Foi unha viaxe rápida dende o mundo oral ao actual dixital dos medios de comunicación. Mais tamén fun un neno fantasioso e soñador. Fun un adolescente militante, a miña primeira cita clandestina foi no 72, son fillo do 72, daqueles conflitos de Ferrol, onde mataron a dous obreiros, de Santiago, onde morreu un estudante, das folgas de Vigo daquel ano. Foi toda esa memoria a que me fundou. Deixei a vocación artística de lado. Dende entón partellei a vocación literaria coa da acción social, sempre dende o compromiso co meu pais. Teño sido sindicalista agario e obrero. Teño traballados en moitos oficios. Teño servido moitos viños e cafés. Iso formoume. Con todo iso escribín este libro no que busquei o sentido de cada unha destas vidas. Ningunha delas é unha biografía exhaustiva, a pesar de que me documentei até que comprendín a razón de cada unha delas. Fixen o esforzo de comprendelas a cada unha delas. Intentei identificar o dilema de cada unha destas figuras, que participaron na construción do país».

Rematou o seu discurso Suso de Toro facendo referencias a algúns dos retratos do libro, dende a polémica entre Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán, a inclusión de figuras como Torrente Ballester ou Maruja Mallo, a súa devoción por Xelmírez («o verdadeiro fundador político do reino de Galicia»), ou a súa admiración por Antolín Faraldo («o fundador da Galicia moderna, o artífice da revolusión de 1846»).

Onte 510: Anunciando as novidades

Intensa tarde de presentación do programa de novidades para este primeiro semestre diante da nosa comercial. A pesar da inevitable redución do número de títulos, non podemos agochar a nosa ilusión pola diversidade e calidade desta xeira editorial. Nos próximos meses en Xerais Narrativa aparecerán novas novelas de Carlos Reigosa (A vitoria do perdedor), Hixinio Puentes (Winnipeg), Manuel Portas (Faneca brava) e Xabier Paz (As vidas de Nito). En Crónica Suso de Toro regresara aos andeis das librarías con Inmaterais e Valentina Formoso publicará Do estigma á estima, un ensaio sobre a lingua galega e o alumando da Educación Secundaria. A obra dedicada á celebración do Día das Letras Galegas será Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro de Roberto Pascual. Tamén celebraremos o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos coa edición do texto alboral de Rosalía de Castro preparada por Anxo Angueira, así como polo ensaio de Fernando Pereira sobre a iconografía rosaliana. María Reimóndez e Olga Castro publicarán o ensaio Feminismos e Anselmo López Carreira a súa Historia de Galicia, a primeira no catálogo de Xerais. En Fóra de Xogo, a colección xuvenil publicaremos senllas novelas de Ramón Caride (Endogamia 0.2) e Manuel Lourenzo (Flor de area). Tamén de carácter xuvenil é Amor de serea, a terceira entrega da serie Tintimán de Jaureguizar, e Reckless 2. Vida nas sombras de Cornelia Funke. Nas coleccións infantís terán novidades, entre outros,  Agustín Fernández (Desde unha estrela distante), Ánxela Gracian (As palabras do silencio), Xelís de Toro (O gato fantasma) e Antonio Garcia Teijeiro, antoloxía da súa poesía infantil (Un rato díxolle a lúa). Por último, tras cinco anos de edición, aparecerá Tastarabás. Enciclopedia dos brinquedos tradicionais de Antón Cortizas, unha obra monumental, máis dun milleiro de páxinas a cor, que recupera un dos eidos da nosa etnografía viva.