Listado de la etiqueta: ies_politécnico

O Vigo de Palacios

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Plan Palacios (1932):

Na magnífica exposición sobre Antonio Palacios no Museo do Mar de Alcabre enfeitiza a atención da visitante a maqueta realizada polo alumnado do IES Politécnico que plasma en tres dimensións o «Plan de extensión e reforma interior da cidade de Vigo» presentado á corporación en decembro de 1932 polo arquitecto porriñés. Substituíndo a aqueloutra de escaiola preparada no estudio vigués de Palacios para acompañar ás explicacións públicas do plan ao longo do ano 1934, esta nova maqueta de 4 m x 2,6 m realizada coas técnicas actuais da impresión dixital permite coñecer con todo detalle o deseño daquel Vigo de Palacios ideado para o seu desenvolvemento urbano deica o ano 2100. Un Vigo artellado sobre a medula espinal da rúa Galicia, que unía o monte do Castro coa Laxe, e sobre o despregue de dúas grandes avenidas, a Gran Vía Atlántica paralela á ría e a Gran Vía Cornixa, arredor do Castro, que conecta Teis con Samil, coas que conflúe en cota intermedia a Vía Céltica e transversalmente a Vía Alba, a Vía Sárdoma e a Gran Vía Erizana.

Un Vigo que Palacios deseñou como unha peza artística e funcional a un tempo, cunha silueta urbana identificable dende o mar, na que segundo o profesor de Historia da Arte da USC Jesús Sánchez García, comisario da mostra do Museo do Mar, utilizou solucións ensaiadas noutras cidades deseñadas por arquitectos formados na École des Beaux Arts de París, como o novo Guayaquil (1907) ou Tesalónica (1918), que trataron tamén a estas cidades como creacións orixinais, obras únicas e irrepetibles. Un Vigo soñado por Palacios no contexto da crise dos anos vinte e do caos urbanístico vigués, nunha cidade extendida sobre a ría de pouco máis de 65.000 mil habitantes (1930), tras a anexión de Bouzas (1904), que carecía dun planeamento que ordenase e controlase de forma unitaria e global o seu crecemento. Un Vigo radicalmente novo que para Xosé Manuel Souto González, historiador e membro do Instituto de Estudios Vigueses, constituía a resposta aos desexos da burguesía viguesa de facer a grande cidade do Atlántico, proxecto que Palacios identifica como a Barcelona atlántica que no ano 2000 superaría os 600.000 habitantes.

Unha cidade central monumental concibida como corazón dunha acrópole artellada en socalcos sobre a rúa Galicia, onde conflúen todas as vías, ao xeito dun formidable anfiteatro sobre a ría, que acada a súa cota no monte do Castro, onde se instalaría o Gran Palacio rexional con cúpula para planetario, o que supón que para Palacios Vigo sería a sede das institucións galegas. Unha cidade que no andar intermedio, ao nivel do castelo de San Sebastián e o Campo de Granada, instala a súa nova casa do concello, os xulgados, os museos, a biblioteca e dous grandes hoteis, deixando o nivel inferior para as sedes de oficinas industriais e de comercio e para unha pasaxe comercial, que bautiza como «Invernia». Unha cidade zonificada ao xeito de Le Corbusier en tres grandes áreas (marítima, interior e exterior) concibida como cidade xardín estendida sobre o Val do Fragoso e como cidade imán que organiza o territorio metropolitano de até máis de vinte núcleos satélites. Cidade portuaria na que Palacios contempla os espazos industriais (detrás da Guía), a estación marítima, os peiraos pesqueiros e até unha zona balnearia en Samil. Como tampouco esquece propoñer para solucionar a accidentada topografía viguesa un sistema radial no que se utilicen varios medios de transporte, dende estrada a ferrocarril, sen esquecer liñas de trolebuses, as conexións das embarcacións de ría, liñas de metro soterradas do porto ao Castro e de Urzaiz a Samil, ao emprego de funiculares, teleféricos e elevadores ou dun heliporto na estación do ferrocarril.

O arrasamento de boa parte do tecido urbano ao que obrigaba abrir a rúa Galicia foi o principal argumento para deixar o proxecto de Palacios sen efecto, tras unha dura polémica que o enfrontou con outros arquitectos vigueses do seu tempo como Manuel Gómez Román e Jenaro de la Fuente (fillo). De pouco serviu o seu argumento de artellar un  burgo arqueolóxico en Castrelos, na contorna da igrexa románica, un espazo onde se puidesen trasladar casas históricas e vivendas populares da zona vella, incluídas as asoportaladas dos barrios mariñeiros do Berbés e do Areal.

A arquitecta Alba Estévez Caldas, no seu magnífico traballo fin de grao sobre o Plan Palacios (2021), identifica solucións das contempladas polo porriñés que manteñen a súa vixencia, dende a edificación de mazás abertas e zonas verdes, á apertura de avenidas con bulevar francés, até o modelo transporte intermodal e a zonificación metropolitana. Benvidas tanto a recuperación da maqueta palaciana como estas novas lecturas da obra dun arquitecto xenial que soñou o futuro de Vigo como cidade atlántica.

A mostra do arquitecto Palacios

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición sobre o arquitecto Antonio Palacios instalada no Museo do Mar en Alcabre:

No panorama expositivo vigués deste nadal, ademais das mostras pictóricas de Lodeiro na Fundación Laxeiro e de Manuel Quintana Martelo no Marco, destaca a dedicada ao arquitecto Antonio Palacios Ramilo instalada na sala de exposicións temporais do Museo do Mar de Galicia da Xunta de Galicia. Baixo o título «Antonio Palacios. Soños de Modernidade. Compromiso con Galicia», a exposición da que é comisario o profesor de Historia da Arte da USC Jesús Ángel Sánchez García presenta unha escolma razoada da obra do arquitecto porriñés dende a dupla ollada da súa implicación en diferentes frontes de modernización e do seu compromiso coas raíces e as manifestacións culturais de Galicia. Máis de duascentas pezas que sen afán de exhaustividade permiten un percorrido polo amplísimo legado palaciano dende as primeiras obras na súa vila natal (1904), a Fonte do Cristo e as escolas da Fundación Fernández Areal, até as que continuou en Madrid, a cidade onde deixou unha obra máis numerosa e fixou a súa residencia habitual, tamén na que gañou éxitos e recoñecementos polas seus grandes edificios públicos e industriais, como o Palacio de Correos e Telégrafos de Cibeles, o Banco do Río da Prata ou o Círculo de Bellas Artes, e polas obras de infraestrutura comezadas hai un século como as do Metro.

Mostra que, ademais, amosa o vínculo de Palacios coa renovación artística galega e presenta algunhas das súas máis destacadas obras arquitectónicas e proxectos urbanísticos en Galicia (Vigo, Compostela, Ourense, Vilagarcía…), onde sempre mantivo chantado un alicerce dende o seu estudio vigués, quizais a cerna desta excelente exposición, concibida tamén como homenaxe no setenta e cinco aniversario do seu pasamento. Ollada cara á cultura, a arte e ás tradicións construtivas galegas estudada polo profesor José Ramón Iglesias Veiga, o primeiro e máis concienciudo investigador da obra de Palacios, desaparecido hai un ano, que salienta tanto o interese das súas incursións como pintor e ceramista como o compromiso de Palacios coa organización das exposicións de arte galega no Centro Galego de Madrid. Tarefa de divulgación do patrimonio galego e da nosa arquitectura histórica asumida por Palacios nas súas célebres conferencias como as que ditou en Vigo no Círculo Mercantil o 9 de abril de 1930 sobre a casa popular galega, onde foi presentado por Castelao, ou en novembro de 1931, na sociedade La Oliva, sobre as tres igrexas románicas viguesas. Tarefa didáctica asumida tamén nos artigos publicados en Vida Gallega, Faro de Vigo ou El Pueblo Gallego onde con espírito literario presentou as pezas da arqueoloxía megalítica da contorna viguesa.

Na exposición ten relevo de seu a obra de Palacios no Vigo metropolitano, dende as tres grandes pezas viguesas, o Teatro García Barbón (1913-1926), construído co granito branco das canteiras de Castrelos, o edificio da Banca Viñas Aranda (1941) de Marqués de Valadares e o inconcluso mosteiro das Salesas Reais (1941) no barrio da Calzada, até o conxunto das edificacións no Balneario histórico de Mondariz, o Templo Votivo do Mar en Panxón (1932-1937), a escultura monumental da Virxe da Rocha en Baiona (1910-1930), con certo paralelismo á estatua da Liberdade que manda no porto de Nova York, a casa para Sileno (1920) na praia de Lourido, o chalé de Celso Méndez (1932) en Panxón, a Botica nova do Porriño ou a extraordinaria casa do concello do Porriño (1918), aclamada polo poeta Ramón Cabanillas como «unha obra que marcará, por sempre, o comezo do noso rexurdimento artístico».

No entanto, é a extraordinaria Maqueta do plan de Vigo, recuperada en 3D polo CIAG e o alumnado de Fabricación Mecánica do IES Politécnico de Vigo, tras a desaparición hai vinte anos da orixinal en escaiola que acompañou a exposición pública en 1932, a peza central da mostra. Recuperación dunha peza histórica, merecedora de ser conservada no museo da cidade, que concreta as liñas xerais imaxinadas por Palacios ao gusto dos arquitectos de cidades Beaux-Arts para o desenvolvemento urbanístico de Vigo: primeiro en 1908, con motivo da Exposición de Industrias do Mar; despois nas conferencias que ditou en La Oliva en 1919, onde as preexistencias construídas no centro histórico e na ribeira do Berbés apenas tiñan valor; e por último recollidas na zonificación urbana proposta no Proxecto de Ensanche e Reforma Interior da Cidade de Vigo, aprobado pola alcaldía en xaneiro de 1934 e finalmente desbotado en 1937 pola corporación sublevada.

Unha exposición valiosa que reivindica o legado dunha das figuras claves da Galicia da primeira metade do século XX ao tempo que reabre o debate sobre o futuro urbanístico desa cidade metropolitana que quixo ser a Barcelona Atlántica. Visita máis que recomendable ao fermoso museo de Alcabre.

Onte 1359: Aprendizaxe cooperativa

khelidon triptic castellà_Página_1Recibín onte unha moi valiosa información, enviada polo meu vello amigo Xosé Ramón Lago, profesor da Universidade de Vic, sobre a celebración no IES Politécnico de Vigo, os días 1 e 2 de xullo, do Simposio bienal de Khelidôn, a rede de centros para a aprendizaxe cooperativa. Nacida na Universidade de Vic a partir do seu programa «Cooperar para Aprender / Aprender a Cooperar», hoxe a rede está formada por centros educativos e profesionais da educación de diversas comunidades autónomas, que comparten un modelo de escola baseada na inclusión de todo o alumnado e nos valores da cooperación, o respecto polas diferencias, a convivencia, o diálogo e a democracia. Esta decidida opción pola escola inclusiva e pola ensino e aprendizaxe en equipo supón tamén unha aposta a prol da creación de estruturas docentes de cooperación e, en xeral, de toda a actividade educativa desenvolvida tanto fóra como dentro da aula. Aquí pode baixarse o programa deste interesantísimo Simposio e aquí da presentación da rede Khelidôn, cuxo nome homenaxea ás andoriñas que cooperan na alimentación de cada niñada.