Listado de la etiqueta: ideaspropias_editorial

Vigo le

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío do ránking publicado por Amazon sobre as cidades máis lectoras, reflexiono sobre as posibilidades que ten Vigo de acadar o rango de cidade lectora.

Biblioteca_Xosé_Neira_Vilas,_VigoCon motivo da Feira do libro de Madrid, Amazon publicou o seu ránking das dez cidades máis lectoras. Unha clasificación que elabora o xigante estadounidense da distribución cultural relacionando a poboación das cidades de máis de cen mil habitantes coas súas vendas alí de libros, tanto impresos como electrónicos, entre os meses de marzo de 2014 e 2015. Por vez primeira, Vigo aparece neste taboleiro, ocupando a sexta posición, por debaixo de Alcobendas, Madrid, Granada, Valencia e Oviedo, e por riba de Palma de Mallorca, Santander, Salamanca e Logroño. Máis alá da fiabilidade que poida ter esta clasificación, elaborada a partir dos datos dos libros comprados “on line” polos clientes vigueses de Amazon, non podemos negar que constitúe unha nova sorprendente, mais tamén un magnífico aliciente do que tirar doses de autoestima nunha cidade que nas últimas décadas ocupou posicións precarias en cuestión de índices de lectura, de compra de libros, de número de librarías e dotación bibliotecaria. En todo caso, quedémonos coa hipótese de que Vigo é a cidade galega que máis le, ou polo menos a que máis libros compra ao primeiro distribuidor mundial de libros en internet.

Esta sexta posición no ránking de cidades lectoras é idéntica a que Vigo ocupa na clasificación das cidades editoras, despois de Madrid, Barcelona, Bilbao, Valencia e Sevilla, un dato que non se ten destacado como merece. Vigo é a cidade galega onde os editores privados publican máis libros. Dende finais dos anos corenta, cando Eugenio Barrientos creou a editorial Cíes e Galaxia se instalou en Reconquista 1, Vigo é a indiscutible capital editorial de Galicia. En Vigo teñen a súa sede Galaxia, Ir Indo e Xerais, como a tivo até hai uns anos Edicións A Nosa Terra, as editoriais xeralistas en lingua galega nas últimas tres décadas. En Vigo manteñen o seu pulo outras prestixiosas editoras de referencia: Nova Galicia Edicións, especializada en libros de arte, con importante actividade exportadora; Xerme Edicións, o selo editorial do grupo educativo SM en galego; Ideaspropias Editorial, cun catálogo no eido da formación, especializado en materiais didácticos e e-learnig; Editorial Trymar, cun catálogo formativo, que se extende aos clásicos da literatura universal; MSC Sport, a primeira editora de España en contidos de formación futbolística; Editorial Elvira, con atención preferente á edición literaria, singularmente poética; Ediciones Cardeñoso, enfocada sobre os temas locais… Un sector editorial vigués que achega un número significativo de empregos, tanto nos seus cadros de persoal como nos das empresas de servizos gráficos e impresión, e nos estudios de deseño.

Vigo é, ademais, cidade literaria, onde se localizan algunha das obras de ficción en galego máis populares. Os itinerarios literarios seguindo os pasos por Vigo dos protagonistas de novelas como Amor de tango de María Xosé Queizán, Os fillos do mar de Pedro Feijoo ou Ollos de auga de Domingo Villar xa forman parte da nosa memoria local. Como axiña se engadirán os doutras novelas máis recentes como Cabalos e lobos de Fran P. Lorenzo ou Tes ata as 10 de Francisco Castro, nas que Vigo, máis alá de localizacións en edificios e espazos urbanos das súas tramas, funciona como un excepcional coprotagonista.

Xaora, mesmo a pesar destas potencialidades e de contar cun alcalde como Abel Caballero, autor de catro novelas, Vigo soporta déficits no eido da lectura pública, sobre todo no que atinxe a súa precaria infraestrutura bibliotecaria. Vigo non conta aínda cunha rede de bibliotecas públicas municipais como tal, xa que polo momento foi incapaz de estender a outros barrios como Bouzas, Navia ou Teis, o programa iniciado coa Biblioteca Xosé Neira Vilas do Calvario. Como xa aborrece reiterar a incapacidade do concello para ofrecer un espazo dotacional onde construír a tantas veces prometida Biblioteca Pública do Estado, a trabe sobre a que organizar esa rede bibliotecaria metropolitana e virtual do século XXI. Como é imprescindible que, máis alá dalgunhas valiosas actividades promovidas pola Concellaría de Normalización Lingüística, como a Quedada Literaria das Bibliotecas Escolares en Castrelos ou os exitosos Paseos literarios, o concello de Vigo conte cun plan municipal de fomento da lectura, onde figuren todas as súas accións lectoras e de fomento da creación literaria e apoio ao sector do libro (premios, participación en feiras do libro, apoio a rede de librarías culturais e de proximidade, actividades didácticas, clubs de lectura para persoas maiores…). Vigo le e edita, mais precisa incorporar a lectura a axenda municipal para ser considerada como auténtica cidade lectora. O inicio dun novo mandato é unha oportunidade magnífica para intentalo.