Listado de la etiqueta: icewine

Onte 482: Niagara

Os nosos agarimeiros e xenerosos anfitrións canadenses, a familia Morgenstern, prepararon unha excursión a Niagara para visitar as famosas cataratas. Non nego que funcionou como un aliciente sentimental desta visita o mito acuñado pola película inesquecible que hai sesenta anos fixo estrela a Marilyn Monroe. Non houbo queixa. O par de horas que pasamos en Niagara pagaron moito a pena, a pesar da primeira labazada visual que recibimos dos neons tan chamarrangueiros, que coroan os rañaceos dos hoteis e moteis, dunha e outra banda do río (e da fronteira), din que «cheos de parellas en lúa de mel». Diante das cataratas enfrontámonos ao brutal dramatismo da natureza incrementado onte por unha paisaxe xeada, case cristalina, froito da severidade dun termómetro que baixou moitos graos baixo cero. Sensación estraña, onde os límites tan imprecisos entre a euforia e a melancolía difumináronse aínda máis coa caída súbita do día, cando as cataratas iluminadas transformáronse diante nosa en violentas fervenzas de augaluz. Antes, tiveramos a fortuna de camiñar pola avenida de Niagara-on-the-Lake, unha vila norteamericana desas que aparecen nas películas, e visitar unha das moitas adegas da beira do río Niagara, onde se produce o viño do xeo, unha rara variedade vinícola norteamericana para nós descoñecida. Este «icewine» de Niagara prodúcese con uvas recollidas tras a primeira conxelación (polo tanto de vendima serodia), o que explica o sabor moi doce deste branco. Foi unha excursión inesquecible a Niagara coa que pechamos esta viaxe canadense entre a neve.