Listado de la etiqueta: iago_aspas

Onte 48. Aspas

Sobre a lameira do Fragoso, a electricidade subminístraa Iago Aspas. Na fría noitiña de onte houbo que agardar a súa entrada para conectar a un Celta que até entón carecía de alma. Aspas é imaxinación, creatividade, velocidade, vontade, intensidade, ilusión…  e gol, ese alustro que estoura da súa biqueira ou coa súa participación. A presenza de Iago achéganos saudades daquel xogo da serpe do Celta europeo, baseado na intelixencia combinativa expresada a toda velocidade. Porén, Aspas adoita non agochar no campo a súa maior febleza, a de meterese nalgunha lea particular con algún rival ou co propio árbitro, un comportamento moi perigoso para o equipo, que tamén pode pexar na súa traxectoria. Se supera esa inmadurez, pode ser un xogador cun futuro moi prometedor en Primeira División.

Campo do Fragoso LXXXVIII

YELLOW SUBMARINE

A intervención do espíquer de Balaídos onte foi autenticamente xenial. Recibiu aos heroes do Madrigal con «Sementeira», a mítica canción de Fuxan os Ventos que fala de esperanza e compromiso, e despediu ironicamente aos colexiados, tras unha actuación deplorable (pésima, lamentable… escolla cadaquén o adxectivo), ao ritmo de «Yellow submarine», unha das cancións máis divertidas dos Beatles. Entre ambos os dous temas, desenvolveuse un encontro que tivo dous grandes protagonistas: Gregorio Bernabé García, un árbitro murciano con tantas maneiras de figura do espectáculo como escaso criterio técnico e moral, e Iago Aspas, o líder natural deste Celta da canteira, expulsado, cando remataba o primeiro tempo, por unha segunda tarxeta, tan rigorosa coma a primeira, por sacar unha falta antes que asubiase o colexiado (un terrible delito, sen dúbida). Esa maldita xogada escarallou un partido (sei que saberán desculpar o exabrupto), até entón, moi xeitoso, xogado a corazón aberto, con intensidade máis sen asomo ningún de violencia, por dous bos equipos que non se conformaban co empate. O Celta saíu na súa formación inicial con sete xogadores formados na Madroa, hoxe xa a auténtica selección galega, consolidando o proxecto de Eusebio de refacernos dende o paciente traballo da canteira. Apenas transcorridos dous minutos, Joselu xa rematou con enorme perigo un servizo excelente de Iago Aspas, un xogador en estado de graza, imprevisible, capaz de comunicar un estado de excitación e autoestima aos seus compañeiros descoñecido ata agora. Esta combinación alboral volvería a repetirse un cuarto de hora despois, cando Bravo, o porteiro donostiarra salvou in extremis outro cabezazo rotundo do noso dianteiro centro, tras un centro de Toni. Durante toda a primeira parte o xogo na lameira foi electrizante e vertical camiño de ambas as dúas áreas. Á altura da media hora de xogo, Falcón fixo dúas paradas extraordinarias que evitaron senllos goles feitos dos vascos que, a pesar do esforzo dese valadar chamado Bustos, foran nivelando o encontro. Porén, a beleza do espectáculo foi crebada polo colexiado con dúas tarxetas moi discutibles a Garai e Aspas e pola xa comentada expulsión da nosa figura. Unha perda absolutamente decisiva para o devir do encontro. Tras o descanso, e tras apupar o espíquer aos nosos coa sintonía de «Orzowei», Eusebio viuse obrigado a incorporar a Trashorras coa intención de compensar a inferioridade numérica cunha maior posesión do esférico. A solución non cuallou. Sen Aspas, os nosos perderon moita voltaxe, a nosa defensa (totalmente da canteira) vacilou na súa disciplina, e os donostiarras souberon aproveitar decontado eses furadiños para que Nsue marcase dende a área pequena no que sería o único (e fatal) erro de Falcón. Porén, os nosos sacando moito peito conseguiron que non aumentase a diferencia e tiveron un par de ocasións clarísimas para igualar o partido. Se chega entrar a vaselina de Joselu, salvada baixo o longueiro por un defensa, ou o remate de Jordi ao pao, non teño dúbidas de que o partido tería sido noso. Os tres puntos marcharon de Balaídos, mais as sensacións que achega este Celta de Eusebio foron boas. Semella que rematou o tempo do conformismo e amodiño comeza a tecerse unha nova rede de esperanza cos nomes de Mallo, Túñez, Jordi, Toni, Joselu, Oriol…, as figuras dese novo Celta que se enxerga no horizonte.

Foto da anotación: Óscar Vázquez (La Voz de Galicia)

Máis imaxes do partido (Xornal de Galicia).

Salvados por Iago Aspas!

A verdade é que ten razón un bo amigo deportivista que me escribiu esta mañá para dicirme  que a vitoria do Celta amosa que son un «gafe». E quizais non lle falte razón. Onte non puiden sufrir no estadio, xa que o encontro coincidiu xustamente co desenvolvemento da emocionante cerimonia dos nosos premios. Con todo, fomos puntualmente informados por sms das incidencias que se ían producindo no estadio. Quedei pampo cando lin na pantalliña «36: 1-0 Iago Aspas». Nin me imaxinaba que Eusebio puidese poñer ao de Moaña, que debutara hai dous anos e medio con Fernando Vázquez fronte ao Newcastle (aquel Celtiña europeo de hai tan pouco tempo!). Cando rematou a preciosa intervención de Rosa Aneiros, recibimos o mazazo do empate («44: 1-1»), que agoiraba como en partidos anteriores o desastre. Porén, cando ía a comezar a miña intervención de peche, chegou a sorpresa:«48: 2-1- Aspas». Apenas tiven tempo para dixerila e, despois de saudar, comunicar a gran noticia da salvación celeste ás trescentas persoas que participaban nos Premios. Polo ruxerruxe que notei na sala, algúns sorriron e outros quedaron alarmados pola frivolidade do director da editorial de comezar as súas palabras cunha referencia tan escasamente literaria. Arranxeino o mellor que puiden e pedín desculpas, decontado metinme en fariña.

Non deixa de ser curioso que tras unha tempada catastrófica teña que ser Iago Aspas, un rapaz dese magnífico  Celta B (quintos na clasificación definitiva de 2ª B), quen salve a papeleta aos Peñas e Rubenes, que durante nove meses nos afogaron nunha miseria de xogo e nunha fraxilidade defensiva insoportable. Superado xa o precipio da desaparición da entidade, a permamencia e o remate do proceso da concursal obriga ao Celta a iniciar unha nova etapa, na que afortunadamente nada terá que ver ese nefasto personaxe chamado Ramón Martínez. Non vou ser tan inxenuo para apostar hoxe polo ascenso a primeira a vindeira tempada; mais non debera parecer un disparate alicerzar un equipo dende a nosa canteira (onte foron seis os canteiráns da Madroa que formaron o equipo dos «salvadores») para non pasar estes apuros e poder comezar a gozar un chisquiño. A pesar das súas formas elegantes, nese novo proxecto non vexo o compromiso de Eusebio Sacristán. O presidente Mouriño debería acougar e meditar en que mans deixa o futuro desta ilusión que hoxe iniciamos. Luís César Sampedro (está tempada case estivo fichado) ou se quixera o propio Fernando Vázquez poderían ser dúas boas opcións.