Está vendo o arquivo da categoría » hugo_mallo

Campo do Fragoso CCXII

bretemas —  6 de Maio de 2018 — Deixa un comentario

DERBI SEN ALMA

Despois de temporadiña tan ruín para o fútbol galego como esta pouco se podía agardar dun derbi no que o Deportivo chegaba descendido e o Celta eivado, con Aspas lesionado no palco e co adestrador desmotivado, cando sabe que non será renovado un segundo ano. E foi o de onte un derbi sen alma, onde o empate conseguido polos visitantes no comezo do tempo de desconto fixo xustiza ao sucedido ao longo de noventa minutos onde a pobreza (mellor sería dicir “a ausencia”) do xogo de ambos os dous equipos non os fixo merecentes da vitoria. Un derbi con pouco xogo e patadas de máis na lameira, pero con autocompracencia abonda nas bancadas de Balaídos, onde o escarnio da desgraza allea non puido ocultar o fracaso dunha tempada decepcionante na que os celestes non acadaron os obxectivos. En definitiva, foi o de onte un derbi descafeinado e triste cuxo resultado non terá outra transcendencia que engordar a serie estatística que dende 1928 ven conformando a historia do que bautizamos con orgullo de sentimento galego como «o noso derbi».

Comezou o Celta con vento nas velas, xa que no minuto 12’ Maxi Gómez marcou un gol de cocorote e de costas á portaría, outra auténtica xenialidade goleira do charrúa que coa colaboración do porteiro deportivista aproveitou un centro de Pione dende a esquerda, tras unha xogada iniciada por unha excelente recuperación de Hugo Mallo na banda contraria. Tras o gol, durante apenas vinte minutos, o Celta moi ben dirixido por Lobotka movía con rapidez a bóla polas bandas, sobre todo pola de Hugo Mallo, o máis motivado dos nosos, procurando que os centros diagonais atopasen a testa máxica do noso ariete uruguaio. No 28’ Maxi encarou a Rubén, mais desta volta o porteiro coruñés soubo aguantar e desfixo o que xa viamos como dous a cero. E con esa clara oportunidade acabou o mellor do xogo celeste nun partido que dende entón esvarou nos territorios da rotina e do aborrecemento centrocampista, que algunha parte da bancada tratou de evitar facendo unha onda de escarnio aos visitantes, a todas luces tan desafortunada como fóra de lugar.

Xaora, os de Seedorf, que só se xogaban o orgullo de non saír derrotados do municipal do Fragoso, deron noticias de moito perigo no minuto 36’, cun xute importante de Guillerme dende a frontal, que desviou cunha boa estirada Sergio. Acción que pouco antes do descanso movilizou os azos e esperanzas dos centos de sofridos seareiros deportivista desprazados que moito protestaron unhas supostas mans de Cabral na área viguesa. Co segundo acto, o partido gañou en brusquidade, patadas e algún que outro cobadazo, que provocaron continuas faltas, interrupcións e teatralizacións esaxeradas por ambas as dúas partes. Porén, o fútbol (ou algo que semellase a ese xogo de pelota) non aparecía por ningures, coa excepción dun gol (ben) anulado a Wass por fóra de xogo, tras outra xogada estelar de Pione Sisto, onte, por fin, o mellor dos celestes.

No entanto, cando o partido parecía gañado para o Celta, Unzué errou de forma garrafal nos trocos, retirando da lameira a Brais Méndez e mantendo, pola contra, a Jozabed que apenas chegaba a cada unha das pelotas. Seedorf percibiu que os vigueses aspiraban só a conservar o resultado e nos dez minutos finais ordenou atacar de forma heroica con todos os seus efectivos. E aí os de Unzúe recuaron de moi mala maneira. No primeiro asedio do minuto 80’ o Deportivo xa puido marcar, o que faría con contundencia Lucas Pérez dez minutos despois, cando Cabral non foi quen de suxeitar a Borges, que serviu para que a figuriña deportivista xutase a pracer ao primeiro pao. Un gol recibido polos coruñeses como auga de maio, que aliviaba algunhas dores e que evidenciaba, ademais, a pésima xestión do resultado feita por Unzué, incapaz de entender a importancia anímica que un partido como este ten para os seareiros celtistas.

Con semellante decepción, os celestes foron despedidos de forma moi fría polos seus propios seareiros, o que demostra que un dos peores efectos da triste tempada de Unzué foi afondar na desconexión do equipo coa bancada, que celebrou cada un dos resultados con moita austeridade. Unha doenza de anemia emocional agravada por este derbi que con seguridade nin pasará a historia nin lembraremos como o anterior celebrado en Balaídos onde o Celta de Eduardo Berizzo marcou catro goles de Aspas, Mallo e Orellana e desenvolveu un xogo electrizante. Agardemos polo ben do fútbol galego que aquel espectáculo extraordinario, lembrado hoxe con saudades, se repita en primeira canto antes. Celtistas e deportivistas merecémolo.

Campo do Fragoso CCVIII

bretemas —  25 de Febreiro de 2018 — Deixa un comentario

VIRAVOLTA

Na tradicional tertulia do descanso no corredor de Río Alto poucos confiabamos en que o Celta dese a viravolta a un encontro no que o Eibar estaba sendo moi superior. Os discípulos de José Luis Mendilibar coa súa defensa adiantada até case a medula do campo, co porteiro colocado como libero e cunha presión moi intensa sobre os dous centrais celestes déronlle un baño a un Celta que impotente e moi desconcertado non conseguía combinar con xeito a pelota e saír do labirinto vasco mais alá da súa primeira liña. Un partido que mudou de xeito radical dende o comezo do segundo acto, coa entrada na lameira viguesa de Emre Mor capaz cos seus caneos veloces de darlle a volta ao carpín e noquear aos armeiros nun par de lances decisivos finalizados de forma brillante, como é adoito, por Iago Aspas e Maxi Gómez.

Non estivo ben o Celta na primeira parte onde puído saír goleado polos eibarreses, que non souberon aproveitar as oportunidades moi claras que tiveron primeiro de Joan Jordán, que obrigou a Rubén a empregarse a fondo; despois de Kike García e, sobre todo, do xaponés Inui que no minuto 42, a porta baleira na frontal da área pequena, guindou o balón a Marcador. Ao moi traballado tacticamente cadro de Mendilibar faltoulle saber finalizar con gol a súa presión afogante e o seu xogo afouto, que non impediu que o Celta de forma intermitente dese sinais de vida en tres ocasións perigosas: a que no 17 permitu a Maxi Gómez no centro da área encarar o gardameta Dmitrovic; aqueloutra errada de forma clamorosa no 29, case na área pequena, por un Pione Sisto fora de punto, que soíño diante do porteiro guindou o balón a grada de Gol; sen esquecer, tampouco, o fermoso xute de bolea de Daniel Wass no 38, a un servizo de alta escola de Aspas, que pola súa fermosa execución merecía maior fortuna.

Con certeza que durante o descanso Unzué decidiu mudar o panorama, deixando a Pione na caseta, nunha das súas actuacións mais desafortunadas como celeste, e procurando coa incorporación de Emre Mor abrir unha fenda pola banda esquerda e cos balóns máis longos dos saques de Rubén obrigar aos vascos a atrasar as súas liñas. Tardou apenas dez minutos en que cundise esta nova estratexia. No 55 un cambio fantástico de banda de Maxi e un desdobre entre Emre Mor e Jonny permitíu que o de Matamá chegase á liña de fondo e dende alí servise atrás ao turco-dinamarqués, que non dubidou en canear e centrar a velocidade de vertixe, entre tres defensores, para que Aspas á espreita rematase sobre o primeiro pao, superando a presión do seu marcador. Un caroliño de moitos quilates, o décimo sexto do mago de Moaña, que noqueou ao Eibar e deixou aos de Unzué como donos do xogo, agardando crear superioridades nunha estratexia á contra, que deixaba toda a iniciativa a un Eibar cada vez máis incómodo.

O segundo tanto puido chegar noutra combinación entre Emre Mor e Aspas, unha sociedade moi prometedora, e sobre todo tras un centro magnífico de Daniel Wass que Sergi cabezou á rede nunha posición moi dubidosa, que o árbitro interpretou como fóra de xogo. Cada vez máis cómodos, insistiron os celestes que no minuto 78 liquidaron o partido co gol de Maxi Gómez. O charrúa cun dos seus furóns letais culminou unha xogada na que Hugo Mallo o fixo case todo: roubou en campo propio, pasou sobre Aspas, correu pletórico cincuenta metros pola banda, recolleu na área rival un globo de Daniel Wass e centrou de forma primorosa sobre o internacional uruguaio. Unha marabilla de concepción e execución dun contrataque lateral que demostra a madurez do noso capitán de Marín, onte un dos nosos mellores.

Un partido no que o Celta, sen asoballar coa posesión inútil de partidos anteriores, como sucedeu fronte ao Espanyol, conseguiu recuperar a eficacia da súa parella goleira. Unha viravolta fronte a un Eibar poderoso e con aspiracións de rival directo, que deixa aos de Unzué na sétima posición, un privilexio que agardamos poida conservar até a finalización da tempada. O obxectivo europeo está ao alcance do xogo deste Celta que ten posibilidades no banco de procurar alternativas cando máis as precisa.

Campo do Fragoso CCVI

bretemas —  9 de Xaneiro de 2018 — Deixa un comentario

NOTABLE

Tras o gran derbi de Riazor, o Celta comezou 2018 con dous partidos notables fronte ao Barcelona e o Real Madrid. Dous empates que non fixeron xustiza ao xogo excelente ofrecido polo cadro de Juan Carlos Unzué que superou aos grandes en case todos os eidos. Mágoa que un erro de cobertura e uns poucos minutos de relaxación táctica impedisen obter dúas merecidas vitorias para un Celta que nesta primeira metade da tempada ofrece mellor xogo colectivo ca resultados e puntuación na táboa clasificatoria. Dúas actuacións, xaora, que convidan a un certo optimismo, tanto na posibilidade de superar esta semana a eliminatoria de Copa no Camp Nou, como na posibilidade, a pesar de estar na décimo cuarta posición, por recuperar na Liga a pelexa polas prazas de privilexio.

Tres últimos partidos nos que Iago Aspas tivo unha participación estelar, amosando aos seus trinta anos unha brillantez, madurez e plenitude no seu xogo que o converten na insignia deste Celta e nun dos mellores dianteiros do momento, mais tamén, nun dos máis destacados da historia do Celta e do fútbol galego. Aspas é o corazón, o cerebro e a propia alma deste Celta, sendo cada vez máis difícil atopar os cualificativos para gabar o seu desempeño determinante, propio dunha figura mundial. Na noite do pasado domingo correu pola banda dereita como unha navalla, o que fixo tolear a Nacho e a Marcelo, incapaces de paralo. Mais tamén foi o organizador concienciudo, capaz de atopar novos espazos e o dianteiro disciplinado no repregue defensivo, labores que non lle impediron introducir un punto máis de intensidade cando o tempo de xogo colectivo o requeriu. Aspas é unha estrela escintilante que traballa para que brille todo o conxunto.

Así o fixo diante do Madrid nun dos seus tantos partidos colosais, onde puido marcar no primeiro cuarto de hora, cando marrou unha vaselina e un dos seus remates bateu no pao. Como extraordinaria foi a súa actuación na no segundo acto, onde se ocupou de todo o xogo celeste no mediocampo rival, asociándose pola banda con Mallo e con Daniel Wass ou polo centro con Maxi, un dianteiro de características antagónicas as súas, mais co que se complementa cada vez mellor. Nunha destas combinacións dos nosos goleiros chegou a que entendo foi a xogada decisiva do partido, cando despois de asociarse co charrúa, intentou canear ao porteiro, que non puido mais que derrubalo. Un penalti de libro que errou o de Moaña, probablemente por que Navas se adiantou de forma antirregulamentaria, feito que debeu supoñer a repetición do lanzamento e o segundo cartón para o gardameta. Unha xogada desgrazada, mais que paradoxicamente deulle ao Celta novos azos para procurar a remontada.

Ademais das xenialidades de Iago, será difícil que os seareiros esquezamos a segunda parte do Celta fronte ao Madrid. Unha proeza de xogo colectivo na que os de Unzué foron desfacendo devagariño as liñas coas que Modric e Isco pretendían soster a un cadro de Zidane, que foi deixando en Balaídos as súas opcións a este campionato. E o Celta fíxoo con tal continuidade e intensidade que até o empate no minuto 81, tras unha cabezada letal de Maxi, que rematou un centro medido de Wass, é difícil lembrar algunha xogada madridista de certo mérito. A experiencia de Roncaglia, que regresaba ao eixo da defensa, e a concentración de Jonny e Mallo abondaron para que neste período non se repetisen os cinco minutos nefastos nos que durante a primeira apareceron as lostregadas de Bale na portaría de Rubén. Como a incorporación de Lobotka achegou decontado unha fluidez para a pelota e uns corredores que Aspas e Wass, outra vez excepcional, teimaron transformar nunha remontada que semellaba tan merecida como posible. Non chegou, mais para a bancada tanto tiña, xa que sabía que gozara dos mellores minutos de xogo do seu equipo no que vai de Liga. Si, un partido notable, a pesar do raquítico empate.

Campo do Fragoso CCII

bretemas —  1 de Outubro de 2017 — Deixa un comentario

CONTINÚAN AS DÚBIDAS

Na noite do pasado venres o Celta tampouco foi capaz de resolver as dúbidas que dende comezo de liga provoca a febleza do seu modelo defensivo. Como sucedera xa diante da Real Sociedad e do Getafe, nos derradeiros minutos arruinou a vantaxe, engadindo outra decepción máis á bancada do municipal do Fragoso e consolidando, a pesar de que a posición na táboa clasificatoria non é de piloto vermello, o que a todas luces xa pode ser considerado como un mal arrinque para a idea de xogo de Juan Carlos Unzué.

Diante do recén ascendido Girona de Pablo Machín, un equipo que modulou con afouteza a súa actitude e esquema táctico ao longo dos noventa minutos, o Celta demostrou que a pesar de pasadas sete xornadas continúa aínda en construción, sen alma nin personalidade definidas, capaz de expresar tanto ilusionantes desempeños como de padecer preocupantes fraxilidades. O seu ataque acredita unha envexable eficacia goleadora: trece tantos en sete partidos é unha cifra que o situaría entre os seis primeiros clasificados. Mais tamén é innegable a desfeita sen paliativos da súa defensa, en Balaídos unha auténtica viña, onde en tres encontros, que coincidiron co mes da vendima, recibiu sete goles.

Fronte ao Girona manifestouse mellor ca en ningún dos partidos anteriores esta preocupante bipolaridade do cadro de Unzué. O Celta marcou tres goles de moi alta escola, noutras tantas accións memorables dos seus atacantes. No minuto nove a condución de Maxi Gómez, o centro posterior moi medido de Wass dende a dereita e a cabezada inapelable de Pione dende a área pequena, gañándolle a partida ao central, amosaron a beleza do xogo combinativo celeste. Un caroliño de moitos quilates. Como a asistencia de Jozabed dende medio campo, recibida co peito por Maxi, foi transformada polo charrúa de forma inapelable no gol que equilibraba a táboa de marcas, cando o partido toleara en seis incribles minutos no que se marcaron catro goles. Como foi para enmarcar o saque de falta de Daniel Wass que no minuto 75 semellaba daría a vitoria. Unha marabilla propia da luva de seda do internacional dinamarqués capaz de imprimir ao balón un inesperado cambio de traxectoria.

Mais tamén os tres goles do equipo catalán puxeron en evidencia o fracaso do esquema defensivo de Unzué, atribuíbles tanto a erros individuais de pé de banco como a ineficacia dunha presión zonal, que no encerado táctico a todos afecta mais da que na lameira ninguén se responsabiliza. Errou Jonny, moi baixo esta tempada, cando permitiu que Portu rematase un centro sen excesivos problemas. Como errou Hugo na marca cando deixou cabezar a pracer a Maffeo para que despois Stuani rematase a porta baleira o segundo xironés. Como Cabral tamén puido facer algo máis no decisivo gol do empate de Juanpe, que culminaba unha xogada na que naufragou toda a nosa cobertura. Mais tamén é certo que os celestes perderon case todos os duelos individuais propostos polos visitantes e apenas foron capaces de facerse con algunha pelota dividida, botando moito en falta a presenza do lesionado Tucu Hernández.

Ben é certo que foi un partido de tolear, onde as posibilidades de marcar se repartiron e ambos os dous gardametas evitaron unha táboa de marcas con cifras de escándalo. Na primeira parte, Rubén chegou de forma incrible a un xutazo do lateral Maffeo e Gorka Iraizoz evitou que marcasen Sisto ou Maxi cando o estadio xa cantaba o gol. No tempo de desconto, Aspas, moi nervioso e implicado durante todo o encontro, tivo na súa biqueira ese gol que a fortuna lle está negando, mais outra vez apareceu Gorka no chan para evitalo.

O partido diante do Girona non resolveu dúbidas para o estilo de xogo que teimosamente defende Unzué. A esta altura é dificil prognosticar se esta vai ser unha tempada tranquila ou axitada, se o Celta vai pelexar pola media táboa ou por evitar o descenso. Agardemos que se consoliden os valores expresados e se vaian corrixindo os defectos mostrados. Hai vimbios de abondo e marxe para facelo.

Gol_de_Beauvue_09-03-2017

A cabezada de Beauvue no minuto 89 decidiu o excelente partido europeo do Celta. Un remate marabilloso, tanto na execución plástica e técnica como na concepción da xogada atacante nacida dun pase de trinta metros de Iago Aspas sobre Hugo Mallo, onte o mellor dos celestes, quen dende a banda dereita centra de forma prodixiosa creando unha parábola rota por un corpo celeste que aparecendo de forma imprevista muda a orientación do balón cara ao pao longo, moi lonxe do alcance do porteiro ruso.

Un gol inesquecible que, tras once meses lesionado por unha gravísima rotura do talón de Aquiles, devolve ao dianteiro guadalupeño a autoestima imprescindible para volver ser futbolista. Unha xogada decisiva que resume en apenas vinte e cinco segundos o carácter dun deporte no que, a pesar do lamentable tinglado económico de televisións, apostas e outros negocios, a creatividade, a intelixencia, a vontade e o afán de superación dos futbolistas e dos seus adestradores continúan sendo ingredientes nos que acreditar de forma inocente.

Eis a razón pola que todos, os futbolistas, o adestrador e os seu cadro técnico, como os seareiros, celebramos esta cabezada de forma tan entusiasta. Sabiamos que máis alá do seu valor na difícil eliminatoria (que quedou aberta) celebrabamos a recuperación dun ariete que despois dun ano de durísima loita en solitario volvía a selo. O fútbol, ese milagre nacido dun instante que sempre nos asombra.