Está vendo o arquivo da categoría » hipocampo_amigo

Sabino_TorresSentín o pasamento onte de Sabino Torres, o decano dos editores galegos en activo, o fundador da colección Benito Soto e actual responsable de Hipocampo Amigo. Hai dous anos comentabamos a publicación das súas memorias, Crónicas dun tempo escondido. Pontevedra 1930.1960, nas que con grande elegancia e detalle reconstrúe a historia social e cultural pontevedresa da República e de posguerra, cando a imprenta Torres do seu pai foi o centro da dinamización xornalística e literaria da boa vila. Sabino pasará con letras douradas á historia da edición galega pola proeza da colección de poesía que creou con Celso Emilio Ferreiro en 1950, que pretendía ampliar á narrativa e ao ensaio, anticipándose a fundación da editorial Galaxia. Sabino Torres conservou sempre o seu espírito de editor emprendedor e na última década tivo azos para continuar publicando libros de poemas, a actividade que sempre máis lle gustou. Entusiasta, algareiro e destemido deixa unha pegada de amizade e xenerosidade que dificilmente esqueceremos.

cronicas-dun-tempo-escondido-pontevedra-1930-1960Coincidindo co seu noventa aniversario, o pontevedrés Sabino Torres publica Crónicas dun tempo escondido. Pontevedra 1930-1960 (Galaxia 2014), as súas memorias como editor e poeta. Coa súa elegancia característica, inserida na retórica clásica, onde que nunca falta o humor e o detalle preciso, o director de Hipocampo Amigo e actual decano dos editores galegos en activo, reconstrúe en trescentas páxinas a historia social e cultural de tres décadas da posguerra, cando a imprenta Torres do seu pai foi o centro da dinamización xornalística e literaria de Pontevedra. Neste tour de force coa memoria Sabino concédelle particular importancia as tertulias literarias daquel tempo miserento dos «luns sen postre», celebradas nos cafés Savoy, Moderno ou Urquín, máis tarde no Carabela, onde impartían doutrina xentes como Ramón Peña, Emilio Canda, Celso Emilio Ferreiro, Emilio Álvarez Negreira, Manuel Cuña Novás, Rafael Alonso, Laxeiro, entre outros moitos escritores e pintores citados.

Xaora, foron do meu maior interese os capítulos dedicados á édición, nos que se relata a experiencia da revista Finisterre e do semanario Ciudad, como da colección poética Benito Soto, un capítulo extraordinario polo que Sabino Torres pasará con letras douradas á historia da edición en lingua galega. Mágoa que non profundice en aspectos máis técnicos de edición e, sobre todo, nas razóns que fixeran naufragar un proxecto, aparentemente exitoso, que tiña o proxecto de ampliarse na narrativa e no ensaio, xusto cando nacía a editorial Galaxia. Memorias dun editor galego de lectura engaiolante que merecen atención. Beizóns, mestre!!!