Artigos

Campo do Fragoso CCXV

MOHAMED, ESTRATEGA

As coidadoras da lameira de Balaídos prepararon onte unha fermosa alfombra xadrezada para a batalla de estratexia entre Antonio Mohamed e Diego Simeone, dous amigos de infancia, que conciben o fútbol de xeito moi semellante. E a verdade que non hai dúbida ningunha que a pizarra preparada polo adestrador celeste resultou vencedora cunha claridade e unha facilidade que moi poucos agardaban na bancada do Fragoso. O Celta foi onte un equipo moi serio, sólido e vérsátil, alegre e disciplinado, moi ben armado dende atrás con tres (e ás veces até catro) centrais que controlaron todo o xogo aéreo, cun centro do campo extraordinario, no que Beltrán e Lobotka, unha parella de figuriñas que moito nos vai facer soñar, roubaron e teceron ao seu antollo en case todas as fases do xogo, e cunha tripla de dianteiros dispostos a enxergar sempre a porta. Un Celta excelente e ilusionante, contaxiado dende a banda por unha intensidade e un espírito colaborativo que Simeone non soubo contrarrestar nos case cen minutos do partido.
Tras apenas tres partidos de campionato, xa podemos afirmar que o Celta de Mohamed pretende afastarse daquel equipo curriño da tempada pasada, tan simpático en todos os estadios, xa que ofrecía o espectáculo dun fermoso xogo combinativo, mais no que non era difícil atopar furados provocados pola descontinuidade da súa intensidade e pola súa fraxilidade defensiva, sobre todo nas xogadas de estratexia a balón parado. Onte Mohamed demostrou que a clara e contundente vitoria celeste foi construída dende unha defensa poderosa en altura e moi solidaria nas axudas, na que traballaban todas as liñas, incluída a tripla atacante, para así forzar dende a propia liña de tres cuarto do rival, erros de pase ou perdas forzadas que puidesen crear superioridades decisivas. Esa foi a estratexia que lle preparou Mohamed a Simeoni: roubo, carreira e definición.
Durante a primeira parte o Celta controlou o xogo durante os primeiros vinte minutos, mais tivo moitas dificultades e apenas conseguiu achegarse á meta de Oblak en dúas ocasións. A primeira facilitada pola mobilidade de Pione Sisto en todas as posicións da mediapunta, e a segunda no minuto dezaoito nun xute lateral afastado de Aspas. Mentres que o Atlético nese período derramou máis posibilidades de gol: a que lle ofreceu un erro de confianza de Lobotka, bóla valiosa que aproveitou Diego Costa e Griezmann finalizou cun xute que lameu o pau; varias entradas que abriu pola banda Filipe Luis, un remate cruzado de Correa e un xute de Saúl desviado por Araújo, cando finalizaba este período, no que, sobre todo, no último cuarto de hora os colchoeiros foron superiores.
Mais xusto cando comezou o segundo acto, a estratexia do arteiro Mohamed estourou: un esvarón de Godín foi aproveitado polo seu compatriota Maxi Gómez, que encarou a Oblak, xutou ao primeiro pau e bateu por baixo ao gardarredes atlético. Un gol de libro da estratexia roubo-carreira-definición. Cinco minutos despois o dianteiro charrúa recuncou na súa recuperación e desta volta centrou para que Iago Aspas cabezase ao pau dereito entre os dous centrais atléticos, un caroliño de moitos estralos co que o Merlín de Moaña inaugura o seu taboleiro desta tempada.
Dous goles que abriron corenta minutos de xogo memorable dos celestes que co seu fútbol combinativo e potente («futbol de salón» cantou a bancada en varias ocasiós) noqueraron aos de Simeone e puideron marcar en varias oportunidades. A Pione faltoulle no 66’ un alento na área pequena para rematar outra combinación letal de Maxi e Aspas. No 70’ Cabral marcou de cabeza un saque de falta de alta precisión de Hugo Mallo, gol anulado polo VAR por un fóra de xogo deses de milímetros. No 80’ Mallo finalizou cun xute chapado por Oblak unha xogada coral longuísima. Cinco minutos despois Beltrán, incansable e finísimo toda a tarde, finalizou outra xogada colectiva cun xute frontal. Na xogada seguinte Maxi ensaiou o pase da morte na área pequena e non atopou rematador… Un auténtico recital celeste que Beltrán mereceu pechar con gol cando comezou un tempo engadido de sete minutos. E o Atlético de Simeoni? Desconcertado e case desaparecdo diante dun Celta que defendía coa posesión da pelota, apenas puido ensaiar cando esmorecía o partido un xute de Griezmann que quedou desviado.
Foi a de onte unha das mellores segundas partes do Celta que lembramos en anos. A estratexia de Mohamed funcionou as mil marabillas e todo o equipo estivo a un nivel de xogo excelente, especialmente a tripla de centrais (Araújo, Cabral e Roncaglia) sobre a que se construíu esta merecida e tan ilusionante vitoria.

Campo do Fragoso CLXXXII

celta_atleticoANEMIA

A malleira que recibiu o Celta do Atlético de Madrid durante a segunda parte da sesión vermú de onte constituíu apenas un síntoma da anemia que neste inicio de tempada padece o cadro de Eduardo Berizzo. Unha doenza detectada no inicio da liga en Balaídos fronte a un Leganés (0-1) debutante na categoría, agochada nun exercicio de admirable afouteza celeste no Bernabeu (2-1), mais que onte os célticos non puideron agochar cando o conxunto do Cholo Simeoni, despois dunha primeira parte bastante boa, na que o Celta dispuxo das oportunidades, introduciu un punto máis na intensidade da súa presión e provocou unha hemorraxia goleira (0-4) capaz de noquear en vinte e e poucos minutos ao noso equipo.

É innegable que durante o primeiro acto o Celta foi conseguindo destecer devagariño a liña moi adiantada de presión dos atléticos e a rede de enganos que Koke, Saúl e Gabi teceron no medio do campo, algunhas veces botando man mesmo de técnicas propias das artes marciais. Unha durísima batalla corpo a corpo protagonizada na medula da lameira polo Tucu Hernández e na que tamén tiveron o seu protagonismo Bongonda e Señé, dúas promesas onte moi decididas a trazar as súas diagonais na área atlética. Nas biqueiras de ambos os dous extremos estiveron senllas oportunidades que mereceron inaugurar a táboa de marcas celeste desta tempada en Balaídos. A primeira, transcorridos apenas dez minutos, cando Señé nun desmarque moi intelixente se plantou diante do xigante Oblak e disparou a rede do pao dereito. Mais clara foi aínda a do internacional belga que nunha gran xogada coouse entre os dous defensores atléticos e aproveitando un gran servizo interior de Iago Aspas disparou en carreira, lambendo o balón o pao longo.

Porén, o segundo acto foi protagonizado polo Atlético de Madrid, conducido por un magnífico Griezmann que dende a banda dereita desfixo as esperanzas galegas. Aos oito minutos o internacional francés achegou un centro de película aproveitado no segundo pao por Koke, que marcou a pracer libre da marca de Daniel Wass, un xogador apagado que neste inicio de tempada non é nin a sombra do que foi o pasado ano. Un gol decisivo, xa que o Celta a partir de entón perdeu a orde e a intensidade que precisa para facer o seu xogo. Co debut de Rossi (tamén moi baixo de forma), Berizzo pretendeu reforzar a liña de ataque, pero iso só enfebleceu máis a súa medula (onde Hernández continuaba a súa batalla en solitario) e abriu os espazos para que o Atlético correse, o que mellor lle presta aos seus dianteiros. Na banda dereita atoparon os atléticos unha auténtica mina para os centros que cabezou a rede Griezmann até en dúas ocasións e para o gol de Correa, cando os de Berizzo deambulaban xa noqueados por un táboa de marcas moi avultada.

Tras tres xornadas sen puntuar, con apenas un gol a favor e seis encaixados, o Celta ofrece un dos peores inicios de liga que lembramos, o que abre unha vía de preocupación (inevitable) dunha afección que, a pesar do espellismo do inicio esta semana da competición europea, sabe que o primeiro obxectivo do Celta é sempre o da permanencia. Como tamén é decepcionante a pobrísima imaxe que polo momento ofrecen as fichaxes e o baixo estado de forma dalgúns “titulares”. Este Celta que vimos en Balaídos nos dous primeiros partidos moi pouco ten que ver, tanto no xogo como na capacidade competitiva, co das dúas tempadas anteriores. Xaora, cremos que hai vimbios abondos para superar esta anemia e, sobre todo, para evitar que se cronifique como doenza. Hai que espelir, rapaces!

Campo do Fragoso CLXXII

1452461374726MINGUANTE

O Celta finaliza a primeira volta en fase minguante. Tres claras derrotas nos últimos tres partidos nos que tampouco conseguiu marcar. A pesar da súa entrega xenerosa e de persistir no empeño táctico de Berizzo, diante do Atlético de Madrid de Simeone foi moi inferior en todos os ámbitos, tanto no táctico coma no físico, e puxo en evidencia as carencias dun cadro moi curto en efectivos nunha competición por riba adulterada polos intereses dos clubes máis poderosos. O feito de que Simeone aliñase a Augusto en Balaídos, ademais dun xesto de escasa elegancia por parte dos colchoeiros, puxo en evidencia a esperpéntica desigualdade na pelexa entre os dous clubes.

Fronte a un rival moi duro de roer, o Celta expresou algunhas das súas carencias. A primeira, a da ausencia de Augusto por diante da defensa, facilitando a saída ordenada e as recuperacións, tarefa que Radoja, aínda moi fráxil, tras a súa operación cirúrxica, non foi aínda capaz de asumir coa mesma eficacia. A segunda, a ausencia de Nolito e a súa capacidade para atopar superioridades en espazos en apariencia baleiros, desfai a fluidez do tridente atacante, que marabillou ao comezo de tempada, facilitando a marca sobre Orellana e Aspas.

Simeone chegou a Balaídos coa pizarra de Berizzo ben aprendida. Mesmo na previa xogou co conto de que “o Celta xogaría e o seu equipo agardaría a súa oportunidade”. Non foi nin moito menos así. O Atlético foi superior ao Celta no xogo sen balón, onde dispuxo dun rombo de catro mediocampistas que coa súa dureza e intensidade características afogou a saída do balón celeste. Gabi perseguiu a Orellana, coa intención de anulalo por arre ou por xo, consciente Simeone de que das biqueiras do poeta chileno saen a maior parte das superioridades celestes. Como Aspas foi sometido tamén a unha marcaxe severa, no seu caso combinada polos centrais atléticos, Giménez e Godín, que conseguiron desubicar ao xenio de Moaña. Mais o Atlético tamén foi superior no xogo combinativo, onde a velocidade de Griezman e Saúl abrían con maior facilidade da prevista a defensa nosa.

Durante a primeira parte, o Celta só dominou durante o primeiro cuarto de hora, mais non chegou a contar con oportunidade ningunha. Tras un cuarto de hora de tenteo e un xute envelenado de Griezman, os de Berizzo medrosos asumiron que en día de semellante treboada abondaba con aguantar da igualada. Porén, coa reanudación, Simeone non o dubidou e foi decidido a polos tres puntos que farían ao seu equipo campión de inverno. Abondoulle intensificar a presión sobre Hernández e Radoja e, transcorridos apenas dous minutos, nunha gran xogada combinada de Koke e Vietto, Griezman, o mellor xogador sobre a lameira, inagurou a táboa de marcas.

Como é adoito nestes casos, os de Berizzo non deron o partido por perdido e ofreceron os seus minutos máis emotivos e vibrantes. Un contragolpe orixinado por un envío de Sergio sobre Orellana e un cambio de banda de Iago sobre Wass expresaba a vontade celeste de non renderse. Mais non foi posible, nin sequera cando pareceu o ballón sobre a lameira cada vez máis pesada. Carrasco, que substituíu a Augusto (moi asubiado), liquidou o encontro nunha boa xogada na que caneou a Cabral e superou a Sergio. Os minutos finais expresaron a impotencia celeste, tamén física, e a torpeza de Berizzo para introducir os trocos no tempo oportuno, mesmo cando algúns dos xogadores como Radoja, Hernández ou Wass estaban literalmente fundidos.

Non hai dúbida de que o equipo noso entrou en fase minguante. Agardemos que coa recuperación de Nolito e a incorporación das prometida fichaxes do mediocampista e dun xogador de banda inicie a segunda volta en fase crecente, recuperando a súa demostrada capacidade para marcar e puntuar.