Listado de la etiqueta: grial

Don Paco

Posuía a capacidade de aglutinar vontades, de contaxiar alento para acometer tarefas colectivas, en «equipo», como sempre dicía. Practicábaa naquel tempo de entusiasmo, cando sendo secretario das Mocedades Galeguistas mobilizaba aos universitarios coa súa oratoria propia dun guieiro de pensamento federalista, netamente progresista, coma foi o seu compromiso político. Teceu proxectos imposibles nos tempos da ditadura, dende o primeiro suplemento de letras de La Noche, até a posta en marcha e funcionamento imparable da editorial Galaxia e da revista Grial dos que foi cerebro creador e corazón impulsor. Un home rede que en catro anos puxo en valor a Real Academia Galega, até a súa chegada, doente e anestesiada. Impenitente lector e bibliófilo, intuíu a necesidade de construír un sistema cultural galego moderno, que desvelase a literatura galega e desenvolvese unha industria do libro de seu. Velaí a súa creación singular da efeméride do 17 de maio e o seu traballo como ensaísta e divulgador en milleiros de artigos. Un home lente que entendeu o traballo do editor como unha conversa permanente coa creación e co seu tempo, ensaiando novos formatos e fórmulas de edición inéditas en galego. Metódico, organizado, cerebral, incansable, disciplinado, non esmoreceu no seu afán diario por continuar termando das responsabilidades que asumiu. Despois de cinco décadas, continuou de forma altruísta a fronte da Biblioteca Penzol, converténdoa nun centro de documentación e investigación modélico; publicando nos xornais, conferenciando, preparando novos libros, acuñando na conversa unha reflexión, tan lúcida como corrosiva, sobre un novo tempo en crise. Partidario da policromía da vida, explorou as paisaxes e os manxares enxebres, socio e seareiro do Celta soubo do sabor do mel e da fel. Encabezou como tal o partido galego da esperanza, o da xente entusiasta e liberal, melancólica e optimista que posúe como eixo do seu programa a loita contra o esquecemento. Obrigados, Don Paco.

Publicado en Nós diario 17/05/2023

Itinerarios vigueses de don Paco

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo aos itinerarios vigueses de Del Riego:

No libro de conversas con Perfecto Conde (Xerais 2018), Francisco Fernández del Riego conta a súa chegada a Vigo en 1939, cadrando co ingreso no cárcere, e posterior desterro a Estremadura, de Valentín Paz Andrade que o convidara a colaborar no seu despacho de avogacía. Días de fame nos que o mozo laurentino se hospedou nun cuarto da rúa Príncipe e facía unha comida ao día, en compaña do pintor Carlos Maside, en tascas como La Mundial da rúa Velázquez Moreno ou a América da rúa Eduardo Iglesias, na que se conformaban apenas cun guiso e tres anacos de pan entremediados de vermes cocidos. Días de medo, como o daquelas tres mañás consecutivas nas que cando contestou ao teléfono do escritorio unha voz espetoulle: «¿Sabe usted que está viviendo con permiso del enterrador?»; ameaza que apenas o levou a deixar de coller o teléfono e, como tantas outras veces faría, tirar para adiante.

Primeiros meses, alongados a case sete décadas nos que fixo de Vigo a súa cidade amada, nos que obtería os primeiros ingresos escribindo para unha publicación de reloxería, despois outra de farmacia, e para Imán, unha revista de deportes e cine editada pola imprenta Roel. Traballos que despois compartiría coas traducións do francés para a revista Industrias pesqueras, algunha colaboración para la Hoja del lunes de Vigo e, sobre todo, co seu labor como profesor de filosofía e literatura, inicialmente no Colexio Mezquita de García Barbón, despois tamén no Labor de Romil, e máis tarde na Academia Sigma que montou cun socio na praza da Constitución para preparar a reválida universitaria. Lembranzas duns anos, relatados de forma máis precisa no seu libro memorialístico esencial, O río do tempo. Unha historia vivida (Ediciós do Castro 1990), no que se debullan os faladoiros das tres da tarde do Café Derby da praza de Urzáiz, onde comezou de feito a reconstrución do galeguismo, citas que os luns se celebraban no Café Savoi e os sábados no Café Suevia de Policarpo Sanz, mais que logo seguirían no Café Alberti da rúa Uruguai, na Taberna da Alameda ou nos locais do Náutico, entón no Hotel Moderno con entrada pola rúa Carral.

Recén casado coa valdeorresa Evelina Herbello e instalados nun piso da rúa Pi e Margall, os roteiros vigueses de don Paco consistían os domingos en camiñadas políticas polo Castro co empresario Enrique Peinador e o arquitecto Manuel Gómez Román. Noutras ocasións collía o tranvía até a estación de Muíños, ao pé da praia de Samil, na foz do Lagares, onde os vellos galeguistas, «que se autonomeaban –conta don Paco– “Os fillos do sol”, montaran unha especie de palafito». Xuntanzas anteriores ás da casa clandestina que alugaría del Riego en Coruxo en 1943, onde se celebrou a asemblea reconstituínte do Partido Galeguista. Tranvía que don Paco utilizaba para ir a Balaídos de charuto, onde era o socio nº 828, ocupando na tempada 51/52 a localidade 6 da décima fila de Cuberta, bancada onde gozou do mel e da fel daquel Celta de Primeira onde aínda xogaban Yayo e o temible Sansón.

Itinerarios vigueses de Don Paco que dende entón xirarían arredor dos seus domicilios en Doutor Cadaval e finalmente na Praza de Compostela, dende os que camiñaba até a rúa Reconquista 1, onde tiña a sede a editorial Galaxia e a revista Grial, das que foi cerebro e corazón, arquitecto e albanel, ou até o prelo de Artes Gráficas Galicia do Calvario do que foi xerente. Camiños que a partir de 1963 dirixía á Biblioteca Penzol, o primeiro centro de documentación sobre a cultura galega no mundo, instalada, inicialmente no edificio da Casa Bárcena de Policarpo Sanz, trasladada despois á casa do concello da praza Princesa, recuperada polo concello de Vigo a comezos da década de 1990 (no goberno de socialistas e nacionalistas), como Casa Galega da Cultura.  Durante máis de tres décadas del Riego montou alí a súa ponte de mando como disciplinado capitán do partido galego da esperanza e onde, roubándolle as palabras ao Ferrín, chantou «a trabe invisíbel que o [sostivo] todo».

Non se entenderían estes itinerarios vigueses de don Paco sen as súas colaboracións en Faro de Vigo, estudadas por Ceferino de Blas, iniciadas cun artigo o 5 de outubro de 1949, asinado como S.L., iniciais do seu heterónimo Salvador Lorenzana, que utilizaría por vez primeira no decano o 25 de xullo de 1950, e co que asinaría boa parte das súas colaboracións, sobre todo dende o verán de 1961 até 1979, habituais na páxina de Letras, e entre 1980 e 1983 no «Suplemento Cultural», que dirixía Cunqueiro e do que se responsabilizará tras o pasamento do mindoniense. Como tampouco podemos esquecer o seu papel como «home de acordo» da negociación colectiva de Citroën ou as súas pegadas durante tres décadas nos areais de Lourido e Gaifar do concello de Nigrán, do que é o primeiro fillo adoptivo. Longa memoria ao Vigo de don Paco.

Onte 880: Grial 200

A revista Grial editada por Galaxia chega ao número 200. Unha proeza colectiva froito da insistencia da editorial durante 50 anos, ao que non foron alleas as angueiras dos seus directores ao longo dese período, até 1989 Paco del Riego e Ramón Piñeiro, Carlos Casares até o seu falecemento en 2002, e Víctor Freixanes e Henrique Monteagudo na última década. Grial mantivo contra vento e marea, cuns e con outros, o seu espíirto galeguista, universalista e cosmopolita, enraizado nunha tradición euroeísta, coa intención de contribuír ao diálogo da cultura galega cos retos do seu tempo. Superado o número 200, Grial afronta os retos complexos da edición cultural contemporánea, a inevitable mudanza do seu paradigma comunicaional. Parabéns para os seus promotores e os maiores azos na difícil travesía!

Onte 719: Revistas en papel

Ademais das publicacións dixitais, leo cada vez máis máis revistas en papel. Ademais das publicadas en galego (Sermos Galiza, Tempos novos, Grial, A Trabe de Ouro e Festa da palabra silenciada) e das vinculadas coa miña actividade profesional (Trama y texturas, Cuadernos de Pedagogía, Revista galega de educación, Clij e Que leer) das que son suscritor, sigo no quiosco co maior interese Panenka (para min a mellor das de fútbol que coñezo), Jot down, Tinta libre e mesmo en contadas ocasións Mongolia ou algunhas das publicacións de cine. Neste proceso de tránsito da comunicación cultural a hibridación (a convivencia dos produtos presentados en diversos formatos e soportes) tamén afecta ás publicacións periódicas (como á prensa diaria e á edición de libros). Non e casual que o agromar destas revistas sempre estea vinculado ao coidado do deseño visual e tipográfico, así como á escolla duns contidos concibidos para unha lectura reflexiva e acougada. Non descarto que a crise das grandes empresas de comunicación ofrecesen unha oportunidade, un oquiño para estes produtos de lectura perdurable que reivindican o xornalismo especializado e de calidade. Neste contexto renace o ilusionante proxecto mensual de Luzes de Galiza que, polo que puidemos comprobar pola lectura demorada do seu magnífico borrador do número cero, comparte idéntica vontade de anovación xornalística e de hibridación comunicacional, ofrecendo os contidos tanto en formato papel como dixital para taboíñas e diversos dispositivos móbiles de lectura. A pesar das profecías sempre interesadas dos gurús dixitais, a comunicación actual caracterízase por esta hibridación dos soportes e formatos, a que cualificamos outras vces como «edición estendida». No espazo comunicacional galego, onde conviven soportes impresos e electrónicos, hai un espazo para a edición e a lectura de revistas en papel. Convén non esquecelo.

Onte 487: Don Paco

Conmemoramos onte o centenario do nacemento de don Paco, o home luz da cultura galega do século XX. Lembramos a Del Riego, o home ponte, o patriota que mantivo o fío coa Xeración Nós, asegurando así a continuidade do relato da nación nacido con Faraldo, Anón, Murguía e Rosalía. Homenaxeamos a Francisco Fernández del Riego, o home lente, o Salvador de Lorenzana que como editor disciplinado, escritor e lector compulsivo sostivo o proxecto da editorial Galaxia, da revista Grial e da Biblioteca Penzol durante décadas, alicerzando un sistema cultural galego que permitise desvelar a literatura galega e desenvolver unha industria editorial na nosa lingua. Gabamos ao home rede, que soubo tecer acordos, aglutinar vontades, contaxiar alento para acometer tarefas colectivas. Como abeizoamos ao home de aceiro que deu a súa vida toda por unha única causa “a de que os galegos falasen a fala que rezumaba da súa terra”. Ao longo deste ano do seu centenario, tempo haberá de volver sobre o inmenso legado de don Paco, creador de institucións culturais coma o 17 de maio, rosaliano de corazón e cidadán galego sempre crítico e inconformista.