Listado de la etiqueta: gran_vía_2

Gran Vía 2

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a homenaxear a figura do arquitecto Francisco Castro Represas, autor do proxecto de Gran Vía número 2, o edificio literario vigués, espazo onde se desenvolven dúas novelas galegas recentes, Os fillos do mar de Pedro Feijoo e Cabalos e lobos de Fran P. Lorenzo.

11.a-Edificio AlboNos tan exitosos «Paseos polo Vigo literario», organizados pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, e patrocinados pola concellaría de Normalización Lingüística do concello de Vigo, non debería faltar unha parada diante de Gran Vía 2 e Urzaiz 58, o bautizado popularmente como «edificio Albo», proxecto asinado polo arquitecto Francisco Castro Represas. Situado na intersección entre as dúas grandes vías viguesas, o edificio onde estivo instalada durante décadas a libraría e papelaría La Rápida foi transformado por dous narradores vigueses en espazo literario. Coroada por unha escultura copia da Vitoria de Samotracia, executada por Jesús Picón, esta emblemática construción xa é o noso primeiro edificio literario, onde no segundo andar vive Mariña, a protagonista da novela de Pedro Feijoo Os fillos do mar, e no oitavo a familia de Gloria Beckmann, cuxa historia desenvolve Fran P. Lorenzo en Cabalos e lobos. Un edificio construído entre 1942 e 1949, durante os máis dramáticos anos da fame e da represión da ditadura, mais no que grazas a estas novelas cen por cen viguesas se establece un vínculo entre a ficción e a realidade, unha confluencia entre un espazo privado e a súa dimensión histórica, facilitando así a fidelidade e coherencia do relato entre o cidadán e a cidade na que vive.

Xaora, Gran Vía 2 é, ademais, o edificio histórico vigués que amosa de forma máis clara o ocaso da utilización das formas modernas da arquitectura racionalista introducidas durante a Segunda República, das que Represas foi en Vigo destacado promotor, e o comezo da inclusión de elementos formais historicistas e rexionalistas que, en plena posguerra, eran reclamados como símbolos ideolóxicos do réxime franquista. Esa é a razón que esta formidable edificación de formigón armado de composición simétrica e forma angular utilizase cantaría fina procedente das canteiras do monte da Serra de Castrelos. Como tamén o é que o atraso na finalización das obras, pola falta de cemento e ferro, en pleno período autártico, contribuíse a ornamentar o edificio con elementos decorativos non previstos no proxecto inicial, como o pináculo e os frontóns partidos que enmarcan a escultura de Picón, que para Xosé Ramón Iglesias e Xaime Garrido, grandes estudosos da arquitectura viguesa do século XX, «maquillaban o aspecto racionalista primitivo, nun momento no que este este estilo estaba totalmente denostado nos círculos próximos ó novo réxime.»

Gran Vía 2 é apenas outra das obras destacadas de Castro Represas, o arquitecto que dende 1932, cando instalou o seu estudio na rúa Loriga, impulsou de forma máis decidida a modernización e renovación da arquitectura viguesa. Durante os anos republicanos de entusiasmo e os primeiros da posguerra de precariedade o arquitecto vigués desenvolveu un proxecto orixinal de arquitectura de espírito racionalista, na liña da vangarda que se desenvolvía en Europa, coa intención de dar resposta ás novas necesidades da sociedade industrial e dunha nova burquesía que emerxía nunha cidade moi dinámica e cosmopolita.

Hoxe paga moito a pena facer devagariño un paseo polo Vigo radicalmente moderno ao que tanto contribuíu Castro Represas cos seus proxectos durante esa década decisiva. Son da súa autoría edificios tan interesantes como o Ribas Barreras (1933), na intersección entre Marqués de Valladares e Colón, o primeiro de vivendas que incorpora elementos modernos como a cuberta plana e a horizontalidade compositiva; o edificio Sanchón (1935) en Policarpo Sanz, no que Castro mesturou a utilización comercial coas vivendas; a casa do cineasta Cesáreo González (1938) na praza de Portugal, un dos mellor conservados na actualidade, sen modificación da súa planta baixa; o edificio Crespo (1938), entre Cuba e Urzáiz, no que se introducen decoracións “art déco”; a ampliación da Fábrica de (conservas) Ribas (1938), a súa primeira edificación industrial, entre a rúa Ánimas e Beiramar; o Cubera (1939), o primeiro rañaceos de García Barbón; o edificio Barreras (1940), en Colón 4; dous edificios en chafrán en Bouzas (1940); os bloques de vivendas de Pernas na Finca El Carmen (1941) en Travesas ou o Club Náutico (1944), proxecto que asinou co que sería o seu socio Pedro Alonso Pérez, o primeiro edificio de Vigo construído sobre pilotes. Edificacións todas nas que o arquitecto vigués utilizou a linguaxe dun racionalismo heterodoxo en granito, cuxa presenza é moi difícil atopar noutras cidades.

O espírito moderno e racionalista de Gran Vía 2, coma as outras edificacións de Castro Represas deste período, forma parte do ADN da cidade de Vigo. Unha obra arquitectónica que merecería unha grande exposición retrospectiva coa intención de facela visible e poñela en valor.