Está vendo o arquivo da categoría » getafe

Campo do Fragoso CCI

bretemas —  23 de Setembro de 2017 — Deixa un comentario

SÍSIFO E O CELTA

Entre os mitos acuñados polos gregos hai tres mil anos, quizais sexa o de Sísifo o que mellor explica o sucedido o xoves sobre a alfombra de Balaídos. Sísifo é lembrado polo castigo ao que foi sometido polos deuses: perder a vista e empurrar cara arriba unha pedra enorme que, antes de chegar á cima, rodaba cara o val, onde regresaba a recollela e outra vez empurrala e así unha e outra vez. O mito de Sísifo foi actualizado por Albert Camus, que o consideraba como a metáfora do esforzo inútil dos seres humanos, aínda que abría para este comportamento absurdo unha xanela de esperanza.

Ao xeito do que lle sucedera a Sísifo, o Celta de Unzué, a quen lle custou ferro e fariña controlar ao Getafe durante 85 minutos, deixouse empatar nunha xogada froito dun erro absurdo de toda a súa defensa. Como sucedera tamén o día da Real Sociedad, un erro colectivo, froito quizais do cansazo ou dunha errada disposición táctica, estragaba tanto e tanto esforzo anterior e sumía ao público do municipal entre a perplexidade e á melancolía saudosa daquel xogo intenso do Toto Berizzo. E o peor é que chovía sobre mollado nun mal comezo de liga onde co seu xogo errático este Celta demostra que aínda non colleu o punto ao estilo de xogo debuxado polo seu equipo técnico. Un Celta que até agora non soubo pechar as súas vantaxes en Balaídos e que deu a sensación de chaíña cando actuou como visitante, o que quizais poida ser máis preocupante.

Fronte ao Getafe, Unzué parecía traer ben aprendida a lección de Cornellá. Confiou a dirección a Tucu Hernández e introduciu a Sergi Gómez no eixo da defensa. O chileno non defraudou e (moi xeneroso) armou todo o xogo defensivo do equipo, aínda que a súa posición atrasada non lle facilitaba conectar coa tripla atacante, onde cadaquén libraba a guerra pola súa conta. A pesar desa eiva e das intermitencias de Josabez, o Celta foi abrindo fenda pola banda dereita. E por alí chegou a primeira oportunidade, nas biqueiras de Brais Méndez. Mágoa que Guaita estivese tan atento para impedir o tanto do canteirán no día do seu debut.

Xaora, o gol chegou, tamén pola dereita, nun gran servizo de Hugo Mallo, quizais o mellor atacante celeste, que despois de recuperar no vértice da área filtrou sobre Maxi para que o charrúa cunha seguridade asombrosa marcase de xute cruzado. Outro maxigol de factura impecable que, pasada a media hora, abría as mellores expectativas. Porén, este Celta en construción non soubo dar o paso adiante que a situación requería e limitouse a achantar ao balón fronte a un Getafe con pouco fútbol e moita leña.

Mais no segundo acto mudaron as tornas. Fronte a un xogo celeste cada vez máis triste e apático, que apenas inquedaba a Guaita, foron os de Bordalás os que adiantaron as liñas. E se isto non abondase, Unzué non acertou cando deu entrada a Emre Mor. O turco introduciu velocidade, mais tamén, ao sobrarlle en cada xogada un derradeiro caneo, acabou descompoñendo o debuxo celeste que con tanto afán sostiña Hernández. O partido caíu, entón, nesa fase de ires e vires dunha portaría a outra que agoiraban a posibilidade dun erro defensivo celeste que se produciu cinco minutos antes da conclusión, cando xa non había posibilidade de emenda.

Un empate que deixa ao Celta na cola da táboa, aínda que con idéntica puntuación á da liga anterior. Continúan sen resolver as dúbidas nun equipo sen identidade clara e con algunhas ansiedades de máis. Sabemos que Aspas está pouco afortunado na finalización, mais tamén que co actual esquema non conta con compañeiros para asociarse. Como tampouco está resolto como conseguir unha saída limpa e segura de balón dende a defensa, sexa cuns centrais ou con outros, alicerce do esquema do adestrador actual. O Celta non pode admitir o absurdo de ser cego coma Sísifo e botar a rodar a pedra cando quedou tan preto da cima.

Campo do Fragoso CXLIX

bretemas —  23 de Febreiro de 2014 — Deixa un comentario

RELEVO

Son oubiñista de corazón, admiro a Borja Oubiña pola calidade do seu xogo e polo incrible esforzo de vontade e disciplina que lle permitiu renacer como xogador de máximo nivel tras unha longuísima lesión. Porén, é inevitable recoñecer que ao longo dos últimos meses o noso gran capitán ofrece síntomas de que precisa relevo e descanso, canto menos na continuidade da titularidade, coma quedou sobradamente demostrado onte. Regresaba Oubiña ao cadro, tras dous partidos ausente, acompañando a Álex López na medula. Por desventura, a parella de medios galegos non tivo un bo comezo de partido, sobre todo o noso capitán, impreciso no pase, incapaz de parar a uns rivais encoraxados, mais sobre todo, ralentizando o ritmo de xogo, colocando unha ou dúas marchas por debaixo da que o equipo utilizou nas dúas últimas vitorias. E o Celta, con menos intensidade e dinamismo, xogando cun ollo aberto e outro a piques de pechar, resentiuse agasallando un fato de esperanzas, durante case unha hora de xogo, a un Xetafe moi necesitado de puntos. Unha mágoa!

En plena empanada celeste, cando non transcorreran vinte minutos, Lafita aproveitou un saque rápido de falta superando a un Yoel ao que sorprendeu adiantado. No gol do ex-deportivista rematou toda a produción atacante do equipo visitante que co marcador por diante colocou dúas nutridas liñas defensivas coma valado meduliano. Desorientado polo tanto, tardou o Celta un cuarto de hora en responder cun gran saque de falta de Orellana ao longueiro. Durante este período, os de Luis Enrique contaban coa pelota, Rafinha e Orellana conducían os ataques, mais non concretaban superioridades claras. A piques de rematar a primeira parte, foi Augusto Fernández o autor dunha excelente caneada que rematou cun xute ao pao esquerdo, e Orellana doutro pexegazo que o porteiro Moya chapou in extremis.

Tras a reanudación, unha das claves do partido foi a rápida expulsión do central Lisandro, o que deixou aos madrileños en notable inferioridade. Outra, a determinante, foi a entrada de Krohn-Dehli, relevando a Oubiña no manexo do temón do equipo. Do primeiro toque vertical do danés sobre Rafinha naceu no minuto 58 o extraordinario gol do brasilego, tras superar a todos os defensas que lle saíron ao paso e, gañada a frontal da área, xutou con precisión sobre o pao esquerdo. Un gol de auténtica figura, extraordinario, fermoso na execución tanto polo debuxo da diagonal do caneo coma pola potencia do disparo. Co marcador igualado e recuperada a velocidade que lle imprime Krohn ao xogo, o Celta aseñorou toda a segunda parte, con outro recital de posesión, de xogo e de vontade gañadora. Mereceu un segundo gol. Tívoo na biqueira de Álex, máis tarde na de Augusto que quedou só diante do porteiro e logo Orellana, tras unha asistencia xenial de Rafinha. O Xetafe resistiu semellante temporal coma mellor puido, tratando de romperlle o ritmo ao partido, ao que non foi  alleo o recital innecesario de cartóns amarelos do árbitro. Nolito, un xogador que aparece só nos minutos finais para intentar concentrar neses momentos decisivos todas as súas esencias, enviou un formidable pexegazo ao pao no desconto. O Celta merecía un segundo tanto, mais desta vez non houbo a fortuna que sobrou en Vila Real. A pesar da frouxa primeira hora, os trinta minutos finais amosaron que o Celta continúa na boa liña de xogo, conta cun cadro de referencia sólido, onde existen alternativas, coma demostrou o relevo asumido por Krohn para reorientar completamente a deriva do partido. Por riba, o empate permite que sexan xa cinco os partidos sen perder, outro pasiño máis para acadar o obxectivo dos corenta puntos que aseguren a permanencia

Campo do Fragoso CXXVII

bretemas —  23 de Setembro de 2012 — Deixa un comentario

PASE PERFECTO

Miguel Torrecilla e Paco Herrera, responsables técnicos das fichaxes celestes, deben estar moi satisfeitos. Cinco dos novos xogadores que se incorporaron esta tempada contribuíron de forma decisiva a sacar adiante unha merecida vitoria fronte a un incómodo Getafe. A verdade é que este Celta das cinco primeiras xornadas, a pesar das súas tres derrotas pola mínima, froito quizais dunha certa inmadurez competitiva en Primeira, ilusiona pola calidade do seu xogo académico e ordenado. Este é un Celta moi xeitoso. Contando coa seguridade de Varas na portaría e a veteranía de Cabral no centro da defensa, é evidente que o equipo solidificou a súa estrutura; melloría á que tampouco é allea a recuperación física case completa do capitán Borja Oubiña, que partido a partido demostra que non perdeu a mestría da colocación e a capacidade de dirección do equipo sobre a lameira. Como é moi valioso o equilibrio de ataque-defensa achegado por Mario Bermejo, un auténtico atlante que traballa a eito, unhas veces como dique e outras como dardo. Mellora tamén, a acadada por Iago Aspas, a quen se lle ve cunha aparencia máis fibrosa e un comportamento máis acougado, mesmo diante dun árbitro tan estreliña e voluble como Teixeira Vitienes, sen perder a súa afouteza brutal para castigar aos defensas rivais, como sucedeu onte co veterano Alexis que rematou o partido desquiciado, mesmo expulsado tras darlle unha labazada a Hugo Mallo. Non obstante, superadas as comprensibles saudades da bancada de Orellana, semella que os tres novos dianteiros son os que poderían marcar as maiores diferenzas, tanto a maxia e o traballo do danés Krohn-Delhi, que onte fabricou os dous goles, como o talento diesel de Augusto Fernández e a incrible fame de gol amosada por Park Chu-Young, ambos os dous autores dos tantos da vitoria.

O Celta desenvolveu unha primeira parte excelente na que só lle faltou marcar, a pesar de estragar cinco goles deses feitos. Aos dous minutos Iago xa fixo unha xogada extraordinaria, na que con senllos caneos sentou por vez primeira a Alexis, para xutar logo moi axustado á base do pau. O Celta continuou procurando unha saída do balón limpa, combinando con paciencia, buscando situacións de superioridade, como a que no minuto once atopou na banda dereita, outra vez Aspas, finalizada cun soberbio punteirolo do de Moaña que bateu no poste. Cantamos gol. Non perdeu o Celta o seu espírito de ataque, sobre todo grazas as recuperacións de Bermejo que se transformaron en galopadas de Aspas, un auténtico pesadelo para a defensa madrileña, e ás aparicións descontinuas preto da área de Krohn-Delhi e Augusto Fernández. Pola súa banda, o Getafe apretaba só de cando en vez, buscándolle as costas a Túñez, mais nunca conseguiu unha oportunidade clara.

O partido animouse tras a reanudación, sobre todo cando o Celta conseguiu o seu primeiro tanto. Tras unha gran contra de Krohn-Delhi, na que soubo cruzar o balón no momento exacto para que Augusto cun preciso pexegazo inaugurase o marcador. O do danés foi un modelo de pase perfecto. Mágoa que un minuto despois, empatase Barreda, tras unha xogada anterior na que Varas fixo o mellor paradón do serán. Co partido empatado, desta volta Paco Herrera si que moveu axiña o seu banco. Cando faltaban apenas vinte minutos fixo debutar a Park en Balaídos e un minuto despois o coreano adiantaba ao Celta cun remate de semixeonllo, tras outro pase perfecto do xenial Krohn-Delhi. O do asiático foi de chegar e encher e o do danés unha demostración de abraiante calidade técnica dun xogador capaz tamén de ofrecer durante os noventa minutos os maiores sacrificios e disciplina defensiva.

Mentres a bancada expresaba a súa predilección polo fútbol de salón, un clásico en Balaídos, os minutos finais foron dun certo agobio para os nosos. Daquela apareceu o protagonismo de Teixeira Vitienes que arruinou os minutos do desconto coa expulsión de Paco Herrera e un incomprensible recital de vedetismo arbitral. Este Celta xeitosiño dá motivos sobrados para a esperanza.