Listado de la etiqueta: george_lakoff

Linguaxe e debate político

Dende a súa aparición a comezos deste ano 2010 sigo con moito interese cada un dos libros que publica 2.0 editora, un dos novos proxectos editoriais galegos mellor concibidos e máis innovadores. Das súas tres coleccións –Mundos, Folksonomías e Supertextos–,  é esta terceira dedicada a ensaio contemporáneo, a miña preferida. Confeso que papei os cinco títulos publicados até agora, incluído o recentísimo, Non penses nun elefante!, un libro clásico no pensamento demócrata e progresista estadounidense (publicado en 2004), no que George Lakoff aborda as relacións entre linguaxe e debate político. A pesar do tempo transcorrido dende a publicación do libro, escrito coa intención de apoiar aos progresistas no seu labor de oposición ao goberno de Bush, a análise de Lakoff conserva a súa actualidade, sobre todo pola súa insistencia sobre a importancia dos marcos e do traballo arredor dos valores do «pai protector», como ferramentas dos progresistas para combater a estratexia conservadora inserida no marco do «pai estrito [autoritario]». Como sinala no prólogo Fermín Bouza «a batalla polos enmarcados» é imprescindible na política de hoxe para que os progresistas recuperemos o discurso público.

Mentres lía e subliñaba o libro, reparei moitas veces na utilidade desta estratexia para abordar o debate arredor do futuro da lingua galega na sociedade, para o que se precisa, antes que un nova proposta programática, un enmarcado nuns valores que poidan ser asumidos por unha ampla maioría da sociedade galega. No derradeiro capítulo deste libro moi recomendable, Lakoff non dubida en ofrecer unha guía aos progresistas para responder as preguntas máis frecuentes e facerlles fronte aos conservadores, que resume en catro pautas: «Sé respectuoso; responde redefinindo o marco; pensa e fala dende os valores; di aquilo no que cres». Insisto na utilidade do libro de Lakoff para axudarnos a recuperar a iniciativa na sociedade sobre a presenza social do galego. Procurar un novo enmarcado para o noso idioma en valores axiais como os do seu carácter patrimonial, o seu vínculo afectivo [agarimeiro] coa memoria familiar, o seu carácter integrador e acolledor para a convivencia, a súa utilidade internacional…

Parabéns a 2.0 editora por achegarnos ensaios tan valiosos coma o de Lakoff, en magníficas traducións coma esta de Ruth Layos Quiroga.