Listado de la etiqueta: galicia_como_tarea

Onte 228: Isto é Vigo

«Agradezo a afluencia de público e personalidades neste acto mais tamén as voces iradas dos que protestan; isto é Vigo, o punto máis dinámico e máis tenso e creativo de Galicia. De aquí naceu todo. Naceron as grandes empresas industriais e as do espírito de renovación de Galicia. Aquí publicou Rosalía Cantares galegos. Aquí Valentín Paz Andrade acometeu a súa tarefa». Máis ou menos estas foron as palabras coas que Xosé Luís Méndez Ferrín iniciou a súa intervención na presentación institucional da reedición de Galicia como tarea preparada por Xerais na que estaban presentes o presidente da Xunta, o conselleiro de Educación e Cultura, o delegado do Goberno e outros cargos públicos, mentres á porta da delegación da Xunta de Galicia un grupo de traballadores asubiaban detrás dunha pancarta na que rezaba «Non máis despidos nas axencias da Consellaría de Traballo e Familia». Afouto e brillante parlamento do presidente da RAG que logo salientou como «en Galicia como tarea Valentín recolleu o grande programa político do nacionalismo galego durante o franquismo». Sinalou que «neste libro os lectores de hoxe atoparán o auténtico viguismo, o que denuncia que Vigo e o seu hinterland teñen as comunicacións por terra colapsadas, como tamén sucede agora», así como «está presente a reclamación dunha entidade financeira propia, con sede en Vigo, aínda que non sei que pensaría Valentín se fose testemuña de como hoxe van desaparecendo as caixas de aforros». Grande Ferrín, beizón, por unha intervención memorable!

Galicia como tarea

No artigo da semana en Faro de Vigo anuncio a reedición facsímile de Galicia como tarea, o emblemático ensaio de Valentín Paz Andrade.

Coincidindo coa celebración do Día Internacional do Libro e co aniversario do nacemento de Valentín Paz Andrade este 23 de abril preséntase en Vigo a edición facsímile de Galicia como tarea, o libro alboral dos estudos socioeconómicos galegos, publicado en 1959, ao coidado de Luís Seoane, polas Ediciones Galicia do Centro Galego de Buenos Aires. Para Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega, “é o grande manifesto político e económico do nacionalismo progresista”. Para Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, autor do brillante estudo introdutorio da nova edición de Xerais, “é un libro singular e pioneiro, que se adianta ao seu tempo, xa que combina a análise estatística precisa cunha concepción global e mesmo cultural de Galicia, entendida como ‘ser enterizo’ que precisa deseñar un destino. Esta é a ‘tarea’. […] Non hai lamentación nin doadas culpabilizacións, senón unha apelación clara á responsabilidade colectiva e á capacidade das elites para deseñar ese futuro como un destino” .

A orixe do texto de “Galicia como tarea” estivo nas conferencias que Paz Andrade pronunciou en Buenos Aires en 1957 sobre economía e cultura galega, cando fóra convidado polo Centro Galego con motivo das Xornadas Patrióticas do 25 de xullo. Intervencións que, en boa medida, compuxera na cadea da rúa do Príncipe durante os trinta días do mes de xuño que pasou preso por unha “leve falta de ligera irrespetuosidad a la autoridad de Marina”, pena que se lle aplicou por apenas catro liñas publicadas na revista Industrias Pesqueras, da que era director, en setembro de 1956 nas que se daba conta do cesamento dun comandante de Mariña. Non fora esa a primeira ocasión na que Valentín visitou as celas de Príncipe por problemas coa censura ou coas autoridades gobernativas. En 1924, xa pasara 15 días, tras negarse a pagar dúas multas de 250 pesetas por senllos artigos (“El tren del Pirineo” e “Justificando nuestro silencio”), que publicou no xornal “Galicia” opoñéndose ás ideas de reforzar as comunicacións só con Madrid e defendendo a construción dunha liña de ferrocarrril que unise Galicia coa fronteira francesa, o que permitiría converter o porto de Vigo en cabeceira de Europa.

Paz Andrade pretendía con Galicia como tarea presentar á comunidade galega en Arxentina unha nova interpretación de Galicia con fundamento económico, que desmontase moitos dos prexuízos existentes sobre o país e achegase argumentos para enxergar un futuro de prosperidade. Con esta intención, recaba os datos estatísticos dispoñibles (o título do manuscrito foi Galicia en números vivos) que lle permiten ofrecer diagnósticos novidosos de cuestións fulcrais como a estrutura da produción agraria ou as orixes do fenómeno migratorio, ao tempo que propoñer un horizonte de industrialización baseado no que denomina “meridiano da auga”, sexa a produción de enerxía hidroeléctrica ou fose o aproveitamento dos recursos pesqueiros e o desenvolvemento das industrias marítimas. Ademais, Valentín propón de forma tamén pioneira artellar en Galicia unha ligadura entre economía e cultura, dedicando especial atención ao papel do idioma galego, unha das catro linguas atlánticas que se estende aos catro continentes, o que para el nos permite unha capacidade de comunicación única, extraordinaria, cos millóns de persoas que falan portugués ou castelán.

A pesar das cinco décadas transcorridas dende a súa primeira publicación, o enfoque político de Galicia como tarea mantén a súa vixencia. O chamamento de Paz Andrade a asumir a corresponsabilidade colectiva, a abandonar calquera tipo de conformismo retórico e pasar á acción, a crear unha linguaxe nova sobre problemas vivos, a traballar pola renovación constante das ideas e dos xeitos de “facer e refacer todos os días o país” son hoxe ideas imprescindibles para recuperar o pulo perdido no proceso de construción nacional de Galicia. Cando vivimos un momento de emerxencia, derrotados polo conformismo centralista, cando sofrimos unha brutal sangría demográfica, cando a nosa mocidade volve emigrar de forma masiva, cando soportamos as taxas máis altas de desemprego da nosa historia ven ao caso recuperar as palabras de esperanza coas que Valentín Paz Andrade, o cabezaleiro do galeguismo inconformista que suma, remataba en 1931 un artigo n’ A Fouce: “Hai pois, un labor inaprazable, a loita e a capacitación á vez, que reclama o esforzo dos homes galegos. Unha xesta histórica que non pode ser eludida. Que todos veñan á obra con fe, cheos de azos e optimismo, mais con afán de crear, con inquedanza de traballo, con anceios de facer, aínda que sexa desfacendo”. O futuro de Galicia construímolo nós. Galicia continúa sendo a nosa ineludible tarefa.