Artigos

Marco: «Winter is here»

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a situación crítica do Marco:

Durante semanas no balcón do Marco apareceu unha faixa co texto «Winter is coming», unha intervención artística irónica cargada dun agoiro sobre o futuro do museo. Mais dende o domingo de Reis, o Marco está baleiro, despois de quince anos de brillante historia e do peche de “A timidez da copa das árbores”, a que podería ser a súa derradeira exposición como centro de arte contemporánea e insignia da creación cultural viguesa do século XXI. Tras o anuncio hai xa un ano de Iñaki Martínez Antelo, quen foi o seu director durante máis dunha década, da finalización do seu contrato, o museo de arte contemporánea máis visitado dos abertos en Galicia quedou á intemperie, quizais cada vez máis cerca da súa desaparición, o que de producirse suporía un atraso de décadas para a cultura contemporánea do Vigo metropolitano. Ben sería que os actuais responsables do padroado da Fundación Marco, mentres deciden cal vai ser o futuro da xestión e do proxecto museístico da institución de Príncipe, alerten á cidadanía da nosa invernalia colocando unha nova faixa no edificio co texto «Winter is here» que, como a anterior, non tería dificultade ningunha de interpretar.

A cerna da tan triste situación actual do Marco non reside só no cuestionamento (máis ou menos explícito) por parte dos responsables da Concellaría de Cultura e dos seus asesores do seu proxecto como espazo profesional independente e autónomo dedicado a arte contemporánea, homologable a outras institucións europeas, que propoñen aos públicos a posibilidade do goce e do coñecemento das expresións artísticas (tan hibridadas) do noso tempo. Nin tampouco pola súa dificultade para xestionar con recursos sempre limitados 117 exposicións, de tipoloxía, disciplinas e características moi diversas, a maior parte delas de produción propia ou coprodución con outros centros nacionais e internacionais, ademais de desenvolver un amplo programa formativo e de documentación e investigación, dirixido a escolares e familias, xerando así estímulos múltiples sobre o espazo creativo metropolitano. Nin sequera polo seu número de visitantes (unha media de 100.000 anuais), que o situaron dende a súa inauguración como o máis visitado dos museos vigueses, moi por diante de Castrelos, do Museo do Mar de Alcabre e da Pinacoteca da Ferraría, mais duplicando tamén o número dos recibidos polo CGAC de Santiago, o Luís Seoane da Coruña ou durante moito tempo da megalómana Cidade da Cultura do Gaiás. Nin tampouco pola ausencia de apoio cidadán ao seu proxecto, xa que conta cunha modélica Asociación de Amigos do Museo da que forman parte catrocentas persoas.

Xaora, non nos enganemos, a doenza principal do Marco é económica e institucional. A súa crise está provocada polas políticas de recortes brutais que dende hai unha década afectan á cultura, que no seu caso supuxeron a redución brutal das achegas orzamentarias da Xunta de Galicia e do Ministerio de Cultura, ao tempo que a perda das da Deputación de Pontevedra e de Caixanova, institucións que xunto ao concello de Vigo constituíron en 2002 a Fundación Marco. Reducións que levaron a que en 2017 o concello de Vigo soportase máis das tres cuartas partes do orzamento, tamén o máis reducido da súa historia. E calquera solución para o mantemento do proxecto fundacional do Marco pasa pola recuperación do modelo de colaboración interinstitucional entre Concello de Vigo, Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Ministerio de Cultura, ao que compriría engadir a participación de mecenado de empresas privadas e polo respecto na xestión do modelo de boas prácticas acuñado para os centros de arte públicos.

O mantemento do proxecto do Marco pasa, ademais, pola elaboración por parte da Concellaría de Cultura dun plan director para a rede de Museos de Vigo, onde se estableza un modelo sostible de xestión para cada un dos seus centros, a maior parte deles en situación crítica, como o Verbum de Samil, o Centro de Fotografía da rúa Chao (pechado) ou da propia Casa das Artes. Un plan que, como o tantas veces solicitado aquí para as bibliotecas e arquivos vigueses, puidese ser debatido no Consello Municipal de Cultura, un órgano de participación cidadá que moito botamos en falta.

Vigo precisa do Marco como expresión primixenia do seu carácter como cidade da cultura de vangarda, rabiosamente moderna e atrevida ás mudanzas e as novas linguaxes, algo que se está perdendo na última década. Vigo necesita dun museo cosmopolita, como corresponde ao seu ADN, que funcione como ponte entre a arte galega e a internacional do noso tempo. O Marco é necesario para unha cidade aberta á innovación, acolledora e inconformista. Con vontade e acordo interinstitucional recuperar o proxecto fundacional de Marco aínda sería posible. Paga a pena intentalo.

Onte 1629: Activismo literario de Xerais

Que_non_te_aten_Cafetaria_Vilariño_Ponte_Carreira_31-03-2016

Foi onte outra intensa xornada de activismo literario de Xerais, no que durante o serán se desenvolveron tres presentacións simultáneas doutras tantas novidades recentes da editorial. Na Numax de Compostela, Fran Alonso e Alba Cid acompañaron a Ismael Ramos na presentación do libro de poemas Os fillos da fame, premio Johán Carballeira do concello de Bueu. No salón de plenos do concello de Ribeira presentamos a obra xuvenil A cacería de Amadeo Cobas, gañadora do premio de novela cidade centenaria, ao tempo que asinabamos co alcalde a continuidade da nosa colaboración neste certame de narrativa curta. Xa case na noitiña na Cafetaría Vilariño de Ponte Carreira o incansable Manuel Iglesias Turnes presentaba Que non te aten, contando coas intervencións de Pilar Sampedro e Cándido Iglesias e coa colaboración da Libraría Pedreira. Activismo que continuaremos esta fin de semana con novas convocatorias literarias. No serán de hoxe na Biblioteca González Garcés da Coruña cunha nova presentación de Que non te aten, que pechará a actuación dos Cantareiros do Naval. O sábado á tarde Xurxo Souto prresentará na Biblioteca de Muxía o seu espectáculo “Oceano para terrícolas”, baseado nos seus Contos do mar de Irlanda. Ao mesmo tempo no Liceo de Noia Amadeo Cobas presentará A cacería da man do escritor Ramón Carredano, acto co que a editorial celebra o día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil.

Comezaremos os actos da vindeira semana o martes na Fundación Luís Seoane da Coruña, onde o alcalde Xulio Ferreiro participará na presentación d’ A Galicia urbana. En Pontevedra acompañaremos na primeira feira do libro deste 2016 a Alberto Fortes, Ramón Caride, Álex Alonso e Anxo Angueira que presentarán as súas novidades, actos que coincidirán coas presentacións da novela de Amadeo Cobas en Vigo e Santiago. Pecharemos a semana o venres na Casa do Libro de Vigo coa agardada estrea de Esmeraldina, a pequena defunta con Ledicia Costas e Víctor Rivas, protagonistas destacados tamén do Salon do Libro Infantil de Pontevedra. E o sábado ao mediodía presentaremos no concello de Fornelos de Montes a edición de Ramón Nicolás de Non debían medrar, coa que celebramos o centenario do nacemento de Manuel Lueiro Rei e a entrega do premio de poesía que leva o seu nome.

O esforzo de Xerais procura visibilizar as nosas novidades en espazos e localidades diversas, procurando chegar a novos públicos. Nun momento de hibridación e de incerteza, cando desapareceron practicamente as políticas públicas de lectura e de apoio ao libro editado en galego, o futuro do noso sector está tamén na nosa capacidade para activar o interese dos lectores e lectoras e ampliar o perímetro do seu abrazo. Nesa angueira seguimos.

Seoane no Marco

No artigo da semana en Faro de Vigo lembro a importancia da figura de Luís Seoane, ao fío da exposición da súa obra grñáfica no Marco.

13_SeoaneTras a magnífica mostra de Francisco Mantecón, o Marco ofrece na súa planta baixa outra marabilla, “Luís Seoane. Retrato de esguello”, unha retrospectiva esencial sobre a obra visual do noso maior xenio do exilio, comisariada con grande rigor por David Barro, froito dunha colaboración modélica entre a Fundación Luís Seoane da Coruña e o Marco de Vigo. Trescentas pezas de diversos soportes e linguaxes utilizadas por Seoane ao longo de cincuenta anos de traxectoria creativa, a maior parte delas realizadas na Arxentina –dende portadas de libros das editoriais Botella al Mar, Citania, Poseidón ou Edicións Galicia; revistas como Galicia emigrante, ResolCorreo literario ou Cuco-Rei; carteis como as litografías publicitarias Cinzano ou o do polbo reclamando o apoio ao Estatuto do 36; centos de debuxos, gravados, pinturas, xilografías, serigrafías, álbums, tapices, deseños cerámicos para Sargadelos, retratos, paisaxes, bodegóns, até fotografías dos seus murais da Galería Larreta de Buenos Aires– ofrecen un abraiante relato visual polo conxunto da obra dun dos artistas galegos do século XX máis polifacéticos, tamén, probablemente, o auténtico Leonardo da nosa cultura.

Coa excepción do seu amigo Isaac Díaz Pardo, non houbo até agora na cultura galega, personalidade tan multifacética como Luís Seoane, que ademais de pintor, debuxante, caricaturista, deseñador, muralista, ceramista, portadista, diagramador editorial, fose tamén editor, xornalista, poeta, ensaísta e autor teatral. Un prodixio creador, ou como dixo Eduardo Blanco Amor, “un renacentista do noso século”; “un home que [en palabras de Xosé Neira Vilas] entregou toda a súa enerxía creadora a Galicia”. Como sinalou Xesús Alonso Montero, autor de “As palabras no exilio. Biografía intelectual de Luís Seoane” (Xerais, 1994), Seoane foi “un activista da causa galega onde fose necesario”, “a primeira figura da cultura galega que se propón conxugar socialismo e galeguismo”, un home comprometido co seu país, que sempre acreditou no seu horizonte de futuro: “Ollade a Galiza, érguese paseniñamente de todos os supricios”. De espírito cosmopolita, participante activo no debate internacional sobre o papel das artes e da cultura, Luís Seoane foi o primeiro que acreditou na necesidade de que Galicia contase cunha industria cultural propia, apostando pola súa presenza divulgadora e intencionalidade didáctica nos novos medios, no seu caso nas emisións de radio de “Galicia emigrante” e na revista homónima na que publicaría centos de artigos.

A mostra do Marco, a pesar de centrarse na súa obra visual, non agocha ese retrato renacentista e multifacético do autor de poemarios como Na brétema Santiago e Fardel do eisiliado, salientando o seu papel como editor fundamental do libro galego no exilio, que soubo suplir dende Buenos Aires o baleiro dos anos corenta e cincuenta nos que en Galicia non podía editarse en galego. Xunto a Arturo Cuadrado e Luis Baudizzone promoveu en 1940 as coleccións Hórreo e Dorna de Emecé editores, das que hai algunha peza na mostra do Marco. En 1948, tamén con Cuadrado, fundou Botella al Mar (1951-1967), destinada a publicar a autores novos, un catálogo que acadou os 150 títulos e onde comezou a impoñer un estilo gráfico propio, mesmo concibindo o libro como unha peza arquitectónica, que caracterizaría os seus proxectos editoriais posteriores e que influiría no conxunto da súa obra pictórica. En 1950 preparou o número extraordinario que A Nosa Terra dedicou á morte de Castelao. En 1959 publicou na editorial Citania a primeira edición de A esmorga e ilustrou a primeira edición de Memorias dun neno labrego (1962) na editorial Follas Novas de Montevideo. Sen esquecer que promoveu con Isaac Díaz Castro o selo de Ediciós do Castro e o proxecto industrial e cultural do Laboratorio de Formas que daría pé ao novo Sargadelos.

Xaora, na magnífica mostra do Marco, salienta o Seoane pintor e gravador, eidos onde expresa con maior liberdade o seu espírito de narrador visual e sintetiza a súa a procura do esencial, do elemental, sexa coa liña ou coas masas de cor planas. Eis a evolución das súas paisaxes, onde identificamos a dobre nostalxia, que lle atribuía Lorenzo Varela, a de pintor dunha Galicia celta e dunha Arxentina crioula. Como tamén nos seus bodegóns, tan influídos pola súa obra editorial, e retratos que transitan da figuración expresionista da “Campesiña pensativa” (1956) até a abstración do inquedante “Retrato dunha moza” (1966).

Paga moito a pena demorarse no Marco nesta exposición modélica na súa concepción didáctica na que podemos descubrir e valorar como se merece a un dos maiores xenios galegos da historia. Beizóns ao comisario e responsables do museo de Príncipe.

Onte 1356: Luís Seoane no Marco

15_Seoane

A nova exposición do Marco, Luís Seoane. Retrato de esguello, pareceume unha marabilla. Coma fixeran hai uns meses coa obra pictórica de Francisco Mantecón, os responsables do museo de Príncipe contribúen agora a recuperar e poñer en valor a obra dun dos grandes artistas galegos do século XX, quizais a figura máis internacional e transgresora das nosas artes. Trescentas pezas de diversos soportes e expresións utilizados por Seoane ao longo de cincuenta anos (dende portadas de libros, carteis publicitarios, debuxos, gravados, pinturas, xilografías, tapices, deseños cerámicos, até fotografías dalgúns dos seus murais de Buenos Aires) ofrecen un percorrido moi completo pola obra visual deste artista xenial e polifacético.

Volveremos devagariño sobre os contidos dunha exposición esencial que demostra a oportunidade da colaboración estable entre Marco de Vigo e a Fundación Luís Seoane da Coruña. Contando só cos medios imprescindibles e cun traballo moi rigoroso de selección do comisario David Barro,  o resultado do relato visual deste Retrato de esquello é excelente. Na exposición atopei a dous bos amigos que me expresaron o seu entusiasmo desbordado polo que estabamos vendo: «Se Seoane fose catalán, estaría a unha altura moi superior a Tapies como pintor e a Mariscal como deseñador», dixome un deles. Un comentario que dá moito que pensar sobre o valor e proxección das nosas artes e creadores máis destacados. Recomendo vivamente visitar a exposición que estará aberta até finais de setembro. Parabéns moi merecidos ao comisario e ao equipo do Marco.