Artigos

Onte 1782: “Mensaxe dende o silenzo” de Licalaterna

LicalaternaA poesía de Celso Emilio Ferreiro continúa sendo fonte orixinal para a música galega. Comprobeino, outra vez, como membro do xurado do 1º Premio Celso Emilio Ferreiro de poemas musicados, unha iniciativa con certa semellanza á que Lluis Llach tivo coa obra do poeta Miquel i Marti Pol, no que participaron trinta e dúas cancións, moi diversas nos xéneros e estilos musicais, mais en xeral dun excelente nivel de calidade. Entre todas elas resultou gañadora a presentada polo grupo Licalaterna, formado por Andrea Souto e Óscar Iglesias, que traballou sobre “Mensaxe dende o silenzo“, un dos poemas d’ O soño sulagado. Este premio promovido dende a iniciativa privada pola FUNCEF, dotado con 3.000 euros, será entregado no Culturgal o sábado 3 de decembro, ás 11:30.

Parabéns a Licalaterna por tan magnifica proposta musical e audiovisual e a FUNCEF polo seu teimoso labor de promoción da obra de Celso Emilio Ferreiro.

Onte 1674: Cincuentenario do Xantar de Ourense

xantar_de_ourense_1966

Non debemos esquecer que onte foron cincuenta os anos transcorridos daquel Xantar de Ourense, a despedida que 250 persoas renderon ao poeta Celso Emilio Ferreiro no Hotel Roma de Ourense, a piques de embarcar para Venezuela. Cincuenta anos dun acto político organizado polo PC e pola UPG coa intención de rexeitar a construción do encoro de Castrelo de Miño, o que constituíu o primeiro acto unitario da oposición antifranquista en Galicia cun importante apoio de figuras da cultura galega como Ramón Otero Pedrayo, Antón Tovar, Eduardo Blanco Amor, Manuel María ou Albino Núñez, por citar só algunhas das falecidas.

Mágoa que por cuestións só atribuíbles ao azar se malograse a iniciativa que a Fundación Celso Emilio Ferreiro tiña en marcha para lembrar esta data importante na nosa historia política e literaria. No Xantar de Ourense recoñeceuse, ademais, o compromiso co país do poeta Celso Emilio Ferreiro que, a pesar do seu abatemento por unha partida que non desexaba, expresou unhas palabras que transcorrido medio século non perderon vixencia: «Galicia debe ser unha terra para nacer e morrer, senón tamén para vivir nela». Un xantar histórico que non debe ser esquecido.

Onte 1551: Cincuentenario do xantar de Ourense

homenaxe_celso_emilio_15-05-1966

Lembramos onte ao poeta Celso Emilio Ferreiro con motivo do 104 aniversario do seu nacemento. Ábrese así un ano no que celebraremos o cincuenta aniversario daquel xantar de despedida, antes da súa partida a Caracas, que se se desenvolveu nos baixos do Hotel Roma de Ourense o domingo 15 de maio de 1966, Unha homenaxe a Celso Emilio e Moraima, obrigados a coller as maletas do exilio, que se convertiu nun importante acto de protesta da oposición antifranquista, organizado pola UPG e o PC, en contra da decisión do goberno de Franco de asolagar as veigas de Castrelo do Miño e Ventosela para que Fenosa construíse alí un encoro. Naquel histórico xantar galeguista, no que participaron 250 persoas e no que se recibiron 1.250 adhesións, pronunciaron discursos Ramón Otero Pedrayo, Antón Tovas, Eduardo Blanco Amor, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xesús Alonso Montero, Arturo Reguera, entre outros. Lembrar aquela proeza cívica é unha das iniciativas nas que está traballando a Fundación Celso Emilio Ferreiro e da que aquí daremos conta.

Onte 1329: «O estranxeiro», poema inédito de Celso Emilio

O-Estranxeiro

Luís Ferreiro, o director da Fundación Celso Emilio Ferreiro, publicou esta fin de semana un poema inédito do seu pai. Trátase do títulado «O estranxeiro», enviado dende Caracas no mes de febreiro de 1973 aos rapaces do Colexio Rosalía de Castro de Vigo, que dirixía a súa amiga Antía Cal. Composición de intención didáctica, Celso Emilio ofrécelles aos escolares vigueses unha viaxe polas vilas e cidades do país, así como dos símbolos da nación («patria»), a lingua e a literatura («unha cantiga de amigo / un cális con sete estrela»). Gustoume o alustre final do poema: «Onde está, que non a atopo, / esa patria tan ben feita?«. Non sería raro que o «O estranxeiro« fose decontado musicado, coma o foron moitas pezas do poeta de Celanova. A nosa gratitude a Luís pola descuberta. Celso Emilio manantío e fervenza.

Onte 1306: Ameixeiras e Acuña, premios Losada Diéguez

XG00187801XG00198501Tras a reunión anual da Fundación Celso Emilio Ferreiro, coñecín que o premio Losada Diéguez 2015 correspondera na modalidade de creación a Diego Ameixeiras por Conduce rápido e na de investigación a Ana Acuña por Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000). Premios que recoñecen a calidade de textos publicados por Xerais por membros da Xeración da esperanza, Diego Ameixeiras volve ser premiado por unha das súas novelas do xénero negro, ao que tanto ten contribuído a renovar na nosa lingua durante a última década. Mentres Ana Acuña ve recoñecida a súa investigación sobre os «madrigalegos terraferidos» e o seu rigor na elaboración dun traballo clave para entender a cultura galega na segunda metade do século XX. Beizóns a Diego e Ana, claro que si!

Onte 1200: «Galicia canta»

Galicia_canta

Comentei onte con Luís Ferreiro, director da Fundación Celso Emilio Ferreiro, o éxito da reedición de Galicia canta, considerado o primeiro long-play da música galega. Unha valiosa peza de coleccionista, recuperada no pasado mes de decembro pola Fundación CEF nunha edición non venal moi reducida.

Un disco na que o poeta de Celanova tivo moito que ver tanto na creación dalgunhas pezas como no seu proceso de edición e mesmo de distribución. Celso Emilio acuñou en Caracas en 1970 a idea de facer para a Galicia emigrante unha antoloxía dos intérpretes dalgúns dos integrantes da «canción galega moderna», a maior parte deles de Voces Ceibes, que comezaban a editar os seus singles e EPs en Edigsa e Xistral. Xustifícao nun textiño de presentación do disco, asinado como Arístides Silveira (un dos seus heterónimos), no que se diferencian os seis temas do lado A, no que se recuperaron as gravacións de Xavier (del Valle), Benedicto, (Xerardo) Moscoso, Guillermo (Rojo), Miro (Casabella) e Xoán Rubia, daqueloutra media ducia do lado B, gravada en Caracas por Xulio Formoso. O propio Celso Emilio tocou o pandeiro na «Pandeirada ao Che» de Xulio Formoso, ademais de ser autor de tres dos poemas do disco, «Romance incompleto» de Xavier e «Pola longa lonxanía» e «O dedo na chaga» de Formoso. Como tamén sabemos que Celso Emilio se ocupou de argallar a carátula do vinilo, recuperando ilustracións de Luís Seoane, e a súa distribución baixo o selo Pobovox (do que Galicia canta foi o seu único título). Contoume onte Luís Ferreiro que o disco fora distribuído entre as comunidades emigrantes de Caracas, Buenos Aires e Montevideo, e que algúns exemplares foran enviados a Galicia.

Sei que particular interese musical teñen hoxe os seis temas de Xulio Formoso, daquela universitario galego residente en Caracas, que musicou poemas do propio Ferreiro e dos poetas emigrantes irmáns Farruco e Ignacio Sesto Novás. Como sei que non se debe esquecer que dúas das súas cancións foron versionadas por intérpretes actuais, «Cholo peruán», incluído en 1978 por Pilocha no seu primeiro disco, e a xa citada «Pandeirada ao Che» por Luar na Lubre en 2005 no seu disco Saudade.

A recuperación deste long play alboral, realizada con grande fidelidade e respecto ao orixinal por Luís Ferreiro e o equipo de Ouvirmos de Xosé Aldea, constitúe un fito para a memoria da música galega das últimas cinco décadas, tanto pola singularidade desta antoloxía como polo feito da destacada participación do poeta Celso Emilio Ferreiro naqueles difíciles anos da emigración venezolana. Escribiu Arístides Silveira na presentación do disco que «esta é unha canción [referíndose á galega] que está á altura deste momento histórico, e a súa presenza deixará, sen dúbida, unha profunda pegada na cultura de Galicia.» Non se equivocou unha miga Celso Emilio, non. Galicia canta é unha pequena alfaia que conservaremos coma ouro en pano na nosa discoteca galega. Parabéns á Fundación CEF pola recuperación, especialmente a Luís Ferreiro e Xosé Aldea que a fixeron realidade.