Artigos

Onte 378: Aid

A pesar das magníficas intervencións de Fran Alonso e María Solar, a estrela da presentación d’ As meigas de Lupa foi Aid. Abondoulle á rapeira viguesa frasear con toda a súa forza e convicción contaxiosa un tema sobre a bretemosa noite da nosa cidade. Os seus rapoemas, nos que adapta aos ritmos da música urbana algúns poemas dos nosos clásicos, como os seus temas propios, expresan unha vibración esperanzadora e un futuro compartido polas novas xeracións para a lingua e literatura galegas. Benvida Aid e a súa disruptiva presenza no noso panorama literario. Merece todas as nosas beizóns.

Onte 314: «A punta de pistola» de Fran Alonso, premio «La Voz de Galicia»

Aledoume moito acompañar a Fran Alonso na noite na que recolleu o premio «La Voz de Galicia de novela por entregas 2012». Tiven a fortuna de ler hai meses a obra gañadora, A punta de pistola, unha trepidante novela de estrada, axustada ás convencións requiridas polo certame (trinta e uns capítulos autoconclusivos e menos de catro mil caracteres), na que Fran coa súa habitual mestría e potencia narrativa retrata un episodio do tempo contemporáneo. Unha parella de mozos marxinais, O Varas e a Rica, rescatan a punta de pistola a Dixie e Pixie, os seus fillos de apenas oito anos internados polos servizos sociais nun centro de menores. A partir desa situación extrema, na que en palabras de Fran «a realidade pode ser máis inverosímil ca ficción», a familia emprenderá unha fuxida a velocidade de vertixe que a levará, primeiro, aos labirintos do centro comercial, e máis tarde polos vieiros da rexión metropolitana viguesa. Como é adoito nos textos narrativos de Fran Alonso, un feito real, neste caso denunciado por el nun artigo de opinón en 2006, constitúe o xérmolo dunha ficción na que se cruzan os camiños doutras historias, relatadas en ton máis acougado, como a protagonizada por unha camioneira blogueira de formación universitaria e por Celia Rivas, a primeira muller camioneira de Galicia. Unha novela de lectura enguedellante na que se aborda unha reflexión de profundo calado educativo, ao tempo que se deita unha olla desprexuizada sobre a infancia, a familia e desestruturación da sociedade en tempos de crise. Parabéns para o grande Fran, si señor!