Está vendo o arquivo da categoría » fnac

Excelente presentación na FNAC da Coruña de Norteáns, a gran novela castrexa de Mar Guerra. Foi Xosé Manuel Sande, o concelleiro de Cultura, Deporte e Coñecemento quen glosou unha obra histórica que relacionou coa Coruña, “unha cidade que recoñece as súas pegadas na historia, neste caso no mundo castrexo”. Gabou a novela de Mar Guerra e salientou que “aquí hai un traballo de documentación moi puído, un amor á precisión na composición dunha sociedade prerromana ao tempo que unha ficción que garante o entretemento na lectura”. “En Norteáns percíbese moito traballo e a posta en valor dun mundo que en boa medida descoñecemos como é a sociedade castrexa”.

XG00248401Mar Guerra confesou que esta novela supuxo seis anos de traballo, “seis anos pelexando con este conto castrexo, que logo saíu un novelón”. Definiu Norteáns como “unha novela épica que retrata a perda da inocencia de Bris, o protagonista adolescente, mais tamén da sociedade norteá, de Nola, o seu castro máis coñecido. Unha novela sobre o que é medrar, evolucionar, elixir e, como di Sartre, perder”. “Esta novela é unha homenaxe ao ser humano, capaz de realizar as maiores fazañas e tamén as peores ultraxes”. “Nola é a cerna da novela, xa que recuperala, volver a ela é o que motiva a todos os persoanxes a vivir e a ser o que son”. “É, tamén unha novela de aventuras, o relato da construción dunha nova sociedade a partir do alzamentos dos presos lusos argolados”. “Mais é sobre todo unha novela de valores, comoa fraternidade, a liberdade e a solidariedade, tan necesarios no século I antes de Cristo como agora”. “Nola é Santa Tegra, pero podería ser Elviña. É unha metáfora de Galicia. Os norteáns somos todos nós”.

Rematou Mar Guerra salientando que Norteáns “é unha novela, non é unha ensaio histórico”. “En Norteáns hai unha procura da identidade, hai paixón, honestidade e loita de clases. Pretendín que a historia fose absorbente: Creo que se pode definir como un best-seller á castrexa”.

A presentación da nova edición de Bala Perdida, a primeira novela de Manuel Rivas para público novo, coincidiu co Samaín dos Libros no que a editorial participou onte na FNAC da Coruña e na Libraría Paz de Pontevedra. Unha nova xornada a incluír no calendario do libro e da lectura para celebrar textos como estes de Manuel Rivas e Ledicia Costas.

XG00255401Na presentación da Coruña o actor e director Lino Braxe e a actriz Manuela Varela, membros do cadro que levou a escena a novela do pirata Bala Perdida, interpretaron un pequeno fragmento da obra. Con anterioridade Manuel Rivas leu un par de capítulos e, antes de comezar a longa sesión de alicientes, comentou cales foron as razóns que o levaron hai case vinte anos a escribir esta súa novela para os mozos e mozas. «Quixen ofrecer unha novela que explicase de que están feitos os tesouros. Moitas veces descoñecemos que nalgúns casos os tesouros están feitos de moita dor e sufrimento, da escravitude e da suor de moitas persoas. No caso que se conta en Bala Perdida os tesouros están feitos do pesadelo que para a humanidade supuxo o nazismo e toda a súa maldade. A historia de Bala Perdida permite confrontarnos con ese lado tan escuro da condición humana, máis tamén coa ledicia da tripulación do Liberdade e deses risos dos que tamén está feita a materia humana. Pensei que malo sería que non gañase a materia da liberdade».

Xabier Docampo e Manuel Lourenzo.

As coincidencias atribuibles á providencia laica levaron onte a que a presentación na FNAC da Coruña de Nunca paraíso, o libro no que Manuel Lourenzo reuniu unha parte do teatro breve que escribiu nas últimas catro décadas, coincidise coa nova do pasamento de Darío Fo e coa sorprendente concesión do Nobel a Bod Dylan. Dúas noticias ás que se referiu o escritor Xabier DoCampo nunha intervención moi fermosa na que defendeu o papel esencial do teatro na formación do lector litearario e gabou como se merece a figura do mestre Manuel Lourenzo. Un serán memorable no que estiveron moi presentes algúns dos textos do autor do Valadouro incluídos en Nunca paraíso, ao comezo coa súa interpretación dunha parte do monólogo “Antes da función” e no remate coa de dúas actrices de Elsinor Teatro da peza “Zanzíbar”.

Xabier Docampo comezou lembrando que coñecía a Manuel Lourenzo dende hai cincuenta anos e afirmando que “Manuel Lourenzo é o gran mestre do teatro galego”. “Mestre de actores, directores, dramaturgos e de estudosos do noso teatro. Mais tamén da creación dun discurso dramático, da obra e do oficio dramatúrxico. Manolo deixou unha impronta que se recoñece nas persoas que educou teatralmente. Como tamén é mestre no sentido pedagóxico, é un pedagogo do teatro, creou unha esocla de teatro, camiñou a carón dos que estaba tutelando e aprendendo”. “A edición deste libro onde se recollen trinta e nove pezas de teatro breve é un recoñecemento de que Manuel Lourenzo estivo alimentando de textos ao teatro galego durante máis de catro décadas. Un libro no que hai teatro, textos que teñen por obxecto a formación de lectores e lectoras de textos dramáticos. Ten por iso un carácter moi importante. O teatral estáno interior do espectador ou do lector, xa que a lectura fai o texto propio do lector. No caso das pezas de Nunca paraíso son todas elas das que implican completamente aos que as apreenden”.

A seguir DoCampo foi debullando comentarios sobre algunhas das pezas do libro que máis lle impactaron nas que se abordan temas principais como a soidade e a propia reflexión sobre o teatro, “que é o mesmo que falar da propia vida”. Rematou Xabier salientando que “ningunha das pezas do libro a viu representada pero acabo de ter o pracer de lelas”. “Este é un libro que elimina prexuízos sobre a lectura de textos dramáticos. A lectura de teatro é que a obra suceda en nós, que nos implique, aí está a verdadeira lectura, a que non sigue dicindo cousas de nós mesmos, como sucede en Nunca paraíso“.

XG00260101Comezou Manuel Lourenzo confesando que non era mérito ningún ter tantas pezas inéditas, “xa que non sei vivir sen o teatro, é a forma activa de vivir a vida, continúo escribindo e participando todos os anos nalgún certame, polo que se van acumulando pezas no escritorio”. “A finalidade do teatro é a escena, pero estamos nun país que aínda ten moitísimas deficiencias, tamén no eido teatral. Todos sabemos que estamos facendo teatro como se pode. Todos sabemos que e moi difícil contar con máis de tres actores. En Galicia desgraciadamente o teatro non se fai visible. E isto é grave xa que un país que non se pode expresar teatralmente non existe como tal. Non pode haber pobo ou nación sen teatro que represente todas as aventuras humanas nin xente que as exprese e que as crítica. Unha nación que non poida ter teatro, que non poida ter unha praza pública para expresarse e para debater as grandes controversias humanas, non existe como tal. En definitiva, sen teatro non hai país”. Rematou Lourenzo expresando a súa confianza no teatro.

Tartarus_FNAC_23-04-2016

Moito pagou a pena a presentación de Tártarus, a novela de Antonio Manuel Fraga, que fixemos na FNAC con motivo do día do libro. A crítica María Xesús Fernández conversou co autor sobre unha novela de fantasía da que salientou «o seu carácter de relato enmarcado no que unha muller relata a historia protagonizada por outra que accede a un mundo mítico».

XG00248001O autor confesou que a súa idea era que esta novela xuvenil puidese ser lida tamén polo público adulto. «Quixen que estivese presente a música, a narración oral e unha relación entre unha persoa nova e outra adulta, como xa fixera no Castañeiro de abril. Sei que é unha novela de fantasía e asumo que escribo máis literatura de fantasía da que eu mesmo consumo.» Ao fío das pegadas de Ende e Tolkien na creación deste entorno de ficción verosímil, o autor confesou que fora divertida a creación deste mundo: «Aproveitei unha serie de realidades parciais. Os nabrallos naceron en Cuba, como un reflexo de certas realidades que vimos nalgunhas cidades, a vitalidade dos seus habitantes, o tráfico caótico e, sobre todo, o seu optimismo para superar as dificultades. O mundo de Nigrofe tamén saíu de Cuba. Como foi engaiolante crear a linguaxe güenda, inspirada nas linguas do norte de Europa. Pola contra a lingua mallumá provén sobre todo do esperanto.» «A vontade foi crear unha sociedade simplemente distópica, que pode lembrar á sudafricana do apartheid, aos ghettos xudeus ou á Palestina actual».

Antonio expresou a súa preocupación de que fose comprendido o crebacabezas da novela, xa que está estruturada sobre dúas voces principais, a de Guiomar e a da súa profesora de klavia, ás que se incorporan outras, ao xeito de monecas rusas. «A novela pode lerse de xeito liñal, pero tamén pode xogarse a identificar as relacións existentes entre as dúas historias paralelas.» No que atinxe á incorporación de textos informativos ao comezo de cada capítulo, o autor xustificounos na media que «forman parte do xogo de construción deste mundo ao que pretendín darlle máis autenticidade».

María Xesús Fernández elacionou Tártarus con outras obras da literatura de fantasía nas que existe un paso a outro mundo como Alicia no país das marabillas, as Crónicas de Narnia ou a Historia interminable. Fraga confesou que, efectivamente, fora a súa intención que existise un paso entre as dúas historias, como tamén que existise, como sucede na novela de Ende, unha relación entre unha persoa nova e outra vella«. Seguiu a conversa salientando a importancia das personaxes femininas e da feminización dos propios espazos, xa que para autor «esta é unha novela de mulleres con valores que as afastan dos típicos».

Rematou a conversa sinalando a importancia da evolución dos propios personaxes, o que caracteriza ás novelas de iniciación, así como salientando o autor a importancia da presenza da música na obra, tanto polo feito de que as protagonistas sexan unha mestra e unha alumna de klavia, como pola importancia que ten o Hicupé, para os güendos, música inspiraada na negra de jazz«. Antonio Manuel Fraga rematou anunciando que deixara aberta a historia para darlle continuidade nun segundo volume no que xa está traballando.

Pereiro_Ameixeiras_Bragado_05-02-2016

Acompañei a Diego Ameixeiras á FNAC da Coruña para presentar A noite enribaFoi unha fortuna contar coa participación de Xosé Manuel Pereiro, que trouxo a primicia do número 26 da revista Luzes, un excelente monográfico sobre a cultura e medios en Galicia recén saído do prelo. Antes de iniciar a conversa co autor, Pereiro confesou que fora un privilexiado xa que hai máis de dez anos lera Baixo mínimos, antes de ser publicada, e que dende entón o fixera con cada unha das obras do novelista ourensán. Salientou que A noite enriba era unha homenaxe a autores de novelas de Bruguera, como Silver Kane, tras o que se agochaba Francisco González Ledesma, mais e sobre todo, á figura de David Goodis, o autor de novelas como Disparen sobre o pianista, que levou ao cine Truffaut, ou tramas como as do Fuxitivo.

Cando se abriu a conversa, Ameixeiras recoñeceu que quizais por tratarse da súa décima novela se puxera máis reflexivo, «o que quizais pode significar para min o inicio dunha nova etapa». «Pretendín escribir unha novela sobre un escritor que se achega a outro escritor que relata a experiencia de escribir unha novela». Cando Pereiro preguntou sobre o seu modelo de escritor, Ameixeiras non dubidou en expresar a súa preferencia «dende o punto de vista do oficio, pola figura do escritor resolutivo, que escribe a unha velocidade admirable; quizais teña que ver co inercia co meu traballo como guionista, obrigado a respectar prazos».