Listado de la etiqueta: fernández_ledesma

Onte 1528: A ética do escritor e o valor do xénero

Suso_de_Toro_Diego_Ameixeiras_09-12-2015

Moi interesante foi a presentación d’ A noite enriba, a décima novela de Diego Ameixeiras, que onte celebramos na Libraría Cronopios de Compostela. A memorable intervención de Suso de Toro reivindicou o valor da novela de xénero e a ética do escritor. Comezou o autor de Ambulancia salientando que «falar de Diego Ameixeiras era facelo da ética do escritor, é un autor que me presta polo seu compromiso coa literatura de xénero». «Nos anos oitenta dentro dunha determinada estética reivindiquei a dignidade dos xéneros e subxéneros literarios. Sei que toda a gran literatura e xénero, tanto a que se acolle a unhas normas, como a que ocasionalmente tamén as transgrede. Así sucede na traxedia grega no Quixote ou nas sagas celtas que son puro xénero, o que  supón acollerse a uns límites e  a unha retórica propios. Este é algo esencial no feito literario.» Lembrou Suso de Toro que hai vinte e cinco anos fabricara Ambulancia por unha aposta, escribir unha novela en quince días, mais tamén coa intención de facer literatura que reflectise un momento.»

XG002542011Referiuse despois á novela de Ameixeira como «un libro que só se pode escribir cando xa se teñen publicado moitos outros». «A noite enriba é unha novela autobiográfica na que hai unha reflexión explícita sobre a ética do escritor, teorizando sobre o que é a novela negra e sobre a súa historia, reivindicando a un autor como David Goodis, ao que obriga a reler.» «Diego fai unha novela negra coa estética que teoriza.» «A noite enriba é unha moi boa introdución á novela negra americana da metade do século XX, que ben sabemos é unha invención francesa, coma o jazz. Mais tamén apela a aquel mundo da editorial Bruguera e homenaxea a figuras como Fernández Ledesma, todo ese mundo de escritores que escriben novelas baratas, mais que sabían perfectamente o sentido do que facían.» Rematou Suso de Toro gabando a novela de Ameixeiras por que nela «hai xénero e subxénero, distintos rexistros, investigacións, viaxes e todo un mundo de perigos». «A noite enriba é un libro introdutorio para toda unha nova xeración de lectores.»