Listado de la etiqueta: feijoo

Feijóo equidistante?

Mentres agardamos coñecer o contido do borrador, que será anunciado tras a xuntanza do Consello da Xunta nas instalacións de San Caetano (contraprogramando a protesta de Queremos Galego, algo insólito), non semella difícil facer unha composición de lugar dos termos políticos nos que o Goberno Galego manexará a súa proposta: Feijóo situarase nunha posición centrista (a el e aos membros do seu goberno gustaríalle mesmo que a definísemos como equidistante) entre os que serán definidos como «extremismos lingüísticos», as posicións galegófobas de GB e as castelanófobas dos partidarios da imposición del gallego (un amplo saco onde entramos todos os que defendemos o consenso acadado arredor do Plan Xeral de Normalización Lingüística). Así de sinxelo, como lle presta a quen tan ben manexou a polémica dos audis e das cadeiras de San Caetano.

Comodamente situados nesa posición centrista, Feijóo, Vázquez  e  (non sabemos, nestes momentos, se tamén) Lorenzo apelarán este serán a acadar un grande consenso, entre todos os sectores non extremistas da sociedade galega (mesmo situándose de forma equidistante entre as diversas posicións do PPdeG), sobre un novo modelo lingüístico baseado na liberdade e na defensa do galego. Deste xeito retórico  (moi eficaz politicamente), obviarase o fundamental, o feito de que o novo decreto reducirá por primeira vez na nosa historia (nunha porcentaxe que agora descoñecemos) a presenza da lingua galega na educación obrigatoria e introducirá un modelo perverso de participación dos pais na elección da lingua vehicular (canto menos, polo que coñecimos até agora ) da educación infantil. Deste xeito, todos os sectores que continuemos defendendo o modelo vixente (baseado na procura de igual competencia entre ambas as dúas linguas para todo o alumnado da educación obrigatoria e na responsabilidade dos profesionais da educación na toma das decisións de aula) pasaremos dentro dunhas horas a ser considerados teimosos extremistas que insisten nos modelos de «imposición del gallego» e que non asumiron o resultado das eleccións de marzo. Para acadar esta inequívoca e moi cómoda posición centrista de Feijóo e o seu equipo foi decisiva a inestimable axuda de Gloria Lago, que nun gran movemento mediático insiste estes días por aquí e por acolá no seu «desencanto» polo contido do decreto [que ela denomina] «placebo», a pesar da súa pouco indisimulada satisfacción polo camiño aberto á elección das familias na Educación Infantil. Un magnífico exercicio de hipocrisía política.

Tempo haberá de debullar os contidos do novo decreto e facer un balance rigoroso das perdas que este retroceso supón ao proceso de fomento do galego no ensino. Hoxe abonda alertar sobre o ballón de boas intencións e de propostas de «defensa inequívoca do galego» que nos van caer enriba aos que pretendiamos infrutuosamente non se rachase un consenso forxado ao longo de tres décadas. Haberá quen se pregunte nesta liorta “quen son os extremistas”?

Nota: Convirá ser moi prudente á hora de valorar tecnicamente o novo texto. Non deixa de ser curioso o encaixe legal que vai ter a imposición da utilización como vehicular dunha lingua [como o inglés] que actualmente non ten recoñecemento constitucional. Unha vía xurídica moi interesante a explorar. Acouguemos e celebremos, pois, con esperanza a fin de ano, o traballo deconstrutivo de Feijóo continuará dando moito que falar.

Fotografía tirada de Morrazo Tribuna.

Velaí o solimán do novo decreto do galego

Semella que mañán se cumprirán os nosos peores agoiros. O solimán do novo decreto de uso do galego virá no modelo lingúístico escollido para a Educación Infantil, onde se os criterios pedagóxicos non o remedian, será unha votación entre os pais a que determine a lingua vehicular da aula e na que se realizará de forma preferente a aprendizaxe da lectoescritura. De nada servirá o criterio sobre esta cuestión fulcral que manteñamos os profesionais, a quen se nos rouba tan importante decisión pedagóxica, na que interveñen moitos e importantes factores, tanto de contexto sociolingüístico como de carácter estritamente didáctico. Nesta vital decisión sobre o modelo lingüístico da Educación Infantil (onde a escolarización en galego veu gañando terreo nos últimos anos) residirá o cerne deste novo decreto que, polas especulacións da prensa de hoxe, nas etapas obrigatorias reducirá (non sabemos canto, se a un terzo ou a un corenta por cento) a presenza do galego como lingua vehicular.

A cuestión da galeguización da Educación Infantil non é menor. No decreto Fraga do 95, establecíase que na Educación infantil e no Primeiro Ciclo de Primaria empregaríase «a lingua materna predominante entre o alumnado», deixando esta decisión en mans do profesorado de aula (que a recollía na súa programación de aula) e do claustro e do consello escolar (que a recollían no Proxecto Curricular de Etapa e no Proxecto Educativo de Centro). No decreto de 2007, tras a aprobación consensuada do Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004, introducíanse un importante matiz á redacción do texto do 95, xa que no caso de entorno castelanfalantes «o uso do galego será como mínimo igual a do castelán», correspondendo ao profesorado de aula e de etapa artellar esta presenza do galego na actividade educativa cotián, compromiso que debía ser recollido, entre outros documentos técnicos, no Proxecto Lingüístico de Centro.

Neste contexto conflitivo, é doado agoirar como na elección aula por aula van actuar os potentes prexuízos lingüísticos existentes en Galicia sobre o uso e o valor das linguas cooficiais, un contexto no que o galego sempre sae moi prexudicado. Non é difícil agoirar que empregando este sistema de elección por parte das familias  (de moi dubidosa constitucionalidade, na medida que pode conculcar dereitos individuais), asistiremos despois de tres décadas á liquidación do uso do galego nalgunhas aulas de infantil. Se finalmente se concreta esta elección de lingua vehicular na E.I. por votación entre as familias, un modelo do que non coñecemos precedentes, o veleno da confrontación lingüística espallarase por todos os centros educativos, o que constitúe unha incrible irresponsabilidade educativa e política.

Sabiamos que a Feijóo non lle ía ser doado contentar aos sectores galegófobos, que retoricamente continúan reclamando medidas que quedan claramente fóra da actual orde constitucional. No obstante, a última oferta destes sectores propoñendo a elección por parte das familias das «materiais troncais» (un termo inexistente nos actuais documentos curriculares) constituía un indicio de que algo se estaba cocendo en San Caetano coa intención de darlle unha saída política a estes sectores amigos e rematar así con «la imposición del gallego» (un «compromiso» do seu programa electoral). Haberá que agardar a coñecer a redacción do borrador na que, sen dúbida, aparecerán algunha sutilezas valiosas, acenos galeguistas cos que se pretenderá acadar a aceptación  do documento por parte da CCG e da RAG como a conformidade dalgúns sectores do propio PPdeG. No entanto, polo publicado até agora, o panorama non pode ser máis desacougante: o uso do galego retrocederá nas etapas educativas obrigatorias e pode quedar seriamente eivado por votación das familias na Educación Infantil. Este é o consenso que nos van propoñer mañán Feijóo, Vázquez e Lorenzo?

Remítome ao expresado na anotación de hai dous días, non é este o momento nin para o ditirambo nin para o desánimo, a situación de emerxencia reclama defender coa maior intelixencia os nosos argumentos para impedir que, tras tres décadas de pulo, o galego na escola retroceda. Falemos galego!

A doutrina Feijóo e os resultados da enquisa

As respostas do presidente Feijóo na entrevista de Galicia hoxe prefiguran moi claramente o que van ser os contidos do borrador do novo decreto de uso do galego, anunciado polo conselleiro de Educación para finais deste mes de setembro e agora polo presidente pra finais de ano.  Quen manda aquí? En todo caso, leamos devagariño a doutrina lingüística de Feijóo:

Do resultado da enquisa ós pais sobre o galego déronse distintas lecturas, como se vai plasmar no novo decreto?

Si pero a lectura que fai o Goberno é que a participación foi alta, que os pais que votaron ó PSOE e ó BNG participaron na enquisa e que esta sociedade o que dixo maioritariamente –computando, primaria, secundaria e infantil– é que na infantil sexan os pais os que elixan o idioma para aprender a ler e a escribir e que no resto da educación, os pais piden galego e castelán, un bilingüismo proporcional; e a minoría pronunciouse por que todo sexa en galego. Con estas vimbias e co consenso social contrastado nas urnas temos que construír o decreto. Agora a responsabilidade é da Consellería de Educación e sería bo que o puidésemos ter a finais de ano.

Non percibe que a partir do tema do decreto aumentou a crispación en torno ó idioma?

O galego non crea ningún problema na rúa, o problema está focalizado na educación. Se non liquidamos ese conflito poida que intoxique a convivencia e a cordialidade das linguas. E o que non entenda que neste momento a obsesión do Goberno de Galicia é que o galego sexa un signo de unión, de orgullo, de protección e de promoción da nosa cultura é que non entende o que estamos facendo ou estao entendendo e estao manipulando. Crispación ningunha.

En definitiva, tras varios meses de polémica, Feijóo non dá nin un paso atrás sobre o prometido; alén da utilización deste discurso ameazante e prepotente cos cidadáns discrepantes («liquidar o conflito») que resulta desolador por parte dun presidente. Cómpre tomar boa nota á hora de artellar as propostas alternativas.

Ollo: El Correo Gallego publica a mesma entrevista na súa versión en castelán cun titular estrondoso: «Galicia está de moda en España como alternativa a Zapatero».

Outro esvarón de Feijóo

No seguimento desa tarefa imparable de demolición da nosa lingua, emprendida polo Goberno de Feijóo, temos que ocuparnos hoxe do anuncio realizado polo presidente sobre o carácter vinculante da consulta que sobre a lingua materna de cada neno pretende organizar “proximamente” nos centros escolares. Chámannos a atención dúas cuestións sobre estas declaracións: primeira, que fosen realizadas en Barcelona, sen dúbida coa intención de acadar maior repercusión na prensa e no contexto da actual campaña das europeas (Génova apreta); e, segundo, o disparate no que incorre Feijóo  cando afirma que «quen decide sobre a educación dos nenos son os pais e non o Goberno». Dous séculos de educación pública dilapidados nun plis plas polo noso presidente, que non debe ter moito tempo para deterse a estudar os matices introducidos nos temas educativos e lingüísticos polos seus asesores e membros do seu goberno. Feijóo volveu atrapallarse? Confundiu allos con bugallos? Está moi presionado por Génova ou FAES?

O noso presidente debería coñecer que nas políticas de inmersión lingüística é moi importante contar co apoio das familias (ben o saben, dende hai décadas, as políticas da Generalitat); como non pode obviar (para iso mesmo está algunha sentenza do Tribunal Constitucional) que a competencia do establecemento do currículum (do qué, do cándo e do cómo se ensina no sistema educativo obligatorio) corresponde ás Administracións Educativas, nin a doutrina xurídica do Constitucional que deixa claro que os pais non teñen dereito a elexir a lingua de escolarización.

Os responsables técnicos da Consellaría de Educación deberían decontado aclarar o sentido das erradas palabras de Feijóo. Simplemente por respecto aos corenta mil profesores e profesoras galegos que hoxe se sentiron desautorizados por estas imprudentes declaracións. Un desprezo ao papel do profesorado (e aos seus dereitos) que non é a primeira vez no que incorre Feijóo. Alguén no PPdeG debería ter a afouteza de poñer couto a este delirio e introducir as mínimas doses de racionalidade neste debate educativo e lingüístico.

Señor presidente: as finalidades da educación sinálaas a sociedade por medio dos seus representantes lexitimamente escollidos; o establecemento das ensinanzas mínimas corresponde á Xunta de Galicia, previo informe do Consello Escolar de Galicia; os currículos de cada centro son competencia do claustro do profesorado, un órgano técnico que as recolle nun documento público (o proxecto currícular de centro); a programación que se desenvolve en cada aula é competencia de cada profesor ou profesora… As familias teñen o seu necesario e lexítimo espazo de participación por medio das eleccións do Consello Escolar do Centro e polas súas asociacións de pais e nais. En definitiva, no noso desenvolvemento constitucional e autonómico no eido educativo non aparece por ningures o que vostede defende. Quen o asesora? Onde quere levarnos?

Feijoo no labirinto

Tras o seu regreso a Galicia, Feijoo viuse obrigado a mudar de plans. A súa vergonzosa actitude de sumisión diante de Pedro J. e Jiménez Losantos levouno a comprometerse en que ordenaría a Inspección Educativa que enviase de forma inmediata unha circular aos centros educativos coa pretensión de «restaurar os dereitos civís» nas aulas e de respectar a liberdade lingüística de alumnado e profesorado. Sen dúbida, os responsables da Inspección Educativa da Consellaría deberon levarse as mans a cabeza diante de semellante despropósito xurídico e educativo expresado polo presidente que abría a guerra lingüística nas aulas.

Onte, para vestir o mellor posible tan enorme esvarón, Feijoo recuperou o seu perfil de tecnócrata dialogante asegurando que por «prudencia e seguridade xurídica» (o que lle faltou diante de Losantos) os plans de reforma do decreto de uso do galego quedarán para o vindeiro curso, salientado o «carácter demócrata e galeguista do seu goberno». Un compromiso de tregua unilateral, avalado co seu compromiso persoal de que utilizará no Parlamento só o galego (xustificado polo seu dereito a elexir) e que apupará aos deputados do PP renuentes coa nosa lingua a que a perfeccionen, esquecéndoselle citar que consello dará aos seus conselleiros e conselleiras instalados teimosamente no castelán (o 40% do seu goberno).

Non deixa de ser curioso que nestas dúas primeiras semanas do goberno Feijoo fose a cuestión lingüística o seu primeiro e case único afán, empregando argumentos políticos torpes e moi escasamente elaborados, sempre temerosos das críticas de Galicia Bilingüe, a asociación que na entrevista da COPE citou como «asesora do goberno» nos temas de política lingüística, unha afirmación que non debería pasar desapercibida. Como tampouco deixa de ser chocante que non fora nomeada aínda a persoa que se responsabilizará da Secretaría Xeral de Política Lingüística, sen dúbida, encargada de executar de forma inmediata a prometida reforma do decreto e de inventar ese novo modelo de «bilingüismo cordial». 

No entanto, o que non deixa de ser extraño é como Feijoo quedou enleado e paralizado coa cuestión da lingua.Dende aquela suxa campaña electoral, onde para el todo valía, Feijoo deixouse levar polos cantos de serea dos membros de GB que, tras os resultados do 1-M, nun alarde de egotismo esaxerado lle venderon que foron eles os que lle deron a súa sorprendente vitoria. Algo que sabemos é rotundamente falso, xa que, entre outras moitas posibles razóns, foi a síndrome bipolar do bipartito a que upou aos conservadores a San Caetano. Collendo arteiramente polos fíos esa falsidade, os membros deste minoritario grupo galegófobo consideran agora ao novo presidente apenas coma un simple refén que debe executar as súas políticas: hoxe no sistema educativo e nas oposicións á función pública, mañá nos museos, pasadomañá sabe deus en que… Mais o que resulta máis paradóxico e decepcionante  é que Feijoo (moi mal asesorado nesta cuestión, na que teñen obriga de intervir  outras entidades e institucións como a Academia e o Consello da Cultura Galega)  asuma acriticamente esta condición subalterna. Observando con piedade as intervencións contraditorias de Feijoo compréndese que non sabe como saír deste labirinto. Porén, teno ben doado, xa que  hai só dúas posibles portas: atender os chamados razoables da maioría da sociedade galega, que pretende continuar o difícil e complexo proceso de recuperación da lingua galega (e polo tanto o modelo consensuado ao longo do proceso autonómico), ou atender as voces dunha minoría galegófoba que baixo os argumentos da liberdade de elección lingüística abre a porta  da desaparición institucional do noso idioma (e polo tanto fende un consenso de tres décadas da súa promoción institucional). Cun pouco de afouteza Feijoo pode saír canto antes deste labirinto que ameaza hipotecar unha lexislatura que comezou da peor das maneiras posibles. Será quen? Deixarano? Quererá?

Feijoo confésase con Jiménez Losantos

Moitos non o creran, pero o novo presidente da Xunta foi onte á cadea COPE a confesar o que serán as súas primeiras medidas. Nin no Parlamento Galego nin nos medios de comunicación galegos, nin públicos  nin privados, Feijoo escolleu facelo en Madrid con Jiménez Losantos e Pedro J. Ramírez.  Aquí pode escoitarse esta entrevista (45 minutos) onde se realizou un anuncio importante sobre o futuro do galego na escola, especulouse sobre a posibilidade de privatizar os medios de comunicación públicos («unha decisión procedente», aínda que non semella prioritaria para Feijoo, que considera debe darse no marco da decisión doutras comunidades autónomas con lingua propia), anunciouse un novo plan de litoral…

Feijoo declara a guerra lingüística nos centros educativos

Esta noticia, publicada hoxe por Faro de Vigo, confirma os nosos peores agoiros: o presidente Feijoo declara a guerra lingüística por medio dunha circular que será enviada a todos os centros educativos non universitarios de forma inmediata. Esta circular, que parte dunha orde enviada polo propio presidente á Inspección Educativa (u-las competencias do conselleiro de Educación?, un feito inédito, do que descoñecemos precedentes),  proporcionará instrucións para asegurar a «liberdade para elixir o idioma tanto aos profesorado como ao alumnado». A medida foi anunciada por Feijoo nunha entrevista á cadea COPE (outro feito relevante), o que constitúe unha mostra moi clara de que a súa pretensión coiuntural é conformar aos sectores  máis conservadores do seu partido e dos sectores galegófobos que o apoiaron durante a campaña electoral. A circular constitúe un xesto político de urxencia que anuncia a determinación do presidente Feijoo por derrogar o decreto de fomento do galego para o vindeiro curso. Magoadamente, a de hoxe será primeira medida institucional que ao longo de todo o período autonómico supoña un  retroceso para o estatus do idioma galego no sistema educativo. En canto coñezamos os contidos da circular poderemos valorar as consecuencias que terá no funcionamento dos centros e nas competencias do profesorado. Unha noticia transcente que nos entristece e moito nos magoa.