Listado de la etiqueta: faes

A LOMCE e o futuro da escola pública

No artigo da semana de Faro de Vigo reflexiono sobre o que entendo supón a aprobación do proxecto da LOMCE para o futuro da escola pública:

A pesar do informe do Consello de Estado sobre o texto do anteproxecto da LOMCE e da folga do 9 de maio, o ministro Wert non modulou nin moito menos os contidos da súa reforma educativa. A última hora e coa discreción necesaria nestes casos, o ideólogo de FAES introduciu as mudanzas educativas que dende hai tempo solicitaba a Conferencia Episcopal Española. Ademais de eliminar a asignatura de Educación para a Cidadanía, a besta negra do cardeal Rouco, Wert blindou in extremis, en contra da sentenza do Supremo, o financiamento dos colexios que segregan ao alumnado por sexo, pertencentes na súa maioría ao Opus Dei, prelatura que no Consello de Ministros conta con varias carteiras. Se isto xa non lles abondase ás autoridades eclesiais, o ministro axeonllouse diante delas reforzando o peso da asignatura de Relixión, que pasará a ser avaliable, contando tanto para a repetición de curso como para solicitar unha bolsa de estudos. Unha vitoria da Igrexa por goleada.

A pesar de que aínda non se publicou o texto, as informacións amosan que na redacción definitiva da LOMCE, ademais desta maior confesionalidade, se acentúa o obxectivo da centralización curricular, o que Wert definiu como “españolizacion do alumnado catalán”. Homoxeinización provocada tanto pola vía da modificación do sistema de promoción (outra das novidades do proxecto) como polas probas de avaliación externas de Secundaría, as reválidas, cuxo deseño quedará en mans das autoridades educativas do estado. Outrosí sucede coa fixación das ensinanzas mínimas, nas que se diferencia entre materias troncais (cuxos contidos, horario e estándares de avaliación serán fixados ao cen por cen polo Ministerio), específicas e de libre configuración autonómica. Un modelo curricular que podería invadir as competencias exclusivas, establecidas nos estatutos de autonomía de comunidades como Galicia, sobardando as competencias reservadas ao Estado no artigo 149 da Constitución. Como é ridiculamente centralista deixar fóra destas troncais ás chamadas “linguas cooficiais” (tamén é o castelán cooficial nas comunidades con lingua propia), considerándoas como “de libre configuración autonómica” (“linguas de terceira”?), coa inseguridade xurídica que iso poderá supoñer para o seu estatus educativo. Como é “pintoresco” (hai outro eufemismo?) o sistema deseñado por Wert obrigando á Generalitat a pagar un centro privado a quen queira utilizar tamén (que non só) o castelán como lingua educativa vehicular en Cataluña. Unha vitoria do centralismo máis reseso.

Polo anunciado, no resto do proxecto da LOMCE mantense a medula da Lei Wert de sempre: a segregación temperá a partir de 3º de ESO; a penalización ao alumnado repetidor (un 40% dos de 15 anos, ao que se considera coma un gasto valorado por Wert en 2.500 millóns de euros); a liquidación do modelo de participación da comunidade escolar na xestión dos centros (creado pola LODE en 1985), que será substituída polas direccións ás ordes das autoridades educativas. Porén, sendo a elevada taxas de abandono temperá (co 24,5% duplica á da media europea, moi lonxe do compromiso de baixar do 10% recollido na Axenda 2020) a razón de ser desta reforma educativa (así foi presentada a Bruselas polo Goberno no “Plan Nacional de Reformas”), ademais de xustificación do seu cofinanciamento polo Fondo Social Europeo, estraña que Wert non fale apenas de medidas de apoio ao alumnado con maiores dificultades nin de medidas inclusivas de atención á diversidade. Como é decepcionante que no discurso pedagóxico da lei e na retórica mercadotecnócrata do ministro se substitúa a prioridade do desenvolvemento das competencias e capacidades de todo o alumnado (a cerna do modelo de educación comprensiva da LOXSE e da LOE, unha longa e custosa conquista social) pola da avaliación que “canaliza aos estudantes” en función “da súa diversidade de talentos” (eufemismos de segregación ou “selección natural”), como se facía no sistema educativo anterior á LOXSE. Ademais, a insistencia da LOMCE na centralización dun currículum xerarquizado polas materiais troncais e moi condicionado polos contidos das reválidas, fronte a minusvaloración das áreas de formación humanística, artística e tecnolóxica, afasta a educación non universitaria do seu indispensable papel no desenvolvemento integral das persoas e de formación cidadá. En definitiva, a retórica conservadora da Lei Wert liquida de raíz o ideal de equidade educativa, que non é outro que o de educar para a igualdade desde a diferencia.

A LOMCE abre un horizonte moi sombrío para o proxecto de escola pública como garante de igualdade e equidade educativa, á que se pretende transformar apenas en rede subsidiaria ou asistencial. Coa aprobación da LOMCE a escola pública retrocedería tres ou catro décadas. Iso é o que pretende Wert e o Partido Popular?

O galego ameazado pola LOMCE

No artigo da semana en Faro de Vigo analizo o segundo borrador da LOMCE, con particular atención ao que atinxe á modificación que introduce no estatus das linguas cooficiais distintas do castelán.

Como membro dunha xeración de profesorado comprometido coa renovacion pedagóxica e a normalización da lingua e cultura galegas sinto indignación pola deriva que o Partido Popular pretende imprimir na nova reforma do sistema educativo. Seguindo de pé a pa os principios do documento “La sociedad española ante la agenda de reformas”, presentado polo sociólogo José Ignacio Wert no Campus FAES de 2010, coa aprobación da Lei Orgánica de Mellora de Calidade da Educación (LOMCE) o goberno de Rajoy pretende desmontar o modelo de Escola Pública acuñado na LOXSE de 1990.

Neste texto, dispoñible en Internet co formato esquemático de presentación, Wert propón, entre outras reformas políticas económicas e sociais, a recentralización das administracións autonómicas e a recuperación dalgunhas competencias por parte do Estado, o desenvolvemento de políticas de “austeridade exemplarizante”, a baixa das prestacións de desemprego, así como a reforma da Educación “como a máis importante que a sociedade española deben afrontar” ao longo desta década.

Neste eido, lonxe de ser considerado un recén chegado, o actual ministro de Educación, Cultura e Deporte critica abertamente o concepto “abusivo de Comunidade Escolar”, base do modelo de organización escolar e participación da LOXSE, propoñendo “non deixar escapar unha crise tan boa” (boutade que lle rouba ao demócrata Rahm Emmanuel, actual alcalde de Chicago) para substituír no sistema educativo “o refluxo de aspiracións participativas en beneficio da restitución da autoridade e da esixencia”, así como un pulo cara “a recuperación do papel do Estado na xestión do sistema educativo”. Meu dito, meu feito. Medidas recollidas polo miúdo no segundo borrador da LOMCE, presentado na Conferencia de Educación, ás que engadíu un reforzamento do peso da Relixión, coa conseguinte desaparición da materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos (presente no primeiro borrador da lei como Educación Cívica Constitucional), así como no alongamento a seis anos dos concertos educativos, sen dúbida, froito da negociación de Wert coa Conferencia Episcopal.

Para pechar o círculo das súas reformas recentralizadoras, a última hora e de forma non exenta de sorpresa, Wert decidíu ir a por todas e modificar tamén o estatus das linguas cooficiais no sistema educativo non universitario, rachando de forma unilateral un consenso recollido tanto no texto constitucional como nos Estatutos de Autonomía catalán, vasco e galego. Coa consideración do castelán e da primeira lingua estranxeira como materias troncais en todas as etapas educativas obrigatorias (das que o alumnado será avaliado en  todas as reválidas) e o das outras linguas do Estado, como é o caso do galego, como materias de especialidade (da que habería a posibilidade de non ser examinado nas reválidas), pretende perpetrarse un golpe de morte ao estatuto de igualdade das linguas no sistema educativo. Máis alá do seu dubidoso encaixe constitucional, esta medida pretende rachar de raíz co eixo das políticas lingüísticas catalás e galegas baseadas na non segregación do alumnado en razón de lingua e no desenvolvemento para todos os alumnos e alumnas dunha dobre competencia semellante en ambas as linguas oficiais, imprescindible para asegurar a súa liberdade de elección.

Como sinala a plataforma Prolingua, de aprobarse este segundo borrador da LOMCE as agresións á lingua galega do Decreto de Plurilingüismo, enmendado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no que atinxe á “liberdade de elección de lingua” do alumnado e das súas familias, veríanse “bendicidas e legalizadas”, mesmo podendo quedar en papel mollado os contidos da Lei de Normalización Lingüística da que estamos a piques de celebrar o trinta aniversario da súa aprobación. De non modificarse a redacción de Wert, no noso sistema educativo o estatus da lingua galega –non o esquezamos, definida como “lingua propia” no Estatuto de Autonomía– quedaría en absoluta inferioridade con respecto tanto ao castelán como á primeira lingua estranxeira (o inglés, na maior parte dos casos), xa que non tería idéntico valor académico para a traxectoria do alumnado. Unha humillación a nosa lingua racionalmente inxustificable. Un brutal retroceso que nos levaría a tempos anteriores á aprobación da Constitución de 1978.

Diante desta ameaza de morte para o galego, o presidente da Xunta ten a obriga de defender o futuro do idioma de noso, a lingua de toda a cidadanía galega, tanto dos que a utilizan como dos que prefiren non facelo, o patrimonio da humanidade máis valioso que quedou ao noso coidado. Feijóo debe instar a que o goberno de Rajoy recupere a sensatez nunha cuestión fulcral para o futuro de Galicia e para a convivencia da súa cidadanía.