Listado de la etiqueta: estadio_das_antas

Onte 686: Debut nas Antas

O Celta de Luis Enrique non estivo só no seu debut no fermoso estadio das Antas, o pequeno Wembley do Douro. Máis dun milleiro de celtistas acompañámolo na pelexa cos dragóns no día da festa do seu cento vinte aniversario. Foi emocionante o minuto de silencio en homenaxe ás vítimas de Angrois, cunha grande bandeira galega no centro da lameira, transformado axiña nun longuísimo e intenso aplauso de solidariedade. O encontro foi un clásico amigable de pretempada no que chegaron a participar case unha vintena de xogadores de cada equipo. Luis Enrique aproveitou o enfrontamento cun equipazo Champions para probar dous esquemas. Na primeira parte o baseado en cinco defensas, con tres centrais e dous carrileiros; na segunda, unha defensa convencional de catro, incorporando un terceiro mediocentro máis ofensivo, para reforzar a Oubiña quen, en ambos os dous debuxos, funcionou coma eixo de distribución e equilibrio.

A pesar da derrota (o gol do Porto foi en clamoroso fóra de xogo), o Celta amosou cousas moi interesantes, xa que sabe a que quere xogar. Non importaba a rolda de trocos para manter sobre a lameira os debuxos da pizarra de Luis Enrique. Defensivamente demostrou intensidade e rigor, sobre todo na primeira parte cando os dragóns intentaban pechar aos nosos diante de Yoel. Tras o intervalo, coa incorporación de Rafinha na media e de Nolito na dianteira, foi o Celta quen pechou aos portuenses e mereceu o empate. Mágoa do pau nun remate de Nolito (moi asubiado pola bancada, lembrándolle a súa procedencia benfiquista) e do gol feito ao que a porta baleira non chegou David Rodríguez. Foi, tamén neste segundo período, cando Luis Enrique incorporou ás catro promesas do xuvenil (Goldar, Fernán, Borja Fernández e Yelko) e cando se produciu a formidable tangana, na que participaron os bancos de ambos os dous equipos, coa que rematou de forma abrupta o encontro.

Non podo agochar que non esperaba que tanto os dragóns como uns poucos dos seus seguidores fosen moito menos afoutos e cabaleirosos ca aqueloutros dragais galegos das novelas de Elena Gallego. Xa antes de entrar no estadio, cando procurabamos estacionamento (custounos ferro e fariña atopar un oco no barrio xardín das Antas), quedamos parvos cando atopamos un autobús celeste apedrado e con todos os cristais escachados. Como tampouco axudou a nosa tranquilidade vivir tan preto as cargas da policía sobre un grupo numeroso de supporters dos dragóns. Con todo, finalizado o partido, cando regresamos na procura do coche, parolamos devagariño con dous seareiros portuenses moi simpáticos, que moito nos agradeceron aquel memorable 7-0 ao Benfica do 25 de novembro de 1999, na terceira rolda da copa de UEFA, unha das súas maiores satisfaccións como seguidores do Porto, «deberémoslla sempre ao Celta», insistían saudosos. Así se escribe tamén a memoria do fútbol, con vitorias propias e derrotas alleas.