Listado de la etiqueta: enquisas_electorais

Onte 1134: Ética do público

A9Ree0-8501dAs enquisas publicadas onte sitúan a Podemos á cabeza da intención de voto nas próximas Xerais. A baixada dos partidos sistémicos estatais, cun derrube espectacular do PP, xunto co mantemento das expectativas dos nacionalistas, completan o taboleiro deste tsunami na política española. Non foi o desemprego por riba do 25 % nin a devaluación salarial nin a cuestión catalá a que pasa agora factura a Rajoy e alenta as posibilidades de Pablo Iglesias e o seu partido en formación. A corrupción é o factor decisivo da caída dos conservadores, máis tamén dos socialistas e de IU (ollo aos efectos que pode ter en Galicia sobre AGE), «partidos da casta» (na linguaxe de Podemos) aos que a cidadanía identifica como responsables principais das doenzas do sistema corrupto: o financiamento ilegal, o suborno, o cobro de comisións por obras e servizos adxudicados e, sobre todo, esas vidas a corpo de rei pagadas aos seus membros cos impostos dos cidadáns. No entorno desta catastrofe non abonda con pedir desculpas, como pretenden algúns responsables do PP de comunicación e mercadotecnia política. Mentres os abusos non sexan investigados xudicialmente e estes partidos sistémicos non acuñen unha nova ética do servizo público, un código que afecta tamén ao funcionariado e ao empresariado, moi dificilmente pode existir en España un discurso crible de rexeneración democrática. En Galicia, os partidos nacionalistas e da esquerda, se son capaces de forxar un discurso claro e sincero da ética do público e de reconstruír a súa unidade de acción, reforzada polas novas iniciativas e mareas cidadás, poden ter a gran oportunidade da que en España goza agora Poemos.

Onte 1111: Todos controlados

1_soraya_moncloa (1)Todos os xornais publicados en Madrid están controlados polo Goberno. Tras o cese de Pedrojota e o refinanciamento da débeda de Prisa, con mudanza de director de El País incluída, xa non hai perigos para o PP. Soraya Sáenz de Santamaría ocúpase da supervisión dos medios para que non se descontrolen no ano electoral. As tres consignas que comunica a vicepresidenta son coñecidas: a recuperación económica é un feito; España é o país que máis medra en Europa; e o Goberno fai un gran esforzo para mellorar as condicións de vida dos españois. Os recortes e penurias para evitar o rescate quedaron atrás. A enquisa superoptimista para o PSOE publicada por El País na fin de semana forma parte da estratexia, compartida por Cebrián e Saénz de Santamaría, de mobilizar ao electorado conservador, un elefante que necesita como revulsivo dun pequeno electroshock. A crise do Ébola podería complicar moito esta estratexia, mais xa vimos onte como se foi reorientando cara a identificar a responsabilidade da propia vítima no seu contaxio. Todos controlados.

Onte 395: Enquisas

As tres enquisas publicadas na fin de semana (CIS, LVG e ABC) coinciden en que o Partido Popular de Galicia manterá a súa maioría. Coa exepción do optimismo do xornal dirixido por Bieito Rubido, que lle proporciona a Feijoo unha maioría cómoda, semellante ás que adoitaba obter Manuel Fraga, parece que a esta altura da campaña o máis verosímil continúa sendo un resultado axustado. No entanto, entre as tres sondaxes hai diferenzas considerables sobre o resultado que poidan obter o PSdeG-PSOE e o BNG. Con todo o que ningunha discute é a aparición dunha cuarta forza, a Alternativa Galega de Esquerda de Beiras e IU, sen descartar a posibilidade que Compromiso por Galicia obteña representación na provincia de Ourense, o que abriría o Parlamento Galego a un maior pluralismo. Como semella tamén moi probable, a pesar dos esforzos dos medios centralistas, que nin Mario Conde nin Rosa Díez vaian a pintar un caravel na política galega. A campaña comezou esta fin de semana morna, con pouca participación nos actos electorais organizados polas candidaturas da oposición, polo menos nos que se celebraron en Vigo; un síntoma que corroboraría a existencia dunha feble pulsión de cambio. Quizais os debates bilaterais que comezan esta noite, onde se bota en falta un encontro Beiras-Feijoo, axuden a animar un proceso no que a inhibición electoral pode ser moi elevada e decisiva.