Está vendo o arquivo da categoría » en_marea

Onte 1750: Galicia conformista

bretemas —  26 de Setembro de 2016 — Deixa un comentario

Nas galegas de onte Feijoo volveu esmagar á esquerda co seu modelo da Galicia conformista. Ocupando o espazo de Ciudadanos e aproveitando a fondo a mobilización do corpo electoral (a participación aumentou nun 8,84% con respecto a 2012), Feijoo obtén o seu mellor resultado e presenta a súa candidatura a relevar a Mariano Rajoy.

Pola contra, a esquerda galega no seu conxunto non consegue incrementar os seus apoios (644.952) con respecto a hai catro anos, limitándose a intercambialos entres as súas tres opcións: En Marea gaña 70.590 con respecto aos que obtivo AGE en 2012; PSdeG-PSOE perde 43.032 e o BNG 27.045, cifras que expresan tanto este intercambio como a incapacidade das tres candidaturas que se presentaban como alternativa para entrar nas fronteiras do terreo conformista. Un mal resultado que cada unha das opcións veste o mellor que pode, En Marea salientando o seu sorpasiño fronte a un PSdeG-PSOE, dividido e enfeblecido polos liderados locais, sobre todo en Vigo e Ourense; e o BNG, fachendoso da súa remontada e de desmentir os prognósticos que lle agoiraban a perda do grupo parlamentario.

Con estes pobres resultados, a esquerda e o nacionalismo galego moito teñen que mudar para artellar unha alternativa para 2020 capaz de substituír á fortaleza do partido conformista. Xaora, o máis esperanzador é, canto menos, a remuda xeracional das tres candidaturas, o que suporá unha profunda renovación dos grupos parlamentarios e dos seus liderados. Nunha lexislatura que, previsiblemente, non rematará Feijoo, é imprescindible que dende o inicio a alternativa visualice os seus liderados e a súa proposta programática. O reto, pois, é substituír a dóce melancolía dos sempre derrotados polo entusiasmo dos que pretenden acuñar un tempo novo.

Onte 1745: Hai campaña!

bretemas —  13 de Setembro de 2016 — Deixa un comentario

Debate_12_09_2016

Despois do debate da noite de onte non hai dúbida que en Galicia hai alternativa para asumir o reto de reorientar a actual derrota do país. Pontón, Leiceaga e Villares, dende posicións e estilos oratorios moi distintos, amosaron que comparten tanto a decepción polas dúas lexislaturas de recortes e retrocesos de Feijoo, como, o que é máis importante, boa parte das medidas de reconstrución da nación galega e do seu autogoberno. A experiencia e a afouteza de Ana Pontón, o rigor económico de Xoaquín Leiceaga e o entusiasmo de Luís Villares conseguiron enredar a Feijoo que, como agardabamos, se defendeu embullando canto puido o plató.

Ben sei que as tres intervencións da esquerda foron moi desiguais, o que afectará dalgunha maneira as súas candidaturas. Creo que a magnífica participación de Pontón, a mellor das cinco participantes, dando coa agulla de marear de Feijoo, axudará ao BNG na súa remontada contra as profecías interesadas das enquisas. Como creo que á En Marea non lle axudou a inexperiencia parlamentaria de Luís Villares, aínda que poida ser compensada pola súa simpatía e teimosía en denunciar o caciquismo baltarista. Como lamento que os casos de corrupción do PSdeG-PSOE achantaron durante uns segundos a un excelente Leiceaga, xusto cando Feijoo estaba máis apoucado polos paos que recibía pola destrución dos discos duros do seu partido.

Xaora, o importante é que este debate conseguiu relanzar a tensión da campaña da esquerda galega que en liñas xerais se amosou unida e determida a artellar discursos alternativos ao conformista de Feijoo, un rival sempre temible e incansable. Mobilizar o voto progresista e galeguista apartidario pode ser a chave para unha vitoria da alternativa. Hai campaña!

Onte 1731: Luís Villares

bretemas —  6 de Agosto de 2016 — Deixa un comentario

Pareceume excelente a presentación que Luís Villares Naveira fixo onte da súa candidatura para ser o candidato de En Marea á Presidencia da Xunta. Máis alá da miña simpatía polo xurista lucense, a quen coñezo pola súa defensa rigorosa e intelixente do estatuto xurídico da lingua galega, as súas primeiras palabras parecéronme esperanzadoras, sobre todo pola firmeza, claridade e inclusividade que expresaban. Un discurso e unhas formas que, por ventura, o sitúan xa moi por riba dun proceso un pouco chafalleiriño, xestado tras a compoñenda entre as direccións dos partidos de AGE, Podemos e as mareas municipalistas de Xulio Ferreiro. Admiro, ademais, a determinación do candidato para abandonar as comodidades da súa condición de maxistrado galeguista e enzoufarse na lameira da política da esquerda galega sometida ás penalidades da precariedade das organizacións e do seu seitarismo.

Xaora, a candidatura de Luís Villares, que non dubido será apoiada de forma abrumadora nas primarias de En Marea, como tamén pola dirección nacional de Podemos de Pablo Iglesias, abre aínda un pouco máis a fenda entre as diversas opcións de nacionalistas e galeguistas. Unha división inxustificable en catro candidaturas que confunde ao electorado progresista e que moito celebra Feijoo dándose xa por gañador «por incomparecencia» da oposición. Un disparate da actual esquerda galega que agardamos comece a ter arranxo a partir da mesma noite da celebración do 25S.

Sei que non é doado construír un espazo común, sei que é un proceso de experimentación, onde hai moitos ires e vires, que, con certeza, precisa de novas protagonistas e de estratexias aínda nunca ensaiadas. Sei que é difícil atopar a saída para abandonar o confomismo cainita da esquerda galega, razón pola que quen se compromete a intentalo con honestidade e afouteza merece todo o meu respecto e consideración.

Xerais_2016

Non foi doado encaixar na mesma xornada a emoción que vivimos ao mediodía na homenaxe a Camilo Nogueira en Trasalba e a decepción que sofrimos á noite tras os resultados das Xerais. A pesar do teimundo optimismo da vontade, que aprendimos do Camilo, onte custounos moito atopar unha fenda para a esperanza, tras unha clara vitoria en Galicia do partido de Feijoo, que fixo retroceder a En Marea á terceira posición e deixou ao BNG na máis dolorosa irrelevancia.

Unha noite decepcionante para a esquerda que, con todo, non pecha todas as posibilidades de alternativa nas vindeiras autonómicas. Revisando os resultados é moi probable que boa parte dos 92.516 votos que perderon En Marea e o BNG, con respecto á convocatoria do pasado decembro, fosen directamente para a abstención, o que facilitou que o PP rañase de xeito ben arteiro á En Marea unha acta en Ourense (por apenas 1.633 votos) e outra ao C’s na Coruña.

Superar a fronteira dos 400.000 votos nas Autonómicas debería ser o obxectivo polo que a partir de aogra traballasen En Marea e o BNG para artellar, xunto co PSOE de Leiceaga, unha alternativa que defendese a existencia de Galicia como suxeito político. Para acadar esa nova maioría é imprescindible volver activar ese electorado galeguista e progresista que onte, aborrecido e decepcionado, procurou o acougo na abstención. Non é imposible artellar unha proposta programática e organizativa atractiva e audaz para a maioría social.

13tv-16-01-2016

Coñecimos onte as primeiras enquisas para as Autonómicas deste ano. Para 13tv, a canle da Igrexa, o PPdeG perderá a maioría absoluta e sufrirá un severo retroceso ( 37 % dos votos e 32 escanos), precisando para gobernar das actas de Ciudadanos (9 % e 6 escanos), un partido que se estrearía no Hórreo a pesar de non contar en Galicia con organización ou liderado identificables. Como tamén resulta significativa na enquisa a desaparición do BNG, consolidando o seu pésimo resultado das Xerais, mentres que En Marea (25 % e 20 escanos) daria o sorpasso na cámara sobre o PSdeG-PSOE (21 % e 17 escanos). En todo caso, esta primeira sondaxe presenta un escenario aberto e un posible resultado axustado, onde se enxerga a posibilidade dunha alternativa de esquerda aos gobernos de Feijoo. Xaora, para o resultado das Autonómicas será determinante o que suceda finalmente coa formación do novo Goberno ou coa posibilidade dunha nova convocatoria electoral a comezos da primavera. Onte Feijoo amosábase no Faro dubidoso, xa que semella non chistarlle moito a evolución da política galega onde se consolida En Marea e emerxe Ciudadanos.