Listado de la etiqueta: dores_tembrás

Onte 1683: Diálogo dos poetas Rafael Cadenas e Anxo Angueira

angueira_cadenas_24-05-2016 (2)

Acompañei a Anxo Angueira no diálogo que mantivemos onte en Vigo co poeta venezolano Rafael Cadenas. Tras a recollida do Premio Internacional de poesía Federico García Lorca, outorgado polo concello de Granada, o autor do mítico poema “Derrota” (1963), unha das grandes voces da poesía española das seis últimas décadas, dialoga cos poetas galegos nunha xira organizada por A Fundación.

Comezamos a conversa falando da vixencia de “Derrota”, un poema que Cadenas definiu como “moi confesional e circunstancial, xa que tiña que ver tanto cunha situación persoal moi difícil, unha depresión, e cunha situación política moi concreta, a da derrota do movemento guerrilleiro, co que hoxe estou en absoluto desacordo”. “Non coindido co poema hoxe nin o poema coincide comigo”. A seguir Angueira e Cadenas falaron da importancia das palabras e do idioma como materia prima do poema. “As palabras recobran o seu valor no poema”, sinalou o galego, ao que engadiu Cadenas que “as palabras precisan tamén do necesario silencio para sosterse”. Angueira salientou que na obra de Rafael Cadenas percibía “unha rectitude nova, unha limpeza no uso das palabras”.

Cadenas e Angueira coincidiron no litixio existente entre a realidade e a realidade poética, un conflito que para o poeta venezolano ten que dirimir o lector, “é imprescindible contar coa súa participación e coa súa experiencia, o lector completa o poema, o lector ten que ser dalgún xeito tamén poeta”. Angueira lembrou o poema de Luis Pimentel, “a poesía é o gran milagre do mundo” para salientar o papel da función poética, o que completou Cadenas sinalando que “somos indispensables para que haxa mundo, sen sentidos, sen percepción non hai mundo posible”. Tirando dese fío Anxo Angueira citou (e recitou con emoción)  a cantiga de Mendinho, capaz de crear unha literatura, a galega, o que supuxo unha descuberta para o noso convidado.

Rematou a conversa, na que Cadenas mesturou a lectura de poemas dos seus dous últimos libros, Sobre abierto (2012) e En torno a Basho y otros asuntos (2016), publicados ambos os dous por Pre-textos, falando sobre as relacións entre a poesía e a filosofía e sobre os aforismos ou “dichos” presentes en toda a obra do poeta venezolano. Cadenas confesou que “concibía moitos dos seus poemas e dos seus aforismos como recados para o poder”, “non me gusta utilizar a palabra ‘mensaxe’ en poesía, prefiro ‘recado’, xa que a elección da palabra precisa ten que ser un empeño do poeta”. Referiuse Cadenas, por último, a relación entre pensadores e poetas, como Goethe con Spinoza ou Dante con Tomás de Aquino, “detrás de cada poeta hai un pensador”. O ciclo de Cadenas en Galicia seguirá hoxe na Coruña, en diálogo co xornalista e escritor Luís Pousa e a poeta e editora Dores Tembrás,

Onte 692: Conversa de Dores Tembrás e Berta Dávila sobre «Raíz da fenda»

Na terceira xornada na Feira do Libro da Coruña, tras a presentación de Cancela aberta e de Aquel neno, os dous libros máis recentes de Xosé Neira Vilas, desenvolveuse a conversa interesantísima entre as poetas Dores Tembrás e Berta Dávila arredor de Raíz da fenda, o poemario coa que a segunda gañou a XV edición do premio Johán Carballeira do concello de Bueu. Un serán magnífico, no que na carpa coruñesa se visualizou a continuidade imparable do relato literario galego.

Antes de iniciar a conversa, Dores Tembras fixo un discurso contextualizador. Confesou que compartía con Berta «o amor por Valente e Pizarnik». Parabenizou despois a Xerais por incluír Raíz da fenda na súa recomendación de lecturas do vindeiro curso para Secundaria. Lembrou que «Berta Dávila é unha escritora que publicou moi nova. Gañou o Minerva. É unha autora premiada, mais nunca deixou de traballar coa palabra, iso para min é o máis importante.» Revelou que hai dous anos Berta lle enviara un inédito, a versión inicial de desta Raíz da fenda, para que realizase unha lectura de confianza e que ela, despois de facelo, lle escribirá un correo do que leu algunhas frases: «Poemas brillantes, magníficos. É un poemario fresco, con moita verdade detrás. Gustoume, tiven que lelo seguido sen parar.» Ocupouse despois Tembrás de comentar o poemario actual, o premiado no Johán Carballeira e editado por Xerais: «Son 103 poemas, organizados en cinco fisuras que constitúen un itinerario de raíces. Aquí cada poema ten latitude e lonxitude.» Gabou a estrutura do poemario e o esforzo por «escoller o poema como vinganza, sílaba a sílaba» e pola «severidade e disciplina da autora na medida da palabra exacta, xa que así se borda o encaixe da derrota.»

Na súa primeira intervención Berta Dávila agradeceu a lectura de Dores Tembrás. «Dores foi unha das lectoras primeiras. É importante confiar en algúen que se atreve a facer unha lectura honesta.» Referiuse despois as relacións que para ela existen entre o origami e a poesía presentes no libro, mesmo dende a súa imaxe de portada. «Na construción do paxariño as dobrezas e as normas son as mesmas que se deben respectar na construción do verso, sen trampas, sen cortes, sen pegamento.» «Acredito na lenda xaponesa que aventura que cando construímos un milleiro de origamis se cumprirán os nosos desexos. Construín un origami para cada un dos mil versos do libro. O verso é o que evoca o silencio.»

Dores Tembrás iniciou a conversa abordando a cuestión da estrutura. «Daquel inédito de Berta que lera hai dous anos ao editado hai un grande salto, unha procura voraz da exactitude, sei que a aparición de cada un dos textos non é casual, gostaría que falases de como decidiches esa escolla.» Berta Dávila contestou que cando subira o vídeo no que presenta como tiña pendurados os poemas con esparadrapo no corredor da súa casa explicara os criterios utilizados, unha escolla poema a poema, na que diferenciaba entre os poemas que quedaban e aqueloutros que naufragaban, «meditei moito a estrutura do libro, algo non que non traballara nos anteriores.»

Para Dores Tembrás «este interese pola estrutura é unha proba de madurez poética. Berta Dávila é unha poeta que sabe renunciar, consciente das limitacións dos textos que non estaban á altura da calidade do libro que quería. É unha autora que mide, que pesa moito os textos que deben estar. Este é un libro que amosa a unha Berta Dávila consciente do acto poético, do que quere dicir e de como quere facelo. Raíz da fenda é un gran libro, para demorarse, cheo de arestas, pero moi controladas. Un libro que fire elegantemente, que desarma. Hai unha vontade severa, pero emocionante ao final.» A este teor, Berta sinalou que o feito de que nas dúas primeiras partes non houbese adxectivos foi coa intención de «distanciarse da ferida, o tipo de texto que a min me chega, un intento, tamén, de seleccionar as palabras cunha distancia irónica.» Recollendo ese fío, Dores Tembras sinalou que «no libro hai unha certa asepse á hora de enfrontar o verso, non só o poema. Con este procedemento Berta é capaz de multiplicar a ferida, ofrenda as feridas con inocencia, e como lectoras enmudecemos e aplaudimos á poeta.» Antes de ler un poema, á proposta de comentar as citas que aparecen no texto, Berta confesou que o libro debería titularse como aqueloutro de Antonio Gamoneda Arden las pérdidas.

Onte 328: Novela da vida

Empezou forte a Feira do Libro da Coruña. Ao mediodía na inauguración xa foi magnífico o pregón de Cesáreo Sánchez iglesias defendendo a Coruña literaria e o carácter variable do seu verán atlántico. Pola tarde comezou o bulir de milleiros de visitantes e durante o serán os primeiros actos literarios desbordaron o aforo da carpa, tanto a presentación do Peizoque Roque de Dores Tembras e Xosé Tomás de Galaxia como a lectura de Manuel Rivas preparada por Xerais. Non agocho o meu entusiasmo polo novo éxito da convocatoria de Rivas. Ao longo de cincuenta minutos, o autor d’ Os libros arden mal leu catro pezas de diversos xéneros: «O misterio de Uz», un dos relatos inéditos d’ O máis estraño; o segundo capítulo de Todo é silencio, o protagonizado por Lucho Malpica, o pai de Fins, xa un clásico nestas lecturas; e dous relatos d’ As voces baixas, o libro que aparecerá en outubro, «O mestre e o boxeador» e «A guerra, a vaca e o primeiro avión» (publicado por Xerais en separata como avance editorial e agasallado a todos os participantes na lectura). Rivas comezou definindo As voces baixas como «a novela da vida entre o primeiro medo e o primeiro amor». «Un libro escrito entre o eu e o nós, que fala do presente no pasado recordado. Un libro da memoria, un libro de murmurios. Cando se abre a boca da literatura na xente corrente a memoria maniféstase como murmurios, como interferencias, como deconstrucións do tempo pasado.» Rivas insistiu nesta idea literaria, tamén un dos temas centrais do seu discurso de ingreso na RAG: «A boca da literatura adoita estar na das persoas de mesteres humildes; hai que estar á espreita dos murmurios da vida, no momento que se manifestan como linguaxes. A memoria non é un arquivo intacto, ten que sincronizarse cos latexos que nos moven, con esa dínamo que pon en marcha as pulsións. A memoria é esa viaxe que leveda, existe cando somos capaces de activala». Tras a lectura, comezou a sesión de asinaturas, que se prolongou até o peche da xornada. Alí tivemos a oportunidade de coñecer a Klara, unha rapaza da República Checa participante no curso de galego para estranxeiros que estes días se imparte nas aulas da Universidade da Coruña. Os dous Manolos quedamos engaiolados coa súa fala fluidísima e polo entusiasmo e coñecemento co que defendía a lingua galega. Este murmurio que veu de lonxe encheunos de esperanza.